www.galiciasuroeste.info

  

BARRIO  DA  GUÍA (Ribadavila)

ATA   1965

anterior           portada

Por Agustín Ferreira Lorenzo

agfelo@terra.es

Poderiamos dicir que o barrio da Guía foi particularmente propenso, casualidades da vida, a ter policías municipais. Así, entre as décadas corenta e finais dos sesenta, sabemos que, polo menos, no barrio houbo seis policías locais: o primeiro do que temos referencia foi o tío Paulino, que vivía no terceiro Transversal Solanas, a quen non chegamos coñecer. Si coñecemos aos seguintes: Juanito Español que vivía na rúa San Bernardo; Arsenio o da tenda, na rúa Calvario; José “O Porteirotamén na rúa Calvario, este tiña como función principal a de porteiro da Casa Consistorial realizando funcións semellantes a dun bedel; Manuel González Otero na rúa Puerto Rico, fronte a prazoleta de San Bernardo e Manuel O Gina  na Praza da Guía.

Arsenio Ferreira Vicente, (Arsenio o da tenda, para distinguilo do outro Arsenio o da carro, que vivía pouco máis arriba), foi garda municipal. No ano 1959 deixaría este traballo para dedicarse á tenda que rexentaba ata ese momento a súa muller, Fina  a Taboleta.

Manuel González Otero, outro dos gardas municipais que residía no barrio da Guía. (Foto cedida por José Manuel Martínez Peniza).

Entre esas “pequenas grandes cousas” que un vai gardando dende cativo, aínda conservo este simple botón coas iniciais PM da policía municipal da Guarda. Pertenceu a un dos uniformes do meu pai (Arsenio Ferreira), así que esta reliquia xa ten, polo menos, 50 anos.

Sancristáns no barrio tamén houbo uns poucos. Do primeiro que temos información é de Florindo, que vivía na casa que fae esquina entre o adro da Igrexa e a rúa Vicenta Cachada, casa que ten un escudo na fachada. Entre a rapazada e xuventude do barrio era famosa a súa expresión “taira, titiritaila”, que pronunciaba ao mesmo tempo que pegaba cos dedos nas paredes cando alguén de confianza pasaba ao seu carón e o chamaba. Outro dos sacristáns foi Manolo, casado con Lina “a Morganiza” que tamén foi zapateiro. Pedrito o Coxo”, fillo da Reinita e de Juan, o Peixe Frito. Antonio Aráiz, casado con Carmen, cunha cuñada de Marcial “o das radios” e finalmente, Juan “O Piñeiro”, xenro de Alfonso “o Canexa”.

Antonio Aráiz Yabar, foi un dos sancristáns que houbo no barrio. Casou con Carmen Martínez, cuñada de Marcial o das televisións. Viviu na rúa San Bernardo. (foto cedida por Joaquín Aráiz Martínez).

Pedro Barbosa, foi, durante moitos anos  sancristán na Igrexa parroquial da Guarda. Antes traballou con Eloyxastre

Manolo, xa finado, desempeñou o oficio de zapateiro e foi un dos sancristáns que viviu en Ribadavila. Casou con Lina a Morganiza

Á esquerda Juan o Piñeiro, que foi sancristán; no centro Toniño o da tía Amparo e tío Casimiro, á dereita María, filla de Alfonso O Canexa, e de Consuelo, muller de Juan e curmá de Toniño

Manuel Lorenzo, “O Taboleta”, que vivía na rúa San Bernardo, nunha casa situada entre a carpintería de Junío e a vivenda de Domingo Vieira Carballo, “o Coira”, foi home que desempeñou varias actividades  sendo tamén sancristán na capela do monte Santa Trega, fogueteiro das festas (os foguetes gardábaos na casa do Coira, antes de que este fose vivir nela),  vixiante nos fielatos e, na festividade de San Bieito, persoa que cantaba as puxas, como tamén cantaba as puxas na Virxe da Guía.

Fotografía de Manuel Lorenzo, O Taboleta, quen, durante moitos anos cantou as puxas da festa da Guía e levaba a cabo labores de sancristán na capela do Monte Santa Trega. Avó do autor destes escritos

Antonio Sobrino, fillo da tía Leonor, xa citada anteriormente, e do tío Benigno, Toniño da imprenta, nome co que era coñecido e que lle quedou por traballar durante moitos anos na imprenta Guardesa, propiedade de Mariano Martínez, cando deixou de traballar na mesma  pasou á fábrica de gasosas Santa Tecla. Lembramos tamén a Toniño cantando as puxas no día grande das festas da Virxe da Guía.

Non había moitos homes que levaran o bigotiño tan recortado como o que lucía Antonio Sobrino, o cal caracterizaba a súa figura. Na nosa lembranza parece que aínda o esteamos a ver co seu andar un tanto rápido, nervioso e sempre ben traxeado.

    Naqueles anos os barrendeiros tiñan como ferramentas principais tres utensilios: o escobón, que facían eles mesmos coas polas de xilbarbeira, para o que ían buscalas ao monte; unha pá e a carretilla, esta de madeira, pesada e bastante grande, para que tivera capacidade suficiente de carga. Xa de mañanciña, oíase o chirriar da roda.

            No barrio, coñecín a tres barrendeiros, que ademais, todos eles, eran clientes da tenda do meu pai, polo que os tratei bastante: Alfonso, “O Canexa”, que era o máis corpulento dos tres, casado con Consuelo, vivía na rúa Calvario, a carón da panadería do tío Casimiro, de quen era cuñado. Era dos que tomaban un chato de xerez ou unha copiña de augardente pouco antes de iniciar o traballo percorrendo as rúas. Supoño que, sobre todo a augardente, axudaríalle no inverno a soportar as xélidas mañás, pois nin os medios nin os materias que había eran os de hoxe. Manuel Adrover, “O Chapandá, casado con Maruja, que vivía na rúa Largo e que presentaba unha minusvalía que, iso sí, non lle impedía desempeñar o seu oficio; e Rafael “o Pintanexo”, ao que lle chamaban tamén Fael “o Totó”, por tatexar, casado con Luz, vendedora de rosquillas, que vivía na rúa Puerto Rico, case que enfronte da baixada á praia da Area Grande. Do Totó, co que tiñamos moita confianza, podo contar que cando eu era cativo, el me axudou, ou mellor dito, me ensinou a tartamudear (non sei como o fixo) pero teño un recordo dese feito e, claro, traballo lles custou aos meus pais para que volvese a falar naturalmente.

Luz, que era vendedora de rosquillas nas festas e na porta do cine,  Rafael Lomba (o Pintanexo ou Totó), e os catro fillos: Rafael,  Hermelindo, Leocricia e Elena.

Simpática fotografía na que podemos ver a Alfonso “o Canexa” xunto a súa muller Consuelo e un dos netos. (Fotografía cedida por Antonio Pereira).

Estes nove amigos, a maioría deles do barrio, están tomando o café na Cafetería Capri, que estaba situada na rúa Puerto Rico. Aí recalaron logo de ter unha lampreada na tenda da Reinita. De esquerda á dereita: Jesús “ o Barreras”; Luis Núñez, “o Quirrán”; Juan “o Peseto”; “O Tuta”; Toniño da tía Amparo (ou do tío Casimiro); Manolo “o Chapandá”; “o Croa”; “o Xirico” e Pedro “o Sancristán”.  (En negriña os que son do barrio da Guía).

A carón da vivenda de Rafael “o Pintanexo”, atopábase unha casiña  de planta baixa, moi modesta, onde vivía o popular Gumersindo Salinas, máis coñecido polo seu primeiro apelido, Salinas, persoa ilustrada e guía que foi no Monte Trega durante tres décadas. Este home viuse obrigado a abandonar o exército de tal xeito que, a súa vida foi de moitas carencias pero, aínda así, culturalmente moi rica. Salinas vivía modestamente, xunto a súa muller María Picón Vázquez e os tres fillos do matrimonio: Javier, Gumersindo e Digna. En Reis, Salinas vestía de galega a súa filla e os dous saían polas rúas  para gañar unhas “perras", mentres el tocaba a pandeireta a nena bailaba. Ao lado da vivenda de Salinas estaba a ferrería e fragua de Jesús Lópezo Ferreiro”. Nos anos sesenta era o único establecemento deste tipo que no barrio. Aínda recordo como, xa de mañanciña cedo, soaban os golpes de martelo sobre o iunque. Alí facíanse bisagras para as portas; pesados e fortes machados; ferraduras para os cabalos; e unha morea de útiles máis. Ata alí achegábanse os cabalos para seren ferrados, cousa que tamén facía “o Ferreiro”, e así lembramos ver os cabalos no portal de acceso ao local, atados nunha argola que había na parede. A fragua tiña un cheiro característico, especial, producido polo lume, polo ferro candente que se metía en auga e deixaba escapar aquel son como de ¡¡fissssssssss!! Ao mesmo tempo que desprendía fume (vapor de auga que deixaba aos rapaces abraiados).

1/ Casa das Saúlas, hoxe taller e venta de coches Ford; 2/ Casa de Rafael “o Pintanexo”; 3/ Vivenda de Salinas; 4/ Fragua e ferrería de Jesús “o Ferreiro”

Jesús “o Ferreiro”, coa súa inseparable pipa. Os nenos da Guía achegabamos moitas veces pola fragua para ver os ferros candentes. (Foto cedida por J.A. Uris Guisantes)

Aínda que a Guía non era un barrio mariñeiro, nel vivían moitos homes que traballan no oficio do mar. Sería longo citalos a todos e, practicamente, tarefa imposible, pero lembraremos algúns deles que nos veñen á memoria nestes intres: Antonio Pena, máis coñecido por Tonio “o Uxa” e os seus fillos Tin e Tonio, que vivían a carón da Fonte dos Campos, logo de casar pasaron a vivir, o primeiro, na Baixada á praia da Area Grande e o segundo na rúa M. R. Sinde; Luis “o Melé”, que viviu nunha casiña moi preto de onde reside actualmente, na rúa Rosal, na casa que foi da familia do Costiña;  o home da Morganiza, Juan Pacheco Guimaré, “o Mascato”, e os seus fillos Luis, Tonio e Pepe, que de solteiros viviron na rúa Largo, na vivenda que hoxe é do contratista Valentín Llamera. Como Juan “o Mascato”, dedicábase tamén a coller polbos e a súa muller andaba ó argazo, había un dito que dicía: para polbos o Mascato e para argazo a Morganiza; e outro máis, en alusión ao bos bailadores que era "Para cantar, os Latos, e para bailar, os Mascatos"; Bernardo,“o Sol de Cádiz” que vivía no entronque das rúas Baixada á Laxe Grande e primeiro transversal Solanas; Florencio, Lencho, que viviu moitos anos na rúa Calvario, fronte a onde hoxe está a Academia Ferreira “a dos Arsenios” e o local de ANABAM;“o Croa”, vivía no terceiro transversal Solanas; Manuel González Domínguez, home de María “a Combeta” con casa na Laxe Grande; Bernardo “O Parrulo”, na baixada á Laxe Grande; O Pieiro, persoa de fóra da Guarda, que alá pola década dos sesenta veo vivir ao barrio, a súa casa estaba a carón da de Bernardo, na citada baixada á Laxe Grande; “o Traste”, na Prazoleta de Santo Tomás;  Jesús “o Barreras, tamén na prazoleta de Santo Tomás; “o Pinicheiro”; “o Cañarte, que vivía na rúa Largo; Tonio “o Jaxo”, na baixada á Laxe Grande;  Francisco “o Fuerza Viva”, que vivía no terceiro transversal Solanas...

           Por suposto que estaremos encantados de aumentar o número de nomes a medida que teñamos coñecemento dos mesmos ou nos veñan á memoria.

Manolo, home de María “a Combeta”, vivía na Laxe Grande. (Foto cedida por Samuel González)

O Pinicheiro, home bonachón, regordete alegre. Así o recordo de cando viña pola tenda de Arsenio a tomar “o medio” e xogar ó rento.

Os cinco irmáns da familia Mascato-Morganiza e a súa nai. De esquerda á dereita: Tonio “o Toural”; Juan; Pepe “o Mascato”, a tía Concha “ a Morganiza”; Luis “o Mascato” e Lina, muller de Manolo “o sancristán”. (Foto cedida por Lina).

 Continuará...

Correo electrónico: agfelo@terra.es

anterior           portada