Uns mobles

feitos por

 

FLORINDO  RODRÍGUEZ ÁLVAREZ

(Florindo da Eléctrica)

por Agustín Ferreira Lorenzo

    

 

    Taller de carpintería-ebanistería no que hoxe é a farmacia Barbi, na rúa Vicente Sobrino. Os tres primeiros comezando pola esquerda son: Valentín Puga; José Blanco e Florindo Rodríguez. (Fotografía facilitada por Teresa Rodríguez, filla de Florindo Rodríguez).

 

       Co ánimo de aportar novos datos aos artigos publicados por J. Antonio Uris na páxina web “www.galiciasuroeste.info” sobre Florindo Rodríguez Álvarez, traemos aquí algúns datos que van permitir coñecer un pouco máis a este activo empresario guardés, tanto no relacionado coa súa persoa como co seu traballo de ebanista.

 

             Florindo naceu ás seis da mañá do día 7 de decembro de 1886 na rúa da Concepción, da Guarda. Era fillo de José Benito Rodríguez e de Josefa Álvarez, ámbolos dous de profesión xornaleiros. Os seus avós paternos foron Antonio Rodríguez e Herminia Cividanes e, por parte materna, Francisco Álvarez e Rosenda Vicente, todos eles naturais da Guarda. A inscrición no rexistro civil realizouna, diante do xuíz municipal Isidoro González Méndez e do Secretario suplente Juan Antonio Pacheco, o seu tío Roque Cividanes Portela, de profesión panadeiro, de 57 anos de idade. Florindo morreu, xa viúvo, o 24 de marzo de 1982 ás catro da tarde, contaba, pois,  96 anos. A causa, segundo reza a súa partida de defunción, foi neumonía e tamén uremia, sendo soterrado no cemiterio guardés ao día seguinte.

 

 

Juan Noya, histórico republicano guardés, autor do libro “Fuxidos”, traballou no taller de Florindo. (Foto: Agustín Ferreira)

 

            Aínda que ao longo da súa vida foi un activo empresario que rexentou varios negocios, aquí imos achegarnos á súa faceta de ebanista, a través dalgúns mobles que son propiedade do autor deste artigo, fabricados por el e/ou polos seus operarios. A empresa creada por Florindo era unha sociedade en comandita (S. C., é aquela na que os socios poñen capital ou capital e traballo). Entre os operarios que traballaron  na empresa podemos citar a Juan Noya (histórico e coñecido republicano guardés); aos irmáns  Delfín e Emilio Lorenzo Cividanes (da familia Taboletas), ao tío Ricardo (home da tía Lola “a Zampana”), e a Jesús González.  O taller de carpintería de Florindo estivo inicialmente no que hoxe é a Farmacia Barbi, pasando posteriormente a unha nave detrás da eléctrica, esta última situada fronte á Alameda, esquina rúa Brasil, derrubada no ano 2006  para construír no seu lugar un novo edificio. A entrada á carpintería facíase pola mencionada rúa Brasil. Precisamente este lugar continúa a ser coñecido, entre a xente de certa idade, polo nome “da eléctrica” aínda que, dado que xa non queda rastro da mesma, este topónimo non tardará en desaparecer.

 

  

 

Arsenio o da tenda e Fina (Taboleta), mercaran de segunda man o xogo de habitación fabricado pola empresa de Florindo Rodríguez

 

            Sinalemos que a moblería exposta neste traballo foi adquirida de segunda man por Arsenio (o da tenda ou o municipal) e a súa muller Fina (a Taboleta) nos primeiros anos da década dos sesenta do século pasado aos herdeiros de dona Antonina*. Esta, que era natural de Goián, falecera repentinamente a finais da década dos cincuenta. Os seus herdeiros, que estaban fóra da Guarda, tiñan previsto vender a vivenda e, por suposto, os mobles. A casa de dona Antonina era a que fai esquina (man dereita) coa subida ao Castillo, partindo da rúa Puerto Rico, fronte á antiga escola M. Rodríguez Sinde. Era habitual nalgunhas familias da localidade que exerceran de caseiros de certas familias guardesas que, por diversas circunstancias, non estaban a vivir aquí. Estas familias achegábanse a súa vila natal en determinados períodos, sobre todo no verán, polo que, os caseiros, ocupábanse do mantemento das vivendas. Os caseiros e os propietarios frecuentemente quedaban unidos por fortes lazos de amizade, moi profundos, case que familiares. Entre os labores que desempeñaban os caseiros estaban o de ventilar de cando en vez a vivenda; mantela en perfecto estado (limpándoa, arranxando o xardín...) e, sobre todo, téndoa en condicións axeitadas para cando viñeran os seus propietarios, habitualmente xente acomodada e dun escalafón social medio alto. Temos que dicir tamén, que por realizar estes labores a maioría das persoas non recibían paga algunha, a non ser que estiveran contratadas, cousa que sucedía en moi contadas ocasións. Os caseiros facían isto pola amizade que lles unía aos propietarios (chamados coloquialmente, dependendo do lugar de residencia, como os americanos; os madrileños, etc) considerados en xeral como “ricos”, pois, o que máis ou o que menos, fixera fortuna no exterior ou tiñan unha boa posición social,  polo que era un orgullo e unha satisfacción sentirse próximos aos mesmos.

 

 

Félix O Casqueiro e Nati (Taboleta), moi vinculados á familia de dona Antonina. Eles foron os intermediarios para que Arsenio e Fina adquirisen os mobles. Ademais, Félix, que era un “mañolas”, axudou a montalos de novo.

  

             Félix O Casqueiro e Nati (a Taboleta) caseiros de dona Antonina, coñecendo que os herdeiros desta, que estaban fóra da vila guardesa, desexaban vender algúns mobles —anos máis tarde venderían o edificio—, falaron con Arsenio (o da tenda) e Fina (a Taboleta, cuñados e irmá, respectivamente, da próxima venda dos mobles, por si lles interesaba facerse con algúns. Seguramente estaban ben de prezo e eran –son– de excelente cualidade. Os que había na casa de Arsenio e Fina eran escasos e máis ben, ruíns, así que, por primeira vez, tiñan intención de ter polo menos unha habitación en condicións. Ademais facía poucos anos que a casa-tenda (adquirida a Pepe o Cerepe e que se conservaba practicamente igoal que cando a mercaran, alá polos anos corenta) sufrira unha grande reforma cambiando o interior de madeira por placa, mosaico, novas dependencias, etc., polo que, tras pecharse o trato de compra, un xogo completo de habitación de matrimonio mudou de domicilio, pasando da rúa Puerto Rico á do Calvario e dunha casa indiana, señorial, a unha vivenda modesta e de moito axetreo.

 

Estado actual da antiga casa de dona Antonina, na estrada Puerto Rico.

Á esquerda, subida ao castelo de Santa Cruz. Lamentablemente, a fachada está bastante cambiada con respecto á orixinal

 

Cadanseu moble ten unha placa metálica co nome de Florindo Rodríguez, S. en C.

 

       Tal e como podemos ler nas plaquiñas que cada moble posúe, estes foron feitos na empresa do ebanista e empresario guardés Florindo Rodríguez. O xogo de habitación matrimonial, está formado por armario de tres portas (a central con espello exterior); cama; dúas mesiñas de noite; coqueta, e dúas cadeiras de brazos. Ao parecer estes mobles están construídos por dous tipos de madeira: cerdeira e posiblemente castaño. O estilo, como se pode apreciar nas fotografías, é clásico, onde ademais da fermosa feitura, destacan rechamantes adornos metálicos con diversos motivos.

 

            Florindo traballaba con madeiras nobres, ademais de cerdeira e castaño tamén chegaba ao seu taller a caoba. Posiblemente os mobles dos que aquí se fala non se fixeran na carpintería anexa a eléctrica, senón no primeiro taller que tivo antes desta e que, como xa dixemos anteriormente, estaba onde hoxe se atopa a farmacia Barbi. Un dos empregados, que ademais era xefe de carpintería, era un portugués chamado José Parente.

Coqueta con espello frontal de tres follas, as dúas laterais abatibles, con detalles metálicos no remate central superior do espello intermedio, nos tiradoiros dos caixóns e nos ángulos inferiores da zona central.

       A moblería adquirida aos familiares de Dona Antonina (1) non cabe dúbida algunha, estaba feita para ocupar unha habitación de grande superficie, no que o espazo non resultase un problema para situar cada peza onde lle correspondese. Nunha habitación ampla, cada moble luciría con esplendor propio. Nas casas indianas, como era a de dona Antonina, habitacións grandes non faltaban, pero dificilmente este tipo de mobiliario podía encaixar nunha vivenda corrente como a de Arsenio, que de señorial non tiña nada (podemos dicir non ten, pois aínda segue a estar como entón), así que na habitación do matrimonio (arredor duns 14 metros cadrados)  a onde se destinaron os mobles, o espazo dispoñible era o xusto para permitir desprazarse pola mesma, o que daba certa sensación de agobio no habitáculo. Por outra banda, este tipo de mobles precisan dun mimo especial, dun coidado exquisito, cousa que os novos propietarios, persoas que entendían de traballar pero non de mimar os mobles, non lles ían prestar, como así foi. Deste xeito, os mobles chegaron a un lugar que non era para o que estaban destinados. Durante anos, aínda que parcialmente pero de forma directa, a luz solar incidía por momentos nos mesmos, polo que a piques estiveron de quedar estragados. E é que este tipo de mobiliario, evidentemente, non estaba feito para xente que tiña que traballar diariamente e non podían deterse con "miudezas". A vida diaria da xeración anterior á nosa, era vida do axetreo, de traballo e de máis traballo.  A sorte, máis a extraordinaria calidade da madeira empregada na construción, quixo que, co paso dos anos os mobles non quedasen estragados, así que unicamente foron precisos uns pequenos arranxos consistentes nun lacado e posterior encerado, lixeiros apaños nalgunha peza que, pola calor, abrira. Ás cadeiras de brazos houbo que lles cambiar o tapizado orixinal así como os molles, pero sen maiores consecuencias. Co paso dos anos estes mobles, que xa deben andar polos setenta anos longos de existencia, volveron mudar de novo, pero continuando na mesma familia que os mercara de segunda man, pasando da rúa Calvario a Camposancos, desenvolvendo o labor para o que foron construídos por ese artista que foi Florindo Rodríguez.

 

    Para poder apreciar parte da obra de Florindo nada mellor que botar unha ollada a algún dos mobles construídos na súa empresa e que neste artigo tratamos.

 

Cama de matrimonio. No frontal dos “pés” aprécianse as diferentes madeiras utilizadas para a súa confección

 

Detalle metálico representando motivos da Grecia Antiga.

 

A tapicería da cadeira de brazos non é a orixinal. A restauración respectou na súa totalidade a forma que tiña orixinariamente este moble

 

Detalle do repousa brazos. O traballo “ebanista” pode verse na madeira traballada na parte superior das patas. Estes mesmos detalles aparecen, ademais de nas cadeiras de brazos, nas mesiñas de noite e na cama

 

Mesiña de noite. As diferentes pezas tamén están confeccionadas con dous tipos de madeira

 

 

Detalle metálico que aparece no centro de cada unha das portas da mesiña de noite

 

 

   Coqueta formada por un espello central e dous espellos laterais abatibles. A altura máxima é de 170 centímetros

 

 

Remate superior das patas dianteiras

 

 

Detalle dun dos ángulos da coqueta

 

 

1.-    Segundo informacións, a tía Antonina casou en segundas nupcias cun tal Carrero. Do seu primeiro matrimonio tivo unha filla que lle foi sacada polos seus cuñados meténdoa primeiro nun convento e logo, ao parecer, concertando un matrimonio de conveniencia, segundo informacións, no Brasil. As monxas do convento tiñan orde de non deixar que a nai vira a súa filla, pero, ao parecer, as monxas permitían dalgún xeito que a nai poidese vela. Do segundo matrimonio, dona Antonina tivo tres descendentes. Todos eles marcharon da Guarda, sendo estes os que venderon as súas propiedades. A casa na que viviron, foi adquirida de segunda man polo segundo home de Antonina, sendo seu primeiro propietario un indiano que pouco disfrutou dela. Dona Antonina, está soterrada no cemiterio de Goián, xunto co seu segundo home.

Agustín Ferreira Lorenzo