www.galiciasuroeste.info

Pola Ruta das Cetáreas

Por Agustín Ferreira

(agfelo@terra.es)

 

 

Fotografía superior obtida no ano 1980. Se observamos con detemento as demais fotografías que acompañan a esta reportaxe, podemos ver que a pesares dos anos transcorridos, máis de 30, a cetaria atópase practicamente igual que o ano citado, e iso que sufre constantemente a forza das ondas que, unhas veces máis e outras menos, baten con intensidade nas paredes de pedra que conforman a súa estrutura

 

A cetaria está ubicada nun pequeno cabo granítico de forma triangular, que se atopa no barrio de Solanas, entre a praia de Fedorento e o porto guardés, no tramo central da costa guardesa.

 

Coñecida como a Cetaria do Portiño, os rapaces do barrio da Guía, na nosa época infantil, alá polos anos sesenta do século pasado, chamabámola “Cetaria Vella”, porque moi próximo a ela había outra cetaria, que era a “Nova” e da que non queda nada dende, aproximadamente, finais da citada década. Neses anos, a cetaria vella xa non estaba operativa.

 

Ten un perímetro de 41 metros e unha superficie de 104 metros cadrados. Esta cetaria ten forma pentagonal, cunha das caras lixeiramente curvada en tanto que as outras son rectas. As dúas caras contiguas que dan cara ao oeste asemellan forma de arco, mentres que dúas das caras xúntanse formando un ángulo agudo en dirección á terra

 

O seu interior está dividido por unha parede vertical, que, supoñemos, serviría como soporte do teito, xunto coas paredes laterais, presentando unha especie de entrada por onde circulaba a auga interiormente. Así mesmo, tamén interiormente, poden verse varias divisións, que seguramente serían empregadas para clasificar o marisco.

 

Nos muros exteriores existen varias “ventás” que servían para que a auga circulase. Tamén, no muro exterior que da cara ao oeste, pode verse unha especie de porta.

 

Había máis de 30 anos que non me achegaba a este vello “castelo” da miña nenez. Este entorno formaba parte das nosas andanzas, das andanzas dos rapaces da Guía, de Fedorento e de Mazaracos, polo que, cando visitei este monumento do patrimonio etnográfico guardés o pasado 9 de febreiro, aproveitando as mareas vivas, extraordinariamente baixas, viñéronme a mente aqueles amigos da infancia e dos xogos, sobre todo indios e vaqueiros, que formaban parte do noso aprendizaxe da vida, cando nin sequera, remotamente, podiamos imaxinar que anos despois, os nenos xa non xogarían a estes xogos, nin outros que practicábamos por entón a cotío (o “juá”, o currillo, os mortiños…).

 

Pasei un bo rato observando a vella estrutura, vendo o seu interior, sacando fotografías.

Neste senso, hai que agradecer e felicitar o interese posto pola Confraría de Pescadores da Guarda na tarefa de, como se di agora, poñer en valor non só esta senón tódalas cetarias da Guarda, creando a Ruta das Cetarias, un patrimonio etnográfico que é preciso conservar e divulgar. Ese día, aproveitamos para percorrer os catro quilómetros, aproximadamente, que ten de lonxitude a mencionada ruta, algo así como dúas horas de andaina, se temos en conta as paradas que, forzosamente, deberemos facer se queremos ter unha visión completa de cada unha delas. Iso sí, para visitalas deberemos escoller cando son mareas baixas e, moito mellor, se estas son mareas vivas.

 

A solicitude de construción desta cetaria, a Cetaria do Portiño, data do ano 1897, polo que debeu estar en funcionamento a partir dos primeiros anos do século XX, permanecendo activa probablemente ata a década dos cincuenta, polo que a súa vida foi, máis ou menos, de medio século.

 

Dous graves problemas tiñan as cetarias, o primeiro é que soamente podía accederse a elas durante a marea baixa e, o segundo, que cando había mal tempo e o mar estaba embravecido, era imposible o acceso ás mesmas. Isto supoñía un grave contratempo porque significaba ter que deixar de vender. A partir de finais dos sesenta, comezaron a facerse os viveiros de marisco no interior das vivendas, aproveitando os baixos, iso supuxo un cambio radical para os que tiñan este medio de vida. Tamén supuxo o abandono paulatino destas vellas estruturas cuxos restos perduran aínda hoxe.

 

Nas visitas ás cetarias, non debemos deixar pasar por alto outras interesantes observacións que podemos facer neste entorno natural. Así, descubriremos interesantes formas de vida que hai enriba das rochas. Algunhas delas de sobra coñecidas, outras probablemente nos deixen un tanto abraiados. Por pouco curiosos que sexamos, non han de pasar desapercibidas unha boa morea de animais ou restos mariños que poderemos ver nas pozas, nas fendeduras ou nos pequenos recunchos entre as pedras: ourizos de mar, mexillóns, lapas (=lamparóns), caramuxas, diversas algas. Curiosas estruturas feitas de area, obra de certos vermes mariños, tubícolas, chamados Sabelarias que lles serven de habitáculos para se agochar dos posibles depredadores, da influencia da auga do mar, etc. As pedras aparecen profusamente cubertas dunha especie de pequenas cunchas, son os arneiróns que, por miles, tapizan totalmente a superficie.