|
SAN MARTIÑO
Cada 11 de novembro O Rosal honra a San Martiño cunha grande
manifestación de romeiros que aumentaron logo de que as celebracións se
trasladaron ó domingo máis próximo.
Ás 10.30 de mañá o Santo sae da parroquial de Santa Mariña, pero antes
de comezar o percorrido por paraxes excepcionais, subhástanse os banzos
entre os devotos que queren subi-lo santo ata a Ermida solitaria, no
monte. Centos de devotos, o
crego e un grupo de gaitas acompañan a San Martiño. Atrás queda a Praza
do Calvario,
e ó pasar por diante da Casa das Carmelitas
Descalzas repenican as campás do convento; pásase por Fornelos
camiñando aínda polo asfalto
nun tramo que perdeu o seu carácter enxebre, pero que recupera
cando se alcanza o primeiro dos muíños do Picón, pasándose por diante
do número un e dous deste grupo etnográfico, para xirar 90 graos e ascender polo
Camiño de San Martiño; Picón de Abaixo, Picón de Arriba e, ó chegar
ó Pouso, que ata o ano 2000 era unha laxe que sobresaía sobre o terreo
e, desde o ano seguinte, un pousadoiro novo nas proximidades do máis
antigo, sobre o que se coloca o Santo para subhastar, outra vez, os banzos e os que máis
ofrezan poderán levar a San Martiño ó santuario logo de
percorrer o Alto da Cereixeira.
Desde aquí o camiño é montuoso pero dunha beleza impresionante non só
polas paisaxes que se poden contemplar desde as alturas cunha panorámica
sobre o Val do Rosal, a desembocadura do río Miño e ó conxunto dos
Muíños do Folón, senón tamén pola singularidade deste camiño no que
as rodeiras son testemuñas dun pasado non tan lonxano de duro traballo.
Desde o derradeiro Muíño do Folón tómase o "Llano da
Cereixeira", menos accidentado que o Camiño de San Martiño, nun
discurrir cómodo entre piñeiros e panorámicas únicas. Aproximdamente
despois de ter feitos os sete quilómetros que separan Santa Mariña da
ermida, e pasadas as doce do mediodía, alcánzase o Santuario de San
Martiño onde xa espera un importante número de devotos.
No interior da Ermida, o Santo permanece algúns minutos antes de voltar
ó exterior para dar comezo a Misa. Na pequena capela, os fieis
practicaron uns rituais que testemuñan a fe no santo das espullas:
colocan exvotos de cera, acenden velas, pasan os panos pola imaxen para
limparse con eles a cara; enchen frascos de aceite de San Martiño que
arde nun lateral ou mollan un dedo para untarse as espullas, e dónanlle
as tellas que se "roubaron" para a ocasión, porque, segundo a
tradición, as tellas que se ofrecen para arranxa-lo tellado, deben ser
roubadas.
A misa, que ten lugar sobre as 12.30 h, ofíciase no exterior da capela
para que poidan participar dela tódolos romeiros e, ó rematar, o Santo
lévase en procesión dando unha volta a ermida, repetíndose as esceas
anteriores que exteriorizan a crencia no poder curatorio que ten o Santo.
Os romeiros están atentos as puxas que se celebran ó finaliza-los actos
relixioso: peixe de couro, galos, mazorcas, augardente de herbas, viño do
Rosal, e froitas en conserva as que Pepe "O Brasileiro" canta o
precio de saída e os novos valores que van adquirindo os productos.
Cumplidos os trámites da fe, os romeiros buscan os mellores lugares do
monte, sempre próximos a ermida, e os maiordomos (os "da Torre"
co oficiante de invitado), toman asento nun lugar "propio" para
xantar. O Patriarca ofrece castañas ós romeiros. Soan as gaitas do grupo
de Emilio Flores animando, como nos mellores tempos doutras épocas, os
bailes: muiñeiras, "jotas" "alboradas" e outras pezas
musicais.
Pouco antes das cinco da tarde sácase a San Martiño da
Ermida e, xirando á esquerda, dá unha volta arredor da capela para inicia-la
baixada en compaña dos romeiros, e dos grupos de gaitas. No camiño de
volta os portadores son só homes. No traxecto, os donos dalgunhas casas
que dán o camiño por onde pasará a procesión manteñen aínda a
tradición de esperar a chegada do santo cunhas botellas de viño da casa
que ofrecen ós portadores do santo ó crego, ós amigos e se aínda chega,
a quen lle apeteza beber.
A parada principal ten lugar diante da casa dos da Torre, os Maiordomos de
San Martiño.
A Romaría remata definitivamente cando o Santo entra na Parroquial de
Santa Mariña, serán en torno ás sete da tardiña cando esto aconteza.
A romaría de San Martiñó é singular. O é xa cando se leva o santo
nunha procesión que rompe a seriedade e rixidez que caracteriza a outras,
porque aquí tanto os portadores, coma o crego, os romeiros, e ata coido
que o Santo, disfrutan durante a subida dun acto relixoso distendido,
cáseque xocoso, sen irreverencias pero sen solemnidade. A baixada do
Santo é aínda máis singular e incluso, algún ano, ata o Santo
rociárono con viño, malia que o Patriarca dos "da Torre"
pedise "que eso non llo fagades ó Santiño", e outro ano
chegaron a colocalo mesmo debaixo dun "canexón". |