www.galiciasuroeste.info

  por agustín Ferreira Lorenzo (agfelo@terra.es)

 

Algúns dos rapaces guardeses, rosaleiros e tomiñeses que a mediados dos anos sesenta tivemos a sorte de empezar a estudar o Bacharelato, vímonos na obriga de ter que facelo en Tui, pois era o único concello do Baixo Miño no que había Instituto, Instituto “San Pelayo”, (edificio que foi un antigo hospital antes de ser reconvertido en centro de ensino e, actualmente, Área Panorámica).

 

             Pois ben a “colonia guardesa” era relativamente importante polo seu número, a maior parte da cal hospedábase na Residencia de Estudiantes Virgen de los Dolores”, dos Padres Siervos de María, por iso nos chamaban “os servitas”, residencia que estaba, aínda segue a estar o edificio, na rúa Avenida de Portugal nº 3, isto é, a pouco máis de 100 metros da gasolineira que hai na entrada de Tui vindo pola estrada da Guarda. Nesa residencia pasabamos os nove meses do curso agás o período de vacacións de Nadal, Semana Santa e Verán.

 

            Os sábados pola tarde, a iso das catro, iamos co inesquecible Padre Luis a xogar ao fútbol no campo do Chau Chau, hoxe inexistente, situado detrás da actual Área Panorámica. Noutras ocasións iamos ao da Macoca, na subida ao Monte Aloia, por aquel entón non existía, nin por asomo, a denominación de Parque Natural. O fútbol, e nisto os tempos non cambiaron, era o deporte rei, ao igual que hoxe, e tódolos días, a máis mínima posibilidade, os rapaces aproveitabamos para xogar, ben nalgún dos patios da Residencia ou ben no Instituto, con aquel recordado profesor que foi Miguel Bugarín que, agás algunha excepción, nos permitía xogar ao fútbol durante a hora da materia de ximnasia, onde el tamén se sumaba con entusiasmo. Como o campo de fútbol quedaba xustamente detrás do Instituto, simplemente cruzando a parcela pertencente aos terreos deste centro de ensino, que había entremedio, chegabamos a el, mesmo había unha porta de acceso secundaria que daba directamente á citada parcela –hoxe esta parcela  e o campo de fútbol forman parte do aparcadoiro municipal-. Nin que dicir ten que logo dunha hora de práctica intensiva co balón, regresabamos as clases e, aínda que nós non o notabamos, de seguro que debía haber un cheiro a humanidade que tiraba para tras, pois no ximnasio, aínda que polo xeral auga había, que non sempre, a ninguén lle apetecía ducharse en pleno inverno con auga fría, conxelada, así que “o tufo” debía ser impresionante. Iso si, nunca oín queixarse a ningún profesor nin profesora por este motivo.

 

      Foto1: obtida no mes de febreiro do ano 1969, é da autoría de Antón Ferreira, que era o único que tiña cámara fotográfica na Residencia, amosa un dos equipos formados polos internos deste centro nun deses sábados nos que iamos xogar ao Chau Chau. O 50% do equipo estaba composto por rapaces da Guarda e o outro 50 % eran antigos residentes do famoso “Hogar” Fray Rosendo Salvado, alcumados os “Coreanos”, que, cando empezaban o bacharelato en Tui, pasaban dese centro á citada Residencia. Uns e outros convivimos durante sete anos na mesma.

            Xogadores: Nº 1: Javier Martínez Lomba, da Guarda, solía xogar de porteiro realizando magníficas paradas; nº 2: Francisco Riveiro Gesto; nº 3: Guillermo Casal Ferro (de Celanova); nº 4: Novoa (vive en Tui); nº 5: Agustín Ferreira Lorenzo, da Guarda; nº 6: Fajar, da Guarda, hoxe profesor de Instituto; nº 7: Julio Morais Matos, da Guarda, na actualidade vive en Vigo e nº 8: Alberto García Pernas, da Estrada. Pode apreciarse que o pantalón, “a pantaloneta” como se dicía por aquela, era bastante axustada, e as botas de fútbol eran os “tenis” que servían tanto para practicar deporte como logo para utilizalos como calzado de uso diario.

 

Un grupo de “servitas” no campo da Macoca nun dos partidos de fútbol que se organizaban na Residencia os sábados pola tarde entre a rapazada da mesma.

 

   Nº 1: Baltasar Piñeiro Pico; nº 2: Ramón Álvarez Soto, que viviu en Tabagón xa que era sobriño do párroco don Antonio; nº 3: Guillermo Casal Ferro, de Celanova; nº 4: Santiago Luis Piñón Rei, de Vigo; nº 5: Federico García Guerrero, de Valencia; nº 6: Agustín Ferreira Lorenzo, da Guarda; nº 7: Severo Alonso Míguez, das Neves; nº 8: Fernando Garrido Rico, de Pontevedra, un lince xogando ao fútbo; nº 9: Luis Pintos Frieiro; nº 10: Fernando Álvarez, de Tui; nº 11: Antón Ferreira Lorenzo, da Guarda e nº 12: Manuel Loureiro Tato. Non me lembro do nome do “masaxista”.

 

     O estudiantado masculino en Tui estaba formado por tres centros que acollían a un numeroso grupo de adolescentes provintes dos máis variados puntos da xeografía galega e mesmo do exterior desta comunidade. Estes centros eran o Seminario Menor de Tui, o Colexio dos Maristas e o Instituto “San Pelayo”, a estes, aínda que con outras características, obxectivos e finalidade, habería que engadir o “Hogar Padre Salvado” e a Residencia de Estudiantes citada.

 

     Pois ben, no primeiro trimestre do ano 1973, organizaríase un torneo de fútbol entre varios equipos formados por estudantes dos Maristas, do Seminario e da Residencia, non recordo se participara algún equipo máis. Os finalistas foron o equipo dos Maristas e o equipo da Residencia de Estudiantes. Lembro que o partido que xogamos contra os Maristas foi impresionante..., pola goleada que nos meteron, non sei cantos foron, pero eran bastantes e o xogo deles era “de profesionais”.

 

Daquel torneo son as seguintes fotografías

 

Equipo dos Maristas no antigo campo do Chau Chau. O sorriso dalgúns deles parece predicir o que ía vir no terreo de xogo.

  

Equipo dos “servitas” (Residencia de Estudiantes) que se enfrontou aos Maristas, cun reforzo procedente destes últimos (o segundo pola esquerda dos que están agachados). Neste equipo xogaron catro guardeses, todos eles internos na citada Residencia. O equipo estaba formado por estudantes de 6º de Bacharelato e de COU (Curso de Orientación Universitaria). Case que o 50 % eramos guardeses. Estes son os xogadores:

Arriba, de esquerda á dereita: Justo (de Ourense, 6º Curso); Florián, do Rosal, estudante de COU; Julio Morais Matos, da Guarda; Guisantes da Guarda, estudante de 6º Curso; Manolo (COU); Javier Martínez Lomba, da Guarda, estudante de COU e coma sempre, xogando de porteiro.

Agachados: Rego (6º Curso); reforzo dos Maristas (?); Agustín Ferreira Lorenzo, da Guarda, estudante de COU; Sela II (6º Curso); Calzada (de 6º). Todos estudabamos no Instituto San Pelayo.

  Agustín Ferreira Lorenzo