José Marino González de la Concepción

In Memoriam

Por José A. Uris Guisantes

 

José Marino González de la Concepción

 

Veño de enterarme do pasamento do amigo e veciño “Pepe Santeiro”, nome polo que sempre foi coñecido. Pepe era unha institución na Guarda en todo o relacionado ca música, interpretación e adaptación de pezas musicais.

 

Lembro uns versos do poeta local Francisco Álvarez “Koki” titulado “Lexanías”[1] que di,

 

“Lexanías, levaime lexos

a miña terra

atravesando veigas e montes,

montes  e serras.

 

Donde me esperan

verdes campos

árbores do serán.

doces cantos

d-amañecidas mañáns.

 

Campanas de Salcidos

que me encheis de soedá.

agora que de lexos vos escribo

parece que vos oio soar….”

 

A familia de Pepe provén da ferigresía de Albarais (Viana do Castelo-Portugal), seu pais eran Augusto Gonzalez Malha e Teresa da Concepçao Miranda, naturais de Deao (Viana do Castelo). Chegan ó barrio de Salcidos (A Cruz) en 1920, con sete fillos, Emilia, Isaura, Marina, Rosalina, Manuel, Ricarda e María González da Concepçao.

 

Deseguido Augusto incorpórase como músico na “Charanga do tío Remigio” na Guarda para tratar de gañar uns cartiños.

 

Pepe nace un 18 de xullo de 1923  e como coincide co día de Santa Marina, acordan poñer ao recén como segundo nome “Marino” o que en 1930 recibe a 1ª comuñón. Fixo as primeiras letras baixo a dirección do mestre autodidacta tío Manuel de Buxán alcumado “O Carteiro” onde descubre que a súa aficción vai ser a música.

 

No ano de 1933 comeza as clases de solfexo co mestre Alfonso Ullóa Lorenzo no Rosal, debendo percorrer varios quilómetros para chegar ao barrio da Lomba.

 

Ao igoal que fixeran seu pai Augusto e seu irmán Manuel, incorpórase en 1935 a  “Charanga do tío Remigio Conde[2] tocando o cornetín. Paralelamente aprende o oficio de zapateiro co mestre  Antonio Souto en Figueiró (Tomiño) onde debía parar na pesión “Hotel Modesta”. Máis tarde pasa  como aprendiz de facer cordas na industria do tío Joaquin Martínez, no Barrio  da Cruzada, para exercer despois o oficio de “cerraxeiro” con Andrés Estevez do barrio da Gándara.   

 

Máis tarde pasarían a vivir na Vila (rúa Antonio Alonso) e logo en Ribadavila (ou Cimadavila como dicían nosos avós). Amante de todo o que siñificara música en 1941, con 18 anos, comeza como músico na Banda de Música de San Juan de Tabagón (O Rosal ) que durante moitos anos dirixíu Pablo Piedra González, agrupación musical que desaparece en 1965 e que viña sendo dirixida por Pepe dende 1964 o haber finado o vello director. Lembrar que Pepe Santeiro sabía manexar varios instrumentos musicais, como o bombardino, saxo alto ou requinto, órgano, acordeón etc. 

 

En 1966 pasa a formar parte da Banda de Música “Unión Popular de Mougás” (Oia) como “requinto”, pasando  a ser elexido Subdirector. En 1990, enferma o Director Alsirio Fernández Rodríguez, asumindo o cargo de dirixir a Banda, para finalmente nese mesmo ano deixala, facendo entrega do cargo a Gabriel Rodríguez.  Pepe Santeiro recibe das mans do novo Director unha placa de agradecemento polo labor que desempeñara “De la Banda de Música de Mougás a D. José Marino por su labor como músico, compañero y director, Mougás 23 de noviembre de 1990”.  

 

Pai de familia numerosa tivo que buscarse o pan, e para elo forma parte da orquestra guardesa “La Palomita”, outra chamada “Tino Jazz” dirixida por Faustino o “Botabaixo” perruqueiro de profesión, as primeiras actuacions tiveron lugar no salon do Cine Ideal. Seguido da “Orquesta Dandy” e o conxunto “Los Témpores” para finalmente formar parte do “Trío Marino” coa súa guitarra, composto por Manuel Lomba Vicente “Lombita” (finado fai pouco) ao laúd  e Enrique Silva PenizaQuique” (tamén finado) coa armónica.

 

Nos anos noventa o “Trío Marino” participa no Programa da TVG “Galicia Enteira” en Santiago de Compostela, máis tarde participarían en todos cantos Festivais Benéfico Sociais foron organizados no Teatro Cine Avenida e na Sala de Festas Funchi-2.

 

 

Enrique Silva Peniza co Grupo Marino na Sala de Festas FUNCHI-2 no ano

1979. Nesta actuación colaborou co Grupo Marino José Luís Cabanelas

Mariscal (O Analista), á esquerda da fotografía, segue José Marino González

de la Concepción “Santeiro”. Manuel Lomba Vicente “Lombita”, e José Luís

González Melón.

------------------------------------------

 

A “Orquesta Dandy” xorde en 1949 da man de Pepe Santeiro, o que tivo o mérito de xuntar a varios compañeiros da Banda de Música de Tabagón para formar unha orquestra que finaría en 1965. Primeiro con sete membros e logo nove: Delfín, Suso, Pío Souto, José MarinoSanteiro”, Isidro González, Emilio Sánchez, Manuel González de la Concepción (seu irmán) e Isaac Rivas. Actuaban en tódalas festas populares dos anos cincoenta e logo unha vez se desfai a Banda de Música tamén pasou a mellor vida a orquestra, coincidindo co nacemento da orquestra “Los Bambinos” estreada un 22 de novembro de 1962.   

 

Cartel da Orquestra Dandy en 1959. Compoñentes: Delfín, Suso Souto Rivas e Pío Souto Rivas, Emilio Sánchez, José Rodríguez, Isidro González, Manuel González, Isaac Rivas e Pepe Santeiro. Esta orquestra baixomiñota tivo unha existencia de 1949 a 1965.

------------------------------------------

 

En 1955 Pepe foi o protagonista principal dunha Comparsa de Carnaval ( Fiestas de Primavera) titulada “La Estudiantina” con trinta e cinco compoñentes (homes e mulleres), sumándose tres compañeiros da Banda de Música de Tabagón, sendo estes, Castelar Piedra Pérez (fillo do Director Pablo Piedra González, un bo amigo é excelente músico colaborador na Banda de Música da Guarda), José de Florencio e Pío Souto Rivas (a quen hoxe día 29 de xullo de 2010 tiven a sorte é  pracer de saudar xunto a súa dona).   

 

A raíz de desfacerse a orquestra “Dandy” e debido a que os seus fillos José Luís e Antonio tiñan ido a traballar a Castela de “temporeiros” (novembro a marzo), acorda crear un conxunto musical “Los Témpores”, mellor dito un “pequeño conxunto familiar” como el me referíu, era aló por 1965. José Luís a guitarra, seu fillo Antonio a batería, Santeiro co acordeón (máis tarde órgano electrico) e o seu irmán Manuel xunto a Pío Souto Rivas.

 

Se me esquecía que Pepe Santeiro dirixira a parte musical dos Grandes Festivales Artísticos no Teatro Cine Avenida os dias 11 e 13 de xuño de 1960 e 1961, organizados pola Comisión de Fiestas del Monte. A de 1960 estaba presidida por José Riego Lomba, sendo Alcalde, Agustín Pena Pacheco. Festivais organizados para poder recadar cartos para as festas, acompañaba a Pepe na dirección musical Teresa Silva Giestal. No Festival de 1961 era presidente da Comisión das Festas do Monte, Alfonso Martínez Peniza.

 

A idade de 54 anos (1977),  dirixe e forma parte do conxunto musical “Dominante” con catro músicos, Luciano Durán “Tito”; Alsirio Fernández e el mesmo ca guitarra.

 

Tamén en 1979 ensaia o “Coro Parroquial de Novás” (O Rosal) o que interpreta o “Canto ó Rosal” do autor Manuel Álvarez Rivero “Manoel da Ventosela”, co motivo do Iº Centenario do título real de “Villa” ao Rosal e co Iº Centenario do nacemento do poeta rosaleiro Julio V. Sesto.

 

Pero José Marino nunca parou de interpretar e dirixir. Así en 1984[3] dirixíu a Agrupación Coral Polifónica da Guarda, rematando en 1991. O 23 de novembro de 1991 a Agrupación Coral Polifónica en colaboración co Concello da Guarda[4] organizan un Concerto-Homenaxe a José Marino González “Santeiro” no Teatro Cine Avenida, onde actuaron as Bandas de Música, Agrupación Musical do Rosal e Unión Popular de Mougás, o Coro Arpegios e a propia  Agrupación Coral Polifónica da Guarda cun éxito de público. En  1994 funda a “Coral da Terceira Idade”  no seo do Club de Xubilados da Guarda.

 

Nestes derradeiros anos seguía con seus fillos José Luís e Antonio no “Grupo Marino”. Lembro que ao longo da súa vida recibiu varias homenaxes, unha dos máis grandes tivo lugar no desaparecido Cine Avenida en 1995. Anteriormente no domingo 18 de agosto de 1963, como compoñente da Banda de Música de Tabagón e co motivo do Cincuenta Aniversario das Festas do Monte, recibiron unha homenaxe e un agasallo dos Alcaldes de O Rosal, Manuel Suárez Marquier e da Guarda José Luís García Pérez.

 

Fai uns catro anos “escoiten en directo” o Grupo Marino na casa de Jesús Alonso Lomba “Suso o Bambino”, cando este estaba recuperándose dunha enfermidade.

Manuel Angel Lomba Vicente “Lombita”, amigo e compañeiro de Pepe Santeiro que faleceu fai apenas un mes. Fotografía de Joaquin Fernández Gómez.

 

Casado con Adelaida Melón Fernández, un 4 de marzo de 1944[5]. Coñecera a súa muller na pensión familiar “La Orensana”, sita na rúa Antonio Alonso nº 2, onde Pepe Santeiro dispuxo logo a súa “Academia de Música” . Do matrimonio naceron, José Luís, Antonio, María Teresa, Sergio, Delfín, Mª del Carmen e Miguel González Melón.

 

José Marino González de la Concepción  e o seu veciño e amigo Narciso Alfonso Rebollar o 10 de abril de 2009

------------------------------------

Personalmente tratei durante moitos anos a Santeiro, tanto como veciño cuanto como cliente na Botica, tamén á súas irmás Marina e Ricarda que eran veciñas miñas, a primeira casada con Benito Mauri (alcumado O Pisotes) e a segunda Manuel Iglesias (Bar Capri), tratei algo a Rosalina cando estivo unha tempada na casa de Ricarda. Nos últimos anos e ata que puideron valerse por se mesmos, nos domingos reuníanse os irmáns para xantar na casa de Ricarda, sendo o cociñeiro Pepe. Paréceme que ainda estou vendo a Ricarda e Rosalina vendo embobadas ao seu irmán co mandilón de cociña con flores… falándome mentres se facía o cocido no inverno, mentres eu acodía a inxectar a Manolo doente na cama…

 

Pepe nunca alteraba a voz, sempre discreto, educado e comedido, caracteres que tivo de sempre, era estricto na responsabilidade dos fillos, esixente, pero bo pai.

Atopo un poema de Celso Emilio Ferreiro, escrito en Caracas no ano 1967 que dedico á memoria de Pepe Santeiro, músico de profesión e vocación:

 

SPIRITUAL

Cicais mañá
cando a miña mirada
non abrolle na luz
como cativa mapoula de auga,
veña a soedade.

 

Pero hoxe canto en libertá
e mentras canto
non estou isolado,
que o corazón vai comigo
e con il falo.

 

Beberei a paisaxe
nun amencer de lirios.

 

As campanas do mar
nos ventos fuxidíos.

 

Cada intre un paxaro,
cada pulso un latexo.

 

Unha espada de chuvia
cortando a frol do vento.

 

Nin as olladas torvas,
nin os beizos esquivos,
nin as voces nemigas
nin os homes cativos.

 

Vivirei coma o lume
alcendido na noite.

 

Terei cumios de estrelas,
cantarei para os homes.

 

Estou comigo mesmo.


O corazón é quen manda,
i eu obedezo.

 

 

Fontes: Enrique Silva Peniza “Quique”

Semblanza Biográfica de José Marino de 1995. Autor: Xoan Martínez Tamuxe

Charlas con Pepe Santeiro na Botica Vázquez

______________________________

[1] A Guarda 1980.

[2] Mestre ebanista e empresario de pompas fúnebres. A Charanga de tío Remigio xunto ao Grupo de Gaitas do “tío Lancha” eran os que facían as festas e verbenas polo Baixo Miño en anos nos que se carecía de todo.

[3] Nacida o 4 de xuño de 1984 sendo presidente Arturo Martínez García.

[4] Era Alcaldesa Purificación Álvarez Álvarez.

[5] Filla de Antonio Melón Gómez e Celia Fernández Soto.