www.galiciasuroeste.info

Serafín Álvarez Cividanes  O Lancha

Por José A. Uris Guisantes

 

Serafín Álvarez Cividanes a pesca con cana no Muelle da Guarda e Rafael Limiñas en 1948

------------------------------------

Serafín Álvarez Cividanes, naceu o 23 de outubro de 1889 na rúa da Cal, Barrio da Cruzada, fillo de Elisa Álvarez Cividanes e pai descoñecido. Finou o 17 de decembro de 1977.

O alcume de Lancha provén que dende moi pequenos os rapazes do barrio da Marina xogaban con barquiños feitos de follas de latas e o parecer Serafín construíu un con forma de lancha.

 

Dende pequeno puxo interese en aprender  a tocar  e interpretar pezas da gaita galega sendo ensinado por Juan Cobas, ou Cobal, veciño do Curuto[1] que  tiña un grupo de gaitas co nome de Gaiteiros de Mourán ou Gaiteiros do Morán. Máis tarde pasa a recibir leccións de Frutos Salcidos, veciño de Ribadavila que casaría con Concepción Sobrino, formando a familia Salcidos Sobrino (José Mª, Rafael, Manuel, Avelino e Concha). A Frutos Salcidos atopeino como alcalde pedáneo da parroquia de A Guarda en xullo de 1867, sendo alcalde  don Ramón López Portela.

 

Procesión de Santa Trega na Romaría de 1913. Como é sabido antigamente  o día da Romaría no Trega tamén se celebraban funcións relixiosas con misa solemne, sermón e procesión. Podemos ver nesta fotografía-postal tirada polo fotógrafo Mariano Jiménez Hueto como abre a procesión a Gaita de La Bouzó ou pode ser tamén a Gaita  do Lancha, sen confirmar con exactitude.

-----------------------

 

Unha vez en posesión do dominio da gaita funda un grupo para tocar nas festas, verbenas e calquera outro evento social, alcumado Gaita do Lancha. Os compoñentes eran  o propio Serafín, Marino Guisantes Cividanes. que era xastre de profesión, casado con Dolores Portela Rodríguez e Maximino Pacheco alcumado Maximiniño.

 

 

Coincidindo ca primeira Romaría no Trega  o viciño […] Tomás Rodríguez con fecha 9 de agosto de 1913 solicita del Ayuntamiento permiso para montar un Kiosko en la Alameda o paseo público, como los hay en muchos  de la provincia…  …para expender a  los que de paseo concurran, refrescos y otros objetos análogos y propios de tales instalaciones… Concesión que foi aceptada pola Corporación municipal en sesión do 11 de agosto dese 1913. Era alcalde don Agusntín Sobrino Vicente.

 

Serafín Álvarez Cividanes casou con Dolores Valladares Vicente, natural de Salcidos, nacendo os seguintes fillos: Antolin, Juan (finado fai uns anos), Mauricio (separado ou divorciado) e Altagracia Felicidad Álvarez Valladares (solteira). Anos mais tarde Serafín ensinou a seus fillos, Antolin, Juan e Mauricio a tocar a gaita, percorrendo co pai pobos e aldeas. Tamén nos dous primeiros anos de guerra incivil Serafín era contratado polo Concello para percorrer as rúas guardesas cando era tomada unha cidade polas tropas franquistas, pero como tardaban en pagar o traballo o tío Lancha non volveu a tocar neses eventos.

 

Antolin casou cunha moza de Bilbao, Isabel Faes Miguélez, emigrando fai bastantes anos a cidade de Victoria (Australia) onde formou unha familia e onde recibíu unha homenaxe como gaiteiro en 2004. Segue namorado da súa terra e o 12 de outubro de todolos anos desfila polas rúas principais de Victoria celebrando o que antiguamente se coñecía como Día de la Raza .

 

Antolín  Álvarez Valladares é súa esposa  Isabel Faes Miguélez en 2004,  de gaiteiro en Victoria  (Australia) celebrando a Festa da Hispanidade. Documento cedido por súa irmán Altagracia.

----------------------

Fixeron actuacions  por todo o Baixo Miño e Concello de Oia e na guerra incivil, como dixen antes, eran contratados polo Concello cada vez que as tropas nacionales tomaban unha grande cidade.

 

Grande aficionado á pesca con cana, foi moitos anos a traballar ás telleiras, sendo a primeira na localidade de Piedralaves (Avila), en plena Serra de Gredos cos seus fillos, ata que anos mais tarde atopou traballou de peón co constructor de A Cruzada, Constante Rey.

 

Serafín Álvarez Cividanes pescando no Baloeiro co cacharraro da isca o lado

------------------------

 

Pescadores con cana fixa  na Fosella do Baloeiro en 1932, podemos contemplar os miróns e unha gamela a vela entrando no porto. Fotografía cedida por Antonio Español Gil

--------------------------------

 

Uns meses antes de falecer a Comisión de Festas do Monte de 1977 fíxolle unha homenaxe a Serafín por ser o director dun dos primeiros Grupos de Gaitas que actuaran na Romaría no Trega en 1913, xunto a Gaita La Bouzó que dirixía o mestre ebanista guardés Remigio Conde.

 

Ata que o seu corpo aguantou foi contratado para tocar nas Festas do Monte, así podemos ler que no  ano 1961 a Gaita de Lancha cobró 500 ptas por las varias actuaciones en las Fiestas... Era presidente da Comisión, Alfonso Martínez Peniza e alcalde Agustín Pena Pacheco.   

 

 

Debuxo de 1958

---------

José A. Uris Guisantes

_____________

[1] Non conseguin dato algún no Arquivo Municipal sobre este veciño e seu Grupo de Gaitas.