www.galiciasuroeste.info

SETEMBRO

 

Sábado, 13 de setembro de 2008  

O concello de Tomiño homenaxea a Pilar Baquero, antiga matrona da localidade

O concello de Tomiño dedicará unha homenaxe á antiga matrona de Tomiño, Pilar Baquero Parrilla, no marco dun acto cívico coincidindo coas Festas do Alivio co fin de destacar a traxectoria dalgún persoeiro ilustre da vila.

O acto terá lugar o domingo,  día 14, ás 11 da mañá na Praza do Seixo.

Pilar Baquero naceu en Cuenca no ano 1922. Estudou enfermería e especializouse como matrona. Traballou no Hospital de Maternidade de Madrid. En 1955 casou con Avelino Fernández, veciño de Estás e propietario do Bar-Tenda Avelino, con quen tivo tres fillos (Macarena, Rosamari e José Luis).

Pilar Baquero traballou como matrona e practicante en Tomiño durante 32 anos, nos que atendía polas casas, pois non había centro de saúde. Nos primeiros anos non tiña coche propio, polo que se vía obrigada a desprazarse en taxi, ou a depender da xente para chegar aos domicilios particulares.

Máis adiante, mercou un “seiscentos”, que se fixo moi popular entre a veciñanza, e co que protagonizou moitas anécdotas.

Tras algúns anos de traballo en Tomiño, gañou as oposicións en Madrid e conseguiu a praza de matrona en propiedade, coa que se xubilaría en 1987.

A Alcaldía do concello de Tomiño quere render homenaxe a esta muller que dedicou moitos anos da súa vida a axudar a outras mulleres nunha tarefa que por aquel entón, resultaba moi complicada debido á falta de hospitais e boas comunicacións.

 

Tomiño será sede das primeiras xornadas de paisaxismo e urbanismo organizadas polo “Grupo Aranea” en Galicia

Onte a mediodía presentáronse no concello de Tomiño as xornadas de arquitectura e paisaxismo “Paisaxes habitadas”, que se celebrarán nesta vila entre os días 19 e 26 de setembro, organizadas polo grupo alicantino Aranea coa colaboración do concello de Tomiño e da Consellería de Vivenda e Solo.

Na rolda de prensa estiveron presentes a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez, e dous membros da organización: Pablo Gallego Picard, profesor de Urbanismo da ETSA da Coruña, e Jordi Quiñonero Oltra, responsable da área de Socioloxía e Participación, do Grupo Aranea.

Segundo explicaron os organizadores, as xornadas consistirán nunha especie de laboratorio, no que profesores de prestixio nacional e internacional, analizarán xunto a unha trintena de alumnos avantaxados, as posibilidades do territorio tomiñés para rematar coa elaboración de distintas propostas de utilización do solo, cun criterio de equilibrio e compatibilidade entre a paisaxe e o desenvolvemento  económico. O máis chamativo será que durante todo o proceso, será fundamental a participación veciñal; participación que se procurará por diferentes canles co fin de asegurar a interacción e o intercambio de experiencias.

A dinámica de traballo establecerá seis liñas diferentes que intentarán abarcar as principais características territoriais e demográficas da zona que, como indicaron os expertos, son perfectamente extrapolables a toda Galicia, co que esta reflexión colectiva poderá servir de referente a estudos futuros sobre a materia.

Os organizadores, que xa fixeron experiencias parecidas noutros puntos de España, definiron ao Concello de Tomiño como “un lugar paradigmático dunha situación, prototípica da paisaxe galega: dispersión, convivencia rural-urbana, presión turístico-residencial, reestructuración industrial e infraestructural, e lugar de paso”. 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu a decisión da Consellería de Vivenda e Solo de celebrar este primeiro obradoiro en Tomiño (e o primeiro tamén en Galicia). “É un luxo ter aquí unha extensión da universidade, con profesionais de moito nivel, que poden aportar a súa experiencia e  
 

coñecemento para mellorar o que temos, e pensar como queremos deixar o territorio aos nosos fillos”, indicou a rexedora.

Uxío Benítez, pola súa banda, salientou a necesidade de facer unha reflexión colectiva como a que se plantexa, sobre a utilización do territorio como espazo colectivo, e asegurou que os resultados serán aplicables tamén a outros puntos do país. 

Monumento de Atocha

Jordi Quiñonero, sociólogo de Aranea,  falou da filosofía do grupo organizador, explicando que máis alá de ser un estudo de arquitectura, é tamén un conxunto de profesionais que intentan facer unha actuación integral no territorio. “Intentamos potenciar as posibilidades da paisaxe orixinal, coa participación dos veciños, que son os verdadeiros expertos vivenciais do territorio”.

O Grupo Aranea é un estudo de prestixio nacional e internacional, cuxos traballos estiveron presentes nunha exposición de arquitectura española celebrada no MOMA de Nova York. Na historia deste conxunto de profesionais é de salientar tamén, que foron seleccionados pola Revista Wired, como un grupo de pensamento a ter en conta; varios dos seus profesores foron finalistas do concurso Europan de arquitectura, e gañaron o concurso ao monumento ás vítimas do atentado de Atocha.

As xornadas comezarán o día 19 de setembro na Casa da Cultura de Tomiño, e contarán coa presenza da Conselleira de Vivenda e Solo, que se achegará á vila, probablemente para clausurar a actividade e coñecer as propostas elaboradas entre profesores, alumnos e veciños.

 

 

Venres, 12 de setembro de 2008  

O concello de tomiño renova o seu parque de limpeza con importantes melloras para os cidadáns

 

Tres novos camións; un deles de recollida lateral, e un total de 152 novos colectores de gran capacidade e peche hermético, son os principais investimentos da remodelación integral do servizo de limpeza viaria que a Concellería de Medio Ambiente do concello de Tomiño, vén de implementar.

Trátase dunha reorganización xeral do Servizo Municipal de Recollida de Lixo, no marco da Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria que aprobara o goberno municipal no pasado mes de xaneiro.

Dentro da restruturación levada a cabo, figura a posta en servizo dun camión recolector de carga lateral para residuos sólidos urbanos; outro de carga traseira e outro volquete con plataforma. A estes novos vehículos hai que engadir outros de recollida,  volquetes, lavacolectores, cisternas de baldeo e hidrolimpadoras, que contabilizan en total unha ducia de unidades móviles.

No que se refire a colectores, é de salientar que a dotación actual será de 666 colectores de carga traseira, 152 de carga lateral de 2.400 litros (nova adquisición con importantes melloras como por exemplo un peche hermético), 150 de envases lixeiros, 48 de papel cartón e 52 de vidro. Haberá tamén 50 compostadores e 1 colector para pequenas obras.

A recollida faise seguindo tres rutas diferentes: a primeira, con recollida lateral, abarcará núcleos urbanos e a estrada nacional; a segunda, pasará por Sobrada, Amorín, Carregal, Estás, Figueiró, Forcadela e Goián en dous percorridos, e a terceira, tamén con dous percorridos diferentes, prestará servizo ás parroquias de Piñeiro, Taborda, Tomiño, Forcadela, San Salvador de Tebra, Barrantes, Santa Mª de Tebra, Pinzás e Vilameán.

A frecuencia destas tres rutas será diaria e en horario de mañá, co que practicamente a totalidade das parroquias estará cuberta todos os días.

O sistema de limpeza das rúas, que antes era só con escoba, agora experimentará melloras co baldeo que se realizará semanalmente.

Ademais en breve prestarase tamén un servizo de recollida de entullos de obra, que vén sumarse á recollida de pilas, trimestralmente, de voluminosos e de cartón comercial.

A concellería de Medio Ambiente tamén iniciou un servizo de recollida de plásticos nos viveiros que o solicitan, colocando nestas  instalacións colectores de plástico industrial.

Nunha segunda fase da implementación da ordenanza, levaranse a cabo campañas de información e sensibilización á cidadanía, que intentarán incidir na prevención en orixe da xeración de residuos, tanto no fogar como nos comercios. Entre as actividades previstas figura a realización dunha enquisa para coñecer a percepción que os cidadáns teñen da xestión do servizo do lixo, a creación de material gráfico e promocional, a confección dun programa educativo adicional para centros escolares e de maiores, entre outras iniciativas.

O responsable da Concellería de Medio Ambiente do concello de Tomiño, Santiago Vergara, quere agradecer aos cidadáns que xa están colaborando na recollida selectiva de residuos, e invitalos a chamar aos teléfonos 900 720 190 ou 986 62 20 01/03 para consultar calquera dúbida e evitar posibles infraccións á ordenanza municipal.

Así mesmo, fai extensivo o seu agradecemento en nome do equipo de goberno aos traballadores da empresa concesionaria pola súa dispoñibilidade permanente.

 

Xoves, 11 de setembro de 2008  

Charla e percorrido cultural para coñecer o noso patrimonio en Tomiño

            O venres, 17 de outubre, desenvolverase en Tomiño unha xornada sobre “Patrimonio no medio”, organizada pola Xunta de Galicia, a través das consellarías de Cultura e Deporte e Medio Rural, coa colaboración da Comunidade de Montes en Man Común de Estás.

Ás 20.30 horas do día 17, terá lugar na Casa Social de Estás, no barrio da Igrexa, unha charla que terá continuidade, o domingo, día 19, cun percorrido guiado que partirá da igrexa parroquial de Estás, ás dez da mañá, para coñecer a arquitectura militar da fronteira. Os arquitectos José Antonio Álvarez Álvarez e Pablo Magdalena Nogueira, serán os guías des itinerario cultural.

 

Trinta atletas galegos e oitenta portugueses daranse cita no II Triatlón da Amizade que se celebrará en Goián e Vila Nova

Unha trintena de atletas galegos participarán no II Triatlón da Amizade que se celebrará o vindeiro 21 de setembro nas localidades fronteirizas de Goián (Tomiño) e Vilanova de Cerveira (Portugal), por segundo ano consecutivo.

A proba foi presentada onte a mediodía na Biblioteca Municipal de Vila Nova, coa presenza do presidente da Cámara Municipal, José Manuel Carpinteira, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva, e o coordinador da actividade, José Benito Guerreiro.

O triatlón terá a súa saída no “cais” de Vila Nova, e os participantes terán que cruzar a nado o río Miño ao longo de 750 metros. Chegarán ao embarcadoiro de Goián e alí seguirán en bicicleta a través de 16 quilómetros. No percorrido rodearán a Fortaleza de San Lourenzo, pasando polo centro de Goián e tocando o Pico dos Fachos. Os atletas regresarán a Vila Nova en bici pola nova ponte internacional, e dende alí, percorrerán a pé 2,5 quilómetros arredor da vila portuguesa.

O presidente da Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira, José Manuel Carpinteira, resaltou a súa vontade de promover un deporte minoritario como o Triatlón, para crear unha canteira como a que existe noutras disciplinas máis difundidas.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola súa banda, enmarcou a cita deportiva dentro do programa de cooperación que ambas vilas fronteirizas levan adiante en diferentes ámbitos. “Ao igual que Filminho, esta cita deportiva vaise consolidar como outro evento de importancia”, subliñou. A rexidora agradeceu a implicación da Dirección Xeral para o Deporte, da Xunta de Galicia, que respalda este tipo de eventos.

Segundo informou o presidente da Federación Galega de Triatlón, a proba contará coa presenza dos campiós galegos, Saleta Castro e Manuel Piñeiro, así como con atletas das comarcas do Baixo Miño e Louriña, como Óscar Vicente (O Rosal), María Martínez e Borja Conde (O Porriño), entre outros.

 

Mércores, 10 de setembro de 2008  

O concello de tomiño crea un novo aparcadoiro público con máis de 200 prazas a 130 metros do concello

O concello de Tomiño vén de pór a disposición dos veciños e veciñas da vila un novo aparcadoiro público con máis de 200 prazas de estacionamento gratuíto e sen limitación horaria.

A nova superficie, de 4.500 metros cadrados, está situada ao final da Rúa Colón, a 70 metros da Praza da Mina; zona na que en breve se comezarán obras de humanización, e a 130 metros da Praza do Seixo e do edificio do Concello.

O novo aparcadoiro público ofrecerá a posibilidade de aparcar de balde e sen limitación de horas, cerca das rúas céntricas, afectadas dende hai pouco polo sistema de regulación de estacionamento de Zona Azul.

 

Hoxe preséntase o proxecto de humanización da praza da mina de Tomiño

Hoxe, mércores 10 de setembro, ás 21.30 horas, terá lugar na Casa da Cultura, a presentación do proxecto de Humanización da Praza da Mina de Tomiño e o seu entorno.

As obras iniciaranse no mes de outubro na Praza da Mina e rúas do Rosal e Bos Aires. O proxecto, cun custe superior aos 770.000 euros, ten como finalidade crear espazos de encontro entre os veciños e aumentar deste xeito a calidade de vida dos mesmos, facéndoa compatible coa actividade económica do lugar.

A intervención, financiada no seu 80% pola Consellería de Vivenda e Solo, e no 20% restante polo propio concello, permitirá tamén resituar os aparcadoiros existentes, creando novas prazas en lugares próximos, arranxar certas deficiencias do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e beneficiar ao pequeno comercio.

 

Os populares de Tomiño lamentan a presenza dun cadro, que cualifican de ofensivo, na inauguración da Mostra de Pintura

O portavoz do Grupo municipal do Partido Popular de Tomiño, César A. Pérez califica de “absolutamente lamentable” a situación vivida con motivo da inauguración da Mostra de Pintura do pasado sábado, 6 de decembro, na Casa de Cultura do Concello de Tomiño.

Un acto institucionl que se viu “empañado” pola exposición dun cadro onde se representaban imáxenes bíblicas en circunstancias e situacións que, sen dúbida, supoñían unha ofensa  hacia as persoas con conviccións relixiosas ou en todo caso unha falta de respecto hacia a sensibilidade de calquera das persoas que de todas as idades poideran acudir a contemplar os lenzos.

Dito cuadro -que foi retirado posteriormente- suscitou en varias persoas que asistiron á inauguración sentimentos de rexeitamento o que orixinou unha desagradable situación que debería terse evitado e que non pode admitirse nun acto organizado e promovido por unha institución pública.

Este Grupo municipal responsabiliza ao concello de Tomiño e concretamente ao responsable da concellería de Cultura, Jesús Castiñeira, desta situación que dá lugar a dous tipos de conclusións: ou ben permite e dá cobertura a exposición deste tipo de cadros nunha Sala de titularidade municipal ou ben  ignoraba e descoñecía a temática e contido dos cadros que formaban parte dunha exposición da que teoricamente el é o responsable  o que evidenciaría unha total falta de dilixencia e deixazón de funcións no exercicio da súa responsabilidade.

 

Martes, 9 de setembro de 2008  

A Exposición de Pintura do Alivio reúne a medio centenar de artistas consagrados e noveis de Tomiño

A Concellería de Cultura do concello de Tomiño que preside Jesús Castiñeira, inaugurou o pasado sábado na Casa da Cultura, a exposición de pintura que organiza coincidindo coas Festas do Alivio 2008. Trátase da XXVI Exposición de Pintura do Alivio, na que participa unha vintena de artistas consagrados e outro tanto de noveis. Entre os primeiros, atópanse figuras como Eulalia Portela Jáckson, Jáuregui, Sheila Quinteiro, Manuel Rodríguez Martínez e Carmen Iglesias. Cada artista concorre á mostra con dúas obras da súa autoría; algunhas delas, de grandes dimensións, como a de Manuel Rodríguez Martínez, titulado “Ponte Romana”.

Na inauguración da mostra, o titular da Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal, Jesús Castiñeira, destacou a traxectoria da mostra e a evolución que experimentou a mesma ao longo dos anos. O concelleiro expresou a súa vontade de facer máis actividades co colectivo artístico de Tomiño, e invitou aos pintores a nomear un representante para que forme parte do Consello da Cultura de Tomiño.

A alcaldesa da vila, Sandra González, pola súa banda, reiterou o seu agradecemento aos artistas e salientou a calidade e variedade da mostra.

A exposición permanecerá aberta do 6 ao 14 de setembro, na Casa da Cultura de Tomiño, en horario de mañá e tarde.

Actividades de rúa e concerto de A Roda

Por outra banda, as actividades de rúa e actuacións iniciáronse tamén o pasado sábado co espectáculo infantil “Unha de Piratas”, seguido do XV Festival Internacional de Folclore no Auditorio Municipal de Goián.

“As Pekanetas” (contacontos), abriu a programación do día 7de setembro; na Praza da Mina. Onte foi un grupo de teatro infantil, e hoxe, día 9, chegará ao escenario o espectáculo de clown “O Gordo e o Calvo van ao médico”, será ás 20.00 horas.

Mañá, día 10 de setembro, actuará o humorista Fredi Crujer e o 11, pechará a programación o recoñecido grupo de música folk e tradicional “A Roda”. Este último espectáculo celebrarase no Terreiro do Alivio a partir das 22.30 horas.

Os espectáculos que se celebren na Praza da Mina contarán cun escenario cuberto e unha carpa, por se chove.

 

Sábado, 6 de setembro de 2008  

Cultura organiza actividades de rúa coincidindo coas Festas do Alivio

A Concellería de Cultura do Concello de Tomiño que preside Jesús Castiñeira, organiza unha serie de actividades de rúa, actuacións e exposicións, coincidindo coas Festas do Alivio 2008. Na programación, pensada para todos os públicos, destacan pola súa importancia, unha mostra de pintura de artistas da zona.

Na XXVI Exposición de Pintura do Alivio, na que participará unha vintena de artistas consagrados e outro tanto de noveis. Entre os primeiros, atópanse figuras como Eulalia Portela Jackson, Jáuregui, Sheila Quinteiro, Manuel Rodríguez Martínez, Carmen Iglesias o Basilio Calzado Domínguez. Cada artista concorrerá á mostra con dúas obras da súa autoría; algunhas delas, de grandes dimensións. A exposición estará aberta do 6 ao 14 de setembro, na Casa da Cultura de Tomiño, en horario de mañá e tarde.

            As actividades de rúa e actuacións iniciaranse o sábado 6 de setembro ás 20.00 horas co espectáculo infantil “Unha de Piratas”, seguido do XV Festival Internacional de Folclore, no Auditorio Municipal de Goián, ás 22:00 horas. Nesta oportunidade, actuarán os grupos: Escola de Gaitas e Danzas Virxe do Alivio (Tomiño), Rancho Folklórico de Fonte Boa (Esposende - Portugal), Asociación Cultural Muiñeiros do Río Tripes (Tui), Grupo de Baile Sta. Columba de Ribadelouro (Tui), e Grupo de Pandereteiras Arredemo (Mos). Organiza a Escola de Gaitas e Danzas Virxe do Alivio (Tomiño), coa colaboración da Concellería de Cultura.

         “As Pekanetas” (contacontos), abrirá a programación do domingo 7de setembro; na Praza da Mina a partir das 20.00 horas. O día 8, un grupo de teatro infantil porá en escena “Codia e Miolo”; tamén ás 20.00 horas na Praza da Mina. O día 9 chegará ao escenario o espectáculo de clown “O Gordo e o Calvo van ao médico”. Á mesma hora e no mesmo lugar. O día 10 de setembro, actuará o humorista Fredi Crujer e o 11, pechará a programación o recoñecido grupo de música folk e tradicional “A Roda”. Este último espectáculo celebrarase no Terreiro do Alivio a partir das 22.30 horas.

            Os espectáculos que se celebren na Praza da Mina contarán cun escenario cuberto e unha carpa, por se chove no transcurso das actividades.

(Ver programa das Festas do Alivio 2008)

 

A Concellería de Seguridade e Tráfico agradece a colaboración veciñal na posta en marcha da “Zona Azul”

A Concellería de Seguridade, Tráfico e Transporte do concello de Tomiño, que dirixe Julia Cascón, puxo en marcha durante o mes de agosto unha campaña para implementar a “Zona Azul”, un sistema de regulación de aparcamento nas rúas céntricas da localidade, que permite o estacionamento gratuíto durante dúas horas consecutivas.

Durante o pasado mes, repartíronse 6.000 discos de estacionamento entre os comercios e posibles usuarios e usuarias do municipio, e publicáronse anuncios en prensa escrita e radio co fin de informar da posta en marcha do sistema e das características do mesmo.

O servizo comezou a funcionar en período de probas, durante o mes de agosto, deixando a Policía Local avisos aos usuarios e usuarias que non cumprían a normativa.

Dende a Concellería de Seguridade, Tráfico e Transporte, agradécese aos veciños e veciñas a colaboración e boa predisposición amosada ata o momento, así como aos comerciantes que repartiron os discos.

Dende a Concellería lémbrase que as persoas que aínda non teñan o reloxo azul, poden recollelo nas oficinas da Policía Local, no edificio do concello, ou na caseta de Turismo, situada na Praza do Seixo.

A concelleira delegada da área, informou que o goberno local decidiu tralo acordo das súas tres forzas políticas, deixar sen efecto as sancións impostas durante a primeira semana de setembro, por comprender que aínda hai persoas que descoñecen a campaña ou non posúen o disco azul necesario para realizar o aparcamento.

 

Venres, 5 de setembro de 2008  

O grupo municipal do partido popular de Tomiño califica á responsable de tráfico de “incompetente” ante a posta en funcionamento da Zona Azul

O portavoz do Grupo municipal do Partido Popular de Tomiño,  César A. Pérez Ares quere facer públicas as queixas manifestadas por numerosos automobilistas ante o feito de ser sancionados por aparcar nas denominadas zonas azuis que se habilitaron en varias rúas do centro de Tomiño.

Os propios afectados dirixíronse ao concello para solicitar o disco e comprobaron con asombro que non os había. Tamén os propios comerciantes das zonas onde están establecidas as zonas reguladas de estacionamento teñen solicitado ao concello e concretamente á concelleira responsable Julia Cascón para que lles foran entregados máis discos e con máis periodicidade xa que non podían satisfacer as demandas dos potenciais usuarios.

Dado que a día de hoxe practicamente ningún local comercial conta cos devanditos discos este grupo municipal cualifica de “incompetencia e falta de previsión” a actuación da concelleira responsable que é incapaz de prever estar circunstancias. Unha desidia, di Pérez Ares, que está ocasionando sancións económicas a numerosos conductores.

A Ordenanza reguladora entrou en vigor o día 3 de xuño deste ano en curso e levou consigo un número importante de aparcamentos que terán  horario limitado.

O portavoz, César Pérez, propón que as persoas afectadas por estas sancións  presenten alegacións ante o concello e considera que non se debe multar a ninguén toda vez que foi por causas non atribuíbles a eles como é a carencia dos discos nos lugares indicados.

Por outra banda, César Pérez Ares pedirá aos alcaldes e representantes do Partido Popular na Mancomunidade do Baixo Miño que se faga un modelo de disco que poida ser válido para os tres concellos que teñen implantada a zona azul (Tui, Tomiño, A Guarda) para desta maneira facilitar a posta en práctica desta modalidade de aparcamento con horario limitado.

 

A utilización do servizo de “Noite Bús” en Tomiño supera a media das 50 persoas na súa utilización

O servizo de “Noite Bús” entre Tomiño e A Guarda, ofrecido polo concello tomiñés ao longo de todo o ano, está resultando un éxito, cunha media de utilización que supera as 50 persoas. Nas últimas dúas fins de semana, o servizo rexistrou 101 e 92 persoas, respectivamente, superando todas as previsións, e facendo necesario dispor  de vehículos de reforzo.

O autobús sae de Sobrada ás 24.00 horas dos sábados (e vésperas de festivo) e regresa ás 6 da mañá do domingo. O traxecto que realiza comprende (por este orden) as parroquias de Torrón, Currás, Amorín, Carregal, Forcadela, Tomiño, Estás, Figueiró, Goián, dende onde emprende a viaxe ata a veciña vila de A Guarda.

Entre os usuarios, que solo teñen que pagar 2 euros pola viaxe de ida e volta, hai mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, habendo tamén varios matrimonios ou xente algo maior que utilizan igualmente o servizo.

“Noite Bús” é un servizo xestionado pola Concellería de Seguridade, Tráfico e Transporte do Concello de Tomiño, que preside Julia Cascón, e subvencionado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia.

Julia Cascón salientou o esforzo da súa concellería para manter o servizo ao longo de todo o ano, fronte a outros concellos que solo o teñen en verán. “Aquí decidimos manter a oferta durante todo o ano porque cremos que é unha alternativa moi importante para moitas persoas que non dispoñen doutro medio de transporte, e tamén para aquelas que poden deixar de conducir cando saen pola noite, evitando así posibles accidentes”.

Por outra banda, continúa a posta en marcha da nova normativa de regulación de estacionamento, denominada “Zona Azul”. Os cidadáns deben recoller o disco necesario para aparcar nas rúas céntricas no edificio do Concello, ou nalgúns comercios que os teñen. A Policía Local comezará a sancionar as infraccións a partir do presente mes de setembro, polo que dende a Concellería de Seguridade, Tráfico e Transporte do Concello de Tomiño, se recomenda o máximo cumprimento das normas.

 

ADETO inaugura hoxe a súa sede social nas Galerías Comerciais

Hoxe, 5 de setembro, a partires das 21.00 horas, a Asociación de empresarios de Tomiño (Adeto) inaugurará a súa nova sede situada no local B das Galerias Comercias de Tomiño. Ao acto asistiran representantes das Asociacións do Baixo Miño, Representantes da Cámara de Comercio de Tui, presidente da Federación Galega de Comercio, delegado Provincial de Traballo e membros da corporación municipal, entre outras personalidades. Con este cambio que supón unha melllora importante para este colectivo, Adeto pretende consolidarse como un punto de referencia para os empresarios de Tomiño, sendo un eixe dinamizador no avance de Tomiño cara ao progeso.

 

Mércores, 3 de setembro de 2008  

Cultura organiza actividades de rúa coincidindo coas Festas do Alivio de Tomiño

A Concellería de Cultura do concello de Tomiño que preside Jesús Castiñeira, organiza unha serie de actividades de rúa, actuacións e exposicións, coincidindo coas Festas do Alivio 2008. Na programación, pensada para todos os públicos, destacan pola súa importancia, unha mostra de pintura de artistas da zona. Trátase da XXVI Exposición de Pintura do Alivio, na que participará unha vintena de artistas consagrados e outro tanto de noveis. Entre os primeiros, atópanse figuras como Eulalia Portela Jackson, Jáuregui, Sheila Quinteiro, Manuel Rodríguez Martínez, Carmen Iglesias o Basilio Calzado Domínguez. Cada artista concorrerá á mostra con dúas obras da súa autoría; algunhas delas, de grandes dimensións. A exposición estará aberta do 6 ao 14 de setembro, na Casa da Cultura de Tomiño, en horario de mañá e tarde.

As actividades de rúa e actuacións iniciaranse o día 6 de setembro ás 20.00 horas co espectáculo infantil “Unha de Piratas”, seguido do XV Festival Internacional de Folclore, ás 21.30 horas na Praza da Mina. En caso de choiva, esta actividade celebrarase no Auditorio Municipal de Goián.

“As Pekanetas” (contacontos), abrirá a programación do día 7de setembro; na Praza da Mina a partir das 20.00 horas. O día 8, un grupo de teatro infantil porá en escena “Codia e Miolo”; tamén ás 20.00 horas na Praza da Mina. O día 9 chegará ao escenario o espectáculo de clown “O Gordo e o Calvo van ao médico”. Á mesma hora e no mesmo lugar. O día 10 de setembro, actuará o humorista Fredi Crujer e o 11, pechará a programación o recoñecido grupo de música folk e tradicional “A Roda”. Este último espectáculo celebrarase no Terreiro do Alivio a partir das 22.30 horas.

Os espectáculos que se celebren na Praza da Mina contarán cun escenario cuberto e unha carpa, por se chove.

(Ver programa das Festas do Alivio 2008)

 

Martes, 2 de setembro de 2008  

O Consello da Xunta aproba o Proxecto Sectorial e o Proxecto de Obras do Parque Empresarial de Tomiño

O Consello da Xunta aprobou o pasado día 28 de agosto, por proposta da Consellería de Vivenda e Solo, o Proxecto Sectorial e o Proxecto de Obras Públicas do Parque Empresarial de Tomiño, que contará cunha superficie de 540.000 metros cadrados situados no val do río Cereixo, municipio de Tomiño.

A consellería nacionalista prevé un investimento superior os 15 millóns de euros para o desenvolvemento desta actuación en materia de solo empresarial, así como o inicio das obras de urbanización no primeiro trimestre de 2009. Deste xeito, o departamento ampliará a oferta de solo produtivo nesta parte do país, vinculada á área de influencia de Vigo.

Do total da superficie do Parque Empresarial de Tomiño -540.000 metros cadrados-, 294.200 serán destinados a uso empresarial, 129.600 a zonas verdes e a superficie restante destinarase a servizos, rede viaria e aparcadoiros.

Ademais, realizaranse distintas actuacións para asegurar unha óptima integración paisaxística do parque no seu contorno. Desta maneira, as naves empresariais deberán ter un aspecto coidado desde o punto de vista arquitectónico, esixindo que todas as medianas da edificación teñan o tratamento de fachada. Tamén se reporá a arboredo con especies autóctonas e protexeranse os regatos existentes creando unha zona verde.

Segundo precisou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o proxecto do parque empresarial foi unha das prioridades do Goberno Local, e o seu desenvolvemento vai supoñer un gran cambio económico para o municipio, mellorando as posibilidades de traballo de veciños e emprendedores. “En tempos de crise como os que se aveciñan, o mellor que podemos facer como concello, é por todos os medios para ofertar solo e posibilidades ás empresas que queiran asentarse”, sinalou a rexedora local.

Expropiacións

Neste momento, este departamento autonómico está a redactar o Proxecto de Expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento deste parque, para o que se destina un investimento de 88.900 euros.

A Consellería de Vivenda e Solo asumiu o desenvolvemento do Parque Empresarial de Tomiño o pasado mes de marzo, tras unha reunión celebrada en Madrid coa sociedade pública Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), inicialmente encargada do desenvolvemento desta actuación.