www.galiciasuroeste.info

CHEGADA DOS PP. SOMASCOS A VILA DA GUARDA

Impresións persoais

por José A. Uris Guisantes

seguinte

 

Profesores e Alumnos do Colexio San Xerónimo Emiliani dos P.P. Somascos fronte o 1º Colexio da Casa dos Alonso, na Praza de España. Padre Luís Bassignana, Padre Orestes Caimotto, Padre José Filippetto, hermano José Dimas e o mestre Manuel Coedo Martínez en outubro de 1957. A fotografía foi tirada por un fotógrafo dependente da Casa de E. Utrilla de Valencia.

A primeira noticia que tiven da chegada dos representantes da Orden de Clérigos Regulares de Somasca (Padres Somascos) á nosa Vila, foi dada polo defunto mestre Nacional das escolas Graduadas da Guarda don Nicolás Gutiérrez Campo, cando comunicou á miña nai que non podía seguir impartindo clases de Bacharelato nas escolas porque o Sr. Bispo lles advertira da ilegalidade na que estaban, e que ían comezar en setembro de 1957 a dar clases os P.P. Somascos na Casa dos Alonso sita na praza de España (hoxe Praza do Reloxo)  os que contaban ca súa protección e a do párroco local.

Daquela don Nicolás e outros mestres tiñan como unha especie de Academia onde daban clases de Bacharelato por libre, tendo que acudir ao Instituto Santa Irene en Vigo para examinar aos alumnos. Creo lembrar que se pagaba 100 e logo 120 pesetas mes. O nivel desta academia “sui generis” era alto, polo que cando tivemos que pasar a estudar nos Somascos (outros foron para Vigo), o nivel baixou case que a cero.

Menos mal que aquel ano e o seguinte a base que tiñamos serviu para “ir tirando”, cuestión esta dos estudos que, persoalmente, tiven que deixar para traballar debido a que a miña nai non podía pagar estudos fóra da Guarda. 

Galería da Casa dos Alonso a comezos do Curso de 1958. Os dous de fronte son José Luís Alonso Riego e Luís Alberto Franco Lomba, detrás de Berto está Uris e segue padre Orestes. Ao fondo situábase a entrada a cociña.

Digo que o nivel escolar baixou a cero porque os primeiros Somascos chegados a Guarda non sabían falar castelán – algo chapurreado o Padre Orestes Caimotto – limitándose a que leramos as leccións. Sinalar que o padre Orestes era Doutor en Pedagoxía pola Universidade de Milán e Complutense de Madrid, estaba licenciado en Filosofía e Letras pola Complutense e graduado en linguas polas Universidades de Xénova e Neuchatel (Suíza).

Alumnos  das clases elementais no mes de outubro de 1957 cando aínda non dispuñan de pupitres.

Chegaran – creo lembrar – en setembro de 1957 e logo no mes de outubro comezaron a dar clases elementais de bacharelato. O Director era o padre Luís Bassignana (alto como un día sen pan), pero o “motor” era o padre Orestes, oriúndo do Piamonte, padre José Filippetto e o hermano José (creo que era asturiano). Cando o director padre, Luís Bassignana, e O padre José Filippetto marchan para Aranjuez en outubro de 1961 xa eu non estaba estudando o haber pasado a traballar na Farmacia de don Antonio Vázquez Palacios.

Curso 1959/60 á entrada do Instituto de Santa Irene de Ensino Medio (Vigo). Canario; Rubio; Giráldez; Uris; Tomás e Leopoldo.

Alumnos de Bacharelato diante da entrada ao Instituto Santa Irene de Ensino Medio, despois de examinarse por libre. José A. Uris Guisantes; Amado Sola Gándara; Florencio Gutiérrez Melero; Luís Alberto Franco Lomba e José Luís Alonso Riego en 1960. Fotografía tirada polo padre Orestes.

Lembro daquelas datas que de cando en vez íamos xogar algún partido noutro colexio que fundaron os Somascos en Caldas de Reis co nome de San Fermín, asesorados por dona Margarita Mosquera Trapote que era oriúnda daquela Vila.

Excursión a Caldas de Reis en 1959. Fotografía do encontro celebrado contra os alumnos de Caldas. As camisetas foran cedidas polo Sporting Guardés recén creado. A meirande parte destes alumnos son sobradamente coñecidos.

O avó de dona Margarita, don Adolfo Mosquera Castro, foi durante moitos anos Secretario do Concello da Guarda, escritor combativo contra todo o que significara o caciquismo e poeta. Escribía baixo o pseudónimo de “Sensitiva” e “El Duende de Mazaracos”. Foi unha axuda eficaz no labor que o Alcalde don Manuel Álvarez Vicente fixo na Guarda, tanto na ditadura ( ou dictablanda) de Primo de Rivera, canto nos dous primeiros anos da IIª República. 

Gol do equipo do Colexio San Xerome Emiliani da Guarda en 1959. O árbitro era o padre José Filippetto.

Como dicía as clases de bacharelato (eu creo que ía facer 3º Curso) eran na galería traseira do edificio dos Alonso, tiñamos un camelio no patio cheo de paxariños que nos distraían bastante do estudo (moito estudo e poucas clases didácticas) debido a que non había cortinas. Este patio tiña unha entrada pola rúa de Méndez Núñez. Dende ese mes ao chegar as 12 ou 12,30 h., cada poucos días chegaba o olor peculiar de cebolas a cocer na grande cociña que estaba a poucos pasos da entrada á galería, desa época ben o alcume do hermano José “hermano Ceboleiro”, por aquilo das cebolas.

Visita ao Trega en 1959 dos alumnos do Colexio San Xerome Emiliani da Guarda.

O padre José Filippetto foi o artífice (entre outros traballos manuais que ensinaba aos alumnos mais novos) de montar en 1958 un “nacimiento viviente” no baixo da casa dos Alonso onde  estaba a Policía Nacional.

Lembro tamén que a primeira é única vez que vin a dona Consuelo Melón Alonso foi en Vigo no ano 1958. Resulta que o padre Orestes aproveitou que ía con alumnos ao Instituto Santa Irene para falar con dona Consuelo dos asuntos que os Somascos traían entre mans. O domicilio de dona Consuelo en Vigo era (creo) na rúa Colon, subimos unhas grandes escaleiras de madeira (ata o 2º andar) onde abriu a porta a que logo  sería esposa de Tomás O Barbeiro. Entramos e vin nunha grande cama a dona Consuelo, enorme toda de branco, cun gorriño tamén branco na cabeza, no meo dun gran silencio (como si estivéramos esperando algo), falou a modiño unhas palabras co padre Orestes, asinou algún papel e esa foi a visión totalmente branca de dona Consuelo. En agosto de 1959 informáronos do seu pasamento... pero xa despois de que vira cumprida a vontade da familia Alonso de atopar unha comunidade relixiosa que aceptara a herdade e comezara a formar á xuventude guardesa.

Excursión ao Trega en 1959, o alumno que ten unha póla de eucalipto na man é José A. Uris, con outra pequena póla está Eduardo Uris (finado en Francia en 1994). 

A persoa que tiña todo o poder legal de dona Consuelo era o médico especialista en uroloxía e dermatoloxía don Nicolás Peña Martínez, Xefe do servicio de dermato – venereoloxía do Hospital Municipal de Vigo, o que máis tarde levaría o seu nome. Hoxe está transferido ao SERGAS convertido en centro de Saúde Nicolás Peña, atendendo unha área sanitaria de 15.000 persoas.

O bens de don Nicolás Peña foron para a Universidade de Santiago co fin de conceder bolsas de estudos aos estudantes “aplicados” que carezan de recursos económicos.

Coches de Saracho da Lña A Guarda – Vigo onde debíamos viaxar para poder examinarnos por libre. Eran da marca Krupp alemáns, creo lembrar que estaban pintados de cor amarelo.

Lembrar que dona Consuelo por medio de don Nicolás Peña ofrecera o legado “dos Alonso” á Compañía de Xesús en Vigo, que non aceptaron, non sei o por qué.

 

seguinte