Tino Baz

poeta cantor

     

  

 

            Constantino Baz Baz, Tino Baz, naceu o 21 de febreiro de 1972, sendo o segundo de catro irmáns: Carmen María, Tino, Marta e David, fillos de Constante Baz Alonso e Carmen Baz Alonso.

            Asiste ao colexio das Nais Bieitas, no ano 1975, contando daquela 3 anos, ata 1978. Nos Padres Somascos cursará os oito anos da EXB, e ao rematar matricúlase na Sangriña para cursar 2º ciclo de Formación Profesional na especialidade de Informática de Xestión, algo que di Tino que foi anecdótico “petei na súa porta, pero ela non petou na miña”, en alusión a que aqueles estudos non eran o seu.

            Foise, tamén di, a outra universidade, á Universidade da Vida.

 

            Tino leva a música nas veas, ou como se di agora, nos xens. Di un refrán popular, guardés, que “Para cantar os Latos, e para bailar, os Mascatos”, en alusión a outra familia guardesa na que o gusto polo baile era demostrable. A cousa musical estivo, pois, no seo familiar. Lembra Tino as caixas de froitas e nun “man a man”, percusionar co seu pai e cantar ao ritmo dese improvisado son. Quizais por influencia paterna, decidiuse o noso cantautor pola gaita, aínda que non está seguro de que así fose  “habería unha querencia natural, moi magnética”, trata de explicar recorrendo á nenez “eu escoitaba unha gaita na rúa, e íame detrás dos gaiteiros”, acaso movendo os dedos nunha ficticia gaita da que arrancaba sons silenciosos capaz de escoitar só el.

 

 

            Constante Baz, pai, anímao a formar parte dun grupo: “Por que non te vas a Os Pelouros?”, e a resposta afirmativa do entón neno de oito anos, sae apurada e polo mes de setembro de 1980 incorpórase ao grupo de gaitas “Os Pelouros”, do Recreo Artístico Guardés, baixo a dirección de Manuel Álvarez, compartindo con Óscar Álvarez, Pablo Baz, Xan Lois Lomba... Emilio Amil, de quen conserva moi bo recordo porque lle daba “un gran valor á amizade e ao compañeirismo”, esta formación ata 1982.

 

 

 

En 1983 intégrase no grupo de gaitas “Os Petóns”, dirixido por José Manuel González Peniza, ata, aproximadamente, setembro de 1984. Neste ano intenta iniciar un curriculum musical de corte académico e matricúlase na Filial do Conservatorio de Música de Vigo, na Guarda... pero só acode ao discurso inaugural do curso, e dálle un rotundo “non” á formación regrada. Decídese pola formación autodidacta e auditiva; por un traballo constante de autoformación e esixencia.

 

 

E comeza, tamén, unha nova etapa: a de tocar en solitario, unha veces onde decide, por exemplo para os turistas que visitan o Monte Santa Trega; e outras, onde o chaman, ata que en xullo de 1990 pasa a formar parte dun dos grupos de sona en Galicia: “A Roda”.

A oportunidade chegoulle por mediación de Suso Vaamonde, músico con moita vinculación coa Guarda a onde, polos anos setenta, veu para recoller música popular acudindo ás tabernas, falando cos mariñeiros; sementando unha grande amizade con Tante (Constante Baz Alonso, pai de Tino).

Cando Suso Vaamonde volve dunha viaxe de Venezuela, acode ao restaurante Alborada e, de forma improvisada, comeza a rasgar as cordas da guitarra, sumándoselle Tino coa gaita. Nesta altura “A Roda” está reestruturando a formación, e Suso Vaamonde propón a incorporación do cantautor guardés como gaiteiro da formación.

Durante sete anos, ata febreiro de 1997, Tino é o gaiteiro desta formación. Pero a vida artístico-musical do cantautor reclámalle outros aires; saír dun formato no que semellaba seguir un principio de inercia musical.

Tino Baz valora o aspecto formativo da etapa que pasaou con “A Roda”.”xa que sen esa etapa, sería imposible entender o que viría despois”, e engade o cantautor que “aquela foi unha porta de entrada ao futuro musical: sen medos a presentarte diante dun público; foi unha etapa de afianzamento na música e de afianzamento fronte ao público”. A etapa na que hoxe segue a estar...

 Nesta experiencia musical, foi incorporando máis instrumentos a aquel primeiro acompañamento que tivo a voz. E así chegou a percusión tradicional; despois, a guitarra, e máis tarde, a zanfoña, un instrumento, di, “que se asocia ben co canto. É un instrumento agradecido tecnicamente, e permite explorar a voz conxugándoa coa son que produce”.

 Anxo Pintos, que impartía clases na Universidade Popular de  Artes e Oficios de Vigo, introduciuno no dominio da zanfoña. Entre 1999 e 2000, asiste Tino Baz ao curso de iniciación. E con estes principios, dáse por satisfeito: xa pode intentar descubrir os sons que agochan as cordas e as teclas deste antigo instrumento; un alfareiro da música tradicional ao estilo dos vellos gaiteiros.

 

Tino, ademais de músico autodidacta, é poeta de palabra comprometida. Aínda que se inicia cantando o que outros escriben, momentos que o cantor-poeta cualifica de “sondaxe na palabra e na composición”, comeza a abrirse un camiño que o leva a versos de autoría propia, fundamentalmente de contido social, cívico, pero tamén con outras connotacións: existencial, telúrico, amorosa, que compaxina coa musicación de poemas de autores recentes: Marica Campo, que lle prestou poema e título do primeiro traballo gravado, “Cinsa namorada”. Aí, na voz e na música de Tino están, tamén, Celso E. Ferreiro, Bernardino Graña, e outros máis nosos: Xosé Carlos Gómez Alfaro, que foi profesor do cantautor, e Álvarez “Koki”, por citar algúns constructores da palabra polos que sentiu predilección Tino.

Tino dá voz a feitos acontecidos; contados por quen os viviu, ás veces; e outras, por quen os recibiu doutros. A oralidade recibida, atopa eco musicado describindo unha situación, un feito, un suceso. Así acontece con “NHa derradeira vontade” ou o “Romance da Maruxa”, ambos cantares con ecos que aínda soan no antigo campo de concentración de Camposancos.

“A veces”, di o poeta-cantor, “a necesidade de compoñer unha peza vén dada por estímulos heteroxéneos”, é o caso de “Brandián”, que reflicte a beleza paisaxística, sonora, medioambiental.

Hai en Tino, tamén, unha tendencia a cantar ao semellante; ao amigo armando palabras que dedica a alguén que, acaso, un referente humano, acaso “un alguén que te permite formarte como ser humano”. É co caso de “Eu que son o Taxota”.

Neste mundo da palabra, o cantautor de dotes interpretativas, trae á memoria o seu paso polo teatro, baixo a dirección de Juan Carlos González, que promoveu a creación dunha compañía local “Escena Popular”. “Coñecer (a Juan Carlos), foi para min algo fundamental pola connivencia entre as artes musicais e as escénicas; que me facilitou tablas e permitiume explorar outros aspectos de enfrontarme ao público”.

Aínda que, Tino Baz teno demostrado, o seu encontro co público prodúcese nun contexto de naturalidade, comodidade e nun medio no que se atopa a gusto. E el explícao subliñando que é importante interpretar coa complicidade do público.

Con “Escena Popular”, Tino Baz representou distintos papeis en obras como “Maruxiña Bailona” (ano 1999), onde cantou romances de cego en cada acto. En 2000 participa na escenificación de “Escándalo municipal” e en 2002, “O Achado do Castro”, no desaparecido Teatro Cine Avenida.

  

 

           Outra faceta de Tino é a didáctica, nun labor divulgativo da música tradicional, empregando tamén instrumentos de noso, por centros escolares e, incluso, no estranxeiro, como aconteceu en 2001 en Xenebra onde impartiu un obradoiro para o grupo “Algueirada”. Na vila da Guarda participou na formación do grupo de pandereteiras “As Batuqueiras do Trega”.

            No eido das colaboracións, podemos citar a experiencia musical compartida con “Treixadura”, participando na gravación de “Unha noite non é nada”, e no 2006, coa Asociación de Gaiteiros Galegos na gravación de “O quiquiriquiri"

 

A voz de Tino Baz quedará sempre para quen a recolleu nun espazo ao aire libre; nun centro cultural, nun salón de actos; alí onde quixo cantar ou onde o invitaron a facelo. E quedará, xa para sempre, en “Cinsa namorada”, o seu primeiro traballo discográfico que “supuxo unha satisfacción total; pero tamén un exame durísimo” que, tivo un resultado final “millor do que esperaba, e a receptividade foi un auténtico avasalo”. Con “Cinsa namorada”, Tino Baz percibe que pode chegar “a onde o boca a boca non o consigue”. Porque, fisicamente, o cantor ten andado de seu: Toda Galicia, pero tamén Madrid, Andalucía, País Vasco. E Portugal, Cuba, Brasil, República Dominicana.

 

Cando fala da homenaxe que lle rendirá o Agrupación cultural guardesa, Tino, nese discurrir espontánea da palabra sae con un “colleume con pantalóns curtos”, e engade que non agardaba ser merescente dunha homenaxe e nun primeiro momento “tiven tentativas de non aceptalo”. Logo aceptas, e con humildade tes que dicir “moitas grazas”. E por dignidade, e moito respecto para quen o propuxo, acéptalo e “espero estar a altura das circunstancias”.

E ten, diante da homenaxe, un certo temor porque “publicitas as túas vivencias, e malia a experiencia fronte ao público, segues a ter os teus pudores”.

Escoitando a Tino, parece non ser aínda momento de homenaxes “pero ante a proposta, e polo dito antes, non me podía negar”.

 

Imos rematando. A Tino Baz seguirémolo escoitando, ollarémolo coa gaita, coa zamfoña, coa caixa... hoxe, mañá, e os días que han de vir despois de mañá”porque”, como el mesmo di, “son xa moitos anos de adición”.

 

(Esta reportaxe completarase nos próximos días...)