www.galiciasuroeste.info

O TÍO SANTIAGIÑO

D. Santiago Baz Lomba

 

             Nado no barrio mariñeiro un seis de febreiro de 1888, o tío Santiagiño, como di seu neto Daniel, era un home mariñeiro completo, dende rapaz xa se adicaba á pesca, pódese dicir que naceu no mesmo mar, membro dunha familia numerosa que tamén se adicaban ás faenas da pesca.

 

             Casou con dona Josefa Velasco Alonso que axudaba tamén nas distintas faenas que a pesca conleva, muller moi traballadora quedou inválida para poder moverse pero con iso aínda axudaba e aconsellaba ao seu compañeiro, primeiro como mariñeiro e logo como armador.

 

             Pai de numerosa prole, os fillos seguiron os mesmos derroteiros que o tío Santiagiño, mariñeiros e armadores [Bernardo Baz Velasco “Naro” e Antolín Baz Velasco “Rejaderas”, Manuel Baz Velasco], agás dous deles que escolleron as Américas para traballar como emigrantes, mais unha boa cantidade de netos aos que levaba de paseo a Alameda o día de Santiago Apóstolo, que era o día do seu Santo, naturalmente a meta era o chiringuito da Leona e de Chuco onde invitaba aos netos a churros.

 

             Cómo o tío Chuco sempre estaba de bromas lle espetaba tío Satiajo, ¿cantos netos novos lle caíron na liña?, contestaba ¡ísto é unha fortuna!.

 

             O tío Santiagiño era a cara amable e simpática do barrio mariñeiro, cheo de amigos, que o escoitaban na taberna-estanco [Expendeduría nº 2] de O Roxo [Enrique O Roxo], tiña un aquel de pillaban intelixente, case que era como un pequeno actor no seu ambente de taberna.

 

              O relato das súas aventuras acontecidas na pesca ó longo de tantos anos o fixeron famoso na contorna, aldeas e  A Marina, non digamos cando chegaban os guardeses das américas a pasar uns meses, entón era cando “bordaba” os relatos....

 

              Estas historias-relatos foron algungas delas publicadas no xornal ABC de Madrid, o máximo colaborador e cómplice do tío Santiagiño era o propio taberneiro, o tío Enrique O Roxo, e a tía Chuca cando ía tomar uns grolos á taberna que esta rexentaba coñocida cómo A Naranja, ou ía corta-lo pelo a peluquería de  Faustino  O Botabaixo, lugar onde tiña unha grande audiencia cos clientes de Salcidos, Camposancos ou O Rosal.

 

             Os relatos-novela mais famosos foron: O da balea, O trémello, Tres publesitos, O carallote, A caldeirada, O da aldea, Os tomates, e moitos máis.

 

              Alguns dos oíntes chegaron a dicirlle que metía moitas “trolas” cas súas historias, e o tío Santiagiño sempre tiña unha resposta: “Eu non falo para a xente, solo falo para min, o que queira escoitar que escoite,... o que queira picar...pois alá él..."

 

              Tiña tamén algunhas frases cómo citas para enriquecer os relatos: “as redes no arcás, non pescan". “El aceite de tu pellejo”.  

 

A BALEA

 

              Indo unha vez a pesca da sardiña atopámonos cunha gran ballena, e díxenlle ós compañeiros: “hoxe xa temos pesca”. Paramos a motora e amarrámola cuns cordoeiros á ballena; pero antes de virar pro porto acordamos facer a caldeirada enriba do lombo da ballena.

 

              Baixamos o tripieiro e máis unha pota e fixemos a fogueira. E todos arrededor do pote. Nisto, ao comenzar a quecer, dixo Rufino: ¡Cuidado, compañeiros, que me parece que a ballena non está morta, que está durmindo!

 

              E no intre, empezou a dar uns estrozóns, e non deu tempo máis que a subir pro barco, cortar amarras cunha machadiña, e alá se vai a ballena, e o que foi peor, a pota que me custara, naquil entón, doce pesos.

 

               Dalí a pouco apareceu, frente A Guarda, unha ballena morta, aboiando, cunha gran ferida no lombo. Era a queimadura que lle fixéramos coa fogueira.  

.

A CABRA

 

               Aconteceume en Camposancos cado vin que andaba por elí sola unha cabra grande e blanca, da que se dicía estaba embruxada e que naide a daba collida, cada vez que se lle arrimaban, a cabra ¡je! ¡je! rompía a rir coma unha señorita educada.

 

               ¡Coiro!, dixen eu, pra ela ha de chegar Santiagiño. Pedinlle a Enrique O Roxo que estuvo en Méjico e que me ensinara a facer un lazo mexicano. E alá me vou pola noite escura.

               Cheguei, e alí estaba o carajo da cabra co pescozo alevantado como unha jirafa e os ollos a relucirlle.

 

                Arrimeime un pouco e: ¡je! ¡je! ¡je! Entón faleille: Guapa, ven aquí, guapa.

                E ela a rirse ¡je! ¡je! ¡je!. Cando estaba pertiño, tireille o lazo por enriba dos cornos e enlaceina ben forte.

 

                Entón dixenlle: Riéte agora, anda. Quedou caladiña e tróuxena hasta deixala amarrada a esos piñeiros que hai por debaixo do Tecla.

 

                 Pero cadrou que por elí pasou un mariñeiro, que non sabía nada do caso, e a cabra, ¡je! ¡je! ¡je! votoulle unha risada larga. No mismo intre, a aquel mariñeiro mozo, co susto  que levou quedáronlle pra sempre os cabelos blancos....

 

    Iso foi certo- rematou de afirmar o señor Enrique O Roxo.

ANÉCDOTAS

Un día estando a pescar no “bordo” toca facer de comer no “tripieiro” e un irmán do Cartuchera lle di:

              Tío Santiajo case que non temos leña para facer de comer”.

               Coiro, ¡cómo nun hai leña!, tes os palos, a obra morta, as panas, o ponte...¡é dis que no hai leña!.

              Nin corto nin preguiceiro o irmán do Cartuchera colle a machada e ía dereito ao palo... ¡para, carallo! ¡que vas facer!... ¡que nos deixas sen palo!.... contesta o mariñeiro: “Fago o que vostede me mandou”. Pero home, home..... ¿nos ves que era de bromas?.

                Nestas tempadas patroneaba un barco de madeira mercado ó Sr. Castelar [casado con unha cuñada de Marcial Rodríguez da Cruzada] que logo chegou a ser celador do Porto de A Guarda.

                Outro día un mariñeiro lle di:  Tío Santiajo ¿que facemos hoxe de comer?

                                                            ¡Coiro, xa ves que temos de tódolos peixes...congro, rodaballo, linguado, pescada, robalos!. ¡E dis que non hai para comer!.

                O mariñeiro vai e colle un robalo de preto de oito quilos para botalo na ola é escoita ao patrón. ¡Para coiro!, ¿que vas facer? ¿non ves que é o mellor peixe que temos na cesta?...¡é que vostede díxome que collera o mellor!. ¡si home si !, pero, ¿tí cando vas con teu pai na gamela o mellor congro e o mais grande é para comer, ou para vender?.

                Contesta o mariñeiro. ¡é para facer cartos!. Entón pasa o mesmo con este robalo, ¡que é para facer cartos!.

(Datos: Facilitados polo neto Daniel Baz).

                                                                                           José A. Uris Guisantes.