www.galiciasuroeste.info

José de la Santísima Trinidad Arman

Por José A. Uris Guisantes

 seguinte

José de la Santísima Trinidad Armán na Praza de A Guía en 2009. Fotografía de José A. Uris

-------------------------------

 

José de la Santísima Trinidad Armán, naceu na xuradía de Marzán  (O Rosal) o 4 de maio de 1923, fillo de José Juan de la Santísima Trinidad, natural do Hospicio de Tui e de Aurelia Armán Rodríguez, filla de Manuel e Bernardina de Pancenteo (O Rosal). Tiveron os seguintes fillos: Aurelio (18/05/1922); Pepe (4/05/1923); Alfonso; Manolo; Juan e Francisco.

 

Á esquerda, Aurelio; Pepe; Alfonso; Manolo; Juan e Francisco de la Santísima Trinidad Armán nunha xuntanza familiar nos anos noventa. Fotografía cedida por Pepe.

----------------------

 

Cando seu pai tivo que ir traballar a Sevilla acordan que o máis vello Aurelio pase a vivir cos avós é Pepe (meu protagonista) pasa a vivir cos padriños co obxeto de aliviar a carga da nai.

 

Na casa dos padriños vivían dúas irmás solteiras a quen o Pepiño lles caeu ben. O primeiro que fixeron foi ensinalo a rezar o ir para cama, baixo a luz dun farol alimentado por carburo, nos invernos debía rezar o rosario. Tamén lle ensinaron  a ler o Silabario, mais tarde, cando xa sabía as primeiras letras, pasa a estudar nunha escola que estaba na casa da tía Florinda da Cunchada, sendo a maestra dona María Soto, irmá do crego don José Soto. Lembra que un dos alumnos foi don Indalecio Carrera Abeijón o que logo sería médico no Rosal e na Guarda.

 

En 1931 remata a monarquía de Alfonso XIII e chega a República, lembrando as clases que recibía de don Justo Estévez de Guillarey (experto en dar labazadas aos alumnos). Nas vacacións do verán ían a unha escola no Barrio de Parada en Novás rexentada por unha mestra andaluza, dona Carmen Fernández Calderón.

 

No inverno seu pai ensinaba aos fillos a facer contas, problemas e dictado. Dende moi pequeno sabía manexar a aixada, ir a coller jateño ó monte e cargalo no cabalo, descargar na casa e volta para ó monte.

 

 

En 1932 o mestre ensina aos alumnos un libriño co título Corazón (de Edmundo Amicis, publicado en 1886, obra, concebida na forma como o Diario persoal dun neno, de nome Enrique) o que lle quedaría gravado na memoria para sempre o que as mais das veces se lle ven a memoria. Agora mesmo nestes días da primaveira de 2013, cando Mercedes Iglesias Domínguez Chela lle prestou o libro para copiar, ata lle caen as bágoas recitando algún pasaxe. O que el tiña o regalou cando estaba lasqueando na telleira de Guitiriz (Lugo). Tamén se emociona lembrando cando o difunto do pai lles leía, mellor dito recitaba, cunha excelente voz a súa esposa e fillos algún pasaxe do mesmo.

 

Tamén lembra, entre outros moitos detalles o chamado Juramento del  Patriota impreso no libro Virtud y Patria:

 

¿Dónde vas hijo mío?

Al combate y a la victoria,

pienso escribir mi nombre

ilustre en la historia.

¡Es grande tu atrevimiento!

¡Madre! El mundo lo proclama,

cuando la Patria nos llama

con tan noble sentimiento.

¿Y que buscas delirante?

Ver a mi bandera triunfante,

entre el polvo que levante

el bote de la metralla.

¡Ay hijo mío! ¡Temo perderte!

¡Siento una pena fiera!

¡Madre! Si me es adversa la suerte

que me cubran con mi bandera,

después de mi muerte.

 

En 1933, nace o último dos irmáns, Francisco e  Pepe con 10 anos debe axudar. O máis vello con 12 anos ten que marchar a traballar nunha telleira, mentres Manolo, Juan e Pepe facían os labores da casa ó mesmo tempo que atendían ao pequeno Francisco.

 

Chega a guerra incivil en 1936, e o derradeiro mestre don Eladio debe incorporarse obrigatoriamente ó fronte de guerra, quedando os alumnos á deriva, e coincidindo ca marcha do irmán maior para a telleira. Foi cando o noso protagonista Pepe debe incorporarse ao traballo cotidian nas leiras, axudando a mulleres e vellos en varios menesteres, debido a que la flor de la juventud estaba na guerra como recrutas forzosos, ou na cova… por iso as vellas dicían …o traballo dos rapaces e pouco, pero o que ó perde é un loupo... En xullo de 1936, bastantes telleireiros que estaban en Castela tardaron tres anos en voltar o pobo unha vez dada por rematada a guerra.

 

En 1938, Pepe con 15 anos marcha para a Telleira de Os das Peras en Xinzo de Limia. O camión no que viaxou por primeira vez a telleira era de Goian da familia de Os de Pedro, dedicado ao transporte de peixe dende A Guarda a Ponteareas, A Cañiza, Ribadavia, Ourense e Verin. Era un pequeno camión Dodge, na visera puña Los Dos Hermanos e nas portas Santa María de Oya-Pedornes.

 

En 1939 vai outra tempada a Telleira de Laracha como tendedor, en 1940 vai traballar  en Salvaterra. En 1941, cobrou  950 ptas na tempada como tendedor. Nos anos 1942 e 1943 pasa a traballar en Guitiriz. A manutención era caldo e pan para o almorzo, caldo e touciño con pan no xantar- alguns días guiso de carne con patacas ou patacas con un pouco de bacallao-, na merenda pan e auga e na cea caldo e pan, o viño nas telleiras era un artigo de luxo. 

 

En 1944 pasa a servir no Exército por súa Quinta e no mes de  xullo de 1946 foi licenciado, no ano seguinte de 1947 pasou a gañar na telleira 400 ptas por mes. Lembra que antes de ir a Mili comezou a ter amistade cunha moza de A Guarda, Carmen Cadilla Baz, relación que remataría en voda.

 

Exemplo dunha telleira en Laracha. Esta é de Anselmo e Manuel  Álvarez Vicente  Os da Caseta a quen vemos  lasqueando no barro. Eran naturais da parroquia de Salcidos. Fotografía cedida por Elena Cividanes Álvarez neta de Manuel

----------------------

 

Pepe, lembra que o 18 de abril (Feira no Rosal) era o día de axustarse cos arxinas (xefes) das cabaqueiras (telleiras) para ir traballar de tempada. O trato pechábase con un apreton de jouchas seguido dunha cunca de viño tinto na Taberna do Gaiado, na de Ramón de Santiago ou na do tío Marcelino. As cuadrillas que máis traballadores levaban eran as dos Minguillos (Verin e Ourense), os Paleóns[1] (Ribadavia), os Calloos (Maceda-Ourense). Os Cachuzos (Victoriano Cachuzo) de Pintán; Manuel e José Os Pinguetes de Pancenteo, Os das Peras, etc.

 

Outras telleiras relacionadas cos traballadores do Rosal, Salcidos é A Guarda eran: A Telleira dos Sobrales de Pías (O Rosal) na comarca de Ferrol. Elí tiñan un encargado que maltrataba aos rapaces que ían chegando a telleira cada tempada, non quixen recoller seu nome por darme noxo, pensar naqueles rapaces de 12 a 14 anos (nalgunhas telleiras ata de 8 a 10 anos) sofrindo dabondo. Os rapaces …ían aprender a gaña-lo pan que amasou o demo…

 

Na telleira de Os Sobrales aprenderon a conducir varios mozos co pequeno camión da empresa. Mozos que logo gañarían a vida conducindo camións ou coches de servicio público, cómo Os Tecedeiros é Os Diegos ( Luís, Celso é Cándido).

 

-Telleira de Anselmo e Manuel Álvarez Os de Caraja en Laracha (A Coruña). Outras máis en Barbantes (Ourense); Sainza (Rairiz de Veiga-Comarca da Limia-Ourense).  

 

Un dos empresarios que comezou cunha telleira e logo fábrica foi Manuel Arzúa do Rosal que en 1935 emigra a Ares e funda unha cabaqueira co nome de Arzúa onde se fabricarían tellas, ladrillos ou tixolos, rasillas e olas. En 1955 Manuel deixa a dirección que pasa a seu fillo Juan Arzúa e xenro, Severino Portela que  a explotan ata 1971. Con eles chegou a traballar Francisco Álvarez O Miúdo[2] louceiro-oleiro guardés. 

 

Forno de duas chemineas, tipo inglés ou de botella no lugar da Telleira de Arzúa (Ares-A Coruña)

--------------------------

 

Tamén Juan Avelino Otero González O Rojillo de Salcidos foi un dos grandes buxas, foi soterrado o 8  de outubro de 1984, oficiando o funeral don Feliciano Trigo Díaz que no seu día fora tamén cabaqueiro e autor do libro Zanqueado cos cabaqueiros (2001). Andrés Vicente Minguillo e outros.

 

En 1938 un oficial de telleira gañaba  800 ptas por tempada, un rapaz de 1º ano 100 ou 150 ptas.

 

Por miña parte engadirei que os ensaios sobre a arquitectura popular apenas citan o tema das telleiras cando abordan a cuestión das cubricións, limitándose a observar o feito de que estes establecementos eran os principais fornecedores da materia prima coa que se teitaban e construían moitas vivendas, cabanons, chabolas, canizos, etc,etc. Soamente na Bisbarra do Baixo Miño podemos dicir que se tomou en serio seguir lembrando o oficio que deu de comer e matou de traballo a tantos e tantos rapaces e homes da nosa bisbarra, sendo O Rosal onde se centra  ésa historia.

 

Tampouco existen estudos globais sobre as cabaqueiras, polo que carecemos dun inventario que recolla o número, lugares e estado de conservación das que poidan existir. Palabras como caseta (onde se gardaban as ferramentas, a comida e dormía), eira (onde puñan a secar as pezas), forno (onde se cocían os materiais), pía (onde se amasaba o barro), leñeiro (onde se gardaba todo aquelo que ardera para quentar o forno), pallete (onde se gardaba o material cocido e preparado para a venta).

 

Oficiais, carretiñeiros, pieiros, tendedores… os oficiais debían saber encañar, cocer, senta-las tellas, sendo o primeiro en dar exemplo para entrar na eira, algunhas das veces debía discutir co amo pola comida ou polas condicions do traballo.

 

Sobre a xerga ou verbo dos cabaqueiros ou telleireiros, escribiron ou recolleron dabondo don Domingo Álvarez Álvarez Xan D´Outeiro; o crego Feliciano Trigo Díaz[3]; Praxiteles González Martínez; Xoan Martínez Tamuxe; Feliciano González Otero; Vitoriano de Saladina é o propio José de la Santísima Trinidad Armán.

 

Nos anos posteriores o remate da guerra incivil moitos Concellos onde oubera cabaqueiras necesitaban que se abriraran para fabricar ladrillos (tixolos) e tellas, sobre de todo na provincia de Madrid onde quedaran pobos desvastados pola guerra. Así o 13 de marzo de 1940 o Alcalde de Valdilecha[4] (Madrid) don Angel López solicita do Concello guardés informes sobre cabaqueiros que desexen ir traballar dous homes. O detalle é que a carta chegou a nosa vila pois como se pode ler puñían La Guardia-Ourense.

----------------------

 

Outra lembranza de Pepe é que no ano 1939 foron a telleira en Estramil (A Coruña) un  coche de turismo conducido por Francisco Álvarez Cajeno, eran oito persoas e oito maletas que ían a bordo, ainda hoxe non sabe como poideron viaxar... case que necesitaban o Ferias y Mercados de Jesús o das gasosas.  A viaxe custou 216 ptas.

 

Pepe, en 1947 volta a telleira en Guitiriz. Nos anos 1948/49/50/51 traballou na telleira de Muimenta (Lugo), para pasar en 1952 a unha telleira en La Cabrera (provincia de Madrid), é voltar outra vez  a de Muimenta en 1953.

 

Lembra con nostalxia a todos aqueles compañeiros de telleira que se foron: Sergio das Peras; Serafín O Grilo; Manuel Ventureiro; Alejo dos Panadeiros; Tomás de Caselas; José Ríos; Manuel O Rubín; Gervasio de Paula; José da tía Rosa; Manuel da Roxa; Pepe O Mariñeiro; Manuel Framengo; Manuel Durán de Mavia; Felipe O Crista; Ramón O Cabaleiro; Serafín da Rocha; Paulino O Naranxo; José Mª de Pintán; José Brites; Antonio Laranxo

 

Telleira no Barco de Ávila. Enriba: 2º Gabriel Reyes; 6º Teodosio e 7º Avelino Carrorio. Abaixo: 1º Amadeo (buxa ou amo); 2º Américo; 3º Ricardo Caldelas; 5º Maximo e 6º José Salinas. Fotografía de Vitoriano Rodríguez González

------------------------------

 

Durmían en camastros feitos de táboas, colchóns de palla que se debían cambear e de cando en vez poñelos ó sol para desinfectalos, ainda que ca chegada da ZZ (DDT)  nos anos cincuenta supuxo unha revolución en canto a eliminacíón de parásitos. Nembargantes foi prohibida a comercialización e uso por ser altamente contaminante do meo ambente e da cadea trófica dos alimentos. En 2006 a OMS (Organización Mundial da Saúde) autorizou o uso para combater a malaria.

 

Falando sobre as telleiras co amigo Ignacio Fajar Álvarez da saga de Os Quintados contoume que el foi á telleira aos oito anos para unha que estaba en Castrojeriz (provincia de Burgos). Anos mais tarde iría acompañado de seus irmans Avelino; Ramón; José Efrén; Antonio;  Angel e Eloy.

 

Traballaron en Arenillas de Ríopisuerga (Burgos); Acinas (provincia de Burgos); Cuarte de Huerva (provincia de Zaragoza); Botorrita (prov. Zaragoza); Telleira de Avelino Martínez O Paxaro do Curuto (Verin); San Cibrao (Municipio de Oimbra); Sacaojos de la Valduerna (hoxe Santiago de la Valduerna-A Bañeza-León); Cimanes del Tejar (provincia de León); Arapiles (Comarca de Salamanca) e na Telleira de Amancio (Cachadas-Salcidos) en 1954. Con Ricardo Trigo do Castro en Ferrol; con Juan Benito Moreno do Cunchal-Netos; Ca familia de Os de Rosina (Netos); Os irmans Ramón e Manuel Portela Os Calloos en Maceda (Ourense); Con Eduardo da Silveira no lugar de Bandeira (Silleda); Antonio e Domingos Alfonso Os Rosaleiros en Xinzo de Limia.

 

Outras Telleiras foron as do Jandriña é Jandrón en Guillarei e as de Os Trinta en Guillarei e Ferreira de Pantón (provincia de Lugo). Fuentes de San Esteban (Salamanca); Nistal de la Vega (Astorga); Alto do Castaño (Ferrol);

 

E así ata que nos anos cincuenta comezaron a chegar as máquinas as telleiras e o traballo foise axustando a elas, xunto cos destajos, fornos de cocción etc.

 

…alfareiro oficio nobre e afoutado, Deus é o primeiro alfareiro ó home ven sendo o primeiro cacharro… alfarero oficio noble y bizarro, Dios el primer alfarero y el hombre el primer cacharro…

  

Casamento

 

Carmen Cadilla Baz e o que sería seu esposo José de la Santísima Trinidad Armán en 1944, antes de casar

------------------------------------

 

Casa o 25 de novembro de 1950 ca moza  Carmen Cadilla Baz, nacida o 10 de maio de 1917 na parroquia de A Guarda, oficiando a ceremonia o párroco don Saturno Gómez Vila. Carmen era filla de Jesús Cadilla O Largo, pescador é de Angelita Baz Pena, ama de casa que ademais axudaba a seu home en terra.

 

Fruito do matrimonio foron José Antonio, nacido o 23 de febreiro de 1949 e Ana María Trinidad Cadilla, nacida o 14 de decembro de 1955, os que para evitar dificultades burocráticas optaron por acortar o apelido. Pepe me refire que unha vez casados foron vivir para a casa dos sogros na rúa Hernán Cortés, hoxe vivenda de seus cuñados Adolfo e Concepción.

Fotografía retocada por un fotógrafo profesional do tío Jesús Cadilla O Largo.

-------------------

Debo dicir que Carmen tivo os seguintes irmans: José; Paulino, casado con Josefina Sousa; Florencio, casado con Lola a Navarra; Jesús, casado en Buxán e Adolfo Cadilla Baz, casado con Concepción González González filla do Lustres.

Na fotografía de 1996 podemos ver a esquerda a Paulino; Adolfo; Carmen; Jesús; José e Florencio Cadilla Baz. Fotografía cedida por Pepe.

-------------------------

 

Como digo mais enriba, Jesús Cadilla O Largo era un vello lobo de mar, traballou como mariñeiro e patrón de pesca nos barcos de Saracho (don Pedro Saracho Arechavala) e co tío Santiaguiño (Santiago Baz).

 

Na tempada da pesca con alcharife ía pescar sables na gamela o río Miño, co seu equipo de compañeiros nas distintas quebradas para eles destiñadas. Nunca foi a pesca da  lamprea, polo que unha vez rematada a tempada dos  sables volvía a pesca no mar.

 

 

En 1905 fúndase a Sociedad Auxilio Marítimo, sendo un dos fundadores don Manuel Álvarez Vicente, entidade de axuda aos vellos mariñeiros pero que non chegou a acadar os obxetivos para os que foi creada. Dezaoito anos despois (1933) xorde o Patronato La Vejez del Marino, fundado e presidido polo Axudante da Marina de Guerra na Guarda, don Luís Martínez López moi apreciado en todo o pobo, home liberal e republicano que foi preso no comezo da guerra incivil e que salvou a vida de miragre, pasando varios anos no Penal da illa de San Simón (Redondela)

 

D. Luís Martínez López, presidíu o Patronato La Vejez del Marino ata 1936, seus fins eran  […] para ayudar a los marineros ancianos en sus últimos días de vida... Patronato no que se recibían unicamente os cartos da caridade dos cidadans guardeses e indianos de Puerto Rico, cartos cos que don Luís creou un fondo de reserva, para evitar que nalguns momentos os vellos quedasen sen nada, pero como dí Pepe Trinidad, nada recibían…

 

En 1950, cando casou Pepe o matrimonio pasou a vivir na casa dos sogros, edificación con adega e dous pisos, dividida en catro pequenas dependencias onde vivían seus sogros cos pais de Angelita (tío Adolfo e tía Margarita) mais dous fillos solteiros, noutra dependencia estaban Florencio ca esposa e fillos, noutra Paulino e súa esposa cos fillos e Pepe Trinidad con Carmen mais os dous fillos.

 

O tío Adolfo caseque finou entrallando redes e tía Margarita encamou, finando un ano  mais tarde que seu esposo. Estaban baixo os coidados de Angelita súa filla. Un irmán de seu esposo Jesús chamado Ramón (mudo de nacimento) era coidado por semanas por cada irmán.

 

O 3 de maio de 1954 pasa a traballar  no almacén de materiais para a construcción de José Riego Lomba, onde estivera primeiro o Cine Ideal e mais tarde o Salón de Baile Ideal-Caracol.

 

Tiña un salario de 25 ptas por xornada de traballo, sen seguro os primerios anos, sen horario fixo. Súa meta era loitar por un mellor salario pero cumprindo co traballo ó mellor posible, xá que no almacén tiña que ir todolos domingos a mañá. Sempre conta que neses primeiros anos traballaba mais que na telleira.

 seguinte

____________

[1] Un deles foi Manuel Vicente González

[2] Da familia dos oleiros Álvarez (Jacinto, Julián e Luís Álvarez establecidos dende 1834 na Cruzada)

[3] Autor do libro Zanqueando cos Cabaqueiros-2001-Deputación provincial.

[4] A 40 quilómetros de Madrid