www.galiciasuroeste.info

José Antonio Uris Guisantes

Homenaxeado no mes das Letras Galegas

30/05/2008

 

José Antonio Uris Guisantes, naceu o 12 de novembro de 1943, na rúa que hoxe se chama Manuel Rodríguez Sinde, e que antes era coñecida como “Callejón” de Piñeiro. Foron os seus pais Florinda Guisantes Rodríguez e José Uris Pena, ambos xa finados, o pai na emigración.

            Cando o proxenitor emigra a Venezuela (1947), José Antonio conta 3 anos, e o irmán, Eduardo, 2, trasladándose coa súa nai, á Praza da Guía, á casa da avoa Antonia, que finou centenaria. Tivera tamén unha irmá, que morreu con 18 meses.

 “Como meu pai gañaba cartos, comezou a enviar á familia un cheque en dólares,  e nós, daquela, viviamos bastante ben no barrio da Guía. Meu pai”, lembra o homenaxeado, “enviaba tamén uns cartos a miña avoa María Pena”.

As primeiras letras vai aprendelas no colexio das HH. Carmelitas, onde permanecerá ata facer a Primeira Comuñón, polo tanto ata os sete anos. Desta etapa escolar lembra á hermana Felisa, “unha vasca moi alta”, e recorda mesmo que “a miña nai, como tantas outras, tratou de educarnos o mellor posible, moito zapatillazo”.

Afeccioado ao fútbol, os primeiros balóns facíanse naqueles anos con medias e calcetíns, pero foi dos primeiros rapaces en ter un “auténtico” balón, de baloncesto, “que me mandara o meu pai de Venezuela”, aínda que pouco lle durou pois “os maiores, roubáronmo, e nunca máis se soubo del”. O balón enviárao o pai, deshinchado, para que ocupase menos, e con el chegaron medias de cristal para a nai, que eran, daquela, outro luxo. Cando xogaban ao fútbol, unha das porterías estaban diante da casa do tío Silverio, e a outra, á entrada da Guía, onde se montaba o arco das festas. Como os balonazos remataban na porta da casa de Silverio, a tía Emilia, encargábase de coller os balóns aos rapaces, como castigo. Lembra Uris “que a tía Emilia facía unhas palmas, para o domingo de Ramos, preciosas, e tamén fermosísimas flores de papel”.

E tamén lle gustaba a Uris xogar co bimbón, armando no cabanón da avoa, a modo de barca; un baúl no que cabían varios rapaces. Lembra que os mangallóns da Guía –dito con cariño- (Silvio e o fillo do tío Pacífico, entre outros), dáballe ao baúl-barca con tanta forza que se golpeaban no teito. Utilizaban “as cordas enormes que tiñan os canteiros e que usaban nos pozos”, facilitadas polo avó (finado no ano 38, deixando viúva e sete fillos), de profesión canteiro. Ás veces, viñan todos os que estaban no baúl para o chan, e se alguén facía unha esmechada, na casa empregaban, para deter a hemorraxia, teas de araña, por ter un principio coagulante. Outros xogos clásicos da rapazada eran a aba e o pañuelo.

Cando cumpre sete anos, fae a Primeira Comuñón un 8 de setembro, día da Virxe da Guía. Recorda daquela xornada “a paliza máis grande que levei”. Como saben os que teñen certa idade, cando se facía a Comuñón, visitábase a casa dos familiares para entregarlles, como recordo, unha estampa e a cambio recibían un diñeiriño, e como todos lle dicían: “toma rapaz, para ti”, o neno Uris, sentíase dono dos cartos. Así que pola tarde achegouse ao posto de lambetadas da recordada Concha a Lanchona e a súa nai, convidando “aos meus íntimos amigos do barrio da Guía”, gastando quizais 3, 4 ou 5 pesetas.

Cando a nai, Flora, bota contas, as contas non dan, e ao interesarse polos cartos que faltaban, José Antonio resposta “que o diñeiro era meu”, como tamén fora del os zapatillazos que levou. E Uris non entendía “que sendo o diñeiro meu, como era pecado gastalo sen autorización materna...”.

Unha vez feita a Primeira Comuñón, os rapaces, que non as rapazas, debían deixar o colexio das Carmelitas, e a nai debe buscar novo centro. Levalo aos Xesuítas da Pasaxe, non era plan, pois a distancia era moita para un neno de sete ou oito anos ata aquel colexio de sona. De modo que o seu tío Lalo, porque a nai non sabe escribir, empregado na Praza de Abastos,  inscríbeo nas Escolas Graduadas (hoxe antigo Rodríguez Sinde).

A nai Flora

Lembra aquí a tráxica nenez de Flora, a súa nai, que se ve na obriga de facerse cargo de todos os irmáns. O tío Lalo, estaba na guerra; a tía Rita, traballaba barnizando mobles para o tío Florindo na Eléctrica, “e á miña nai, porque tíñamos bois, vaca e cabalo, sácana da escola, o mesmo que á miña tía Candelaria, que finou no Brasil, e xa non puideron estudar máis, pois tiñan que atender as necesidades da casa”. O avó morrera dun infarto, no 38. E neste mesmo ano, un camión con prisioneiros destinados ao Campo de Concentración de Camposancos, desvíase da estrada pouco antes da curva das Loucenzas, e leva por diante a uns rapaces que transportaban leña do monte; entre eles a un tío de Uris, Antonio Guisantes Rodríguez, de 14 anos, que morre no acto. “A miña nai, coa enerxía que tiña, cólleo, lévao para casa, e xa deixa, definitivamente, de ir á escola, dedicándose totalmente aos seus irmáns, algúns de moi curta idade”.

No ano 1945, don Nicolás Gutiérrez Campo, fora reintegrado ao ensino, sendo director don Braulio Rodríguez, xefe do Movimiento e delegado da Falanxe na Guarda, e Lalo, o tío de José Antonio, fala con ámbolos dous, e ingresa como alumno, nas Graduadas de niños y niñas, aínda que as rapazas baixo o maxisterio de dona Aurora, e os rapaces recibindo ensinanza de don Braulio, don Nicolás e máis tarde, don Víctor Touriño López. Don Martín Álvarez, era o mestre dos parvulitos.

“Don Nicolás”, segue recordando Uris, é para min, unha persoa fundamental na miña vida intelectual, porque conectaba en seguida cos rapaces. Era un home... ¿como che podería dicir eu?... cun olfato didáctico especial, e enseguida apreciaba que alumnos tiñan, por dicilo dalgunha maneira, futuro académico”. “A min cólleme un afecto especial, non sei se era pola súa amizade co meu tío Lalo. Eu sei que con don Nicolás deu un pulo tan grande a miña vida que no só fago os estudos primarios, senón que ingreso en primeiro de bacharelato,  e fago segundo e terceiro no segundo ano, polas tardes, fóra do horario escolar, nunha academia paralela que tiña don Nicolás (con don Víctor Touriño, un tal don Antonio, e o crego don Jesús, popularmente coñecido como don Jesusiño), índonos examinar ao instituto Santa Irene, de Vigo”. Lembra aquí José antonio Uris Guisantes as asignaturas preferidas: debuxo, Xeografía e Historia, tamén se lle deron ben a Lengua Española e a Literatura, pero non tiña querencia polas Matemáticas. E lembra tamén aqueles libros, en inglés, de National Geographic, que tiña don Nicolás e ollaban os alumnos, con escenas de África, de animais e dos pobos de aquel continente “e aqueles libros, predéronme”, foron, pois, un estímulo nun ensino con poucos recursos didácticos.

Cando chegan os Pais Somascos á Guarda, conta José Antonio, entre o bispo e a Xunta Local de Ensinanza, da que formaban parte o abade, don Francisco Saa, e o médico, don Hermelindo Portela, advirten a don Nicolás que ten que deixar de dar clases de bacharelato ao haber xa unha institución que vai impartir estes estudos, pasando tamén don Nicolás a exercer no novo colexio da orde chegada de Italia.

“O meu irmán e eu íamos á Praza de Abastos, a carón do me tío, que era o conserxe, e do tío Mundo, que tiña tenda na entrada de Salcidos, polos Bechos, e a quen eu apreciba moito, e eles ensinábannos a redactar. Entre o ano 1957 e 58 , o meu pai enamórase dunha colombiana: “Mira que o teu pai... e tal e tumba...”, dille alguén. “Miña nai sempre lle quixo, e eu  escribínlle unha carta a ver qué pasaba; que había de certo naquilo que me contaban” e  desde o ano 58 interrómpese o envío de cartos, e José Antonio Uris ten que deixar o colexio, atopándolle o tío Lalo, que era da Falange e ben relacionado, traballo na farmacia de don Antonio Vázquez Palacios, á que se incorpora no ano 58 como mancebo, “substituíndo a Manolo, fillo de Gaspar, que emigra ao Brasil”. Antes de marchar, Manolo, iníciao na profesión. Don Antonio, di Uris, “foi a segunda persoa, deixando a parte ao meu tío Lalo que foi coma un pai para min, que me forma no traballo, no trato da xente, na responsabilidade, como persoa. Con don Antonio botei 24 ou 25 anos, ata o ano 82, en que vende a Farmacia a Simón, con quen estiven outros 25 anos”.

O tío Lalo, don Nicolás e don Antonio, lembra agradecido, “foron tres persoas fundamentais na miña formación como traballador, como ser humano e como persoa. E por suposto, a miña nai e a miña avoa, que nos inculcaron valores como a responsabilidade, a honradez, os horarios, en todo”. E lembra con nostalxia que a “miña avoa aprendeume a semear, de pequeniño, cun pauciño para medir a distancia entre as patacas, e a facer as regueiras, pequenas e rectas, que aínda sigo facendo”.

Na farmacia entra Uris de pantalón curto, fronte a un mostrador que lle pasaba en altura, tendo que servir os pedidos por fóra porque só se miraba a cabeciña. Tampouco chegaba á caixa dos diñeiros, e deixaba os cartos nun caixón.

Os primeiros anos con don Antonio

O primeiro que me di don Antonio é que “aquí vas a estar muy bien, te vamos a tratar muy bien” e dálle unha libreta cadriculada e un lapis, non había bolígrafos daquela, “desde hoy tú te vas a acordar de dos cosas: papel y lápiz, de aquí (sinalando a cabeza), nada”. Ese foi o primeiro consello da vida laboral. Ensinoulle don Antonio a formular, porque os farmacéuticos facían moitos preparados que Uris tamén tiña que elaborar. “Eu non podía coa man do matraz para machacar a raíz da genciana ou cuasi amarga, que se preparaba a petición de José Martínez, o veterinario, boa persoa e moi amigo de don Antonio, para  brevaxes para a tos dos cabalos, que era moi difícil de elimar, e para a tos do gando en xeral; unha fórmula que logo, segundo Sanidade, resultou ser, velenosa, porque empregaba polvos de antimonio. E eu non podía con aquilo que debía de pesar dez ou doce kilos. Entón subíame a un banquiño, collíao coas dúas mans e ao chegar arriba poñíao no borde do matraz e deixábao caer, esto levábame moito tempo. Aprendín a elaborar unhas fórmulas para os eczemas e para a soriase, a base de alquitrán de ulla, que quedaba pegado ao matraz e eu non tiña forza para movelo; entón don Antonio ensinoume un truco que consistía en botarlle uns chorriños de vaselina líquida, parafina chamábase, e entón o movemento era algo máis doado”.

“Don Antonio”, lembra Uris, “foi a primeira persoa que me informou algo sobre a Guerra Civil, porque o meu tío Lalo que era da Falange, estivera na guerra e vira verdadeiras barbaridades, pero nunca falaba destas cousas. Meu pai fora voluntario da Falange, con 16 anos, era un home arriscado, ía na chusma, así se chamaban aos voluntarios falanxistas que ían na primeira liña a dar golpes de man, que consistía en achegarse ás trincheiras enimigas e con bombas de man atacar esas posicións”.

Don Antonio cóntalle historias do seu cuñado Brasilino, “sempre sen odio, cunha información bastante veraz, sacando lume aos acontecementos, dicindo que era imposible crer que se poidesen matar entre irmáns. Don Antonio era un home doído das consecuencias da sublevación militar; sendo tamén investigado, por ser cuñado de Brasilino”.

Se o fútbol era unha das afeccións que tiña de rapaz, tamén o era a natación. “Aprendeume a nadar unha persoa que apreciaba moito, que era Antonio Uxa  (medio parente) en Fedorento, pero tamén no Cangrexal, preto da casa da avoa paterna, María Pena Pacheco, a onde acudía a miúdo o neto “porque a miña avoa facía, nunhas tarteiriñas de barro, xoubas guisadas con patacas redondas e finiñas, que me encantaban, eran un manxar para o meu padal”. Outro Antonio, “que estivera na Confraría de Pescadores e vivía a carón da miña avoa, construíame barcos cos que xogaba na Ribeira, porque eu sempre tirei moito para a Mariña”.

Pantalóns Lee

Pero ao comezar a vida laboral, cambian moitas cousas. “Os meus amigos ían as festas, a xogar, andar en bicicleta, á praia; e eu tiña que estar desde as nove da mañá ata case as dúas da tarde, e desde as tres da tarde ata as dez e media da noite na farmacia. Daquela traballabamos os festivos pola mañá ata as dúas da tarde, ou máis, e os sábados, todo o día, ata que xa nos anos sesenta e tantos asinouse un convenio a nivel nacional. Cando volvía a casa, non podía coas pernas de tanto estar de pé, sempre había cousas que facer na farmacia: varrer, limpar os cristais e tamén aqueles matraces repugnantes, cheos de graxa e alcatrán, que había que lavar, porque naquela non había ninguén que viñese facer limpeza; por iso, cando tiña ocasión sentábame nunha mesa de mármore, grande, que alí había; e sentábame alí porque non había nin cadeiras para facelo”. O seu primeiro salario “que foi unha gran alegría, porque nunca gañara nada”, foron 300 pesetas e con elas “fun a Salcidos Hermanos, e merquei uns pantalóns Lee, que empezaban estar de moda, por 90 pesetas”.

De mozo enrólase no fútbol, como dixemos, outra das súas afeccións. Antonio Pereira, Toniño, e máis os irmáns Lorenzo, fundaran uns equipos, que xogaban na Praza de San Bernardo (popularmente a Praza dos Porcos, por venderse alí estes animais) e na Praza da Guía, “e facíamos unhas copas disputadísimas, artellando a parte cónica dos novelos de fío, e outras veces os irmáns Lorenzo, na carpintería de Sindo, facían pequenas copas, que se armaban empregando pezas reutilizables como o racor das bicicletas”.

Xogou no San Bernardo, e no ano 1958, ao fundarse o Sporting Guardés, tamén neste equipo. Xorden aquí nomes relacionados co fútbol local como Manolo, da confitería Motserrat; Esteban Doiro, Pepiño (José Alfonso Rebollar), de Camposancos; e  Javier Franco Lomba, entre outros

As derradeiras patadas nun equipo de fútbol, deunas cando cun grupo de amigos Javier o Carniceiro, Chirro fontaneiro, Tante, Antón Ferreira, Carioca, Rodri, Javier de Tabagón, Argentino, etc,  fundan Os Verdes. Lembra que “xogabamos na Canosa, e desprazábamos nunha furgoneta de Javier o Carniceiro”.

Servizo Militar

Aos 21 anos debía de ingresar na mili “pero, esa xeración éramos tantos que retrasaron a nosa entrada no ‘Servicio’ ata marzo do ano seguinte”. Fronte ao que outros contan, Uris asegura que “eu paseino estupendamente, e se me pagasen un soldo como na farmacia seguía alí”. Fai un curso e noméano cabo sanitario. Na mili ten as recomendacións do pai de Purificación Álvarez Álvarez, amigo do tío-titor de José Antonio, e de José Luís García Pérez, que fora  alcalde da Guarda. “Fixen só 15 días de instrucción en Campolongo, no Reximento de Artillería nº 3. Naquel ano chegou o Cetme, e eu xa non utilicei nin fusil nin mosquetón”. Con aquelas recomendacións o seu destino habia ser de cabo sanitario en Silleiro, “pero había outro que tiña unha recomendación moito máis grande que a miña, entón mandáronme directamente para o Grove, onde coñecín a un capitán de artillería, de apelido Pose, que chegou a capitán xeral; de cabelo branco, unha persoa excelente, un gran militar que debía de ser xa un militar democrático no ano 61, porque as ideas que tiña, non se parecían en nada á dos outros militares que había alí”. Tamén coñeceu a un sarxento procedente das tropas de África, que bebía moito e foi cando souben que unha medicina que se chama benadón 300, que era vitamina B6, utilizábana nos tratamentos de intoxicación etílica.  Esto motivaría outra anécdota, anos máis tarde, cando coñeceu a un dos altos cargos dos laboratorios suízos Roche, que era fillo do Palloceira, este fóra director comercial da fábrica de louza Álvarez, e presentárase como cabeza de lista de UCE nas primeiras eleccións, no Rosal. O Palloceira fillo explicoulle: ‘el día que vayas a una boda, antes de empezar a beber te tomas una o dos pastillas de benadon 300, y ya verás como no hay quien os tumbe”. E nunha cea de despedida de ano, no camping de Mougás, “na que nos xuntabamos unha pandilla (Estévez, que casou cunha curmá miña, que é de Gondomar; Joaquín o Baloeiro e María; Luis, o do Puerto Rico, coa muller; o difunto de Prudencio Martínez Pena, (que lle quería como a un irmán), e a súa muller, bebemos ‘como cosacos’. “Varios de nós tomamos benadón: Prudencio, Estévez, Tono e eu. Chegamos a casa ás seis da mañá; as mulleres ríanse de nós porque sabían do tema, e nós a beber e a bailar. Só faciamos ir ao water cunhas mexeiras interminables, e un fedor nas camisas que tumbaban, porque, segundo me explicaron, a vitamina B6 facía no fígado unha descomposición química do alcohol en auga, e o noso era sudar e mexar, e ninguén nos tumbou; tamén nunca máis volvemos tomar nada”.

A noiva María

No ano 1964, pouco antes de ir a mili, no casamento dun cuñado xa finado, Antonio Baz Lomba, que se celebraba na Cociña Económica, amenizada por Jesús o Serrera, que cantaba nas vodas, con Jesús o Cego á acordeón, coñece a María, que tiña daquela 15 anos e el andaba nos vinte.  Con María Dolores Baz Lomba, filla de Gervasio e de Lola, comparte catro anos de noviazgo.

Por esta época, Uris tivo oportunidade de ir traballar a Madrid, pero lembra a marcha do irmán coa “maletiña de cartón, con destino a Francia, e dábame moita pena deixar a miña avoa e a miña nai, de modo que co diñeiro que aportaba, vivíamos bastante ben, e rexeitei aquela oportunidade”. O 23 de maio do ano 1968 casa con María na igrexa parroquial da Guarda, oficiando don Francisco Saa Aldir, tendo o banquete de vodas na Leona, amenizada polos Bambinos (3.000 pesetas).

Recorda como anécdota, que un dos que asistiron á voda foi o seu amigo Suso da Fe. “Ao  cabronazo (di en tono afectivo), compráramoslle a cama de matrimonio, e afrouxaron os tornillos da cama. Daquela viñeran a miña voda dous tíos do Brasil, e non puidemos facer nada, porque por pouco que nos movíamos, a cama berraba, e estaba a casa chea de xente, e tivemos que deixalo para outro día; e os cabróns ao día seguinte a rir como condenados”.

Lembra que o mesmo día casara Antonio Martínez Vicente e “os dous compramos o mesmo xogo de cama, pero a el non lle pasou o que a min”.

Fala moi ben Uris dos seus cuñados “aos que” di “quérolles moito e eles sempre me apreciaron” Sendo noivo de María, sempre reservaban algo para min, pois tiñan un barco que se chamaba “Pepita Cancelas” e cando capturaban algún marisquiño que se deterioraba nas patas ou no caparazón xa tiña destino, “isto é para o Tonio”.

Foron os padriños de voda, a nai, Flora, e o sogro, tío Gervasio. “O meu irmán, atopábase en Francia, e non puido vir a voda porque tiña a muller para dar a luz e eu tampoco puiden ir á voda del porque daquela no había vacacións, e na farmacia só estabamos don Antonio eu”.

O 4 de abril de 1968, nace a primeira dos fillo, na casa: María José Uris Baz. “Era un Xoves Santo, cando se producen os rezos pola rúa do Calvario, de modo que estaban rezando as Cruces debaixo da casa e María José nacendo, atendida polo médico de familia, don Ramón, unha das grandes persoas deste pobo”.

Foron anos de felicidade, coa axuda da nai e da avoa, viven unha etapa feliz. Economicamente non se queixa e pode comprar o primeiro coche, un mini, desprazándose con outros matrimonios amigos á praia da Lamiña que se puña de moda por entón.

O 15 de abril de 1973 nace Juan Carlos, e o 6 xuño 1977, Eduardo Uris Baz.

A década ominosa

            O ano 1983 é un ano de tristura para a familia Uris Baz. En setembro ponse Eduardo mal e fina en xaneiro de 1985. A enfermidade do fillo faille ver “a grandeza do ser humano, a solidariedade dos amigos, da xente”. E aínda que, por cuestións políticas, algún xa non está próximo “téñoo en gran estima e moito aprezo, a pesares das diferenzas que nos separan”.

            Xentes de Comisión Obreiras, da Agrupación Cultural Guardesa e dos que empezamos no 79, 80 e 81 a nosa traxectoria política, xunto con moitísimas familias,”manifestáronme a solidariedade naqueles momentos de dor”.

            Francisco Lomba e Ramón Oero, da Irmandade de Doantes de Sangue, "volcáronse comigo e a miña familia, e mobilizáronse para conseguir plaquetas, sangue para Eduardo". “Algúns chegaban a Vigo e non podían doar. Compañeiros de Oia, Loureza, Burgueira... Moita xente da Guarda que me deu unha lección humana de solidariedade que nunca esquecerei. E cando finou, o 25 de xaneiro de 1985 foron moitos os que se achegaron á casa familiar...”. Fala José Antonio Uris Guisantes con emoción, desa xente; e fala con gratitude que trascende o eco das palabras.

            Lembra como máis tarde, entre outros, Loli e o seu home Rafael, de Camposancos, acudían para sacalos da casa e ir tomar café con eles. E xorden algúns nomes, son moitos pero entre outros os de Eloy Gómez Mariño, Pedro Borrajo, Jesús Bahíllo Fernández, Pedro Mariño Campos, Manolo Martín.  A vida castígaos “cun duro golpe”.

            Durante casi quince días acoden, polas noites ao ceminterio a vixiar; acoden tamén os amigos, porque era cando se daba a profanación das tumbas. Victoriano Rodríguez artellara un foco no exterior.

            Hai dez anos tráxicos, entre 83 ao 93, que Uris califica “de década ominosa, nefasta” na súa vida: a morte dun curmán, en accidente; a do fillo, a do seu tío Benito, aqueixado de cancro, outra curmá falece en Venezuela...”.

            No ano 1982 entra un novo propietairo na farmacia, Luis Simón García, que pasará pola vida de Uris con máis pena que gloria. Foron 25 anos cunha barreira sutil, e Simón non lle dispensaba igual trato que recibira de don Antonio, ou que lle dispensou “Chechu”, José Freire Catro, o actual propietario da botica, que Uris cualifica de “excelente persoa” do que di que “tanto del como da súa compañeira María, só podo falar, non ben, senón moi ben, e consideralos uns amigos máis”.

            Uris xubilouse anticipadamente da vida laboral, dous anos antes de cumprir os 65 anos, “grazas”, engade “aos bos auspicios desta persoa (Chechu)”. En poucos meses cumprirá o noso homenaxeado, 65 anos. “Estou feliz”, confesa, “estou facendo cousas que non podía facer, comparto coa familia aquelas horas que antes me era imposible; camiño, pedaleo na  bicicleta”, segue presidindo Érguete, pero tamén é voluntario da Cruz Vermella e ten tempo para mergullarse nos arquivos e buscar e divulgar esa historia escrita en papeis. para que outros saibamos dela.

Involucrado cultural e socialmente coa Guarda 

            Uris estivo, e segue estar, involucrado coa vida cultural. Se ben é certo que viuse obrigado a interromper, como dixemos antes, a vida de estudante de bacharelato, entrou nesa outra universidade que é a vida, onde a inquedanza persoal foille abrindo outras fiestras sociais, culturais e políticas.

            Na cuestión cultural lembra a catro persoas como berce desa inquedanza: don Nicolás, outra vez; “algo” don Víctor, o farmecéutico don Antonio e o tío, Eduardo.

            "Na farmacia lía o ABC, porque don Antonio estaba subscrito” a ese periódico, e bebía das plumas de colaboradores como Pemán ou Cossío. Ademais, don Antonio posuía, “unha gran biblioteca” á que tivo acceso.

            Anos máis tarde, arredor de 1979, movido nunha incipiente ideoloxía política, acode a Comisións Obreiras, onde se reunían persoas algunhas das cales foron atopando oco en distintas ideoloxías de esquerdas. Esta primeira etapa pre-política permítelle entrar en contacto, entre outros, con Manuel Domínguez “Taxota” e con Xoán Noia, e cambia, tamén, o seu interese lector por outra clase de publicacións, e comeza a coñecer anacos da vida dos mencionados republicanos.

            Pero de Francia chegábanlle tamén xornais como o “Mundo Obrero”, que lle enviaba o seu irmán Lalo, que serviu como catalizador para situarse, daquela, máis próximo ao PC. Confesa Uris que quixo contrastar situacións políticas antagónicas, porque “eu oía tanto falar do meu pai e da Falange...”, de modo que para xulgar, ou mellor, situarse ideoloxicamente, decide coñecer outras opcións. “Falo con Xoán Noia, con Manolo ‘Taxota’, o tío Gervasio, que fora á guerra; o Cineca da Guía, o tío Cambriola, a miña avoa, o tío Mundo...”

            En Comisións Obreiras reúnense, entre outros, Antonio Durán, Eloy Gómez Mariño, Ricardo Rodríguez, Agustín Ferreira, Feliciano Otero, Miguel Español, Paulino e Victoriano Rodríguez, Chuny Vázquez, que promoven algún acto cultural, e ata de protesta contra a “pala de Ligero no monte Santa Trega”, polas desfeitas arqueolóxicas e que foron tratadas informativamente pola prensa de entón.

No ano 1981, José Antonio Uris promove a fundación do PSOE na Guarda, na casa de José Lores Rosal, coa colaboración de Victoriano, que fora quen lle presentara a Lores Rosal. Na primeira executiva, que agrupaba a A Guarda-O Rosal, José A. Uris foi nomeado secretario xeral.

            Foi, correspondente de Radio Popular de Vigo no Baixo Miño, entre os anos 1981 e 1985, nun programa que se chamaba “A Bisbarra”, dirixido por María Xosé Porteiro, unha etapa que Uris cualifica “de moi enriquecedora”.

Un acto o Día das Letras Galegas de 1982

 

En 1982, legalízase a Agrupación Cultural Guardesa que conta entre os seus primeiros membros, ademais dos mencionados, con César González Álvarez (Rexá), Isaac González González, Francisco Álvarez, Koki; e  Xosé Vicente Romero. Uris é elexido presidente.

            A instancias de Agustín Ferreira, que promoveu o Boletín de aparición mensual, crearíanse seccións (arqueolóxica, literaria, ecolóxica, etc.) con cadanseu responsable.

            No ano 1983, os socialistas da Guarda, encabezados por José Luis Lomba Alonso, consiguen catro concelleiros nun concello de 13 edís, figurando José A. Uris, como número 2, Pedro Borrajo, de 3 e Feliciano González Otero, de 4.

            Érguete fundárase en 1990 por inciativa, entre outros, de Antonino Torrón, Chus Darriba, María José, muller de Freitas, Camilo Gesto, Uris Guisantes e concelleiros do Partido Popular como Jaime Álvarez e Manuel Rolán. Nesta asemblea, reunida nunha estancia do antigo Rodríguez Sinde, á que asistiu tamén Mari Carmen Avendaño, foi nomeado presidente José A. Uris Guisantes, cargo no que aínda continúa.

            Uris é concelleiro da Corporación da Guarda durante 12 anos, ata que dimite, en 1995, porque se dá conta que non pode dedicar o tempo que quixera a un proxecto político local, como o resto dos compañeiros, pero tamén porque desexaba volcarse en Érguete Baixo Miño, nun momento en que a cuestión da drogadicción acadou un dos puntos máis elevados e preocupantes, pero tamén porque eran os anos que deu en chamar “década ominosa”, á que máis arriba fixemos mención.

            Os arquivos da Guarda coñecen os dedos de José Antonio Uris, os ollos indagadores do home estudoso que procura afondar na histoira local recente; desvelar os efectos da Guerra Civil na contorna; saber do sofrimento dos represaliados. O seu coñecemento desta etapa levou a estudantes universitarios a acudir a el na procura de datos sobre eses anos de guerra fratricida; e colaborou, tamén, no documental “Memorial de Camposancos”, de José Ballesta e M. Anxo Fernández.

            A historia de José Antonio Uris Guisantes, a quen este ano lle dedicamos na Guarda o Día das Letras Galegas, non remata aquí, porque Uris segue día a día aportando coñecemento, aportando solidariedade e contribuíndo coa historia deste pobo.

Directivo da Comisión das Festas do Monte

Obras

            Son moitas as colaboracións de José Antonio Uris na prensa, nos libros da Festa do Monte, en revistas diversas e en medios dixitais.

            Só po mencionar algúns títulos, enumeramos os seguintes:  “Iª Feira  comercial, industrial e agrícola da Guarda. Iº Exposición do Traxe Regional”, “Alcumes, motes (Apodos en castelán) de A Guarda, Salcidos e Camposancos”, “Xuntanza de Antigos Alumnos do Colexio P.P. Somascos de A Guarda”, “Areas de magnetita en terreos dos concellos da Guarda, O Rosal e Tomiño”, “A destrucción da Atalaia da Guarda”, “Bandas da Festa do Monte”, Barcas de pasaxeiros O Pasaxe<>Caminha e viceversa”, “Barca do Corpo Santo Barca del Pasaje de Camposancos. Gasolinera del pasaje de Camposancos”, “Basilio Carrero”, “Bomba de gasolina”. “As Cachadas”, "Camilo Carrero”, “Campo de Concentración de Camposancos”, “Carnaval 1907”, “Carnaval 1930”, “Casino Guardés”, “Colexio dos Xesuítas”, “Chegada dos Pais Somascos á vila da Guarda”, “Club San Bernardo”, “Florindo Rodríguez Álvarez”, “Memoria histórica da Guarda”, “Francisco López Moure”, “Manuel Díaz González. Ligero”, “Igrexa das Mercedes. A Gándara”, “Castelo de Santa Cruz. A Guarda”, “Cine Avenida. A Guarda”, “Pastelería Rogelio Vicente Lomba”, “José Darse Sobrino”, “Deportivo San Lorenzo de Salcidos”, “Escudo da Guarda. O Rosal e Oia”, “Ermelindo Portela Gómez”, “Taller Mecánico de D. Manuel González González”, “Marcial Villa Díaz”, “Mario de Faria e Melo Duarte (1900-1982). Vicecónsul de Portugal na Guarda”, “Marítimo Portela Rodríguez”,  “Dos naufraxios relacionados coa vila guardesa”, “Olimpio Sobrino”, “Barrio Alto da Pasaxe (1877)”, “Porto da Guarda”, “Enrique Silva Peniza, Quique”, “Medalla de Cobre e Diploma de Salvamento de Náufragos en novembro de 1932”,  “A sé do Recreo que puido ser e non foi”, “Rogelio Vicente Moreno”, “Sociedad Auxilio Mutuo”, “Setenta anos da sublevación militar contra a II República Española na Guarda”, Tabernas, tascas  ou tendas na Vila de A Guarda 1949-2003”, “Tía Valentina”.

Maio, 2008