www.galiciasuroeste.info

Tía Valentina

por José Antonio Uris Guisantes

Tía Valentina “a parteira”, muller peculiar onde as haxa, foi unha “galegona” con moito retranca e carácter o igual que outras moitas galegas, en grande parte debido ás necesidades do momento, poñendo de “moda” o que hoxe podemos chamar o pluriemprego.

Ademais de comadrona, traballaba as leiras, criaba galiñas poñedoras para vende-los ovos, vendía sacos de cemento traídos dende Baiona, e nos momentos libres?? bordaba, confeccionando xogos de cama, que ao estar rematados, eran levados para América onde estaban seus irmáns “Os Gándara” que promovían os traballos da súa irmá e esta recibía unhas “perras máis”.

Casada con don Constante Rey Álvarez (mestre de obras), da Cruzada, tiveron tres fillos sen axuda de ninguén, pois xa se sabe “na casa do ferreiro coitelo de pao”... querendo a seu home ó tío Constante, as discusións entre ámbolos dous eran frecuentes, simplemente.. porque o tío Constante arramplaba da “alacena” e cociña con canta cousa puidera comerse para logo reparti-las viandas, na rúa, entre aqueles veciños que máis o necesitaban,  namentres a tía Valentina veña a traballar e traballar para poñer algo quente enriba da mesa, pois os mestres de obras non tiñan retiro daquela.

Cando algunha muller estaba a punto de parir, as netas quedaban sen a súa ración de leite porque a “parteira” o levara para a nova nai. Por iso as netas non se lembran de que a súa avoa Valentina pasara unha Noite Boa con elas [pese a vir dende Pontevedra no Nadal para estar cos seus avós]. ¡esa noite sempre nacía algún bebé!.

Os médicos de A Guarda contaban con ela para asistir a domicilio, debemos lembrarnos que a meirande parte das guardesas parían nas casas, don José Ramón Sobrino Arias, don Rafael Rodríguez Martínez e don Ramón Pérez López fixeron de “médicos tocólogos” durante moitos anos, don Ermelindo Portela Gómez non estaba especializado e enviaba ás futuras nais ao hospital. De todos eles soamente vive don Ramón, chegado á Vila A Guarda aló polo ano 1961, sendo un guardés máis.

Tía Valentina defendía a eficacia do chocolate con leite como reconstituiínte para as “parturientas”. Unha tarde, no regreso do acto de asistir a un novo parto “exitoso”, caeu na rúa permanecendo tres días coa “cadeira” rota, ata que un familiar veu que tiña a perna totalmente negra do gran derrame producido pola caída, e levouna case que á forza ó médico.

Por circunstancias e contra a súa vontade, tía Valentina non puido camiñar máis, aceptando con gran resignación o ter que estar nunha cadeira de rodas durante vintecinco anos, pero nunca deixou de “ganchillar”e “bordar” facéndose  as horas máis curtas se o cantante Manolo Escobar saía na televisión, estaba tan prendida da voz e maneiras de Manolo Escobar que ata lle falaba como se o artista puidese escoitala.

O bordado era para tía Valentina unha afección sen límites. Na guerra civil os organizadores dunha proba ciclista lle encargaron un “banderín” bordado, pero daquela os fíos de seda para traballa-la peza nun se atopaban por ningures, tampouco había a posibilidade de desprazarse facilmente a Vigo ou a Pontevedra, entón decidiu remata-lo “banderin” co pelo louro da súa cabeleira. rematou a proba e o rapaz gañador doou o trofeo para a propia filla de tía Valentina, Purificación Rey Gándara “Puriña”, “banderin” que aínda conserva a súa neta, Mª Purificación García Rey.

                                                                                                            José A. Uris Guisantes.

Nota do autor: A meirande parte dos datos foron facilitados pola neta da tía Valentina .