www.galiciasuroeste.info

O recibemento da Virxe de Fátima:

o maior acontecemento relixioso da Guarda

Por Agustín Ferreira Lorenzo

  

 As fotografías, ou parte delas, que acompañan esta reportaxe ben puidesen ser obra do fotógrafo guardés, nado no barrio de Ribadavila, Joaquín García Portela máis coñecido como “o Costiña”)

 

O mes de xuño do ano 1949, foi un mes moi especial para o pobo da Guarda xa que esta vila viviu un dos acontecementos máis multitudinarios que se recordan e que, posiblemente, aínda non fose superado por ningún outro acontecemento dos producidos ata o de agora. Na referida data, milleiros de persoas desta localidade, pero tamén dos concellos veciños e, mesmo doutro lado do Miño, déronse cita para recibir a unha das maiores iconas relixiosas de entón: a chegada a esta localidade da imaxe da virxe peregrina de Fátima, imaxe que, seguramente, foi adquirida por encargo da parroquia coa finalidade de que o pobo se consagrase a ela, tal e como lemos no nº 1 da folla parroquial, destinando, en consecuencia, un lugar privilexiado no templo parroquial onde puidese ser venerada por parte dos fervorosos guardeses a partir do 25 dese mesmo mes de xuño.

 

Primeiro número da “Folla parroquial” publicada o 5 de xuño de 1949 e no que se informaba dos actos e recibimento da que ata entón era chamada a “Virxe Peregrina” de Fátima.)

 

.

Postal que leva data do 25 de xullo de 1948, coincidente co que di o párroco guardés, Don Saturno Gómez Vila “… aínda resoan nos nosos oídos e están gravados nos nosos corazóns aqueles entusiasmos e fervores do 25 de xullo próximo pasado” (folla parroquial “La Mensajera de Fátima”, nº 1, do 5 de xuño de 1949) en referencia a lograr unha imaxe da Virxe de Fátima para que permanecese no templo parroquial guardés.

 

Preguntei polo tema a varias persoas maiores da localidade: Rogelito, o da confeitaría; Antonio Martínez, quen me subministrou a folla parroquial “La mensajera de Fátima” números 1 e 2 (esta última unha copia) onde se comenta tal evento; Toniño, o fillo do tío Casimiro e da tía Amparo, quen lembraba como se atopaba a Praza do Reló nesas datas; o párroco da localidade, D. Jesús Villadóniga, quen me dixo que, lamentablemente, na parroquia non había nada en referencia a este asunto.

 

A imaxe é trasladada por mariños, escadas arriba, ante a atenta mirada de clérigos e fieis. Temos moitas dúbidas do lugar onde se produce este acontecemento da chegada da imaxe, pois, polas montañas que hai ao fondo, non nos cadra co peirao guardés, polo que supoñemos puidera tratarse dalgunha zona do Pasaxe, aínda que tamén hai cousas que non encaixan, como as escadas polas que ascenden os mariños. A data da fotografía tamén é do 25 de xullo de 1948.

 

Estaba eu interesado porque no meu arquivo dispoño de varias fotografías que me foron facilitadas por varias persoas, polo que tratei de indagar sobre este asunto. Os primeiros datos atopeinos na internet, pero non facían referencia á Guarda, senón a outra localidade, Monesterio, un municipio da provincia de Badaxoz, que viviu un acontecemento semellante no mesmo ano pero en distinto mes, abril. Non obstante, a maior e máis interesante información procede da folla parroquial citada, folla que viu a luz por primeira vez o 5 de xuño do ano 1949, seguramente con motivo do grande acontecemento que se aveciñaba en poucos días. Nela escriben tres sacerdotes guardeses: Cándido Rodríguez Vicente, Agustín Nandín Lomba e Saturno Gómez Vila, este último párroco da localidade. Esta folla, formada por catro páxinas, imprimíase nos talleres tipográficos Faro de Vigo. Na súa última páxina aparece o prezo da mesma en forma de esmola: 30 céntimos, aínda que no número 2, faise mención a que os gastos de imprenta e papel foron costeados por unha persoa como acción de grazas á Santísima Virxe de Fátima.

Barcos engalanados e repletos de fieis seguidores e curiosos, acompañan á imaxe da Virxe de Fátima na súa singladura no que parece ser a desembocadura do Miño. A fotografía ten data do 25 de xullo de 1948 e, ao igual que a anterior, nos descoloca un pouco. De ser certa a referida data, podería pertencer a unha posible viaxe desta imaxe na súa peregrinación camiño de Leiría?

 

Custodiada pola Garda Civil e a hombreiros de mariños, seguramente da Comandancia de Mariña de Tui, procesión da Virxe de Fátima no porto guardés arroupada por centos de persoas que non quixeron perderse este acontecemento que deixo un unha profunda pegada nun pobo crente e fervoroso, escape duns momentos difíciles pero inmerso nunhas intensas e emotivas crenzas relixiosas. (25/7/1948)

 

Todo comezou o 25 de xullo de 1948

 

Na folla parroquial citada anteriormente, o párroco D. Saturno recordaba que o 25 de xullo de 1948, ou sexa, un ano atrás, xa prometera que unha imaxe de Fátima viría “residir” entre os guardeses para o que xa estaba previsto destinar un lugar do templo parroquial onde quedaría exposta. Naquela data debeu de ter lugar a primeira grande manifestación de exaltación da que se deu en chamar a “Virxe Peregrina de Fátima”, unha réplica da primeira Virxe Peregrina que se acha no Santuario portugués do mesmo nome e que percorrería, ao longo de medio século, máis de sesenta países. A idea desta virxe peregrina xurdiu dun párroco de Berlín logo de finalizar a 2ª Guerra Mundial. Unha desas imaxes “peregrinas” chegaría ata A Guarda, no seu percorrido por diversas poboacións españolas e, diante do fervor que se viviu no pobo guardés, protagonizado por propios e estraños, debeu xurdir a idea de que esta vila tería que contar coa súa propia imaxe para ser venerada na igrexa parroquial.

 

Chegada da imaxe da “Virxe Peregrina de Fátima” á praza de Chan de Conde, onde se poden ver as redes penduradas e a grande multitude de persoas que acompañaron á procesión e outras que observaban dende o muro da praza. Na actualidade esta praza xa non existe ao ser transformada na denominada Casa do Pescador. (25/7/1948)

 

Nalgunhas das fotografías que dispoñemos aparece a data do 25 de xullo de 1948 e noutras aparecen as datas do 12 e 13 de xuño de 1949, de aí que nos faga pensar, logo do que di D. Saturno, que probablemente no ano 1948 houbese unha procesión, que ben podería ser a primeira desta imaxe na Guarda. Posiblemente a referida imaxe sería levada en peregrinación ata o Santuario de Fátima no ano 1949 para, unha vez bendecida, regresar á vila guardesa, xa non como imaxe peregrina senón como “Reina y Señora de La Guarda”, palabras de D. Saturno. En consecuencia, e agás que alguén nos poida precisar outros pormenores, imos manter as datas e cronoloxía de acordo ao que temos e ao que pensamos.

 

A devoción relixiosa, o sentimento profundo da fe, faise patente nesta mullerciña que acompañou á imaxe durante todo o percorrido da procesión, neste caso ao seu paso polas proximidades do antigo Centro Sanitario, hoxe Centro Cultural Guardés. (25/7/1948).

 

Outra perspectiva da multitude que acompañaba a procesión, neste caso ao seu paso pola actual rúa Galicia (antes Avda. José Antonio), obsérvese á esquerda, case que ao fondo, o antigo Cine Avenida e, inmediatamente antes, a casa indiana de D. José María Sobrino, desgraciadamente derruída hai uns anos para construír un novo edificio. (25/7/1948)

 

Acto de bendición no santuario de Fátima (Leiría)

 

Tal e como relata outro sacerdote guardés, D. Agustín Nandín: “eran as once da mañá en Leiría, dun 13 de maio de 1949, cando a imaxe da Virxe de Fátima, transportada por dez guardeses, ao fronte da cal ía un sacerdote (probablemente o propio Agustín Nandín) é colocada xunto ao altar con outras catorce imaxes máis para ser bendicidas nun solemne acto presidido por once bispos e centenares de sacerdotes, nunha misa oficiada polo bispo de Namur (Bélxica) e cantada pola escolanía de Leiría”. Continúa narrando D. Agustín Nandín, que “congregados neste acto achábanse catrocentas mil persoas. O momento máis emotivo para os guardeses que se atopaban nesa poboación portuguesa foi cando se anuncia o acto da bendición das imaxes polo bispo de Leiría sendo, a continuación, nomeada en primeiro lugar a imaxe representativa do pobo guardés”.

 

Os actos foron en todo momento seguidos por centos de persoas. Os eventos principais desenvolvéronse na Praza do Reló onde se instalou un altar e se oficiaron misas. Un palco decorado para a ocasión serviu de improvisado altar, propiciando que o numeroso público puidese seguir ditos actos, contando, para elo, co apoio de megafonía. (25/7/1948).

 

O pobo engalanado

 

Nin que dicir ten que un acontecemento destas características tivo que espertar sensación e admiración, máxime se temos en conta que era unha época de miseria, de moita carencia cultural, de xentes cun grande sentido da relixiosidade, “escape” precisamente desas miserias e, como non, dun pobo oprimido, atemorizado e dominado pola ditadura franquista. Así que, aquel 12 de xuño de 1949, o pobo preparouse para recibir a imaxe de Fátima e isto notouse na vila. A Praza do Reló luciu un esplendoroso decorado con altar incluído, levándose a cabo ofrendas relixiosas, misas e adoración nocturna.

 

Os actos relixiosos deron comezo o día 10 de xuño, venres, cun triduo (actos relixiosos que duran tres días) na igrexa parroquial.

 

O 12 de xuño de 1949 chegaba ao porto guardés a imaxe da Virxe de Fátima que vai quedar definitivamente na parroquia. Foi levada en procesión ata a que sería a súa primeira parada “oficial”: a praza de Chan do Conde, lugar onde na actualidade se levanta o edificio “O Pescador”. (12/6/1949).

 

Nenas de primeira comuñón e outras vestidas de “anxelotes” acompañaron durante o percorrido da procesión á imaxe de Fátima. (12/06/1949)

 

A imaxe “peregrina” e “misioneira” da Santísima Virxe de Fátima, fixo a súa entrada na Guarda o domingo 12 de xuño ás seis da tarde do ano 1949, logo dunha viaxe de “peregrinación” dende Fátima ata Caminha e, dende esta vila ata o peirao guardés, onde se achaban congregadas miles de persoas que esperaban a chegada dos barcos que acompañaban á tan ansiada imaxe. Os barcos, engalanados con bandeirolas e repletos de xente, a medida que se acercaban comezaron facer soar as bucinas e o numeroso público presente, deu renda solta a toda unha tensión acumulada durante horas provocada pola impaciente espera e grande fervor que culminaba nese momento ao ver tan próxima a imaxe. En primeira fila achábanse os máximos representantes do pobo, autoridades eclesiásticas, civís e militares, acompañadas todas elas por destacadas personalidades da veciña vila de Caminha, presidindo deste xeito o acto de recibimento que se lle outorgaba á Virxe. Do peirao foi trasladada ata a praza de Chan de Conde en procesión acompañada por centos, ou, como sinala a folla parroquia lnº 2, “miles de almas” que arrouparon durante todo o traxecto o desprazamento da imaxe converténdose deste xeito, nun dos máis importantes eventos vividos nesta vila mariñeira.

 

Outro detalle da procesión onde un grupo de neniñas ataviadas de branco acompañan á imaxe da virxe. A bandeira que se ven en primeiro lugar é a da Guarda. (12/06/1949).

 

Na media noite dese mesmo día, o profundo sentimento relixioso volveu manifestarse masivamente, neste caso coa “procesión do Rosario das velas” cunha “concorrencia xamais igualada”. Durante varios días o pobo viviu un proceso relixioso excepcional: adoracións nocturnas, confesións, misas, misa dos enfermos, …

 

A imaxe e devotos ao seu paso polo conventos de San Bieito, onde, segundo se aprecia na fotografía, foi colocado un arco floral como homenaxe á virxe. (12/06/49).

 

A Praza Nova (Praza de Joaquín Alonso), totalmente engalanada e, cubrindo o chan, unha fermosa alfombra floral esperando a chegada da comitiva. (13/06 1949).

 

Ás seis da mañá do día 13, luns, iniciáronse os actos desta nova xornada con misas que continuarían a diferentes horas. Ás 11, tería lugar un dos máis emotivos actos, segundo reflicte a folla parroquial nº 2, a misa dos enfermos. Non é estraño que o acto resultase certamente emotivo, é cuestión de imaxinarse cantos enfermos, seguramente moitos deles en circunstancias terribles, acudirían ao acto relixioso onde serían bendicidos co Santísimo Sacramento. Se temos en conta que as medicinas nestes anos eran escasas e non doadas de conseguir pola xente humilde, o espectáculo que se viu debeu de ser máis que deprimente. Ás 12 horas, a imaxe foi levada novamente en procesión ata a capela das HH. Carmelitas, onde estaría ata a tarde. Durante a estancia nesa capela rezáronse varios rosarios por quendas a cargo de alumnas do colexio. Finalmente. ás 8 da tarde, nunha nova procesión, a imaxe foi trasladada á Igrexa Parroquial celebrándose un acto relixioso no que se proclamou “á Virxe María, Reina e Señora da Guarda” procedéndose de seguido á súa entronización, isto é, colocada no lugar destinado a ela, no seu “trono”.

 

Praza Nova, balconadas engalanadas con motivos relixiosos, neste caso anxos. O edificio é o da farmacia que durante moitos anos se coñeceo como a de D. Antonio Vázquez, farmacéutico que foi titular da mesma. Obsérvese na parede da esquerda un dos motivos, formado por azulexos que aínda hoxe perduran. (13/06/1949).

 

Tal e como podemos ver nalgunhas das fotografías que acompañan esta reportaxe, as rúas polas que se trasladou a imaxe foron profusamente engalanadas, dende a Praza do Reló onde se colocou un grande e esplendoroso altar ata a popularmente coñecida como Plaza Nova (Praza de Joaquín Alonso) que luciu unha magnífica alfombra floral que percorría toda a superficie, de principio a fin; moitos balcóns achábanse engalanados con bandeiras (por suposto españolas), algúns con figuras de anxos; arcos florais; artísticos colgantes … O “trono” no que se colocou a imaxe da Virxe de Fátima foi obra dun “artista guardés, Francisco Conde” que foi ensalzado na folla parroquial polo seu bo facer.

 

Procesión cando se dirixía á capelas das HH. Carmelitas (á dereita). Este lugar era coñecido popularmente como “o punto”, por ser o punto onde estaba a parada dos taxis e, tamén, de onde partían os autobuses da empresa Saracho cara a Vigo. (13/06/1949).

 

Altar situado na Praza do Reló no momento de oficiar unha das misas dedicadas á Virxe de Fátima.(13/06/1949).

 

Novos datos que nos chegan logo de ter rematado este artigo:

 

No ano 1948, o alcalde da vila guardesa Rafael Salcidos Sobrino, na sesión plenaria do concello, que tiña lugar o día 10 de xullo, informaba aos demais membros da Corporación, que o día 24 dese mesmo mes, ás 3,20 da tarde, tería lugar a recepción oficial da imaxe da Virxe de Fátima. D Saturno refírese, evidentemente, á imaxe peregrina, non á que quedará definitivamente na Guarda e que tardaría aínda un ano en que a parroquia tivese a súa propia imaxe.

 

Fotografía que corresponde á procesión da virxe peregrina, no ano 1948, ao seu paso pola antiga rúa de José Antonio, antes da Alameda da Guarda. (24/07/1948).

 

O 23 de xullo, tamén de 1948, o párroco desta localidade, don Saturno Gómez Vila, dirixía un escrito ao citado alcalde no que o invitaba ao solemne acto de recepción da imaxe da Santísima Virxe de Fátima “que en su triunfal marcha por las distintas parroquias de esta diócesis, será nuestra Excelsa Huésped en la noche de mañana y domingo subsiguiente”. O recibimento non tería lugar, como inicialmente estaba previsto, ás 3,20 da tarde, senón que sería unhas horas máis tarde, ás sete e media na Alameda da Guarda (véxanse as fotografías números 3, 8, 9, 19 e 20). Dende alí partiu a comitiva cara á praza do concello para, finalmente, antes de seguir camiño na “súa peregrinación” por outras vilas, visitar á Igrexa parroquial.

 

Rúa José Antonio, o edificio do fondo, á esquerda, é onde hoxe está a cafetería Oasis. Se observamos con detalle esta fotografía veremos que grande parte do público está composto por homes. Non temos a data desta fotografía pero cremos que se trata da primeira procesión, é dicir, a que se organizou no ano 1949 coa chegada da virxe itinerante.

 

A Procesión ó seu paso pola rúa José Antonio, fronte ó Estadio do Tecla

 

Deste acontecemento fíxose eco a prensa, como foi o caso de “El Correo Gallego” a través do seu corresponsal na Guarda, Antolín Troncoso. Grazas a estas informacións, sabemos que previamente aos actos e á chegada da imaxe peregrina, tiveron lugar, no local de Acción Católica, os preparativos e as pertinentes reunións de carácter informativo. Co obxecto de que todo estivese a punto, o párroco don Saturno cursou sendas invitacións a diferentes personalidades da vida pública local para que asistisen a un destes actos. Entre os presentes achábanse, ademais do alcalde, o coadxutor da parroquia guardesa, don Cándido Rodríguez; as presidentas das asociacións “Hijas de María”, San Vicente de Paúl, Milagrosa, etc, e, como non podía ser doutro xeito nesa época, profesores e mestres tamén estiveron no acto para preparar o grande recebimento. Os presentes quedaron informados do que ía acontecer: “… el día de su llegada se echarán al vuelo las campanas, de los templos, los cohetes y bombas atronarán el espacio, las casas se engalanarán con sus más vistosas colgaduras, el trayecto hasta la Plaza del Reloj estará alfombrado de flores y hierbas olorosas y se instalarán potentes altavoces… Las congregaciones con banderas, estandartes y guiones acompañarán a la imagen. Las altas dignidades irán bajo palio”.
 

Así, deste xeito, desenvolveuse un dos maiores acontecementos vividos na vila guardesa e, dende logo, o máis grande no aspecto relixioso.

 


AGRADECEMENTOS

Expreso o meu agradecemento á Antonio Martínez Vicente, pola aportación da folla parroquial “La mensajera de Fátima” números 1 e 2, único lugar onde atopei a maior información escrita do evento que narramos. Como sempre, Antonio Martínez está aberto á colaboración cultural facilitando todo tipo de información que obra no seu poder. Vai tamén o meu agradecemento ao meu amigo, dende os anos mozos, Joaquín Aráiz Martínez, polas fotos que alá, polo ano 2005 tivo a amabilidade de deixarme escanear, unha documentación gráfica de indubidábel valor histórico relixioso da nosa localidade. A José Antonio Uris e a Celso Rodríguez Fariñas, polas notas aclaratorias que me enviaron co fin de ter unha máis completa información, a José González, que enviou unha das fotografías que se reproducen neste traballo, e, por suposto, agradezo, finalmente, ás demais persoas que xa nomeei ao principio deste artigo polas achegas das súas lembranzas.


 

A Guarda, agosto 2013

Agustín Ferreira Lorenzo