www.galiciasuroeste.info

 

XULLO

 

Sábado, 30 de xullo de 2011    

I Travesía a Nado “Ponte Internacional Tui – Valença do Minho”

O Club de Actividades Acuáticas do Alto Miño en colaboración co Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença do Minho organizan a “I Travesía a Nado Ponte Internacional”

Enmarcada dentro das actividades do aniversario da Ponte Internacional, o sábado, 6 de agosto, ás 11.00 horas (horario español) darase a saída a esta proba deportiva dende o Cais de Portugal, sendo o percorrido dunha distancia de 900 metros, chegando ata a praia da Mariña, en Tui.

A concentración dos nadadores será na praia da Mariña, ás 10.00 horas, dende onde partirán ás 10.30 horas en autobús ata a zona portuguesa, lugar de saída da proba.

As inscricións, que se pecharán ás 10.30 horas, son gratuítas e pódense apuntar todos aqueles nadadores maiores de 10 anos, aínda que os menores de idade teñen que entregar unha autorización para participar.

Pódese obter máis información no correo electrónico deportes@concellotui.org ou no teléfono 696.482.245

 

O pleno da Corporación de Tui aproba unha moción dos nacionalistas sobre o tren

No Pleno ordinario da Corporación de Tui celebrado o xoves, día 28, de xullo, foi aprobada por unanimidade unha Moción de Urxencia presentada polo grupo municipal do BNG, na que esta formación lembraba que despois de ter insistido moitas veces sobre a nula xestión realizada polo grupo do PP no Goberno de Tui acerca da mellora do servizo de Ferrocarril na estación de Tui, agora preséntase unha previsible supresión do servizo no mes de outubro. Diante desta situación os nacionalistas solicitaron, e foi asumido polos corporativos, levar a cabo unha reunión urxente con RENFE para que melloren os horarios e haxa maior frecuencia nos trens, especialmente en horario de mañá; Que se poida implantar un servizo vertebrador que permita ir de xeito directo desde Porto ata A Coruña, e Que se fagan todas as xestións para mellora-lo servizo.

 

Concerto de clausura do 22 Seminario de Dirección Coral

A Igrexa de Santo Domingo acolle este domingo ás 20.30h o concerto de clausura do 22º Seminario de Dirección Coral organizado por Camerata Ad Libitum. O concerto correrá a cargo dos alumnos e profesores do curso

 

III Trofeo Penedo de Caldelas da Liga Galega de Promoción de Slalom en Caldelas

            Na lagoa de Caldelas dispútase este domingo o III Trofeo Penedo de Caldelas da Liga Galega de Promoción de Slalom. Competirán k1, c1 e c2 nas categorías de infantil, alevín e benxamín. Organiza o Club de Piragüismo Penedo e Federación Galega de Piragüismo.

 

Contratación laboral temporal de catro auxiliares da Policía Local

O Concello de Tui convoca a contratación laboral temporal de catro prazas de auxiliar da policía local. Os contratos terán un tempo máximo de 4 meses.

A selección realizarase atendendo os principios de igualdade, mérito, capacidade e oportunidade promovendo a selección entre todos os candidatos que se presenten para cubrir as vacantes dentro do prazo de presentación de solicitudes e que cumpran as condicións esixidas na presente convocatoria.

Os interesados en acceder  a estas prazas teñen 5 días hábiles para presentar a solicitude no Rexistro de Entrada do Concello de Tui en horario de 8 á 14 horas os días hábiles, agás o sábado que será de 9 a 13 horas.  As bases completas poden consultarse na web www.concellotui.org.

 

O primeiro pleno ordinario da nova corporación durou dúas horas e media

Durante case dúas horas e media a corporación municipal de Tui celebrou o xovse pleno ordinario que comezou coa aprobación das actas anteriores.

No punto segundo aprobouse un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 47.940,74 euros.  O mesmo foi explicado polo Concelleiro de Facenda, Marcelino Cendón, sinalando que esta cantidade é razoable tendo en conta que a liquidación do orzamento de 2010 ascendeu a máis de 16 millóns de euros. Engadía que o obxectivo do expediente é recoller os gastos no exercicio en que se realizan e imputalos ao presente exercicio.

Os grupos da oposición coincidiron en criticar que ante a baixa dunha traballadora da limpeza se contratase a unha empresa e non a outra traballadora, e dende o BNG, Laureano Alonso, propuxo que houbese unha lista de espera para cubrir estas vacantes.

Carlos Vázquez Padín de Converxencia XXI solicitaba que o Concello de Tui sexa pioneiro a aplique xa o criterio de pago a provedores en 30 días.  Dende o PSOE Enrique Cabaleiro sinalou que un recoñecemento extraxudicial de créditos supón un fiel reflexo dunha xestión municipal  non moi acertada, e engadiu que o documento presenta carencias en canto a súa legalidade.  Mentres María Fernández de AtT sinalou que teñen clara a obrigación de pago por parte do concello aínda que o servizo non teña consignación orzamentaria. Preguntou ao interventor se ordenar o pago das facturas sen consignación orzamentaria podería constituír  malversación de fondos, ao que este contestou que non.

Por último o alcalde, Moisés Rodríguez, sinalou que este é o primeiro expediente do ano e que non será o último porque sempre hai provedores que presentan as facturas fóra de tempo, e hai outras que hai que recoñecer porque se acaba a partida. Sobre a contratación dunha empresa para substituír a unha limpadora dicía que non é ilegal, e que o problema é que non se sabe cando as limpadoras van estar de baixa. Indicou que está de acordo en facer unha lista de espera, coma suxerira o BNG, pero non no caso das limpadoras, porque os colexios teñen que estar sempre limpos. 

O expediente foi aprobado por 9 votos a favor do PP, 4 abstencións do de AtT e CXXI e 4 votos en contra de PSOE e BNG.

No punto terceiro aprobouse inicialmente, cos votos do PP, PSOE e BNG, e a abstención de AtT e CXXI, a ordenanza da área de rehabilitación na súa 9ª e 10ª fase.  Aquí Carlos Vázquez Padín de CXXI critou que nos criterios que se establecen para a concesión das axudas hai algúns que dan carácter de discrecionalidade á ordenanza.  Laureano Alonso do BNG solicitou que se continue a axilizar a tramitación no concello para que os veciños poidan cobrar en tempo.  Mentres Enrique Cabaleiro do PSOE apuntou que o Concello ten que acollerse a esta ordenanza porque non está aprobado  o PECH, que no seu parecer sería unha figura máis vantaxosa para o casco histórico, polo que pedía dar celeridade a aprobación deste Plan.  Miguel Capón de AtT apuntaba que o PECH ten vantaxes engadidas sobre a ARI, como por exemplo que os elementos catalogados poden estar exentos do pago dalgúns impostos. Insistía en que o obxectivo do Concello debe ser a aprobación do PECH.

Por último o alcalde, Moisés Rodríguez, explicou que os criterios para a concesión das axudas son marcados pola Xunta. Engadía que hai máis de tres anos que están solucionados os problemas de tramitación de expedientes, e sinalaba tamén que non ten nada que ver a aprobación do PECH coa ordenanza do ARI. Sobre o Plan Especial explicaba que en canto o equipo redactor entregue o avance llo presentarán aos grupos políticos e tamén aos veciños.

Neste pleno foron presentadas cinco mocións de urxencia das que só dúas prosperaron.

A primeira era unha moción do 15M solicitando pedir ao goberno central a aprobación da modificación da regulación hipotecaria para que coa entrega da vivenda quede saldada a débeda, así coma a paralización dos desahucios, e a posta a dispor de vivendas baleiras en réxime de aluguer para os desahuciados.

Por outra parte Carlos Vázquez Padín, de CXXI, presentou unha moción para que todas as entidades financeiras ofrezan dúas modalidades nos créditos hipotecarios con responsabilidade limitada e ilimitada.

Amais dende o BNG Laureano Alonso presentaba outra moción solicitando instar á Xunta para que inste ao goberno central para adoptar as medidas necesarias mentres dure a crise, para que non se produzan aumentos nas comisións financeiras, e se faga un estudo de custes.

Non prosperou a urxencia de ningunha destas tres mocións ao votar en contra o PP.

Si saíu adiante e foi aprobada por unanimidade tanto a urxencia coma a moción a presentada por Laureano Alonso, do BNG, na que se solicita unha reunión urxente con RENFE para que melloren os horarios e haxa maior frecuencia nos trens, especialmente en horario de mañá, que se poida implantar un servizo vertebrador que permita ir de xeito director de Porto á Coruña, e que se fagan as xestións para mellorar o servizo.

Tamén foi aprobada por unanimidade outra moción presentada por Miguel Capón de AtT solicitando dirixirse ao delegado do Goberno e ao ministro do Interior para que se implante a cita previa na expedición do DNI en Tui.

 

Venres, 29 de xullo de 2011    

Homenaxe a deportistas do Club Kayak Tudense no Concello de Tui

O Concello de Tui vai homenaxear aos deportistas do Kayak Tudense que participaron a pasado fin de semana no Campionato de Europa de Maratón que se disputou na cidade francesa de Saint Jean de Losne.

No Salón de Plenos do Concello, ás 13.00 horas do luns, 1 de agosto, Moisés Rodríguez, alcalde de Tui, Nicolás Lorenzo, concelleiro de Deportes, así como concelleiros/as da corporación municipal homenaxearán tanto a Manuel Garrido, que acadou a medalla de prata en C1 Sub23, Ramón Ferro e Óscar Graña, prata en C2 Senior, así como a Iván Alonso, que obtivo un meritorio quinto posto en K1 Senior.

Aproveitando esta ocasión se homenaxeará tamén a Roberto Rodríguez que participou no Campionato de Europa de Piragüismo en Pista, na categoría K4 Sub23 1.000 metros, que se disputou en Zagreb do 30 de xuño ao 3 de xullo.

O Concello tamén quere felicitar ao Club Kayak Tudense polo éxito acadado ao proclamarse por cuarto ano consecutivo Campión de España de Piragüismo no Campionato de España Senior e Junior celebrado en Verducido do 8 ao 10 de xullo de 2011, así como polos éxitos dos seus padeeiros nos Campionatos de Europa.

 

“Como adestrar ao teu dragón” abre as proxeccións de Cinema na rúa

A proxección da película de animación “Cómo adestrar ao teu dragón” abre este sábado o ciclo de “Cinema na rúa” organizado pola Concellería de Cultura de Tui, dentro da programación do segundo semestre do ano.

Esta cita cinematográfica será o sábado ás 22.30h na Praza de San Fernando cunha película para todos os públicos.  “Cómo adestrar ao teu dragón” é un filme da factoría Dreamworks inspirada no libro de Cressida Cowell. O protagonista é Hipo, un viquingo adolescente que se atopa a un dragón que o desafía a el e a súa tribo a ver o mundo dende unha perspectiva totalmente diferente. A película gustará tanto aos máis pequenos da casa coma aos maiores.

 

O BNG dá conta do abandono do campo de fútbol de Caldelas e a cualifica de falsidade as palabras de Moisés Rodríguez na campaña electoral

O BNG denuncia o que califica de engano por parte do goberno do PP para coa directiva, os xogadores e os afecionados do Caldelas CF.

Explican desde esta formación que no verán de 2010, se inician as obras de construcción dun campo de herba sintética e uns vestiarios no campo de Caldelas no Foxo, de modo que durante toda esa tempada o Caldelas CF xogou no campo exterior do Complexo Alvarez Durán, sen poder recadar diñeiro pola cantina nen pola venta de entradas, e tampouco dispuxo dun campo de adestramento, así tivo que peregrinar por distintos céspedes ata terminar adestrando no Borralliño, en Soutelo (Salceda de Caselas).

Durante a campaña das municipais, continúa afirmando os nacionalistas, o actual alcalde, Moisés Rodríguez, comprometeuse a que as obras estarían rematadas antes do día 2 de agosto, data de comenzo da tempada de adestramentos. A situación a día de hoxe é lamentable, tachando de falsidade e mentira o discurso de Moisés Rodríguez. Investíronse 130.000 € pero fan falla moitos miles máis para rematar a obra e o que alí hai é un espazo para aparcar coches ou para facer un mercadiño semanal, nada fai adiviñar que aquilo é un campo de fútbol.

 

Traballo investiu  preto  de 298 mil de euros na modernización da oficina de emprego de Tui

A Consellería de Traballo e Benestar está a investir máis de 2,2 millóns de euros na modernización do Servizo Público de Emprego (SPE) na provincia de Pontevedra. Esta actuación forma parte do Plan de Modernización do Servizo Público de Emprego que está a desenvolver o Goberno galego desde o ano pasado. O acordo, dotado cun orzamento de preto de 52,5 millóns de euros ata 2013, foi adoptado en consenso coa patronal e os sindicatos no seo do diálogo social.

Entre esas actuacións está a reforma da oficina de Tui, que xa está en funcionamento, cun investimento de preto de 298.000 euros. Nesta oficina implantáronse amais sistemas de xestión de espera intelixente.

 

Luís Fernández do Penedo convocado coa selección nacional de slalom

Luís Fernández Pereira, piragüista do Club Piragüismo Penedo de Caldelas de Tui, vén de ser convocado pola Federación Española de Piragüismo a unha concentración de xoves promesas que que terá lugar na Seo de Urgell (LLeida) do 1 ao 5 de Agosto 2011. Esta concentración realízase de forma previa ao Campionato de España de Slalom para Xoves Promesas que terá lugar en Pons (Lleida), o sábado 6 de agosto.

O padeiro tudense Luís Fernández está clasificado en segundo lugar no escalafón nacional de C-1 Infantil A (14 anos), tras quedar 2º nas dúas primeira

           Competicións celebradas en  Écija (Sevilla) e Sort (Lérida) da Liga Nacional de Slalom para Xoves Promesas.

 

I Festa do Motor Galicia en Rallys na Virxe do Camiño en Rebordáns

            Este sábado a partir das oito da tarde celébrase no  torreiro de festas da Virxe do Camiño a I Festa do Motor Galicia en Rallys e Festa da Xuventude organizada pola Comisión de Festas da Virxe do Camiño.  Para falar da mesma estiveron no programa Día a Día da RMT Manuel Martínez Tato e Teodoro López, vicepresidente e tesoureiro dos festexos.

Explicaba que a idea de organizar este evento xurdiu ante o ofrecemento feito por Galicia en Rally, e co obxectivo darlle á mocidade a oportunidade de disfrutar dos coches de rally e das actividades previstas coma un dj e gogo’s.

Haberá exposición de coches oficiais de rally cos seus pilotos os afecionados poderán subirse tamén aos dous simulador de rally que haberá no recinto.

Teñen xa confirmada a asistencia de xente de Coruña, de Pontevedra e de Portugal, polo que agardan unha boa resposta do público.

Tamén asistirá o Presidente do Rally da Serra da Groba, e o Presidente da Federación Galega de Automobilismo, entre outros.

 

Detido un home coma presunto autor dun incendio en Tui e outro en Salvaterra

A Garda Civil de Salvaterra detivo na tarde do mércores a un home de 57 anos, V.R.C. como suposto autor de dous delitos de incendio, un en Salvaterra e outro en Tui.

Segundo a Garda Civil os feitos sucederon na mesma tarde do mércores nun curto intervalo de tempo.  En Tui queimáronse uns 3.000 metros cadrados de monte baixo. Mentres  en Salvaterra a superficie calcinada foi de 500 metros, debido á rápida actuación dos veciños e dos medios de extinción da Xunta de Galicia. Este lume iniciarase a 200 metros da masa arbórea e próxima a tres vivendas habitadas. Unha das casas sufriu danos na instalación eléctrica.

O detido pasará a disposición do Xulgado de Instrución número DOS de Ponteareas.

 

Feira de Verán de ACITUI

O Paseo da Corredoira acolle esta fin a Feira de Verán de ACITUI. Será mañá sábado e o domingo a partir das doce do mediodía. Haberá oportunidades de comercio, artesanía, antigüidades e tamén se celebrará a ruta do Europincho.

 

Xoves, 28 de xullo de 2011    

Pleno ordinario da corporación municipal hoxe xoves

A corporación municipal de Tui reúnese hoxe xoves, ás oito da tarde, en pleno de carácter ordinario con catro puntos na orde do día.

Comezarán coa aprobación dos borradores das actas das sesións extraordinarias nº 10/2011 de 11 de xuño e nº 11/2011 de 11 de xullo.

O punto segundo é un ditame da comisión informativa de Contas, Facenda, Patrimonio E Persoal sobre aprobación do expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos nº 1/2011.

No punto terceiro tratarase un ditame da comisión informativa de Urbanismo, Obras, Contratación e Servizos Municipais sobre aprobación inicial da ordenanza reguladora das axudas á rehabilitación de edificios, vivendas e urbanización no ámbito da área de rehabilitación do conxunto histórico de Tui para a 9ª e 10ª fase.

O punto cuarto é o de control aos órganos de goberno con disposición de interese, dar conta dos informes de intervención tesourería, e dos escritos presentados polos diferentes grupos políticos municipais da adscrición de membros ás comisións informativas permanentes creadas por acordo plenario de 11.07.11. Neste punto tamén se dará conta das resolucións de alcaldía dende o último pleno ordinario, as mocións e rematará coa quenda de rogos e preguntas.

 

Tui e Valença avanzan no proxecto de Eurocidade

Tui e Valença do Minho están chamadas a ser unha Eurocidade, seguindo o camiño aberto por Verín e Chaves na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Os dous municipios teñen vocación de traballo común e conxunto e o próximo obxectivo fixados polos seus mandatarios, Moisés Rodríguez, de Tui, e Jorge Salgueiro Méndes, de Valença do Minho, é precisamente converterse en Eurocidade. Para facer realidade este proxecto e dar o pasos axeitados na súa consecución os dous rexedores reuníronse esta mañá, na Cámara Municipal de Valença, co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explica que Gamallo indicoulles na reunión desta mañá que Tui e Valença teñen moitas posibilidades de conseguir ser unha Eurocidade seguindo a estela de Verín e Chaves, coa vantaxe da proximidade dos cascos históricos dos dous municipios, separados a penas un parte de quilómetros.

Agora os dúas cidades deben traballar na elaboración dun proxecto común que presentar aos fondos europeos a finais de ano. Previamente os dous municipios deben asinar, posiblemente en outubro, un protocolo de actuacións, que será o primeiro paso formal para lograr a consecución deste proxecto.

Moisés Rodríguez sinala que sobre todo “na actual conxuntura económica hai que compartir servizos, como xa estamos facendo Tui e Valença” en referencia á piscina municipal e á ecopista valenciana, e ao centro de saúde e ao conservatorio tudense. Precisamente nese senso avanza o mandatario municipal que están estudando a posibilidade de implantar un carné de Eurocidadán, que dea acceso aos servizos dun e doutro municipio de xeito indistinto.

Por outra parte Moisés Rodríguez explicaba que a Eurocidade Tui-Valença permitirá tamén no futuro retomar con máis pulo o proxecto das dúas cidade coma Patrimonio da Humanidade, xa que daquela será moito máis doada a súa consecución.

     

Concerto de Paloma Suanzes dentro do 22 Seminario de Dirección Coral

A Igrexa de Santo Domingo acolle ás dez desta noite un concerto de Paloma Suanzes, voz e guitarra, que forma parte das actividades do 22 Seminario de Dirección Coral organizado por Camera Ad Libitum. Este seminario estase a impartir en Tui e conta coa colaboración da Concellería de Cultura de Tui.

 

Mércores, 27 de xullo de 2011    

Sancho Gracia presenta en Tui “Versos bandoleros y canciones escondidas”

Hoxe mércores, ás 22 horas, o Teatro Municipal de Tui acolle un recital de Sancho Gracia baixo o título “Versos Bandoleros y canciones escondidas”. As entradas poranse á venda a partir das oito da tarde no despacho de billetes ao prezo de 10€.

Este espectáculo foi presentado polo propio Sancho Gracia acompañado do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.

Sancho Gracia explicou que no espectáculo que presenta mañá no teatro vai dar lectura a poemas dos grandes poetas españois, comezando pola galega Rosalía Castro, e pasando por Lorca, Machado ou Jorge Manrique. No mesmo tamén vai cantar tangos e boleros.  Manifestaba que esta montaxe ten un lugar preminente na súa carreira. Tamén gabou as cualidades do Teatro Municipal.

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, puxo de manifesto o agradecemento do Concello de Tui por poder contar na cidade con este espectáculo. Mentres o alcalde, Moisés Rodríguez, manifestou que é un privilexio contar con Sancho Gracia en Tui, xa que considera que é un atractivo moi importante que actores de renome veñan á cidade. Nese senso engadía que “queremos que Tui siga sendo un referente nacional e internacional no eido da cultura, porque queremos traspasar fronteirizas con artistas de toda España e Europa”.

 “Canciones escondidas y versos bandoleros” é un espectáculo poético concebido e pensado á medida do versátil e sorprendente talento de Sancho Gracia.  O acto, que hai unhas décadas encarnou a Curro Jiménez, relatará historias da súa vida, contará verdades e mentiras, cantará e recitará poemas”. Sobre o escenario estará acompañado no eido musical por unha guitarra e un bandoneón.

 

Dúas pratas  e un quinto posto para os homes do Kaiak no Europeo

Dous subcampionatos de Europa e un quinto lugar é o resultado obtido  polos catro padeeiros do Club Kaiak Tudense na fin de semana no Campionato de Europa de Maratón disputado en Francia.

Manuel Garrido, actual campión mundial de Maratón, abriu a competición na mañá do venres, onde por problemas estomacais tivo conformarse cun segundo posto xa que o frances Pierrick Martin aventaxoulle en 2,15 minutos.  O de Tui foi en cabeza ata o quilómetro 16 pero no penúltimo porteo o francés deu un forte acelerón que Manu Garrido non puido seguir.  Porén esta medalla de prata deixa un bo sabor de boca xa que trae consigo a clasificación para o Campionato do Mundo de Singapur, que terá lugar a finais de outubro.

Xa o sábado era a quenda do tudense Iván Alonso que se clasificou en quinto lugar na súa primeira participación no Europeo Absoluto en K1. O triunfo nesta regata foi para o portugués Jose Ármalo, mentres que o español Manolo Busto finalizou en segundo lugar, completando o podio o húngaro Milan Noe, que supero a Iván en el sprint final, onde o danés René Olsen, tamén superou ao palista do Kaiak Tudense, o gran favorito para el triunfo final, o actual campión do mundo, Benjamin Brow finalizaría en sétimo lugar.

Ya por último o domingo Ramón Ferro e Oscar Graña, tamén do Kaiak Tudense, lograban outro subcampionato de Europa no C2 senior. A vitoria foi para os húngaros Attila Gyore e Marton Kover con un tiempo de 01:58:21, y 34 segundo despois cruzarían   a meta Oscar Graña e Ramón Ferro. A terceira  posición foi para os polacos, Kaminski Mateusz e Plawki  Bartoszcon a case tres minutos dos españois.

O C2 de Oscar Graña e Ramón Ferro encabezou a regata desde a primera palada, no primeiro porteo formou un grupo de dúas embarcacións co C2 húngaro, co que logrou unha  gran vantaxe  cos seus perseguidores. No último porteo os padeeiros do Kaiak Tudense no foron quen  de soportar o gran ritmo imposto polos húngaros, o que fizo que estes últimos obtiveran a vantaxe suficiente para entrar por diante na meta.

Con esta medalla Oscar Graña e Ramón Ferro asegúranse a súa participación no Campionato do Mundo en Singapur no mes de outubro, onde trataran de revalidar o título mundial obtido o ano pasado en Banyoles.

 

A Asociación de Veciños de Randufe convoca o I Concurso de Fotografía “Retrato de Randufe”

A Asociación de veciños de Randufe, convoca a un concurso de fotografía baixo o título “Retrato de Randufe”. No mesmo hai dúas modalidades de participación, fotografía feita exclusivamente con teléfono móbil e fotografía tradicional ben en dixital ou en analóxico.

O obxectivo é que os participantes destaquen nas súas fotografías, os seus recunchos preferidos de Randufe. No mesmo pode participar calquera persoa interesada no tema e que non forme parte da directiva da Asociación de Veciños de Randufe ou do Xurado. Pódense enviar un máximo de 3 fotografías por modalidade e concursante, tanto en cor coma en branco e negro ou a través do teléfono móbil. Cada imaxe irá acompañada dunha breve explicación se fose necesaria.

Na modalidade de fotografía feita co teléfono móbil, a imaxe no terá mais de 2 Mb. o concursante deberá indicar no título da fotografía, ao menos unha dirección de email válida, xa que será o medio para notificar o premio os gañadores. Deben enviarse ao correo electrónico avderandufe.concurso@picasaweb.com  ou a avderandufe@gmail.com.

Mentres na fotografía tradicional o tamaño da fotografía será libre e debe ser presentada sobre unha cartolina DIN A4, ou soporte ríxido. Ao dorso de cada obra o autor deberá facer constar unicamente o título da fotografía.e irán acompañadas dun sobre pechado e identificado co título da obra e un sobre que no seu interior conterá os datos persoais do autor.  Deben enviarse ao Apartado de Correos nº 42. 36700 Tui ou pódense entregar no Centro Cultural de Randufe no buzón de suxestións (a partir das 20:00 hrs.), á atención da Asociación de Veciños de Randufe, poñendo no sobre: Concurso Fotográfico “O Retrato de Randufe”

O prazo de presentación dos traballos rematará o día 25 de Agosto de 2011. O xurado emitirá o seu veredicto o 2 de setembro, e a entrega de premios será o día 4. As fotografías exporanse na Casa Cultural de Randufe, coincidindo coa Semana Cultural de Randufe 2011.

Para a modalidade de fotografía con teléfono móbil establécese un primeiro premio consistente en placa acreditativa e teléfono móbil Nokia 5230 (Vodafone), o segundo premio será placa acreditativa e paseo en catamarán para 2 persoas polo río Miño, por cortesía de Aquamiño, e o terceiro premio placa acreditativa.

Mentres na modalidade de fotografía tradicional o primeiro premio será placa acreditativa e cea para 2 persoas na terraza de verán do Hotel Colón en Tui, por cortesía do Hotel Colón .  O segundo premio é placa acreditativa e Fotolibro, por cortesía de CityLab en Tui. E  por último o terceiro premio é unha placa acreditativa.

 

Luns, 25 de xullo de 2011    

O monte Aloia acolle hoxe os actos do Día de Galicia de Converxencia Galega

Converxencia XXI celebrará hoxe, luns 25 de xullo, o Día Nacional de Galicia cun acto aberto que terá lugar no Monte Aloia.

O partido fundado en 2009 celebra por terceira vez este evento que non ten un lugar fixo de celebración, senón que posúe un carácter itinerante,celebrándose o primeiro ano en Fonmiñá, no concello de Meira, en Lugo; no ano 2010 o lugar foi Chaián, no concello de Trazo, preto de Santiago, e este ano terá lugar en Tui, cidade onde foi fundado o partido.

O acto comezará ás 12 do mediodía coa intervención do secretario xeral e fundador, Carlos Vázquez Padín. Deseguido cantarase o Himno Galego e, a continuación, haberá un “xantar popular” nese mesmo lugar.

Converxencia XXI quere proxectar á sociedade galega un enfoque innovador para a galeguidade que permita ao noso País encarar con éxito os retos que o positivo fenómeno da globalización plantexan a unha nación europea como Galicia. Para iso desde esta formación cren que o liberalismo e un galeguismo en clave de modernidade son elementos fundamentais.

 

I Concurso de Fotografia “Retrato de Randufe”

A Asociación de veciños de Randufe, convoca a un concurso de fotografía na que se poderá participar nas seguintes dúas modalidades.

MODALIDADE 1. FOTOGRAFIA mediante TELEFONO MÓVIL.

 Para fotografías feitas EXCLUSIVAMENTE mediante este medio, que poderán remitir a  a seguinte dirección de correo electrónico: AVdeRandufe.concurso@picasaweb.com  ou a avderandufe@gmail.com.

MODALIDADE 2. FOTOGRAFÍA TRADICIONAL (dixital ou analóxica)

Tanto nunha u outra modalidade as bases son:

1.- Obxectivo.- Este concurso pretende que os participantes destaquen nas súas fotografías, os seus rincóns preferidos de Randufe. Un retrato de momentos, lugares, monumentos, xentes de Randufe que teñan un significado especial para cada un e  que queiran compartir co resto dos nosos veciños e amigos.

2.- Participantes.- Calquera persoa interesada no tema e que non forme parte da directiva da Asociación de Veciños de Randufe ou do Xurado.

3.- Tema y características.- O tema é RANDUFE en xeral. E pódense enviar un máximo de 3 fotografías por modalidade e concursante, tanto en cor coma en ben ou a través do teléfono móvil.

Se presentarán obras non premiadas noutros concursos. As fotografías non poderán incluír contidos ilícitos, ofensivos ou discriminatorios, nin lesionar bens ou dereitos, incluídos dereitos de imaxe de terceiros.

Cada imaxe ou irá acompañada dunha breve explicación se fose necesaria.

Na modalidade de fotografía feita co teléfono móvil, a imaxe no terá mais de 2 Mb.

Na modalidad de fotografía tradicional, o tamaño da fotografía será libre e debe ser presentada sobre unha cartulina DIN A4, ou soporte ríxido.

4.- Identificación.

Na modalidade de fotografía feita co teléfono móvil, o concursante deberá indicar no título da fotografía, alomenos unha dirección de email válida, xa que será o medio para notificar o premio os gañadores.

Na modalidade de fotografía tradicional, ao dorso de cada obra o autor deberá facer constar únicamente o título da fotografía.e irán acompañadas dun sobre pechado e identificado co título da obra e un sobre que no seu interior conterá os datos persoais do autor (nome, apelidos, enderezo, DNI , pasaporte, teléfono de contacto, correo electrónico...)

5.- Presentación.-

O prazo de presentación dos traballos rematará o día 25 de Agosto de 2011.

Os traballos deberán ser entregados nalgunha das seguintes direccións email na modalidade de fotografía co teléfono móvil avderandufe.concurso@picasaweb.com ou a avderandufe@gmail.com e  na seguinte dirección postal na modalidade de fotografía tradicional:  Apartado de Correos nº 42. 36700 Tui.

Tamén se poden entregar no Centro Cultural de Randufe no buzón de sugerencias (a partir das 20:00 hrs.), á atención da Asociación de Veciños de Randufe, poñendo no sobre: Concurso Fotográfico “O Retrato de Randufe”

6.- Criterio de valoración e xurado.-

O xurado  reunirase co obxecto de emitir o seu fallo e estará conformado por:

Dña. Vanesa Rodríguez Pereira, Concelleira de Educación e Cultura do Concello de Tui.

D. Jose Font Moldes, Director da Radio Municipal de Tui

D. Jose Amancio Muiños González, Presidente da Asociación Cultural y Deportiva Xuntanza de Randufe

D. Diego Alvarez Míguez, Vocal da xunta directiva da Asociación Cultural y Deportiva Xuntanza de Randufe

D. Fco. Javier Alvarez Rivadulla, Vocal de la Asociación de Vecinos de Randufe.

Procederase á exposición pública das fotografías seleccionadas que considere o criterio do xurado, alomenos na Casa Cultural de Randufe, facendo coincidir dita exposición ca Semana Cultural de Randufe 2011.

O Xurado emitirá o seu veredicto o día 2 de Septembro de 2011

A entrega de premios será o día 4 de Septembro de 2011

7.- Premios:

Establécense os seguintes premios para cada unha das modalidades:

MODALIDADE 1. FOTOGRAFIA mediante TELEFONO MÓVIL.

1º Premio: Placa acreditativa e Teléfono Movil Nokia 5230 (Vodafone)

2º premio: Placa acreditativa e Paseo en catamarán para 2 persoas polo río Miño, por cortesía de Aquamiño

3º premios Placa acreditativa.

MODALIDADE 2. FOTOGRAFÍA TRADICIONAL (dixital ou analóxica)

1º Premio: Placa acreditativa e cea para 2 personas na terraza de verán do Hotel Colón en Tui, por cortesía do Hotel Colón .

2º Premio: Placa acreditativa e Fotolibro, por cortesía de CityLab en Tui.

3º Premio: Placa acreditativa.

 

 

Sábado, 23 de xullo de 2011    

Presentación do Recital de Sancho Gracia en Tui

O próximo martes, 26 de xullo, ás 12 horas terá lugar na sala de reunións do Concello de Tui a presentación do Recital de Sancho Gracia “Versos Bandoleros y canciones escondidas”. Este espectáculo vaise celebrar no Teatro Municipal o mércores, día 27 ás 22 horas.

Á convocatoria de presentación acudirán o actor Sancho Gracia xunto ao alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.

 

O Concello de Tui  habilita estacionamentos gratuítos os domingos coincidindo coa peonalización do Paseo da Corredoira

O Concello de Tui vai habilitar a partir deste domingo aparcamentos gratuítos coincidindo co peche dominical do Paseo da Corredoira posto en marcha o pasado día 3 deste mes.

Os lugares habilitados para estacionar son o IES San Paio, na rúa Casal Aboy, e o IES Francisco Sánchez e o Conservatorio, na Avenida da Concordia. A apertura destes espazos coma zona de estacionamento é posible tras as xestións realizadas cos responsables destes centros educativos. O aparcamento nestas zonas será gratuíto e sen límite de tempo dentro do propio domingo. A próxima semana serán sinalizados axeitadamente para que tanto os tudenses coma aqueles que visitan Tui saiban onde poden estacionar.

Recórdase desde o concello que o peche do Paseo da Corredoira faise, dende o cruzamento coa Praza da Inmaculada ata os soportais, os domingos de once da mañá á doce da noite. Esta medida aplicarase ata o 28 de agosto.

Amais este luns, festividade de Santiago Apóstolo, o Paseo da Corredoira será tamén peonil ao longo de todo o día.

O concelleiro de Tráfico, Ángel Gutiérrez, explica que con esta medida se busca facilitar o disfrute deste espazo por parte da cidadanía, ao tempo que redunda tamén favorablemente na hostalería e no comercio local.  O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, pola súa parte dá conta da boa acollida que nos tres primeiros domingos tivo a peonalización do Paseo da Corredoira.

 

Play-Doc leva o cinema galego aos Balcáns

Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui, foi convidado ao Dokufest (Prizren, Kosovo, do 23 ao 31 de xullo), principal cita cinematográfica dos Balcáns, con motivo do seu décimo aniversario. Participará no programa Dox Fests at Dokufest, no que tamén están presentes o Sheffield Doc/Fest do Reino Unido e o Tempo International Film Festival de Suecia, prestixiosos festivais igualmente especializados no cinema de non ficción.

Play-Doc seleccionou para a ocasión cinco documentais gañadores de edicións pasadas, abandeirados todos do espírito do festival e realizados por galegos. Así, mostraranse Pic-Nic, de Eloy Enciso, e Manuel e Elisa, de Manuel Fernández-Valdés. Tamén, as cintas do recoñecido Oliver Laxe, París#1 e Todos vós sodes capitáns, esta última merecedora de múltiples premios, entre eles o da Crítica Internacional en Cannes.

Asemade, o festival tudense mostrará o 'work in progress' de N-VI, de Pela del Álamo, un dos filmes incluídos no obradoiro Doc in Progress, novidosa proposta formativa de Play-Doc que reuniu a oito directores de cinema nunha casa rural durante dúas semanas para que discutiran sobre o proceso creativo das súas películas, en fase de montaxe. O resultado que presenta agora del Álamo, versión case definitiva da cinta, é froito desa enriquecedora experiencia.

O certame demostra así, en palabras dos seus directores, o seu “compromiso co audiovisual e o talento galegos, prioridades deste festival independente dende os comezos”, que realiza esta actividade con financiamento propio. E engaden: “Demostramos, unha vez máis, que, a pesares das limitacións orzamentarias, a reducida programación, e de ter sede nunha pequena cidade fronteiriza, somos capaces de chamar a atención no panorama internacional de festivais’’.

Todos os autores das películas, salvo Fernández-Valdés, por motivos de axenda, irán representando o festival acompañados de Sara García e Ángel Sánchez, directores de Play-Doc. Participarán ademais en charlas e conferencias xunto con outros membros de salientables festivais e recoñecidos profesionais do medio.

Adicionalmente á presentación do programa no Dokufest, Play-Doc ofrecerá unha degustación dos mellores produtos gastronómicos galegos, grazas ás achegas de Bodegas Mar de Frade, Conservas Artemar e Supermercados Haley, para dar a coñecer mellor a nosa terra e a nosa cultura no estranxeiro.

 

Tui acolle por segundo ano consecutivo o 22 Seminario de Dirección Coral

Dende o martes 26 e ata o domingo 31 de xullo Tui acolle o 22 Seminario de Dirección Coral organizado por Camerata Ad Libitum. É o segundo ano consecutivo en que a cidade se converte en sede deste curso de verán.  Celebrarase no Seminario Menor e na Igrexa de Santo Domingo.

Esta actividade foi presentada esta mañá na Casa do Concello polo alcalde, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e por Merchi Domínguez e Manuel Martínez de Camerata Ad Libitum.

Este curso celébrase anualmente dende 1990 en diferentes cidades da provincia de Pontevedra respondendo á demanda constante de formación para cantores e directores de coro así como para servir de punto de encontro e divulgación da música coral galega.

Segundo explicaba Merchi Dominguez teñen xa un total de 50 alumnos activos que van participar no Seminario. Mentres Manuel Martínez destacaba a importante labor realizada por Camerata Ad Libitum no canto coral, e desexaba que este seminario de siga celebrando en Tui.

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, agradeceu a labor realizada por Camera Ad Libitum, e a impartición en Tui deste seminario de música coral, unha oportunidade importante de formación para as agrupacións corais da zona. Mentres o alcalde de Tui incidiu en que Tui ten que seguir apostando pola cultura tamén nestes tempos de crise que non son doados, e desexaba que Tui se poida converter nun centro coral a nivel galego.

Os profesores deste curso son a estadounidense Tamara Brooks e o galego Julio Domínguez. Do martes 26 ao domingo 31 impartirán un obradoiro de Canto Coral  e do mércores 27 ao domingo 31 un seminario de Dirección Coral.

Por outra parte os concertos terán lugar na igrexa de Santo Domingo. O primeiro será o martes ás 21.30h,  co concerto de apertura, a cargo do grupo Obradoiro Vocal A Vila que intepretrarán un repertorio atractivo e variado do século XX.  Logo o xoves ás 22h actuará Paloma Suanzes, voz e guitarra, con música vocal con folk, reminiscencias do fado e da música tradicional.  E por último o concerto de clausura será o domingo ás 20h a cargo dos alumnos e profesores do curso. Durante os días do curso como actividade complementaria haberá exposición e venda de partituras.

Colaboran nesta actividade a Concellería de Cultura de Tui, o Seminario Menor, a Igrexa de Santo Domingo, a Asociación Amigos da Catedral e o Conservatorio Profesional de Música de Tui.

 

Día de Santiago Apóstolo en Paramos

           Na parroquia de Paramos celebran o luns o día de Santiago Apóstolo. Comezarán ás 11.30h coa actuación do grupo de gaitas e baile San Xoán de Paramos. Ás 12.30h celebrarase Misa solemne na honra a Santiago Apóstolo. Organiza estas actividades a  Asociación Cultural Val de Flores.

 

Manuel Garrido Prata en C1 Sub23 no Campionato de Europa

Manuel Garrido, actual campión mundial de Maratón, tivo que conformarse coa medalla de prata no Europeo que se esta disputando na cidade francesa de Saint Jean de Losne. O ouro foi parar ao francés Pierrick Martín, mentres que o bronce foi para o polaco Mateusz Kaminski.

            Manu estivo na cabeza até o quilómetro 16, levando parte do peso da escapada xunto con Pierrik Martín, sendo no penúltimo porteo, onde o francés, o cal conseguira unha importante distancia co grupo perseguidor, deu un forte acelerón que Manuel non puido seguir.  Quizais un pequeno proceso vírico que esta padecendo Manu, e parte do combinado español, - Óscar Graña e Ramón Ferro que compiten o domingo entre os afectados -, fose determinante para que o padeeiro de Tui perdese o contacto co Frances nos últimos 5 km, e cedese 2´15’’ con respecto ao francés, precisamente na parte mais forte de Manuel que son os últimos quilómetros.

Con todo, bo resultado para o padeeiro do Kaiak Tudense, que coñece as súas participacións en Europeos e mundiais na categoría sub23 con presenza nos podios. A medalla de prata deixa un bo sabor de boca xa que trae consigo a clasificación para o Campionato do Mundo de Singapur, que terá lugar a finais de outubro, e que é o gran obxectivo de Manuel.

Mañá  a partir das 14.30 horas entrará en competición en k1 Iván Alonso, mentres que a xornada do domingo serán os campións mundiais en C2 Óscar Graña e Ramón Ferro os que competirán.

 

Venres, 22 de xullo de 2011    

Presentación do 22º Seminario de Dirección Coral

Hoxe, venres, ás 11.45 horas, terá lugar na sala de reunións do Concello de Tui a presentación do 22º Seminario de Dirección Coral organizado por Camerata Ad Libitum. Esta actividade formativa vaise impartir en Tui, por segundo ano consecutivo, entre o 26 e o 31 xullo.

Á rolda de prensa asistirán responsables de Camerata Ad Libitum xunto ao alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.

 

Hoxe venres inaugurase a exposición “Vella Tui Nova”

Mañá venres, 22 de xullo, ás 21,00 horas terá lugar o acto de inauguración da exposición “Vella Tui Nova: propostas de requalificaçao urbana para cidade de Tui”, un proxecto promovido pola Escola Superior Gallaecia, de Vilanova de Cerveira, e auspiciado pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui en colaboración co Concello de Tui.

A exposición está instalada na zona Anexo da Sala Municipal de Exposicións, no edificio Área Panorámica, na rúa Colón número 2, e permanecerá aberta ao público ata o 9 de setembro.

Esta exposición acolle os proxectos académicos de estudantes da Escola Superior Gallaecia no Curso integrado de Arquitectura e Urbanismo realizado no ano 2009 e que tiveron á cidade de Tui como punto de partida.

Para a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, esta mostra posúe un grande atractivo pois posibilitará o coñecemento de propostas dos alumnos da Escola Superior Gallaecia para mellorar o urbanismo da cidade, ofrecendo unha serie de alternativas que suscitarán debate e reflexión.

Esta actividade forma parte da programación da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui que na actualidade acolle tamén á exposición de pintura do recoñecido artista Antonio Abad titulada “Paisajes cercanas” na que amosa o seu dominio da técnica do pastel ofrecendo unha exposición da grande calidade.

Aínda que na axenda cultural Corredoira figura como data de inauguración onte, 21 de xullo, esta tivo que aprazarse por problemas de axenda dos responsables de Escola Superior Gallaecia.

 

Augas de Galicia investirá 1.200.00 euros en Tui durante o 2011

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, mantivo, hai uns días, unha xuntanza de traballo co presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, na que analizaron diversos aspectos relacionados co saneamento no municipio e o funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais de Guillarei –Tui.

No decurso deste encontro o Presidente de Augas de Galicia confirmoulle ao alcalde tudense que este organismo ten previsto un investimento en Tui de aproximadamente 1.200.000 euros neste ano 2011. Concretamente existe unha partida de 600.000 para abordar as obras de conexións de diversos ramais no municipio tudense á rede pública de saneamento logrando así un vertido case integral á EDAR dos veciños de Tui.

Outro importante investimento previsto é a obra a efectuar no ámbito da Avenida da Concordia para proceder á separación da rede de pluviais, que recolle a auga da choiva, da rede de saneamento para deste xeito reducir os índices de vertido do municipio, pois en base a este índices está prevista a aplicación dunha taxa pública de gravame.

Nesta xuntanza estudaron tamén outros temas de importancia para Tui como é, especialmente, garantir un abastecemento de auga en condicións óptimas a unha zona da parroquia de Caldelas que sofre periodicamente dificultades neste subministro. Os técnicos da Xunta de Galicia están analizando as posibles alternativas para acadar unha solución a este tema, tal e como se comprometeu o alcalde tudense hai algunhas datas.

Moisés Rodríguez agradeceulle ao presidente de Augas de Galicia este importante investimento a realizar no municipio, que suporá unha importante mellora na rede de saneamento e na separación das redes de recollida de augas, separando pluviais de fecais.

 

A praza de San Fernando acolle hoxe o XXV Encontro Internacional de Corais da Ribeira do Baixo Miño

Máis de 360 coralistas pertencentes a nove agrupacións participan hoxe, venres, no XXV Encontro Internacional  de Corais da Ribeira do Baixo Miño. Vaise celebrar a partir das dez da noite na Praza de San Fernando de Tui. Con este evento ábrese a programación cultural do segundo semestre do ano na cidade.

Este evento recorre cada ano un dos concellos participantes a cada beira do Miño recalando nesta ocasión en Valença onte tivo lugar o pasado 2 de xullo, e en Tui onde se celebra mañá 22 de xullo.

Van participar a Coral Polifónica de Verdoejo de Valença, a Coral Polifónica do Centro Artístico Sportivo de Ponteareas, a Coral Polifónica de Santa Luzia de Moreira de Monçao, a Coral Polifónica de Tomiño, a Coral Polifónica de Vila Nova de Cerveira, a Coral Polifónica da Guarda, o Orfeao de Vila Praia de Áncora, a Coral Polifónica de San Teotonio de Valença e a Coral Polifónica a S.I. Catedral de Tui. Cada unha delas interpretará dúas composicións conformando entre todas un variado repertorio no que haberá pezas de Eric Clapton, Zeca Afonso, habaneras, fados, e temas populares. Rematarán todas xuntas cantando o Himno dos Encontros, O voso galo Comadre e o Himno da despedida acompañadas da Banda de Música Popular de Tui.

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, agradece a colaboración do párroco de Tui e director da Coral da S.I. Catedral na organización deste evento que cada catro anos recala en Tui. Salienta que a unha oportunidade única para disfrutar do bo facer das masas corais de toda a contorna nunha noite na que as voces destes coralistas encherán a Praza de San Fernando. A edil pon de manifestou que este evento é un magnífico arranque da programación estival na cidade.

 

Festas na honra a Santa Mª Magdalena en Ribadelouro

A parroquia de Ribadelouro celebra esta fin de semana festas na honra a Santa María Magadalena. Comezan o sábado á noite cunha sardiñada. O domingo, ás oito da tarde, terán un concerto da Unión Musical de Valladares, e pola noite amenizarán a verbena Costa Oeste e Miramar.

O luns ás 12 celebrarase misa solemne na honra á santa.  Á unha media ofrecerá un concerto a Agrupación Musical Atlántida de Matamá. Pola tarde actuará o grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro a partir das oito. Mentres pola noite Philadelfia e Supercombo amenizarán a verbena. As festas rematan o martes con verbena con Abanico e Charleston Big Band.

 

Festas na honra a Santiago Apostol en Malvas

A parroquia de Malvas honra esta fin de semana ao seu patrón, Santiago Apóstolo. O programa festivo comeza o domingo á noite con verbena a cargo de Sintonía e Palladium. O luns, festivo, a Banda de Música Popular de Tui fará un pasarrúas a partir das dez da mañá e ofrecerá un concerto á unha e media. Á misa solemne na honra a Santiago celebrarase ás doce e media do mediodía. Pechan as festas Paraíso e Bambú amenizando a última verbena.

 

Catro membros do Kaiak Tudense participan no Campionato de Europa de Maratón

Os padeeiros do Club Kaiak Tudense Manuel Garrido, Iván Alonso, Ramón Ferro e Óscar Graña xa se atopan na cidade francesa de Saint Jean De Losne, onde a partir de hoxe venres terá lugar o Campionato de Europa de Maratón.

O primeiro en competir será Manuel Garrido en C1 sub 23, actual Campión Mundial e Europeo na especialidade. O padeeiro tudense tratará de revalidar o seu título continental a partir das 11:50 de hoxe venres, nunha regata que se prevé dura debido ás duras condicións climatolóxicas  que se atoparon na cidade francesa, onde o fritiu e a choiva son a nota predominante.

Xa mañá sábado, ás 14:45 a quenda será para Iván Alonso que logrou a praza para este Campionato  de Europa ao proclamarse subcampión  España na categoría absoluta, nunha regata da túa á túa coas 11 veces campión do mundo Manuel Busto, o cal fai albergar grandes esperanzas neste Europeo. Iván Alonso tras algúns anos afastado do maratón  volve competir nesta disciplina onde xa foi medalla de bronce no mundial júnior de Valladolid no ano 2003.

Os últimos en competir serán os Campións do Mundo o pasado ano en C2, Ramón Ferro e Óscar Graña. O dous padeeiro fichados este ano polo Club Kaiak Tudense forman unha  embarcación mais que consolidada  no mundo do maratón, e son sen dúbida os grandes favoritos á vitoria final, contando sempre coas perigosas parellas locais e as sempre temidas embarcacións húngaras.

O catro padeeiros do Kaiak Tudense tratarán de conseguir unha medalla que lles da clasificación  directa para o Campionato do Mundo que se disputará no mes de outubro en Singapur.

 

Xoves, 21 de xullo de 2011    

Concertos en establecementos de Tui

Son tres ás citas musicais que temos esta fin de semana en establecementos da cidade de Tui. Por unha parte o sábado ás once da noite actúa na Fábrica, a carón do río Miño Juan Simón. Tamén o sábado, pero neste caso na Fabriquería na Avenida da Concordia haberá un concerto de Ataque Escampe. E por último o domingo á unha da tarde na Viñoteca de García actuarán Patricia Moon, violín e voz, e Frans Bansfield, piano.

 

Presentación de las películas premiadas en Play-Doc que participarán en el certamen Dokufest de Kosovo

Mañana viernes, 22 de julio, a las 11.30 horas, los directores de Play-Doc, Festival Internacional de Documentales de Tui, Ángel Sánchez y Sara García, presentarán en rueda de prensa un programa que mostrará varias películas gallegas, todas premiadas en anteriores ediciones de Play-Doc, en el prestigioso certamen Dokufest de Kosovo, principal cita cinematográfica de los Balcanes.

Asistirán a este acto, que se celebrará en el ayuntamiento de Tui, el alcalde, Moisés Rodríguez, y la concejala de Cultura, Vanesa Rodríguez Pereira.

 

Mércores, 20 de xullo de 2011    

Vinte e un espectáculos conforman a programación do segundo semestre do ano en Tui

O Encontro Internacional de Corais do Baixo Miño abre este venres oficialmente a programación cultural do segundo semestre do ano en Tui. Son un total de oito actividades no verán e trece no outono-inverno que supoñen un investimento de 70 mil euros. Dese total o 50% é aportado polo Concello de Tui de fondos propios aos que suma 5 mil euros máis en concepto de publicidade de toda esta programación que ven recollida no número vinte e dous da Axenda Cultural Corredoira.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañou á concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, na presentación destas actividades.

A edil abordou en primeiro lugar a programación de verán que comeza co Encontro de Corais que celebra as súas vodas de prata este venres en Tui coa participación de nove masa corais entre elas a Coral da S.I. Catedral, que suman máis de 360 persoas neste evento.

Referiuse amais á Noite Internacional do Miño, que ten lugar o próximo martes 26 ás 21h no Parque do Laxal en Rebordáns. Esta cita co folclore internacional, dicía a concelleira, está xa consolidada, e achega este ano grupos de Chile, Bolivia, Brasil, Arxelia e Georgia.

Destacou amais a presenza o mércores da próxima semana de Sancho Gracia en Tui, no Teatro Municipal, nun espectáculo moi persoal no que recitará e cantará.  Por outra parte son tres as películas que se van proxectar este verán “Cómo adestrar ao teu dragón” o venres 30 de xullo, “Gru, o meu vilán favorito” o sábado 6 de agosto, e “Megamind” o sábado 27 de agosto. Dentro da programación de verán figura tamén o vixésimo Festival de Bandas de Música coa presenza da Banda de Música Popular de Tui e da Agrupación Musical de Goián, e a sétima edición do ciclo Música no Claustro.

Con respecto á programación de outono, Vanesa Rodríguez informaba que hai un total de trece espectáculos dos que catro son infantís, hai catro musicais con pop, rock, folk e música clásica, da man de Nadadora, Víctor Coyote, Xosé Manuel Budiño, e o concerto de Fin de Ano coa coral e a banda de Tui. A isto súmanse catro obras teatrais, entre as que salientou “O Florido Pensil” polo destacado elenco con que conta con Xosé Manuel Olveira “Pico” e Antonio Durán “Morris”, entre outros. A danza terá o seu oco co espectáculo “Shoah” da man da compañía “Sine Die” de Paula Cobián.

Pola súa parte o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, dixo sentir “sensacións extrañas” ao ser a primeira vez que participa na presentación da programación cultural sen ser o concelleiro de Cultura. Insistiu na mensaxe que xa dicía cando tiña esa responsabilidade de que “a cultura é un investimento rendible”. Moisés Rodríguez recoñeceu á fidelidade do público que ten convertido a Tui en referente a nivel galego e desexou que siga acudindo a estes espectáculos. Nese senso lembraba que en 2010 o Teatro Municipal tivo unha media de 300 espectadores por función, o que o sitúa entre os primeiros de Galicia da Rede de Teatros e Auditorios. Ao tempo felicitou tanto a concelleira coma ao persoal do departamento de cultura polo seu traballo, indicando que a programación lograda “é axeitada, equilibrada e para todos públicos e os gustos”.

A axenda cultural “Corredoira” reúne toda esta programación do segundo semestre do ano con información pormenorizada de cada espectáculo incluíndo unha ficha técnica e un pequeno resumo do mesmo. 

Na mesma tamén se plasman as exposicións que se poderán visitar na Sala Municipal na Área Panorámica coma a de Antonio Abad que está aberta ata o 30 deste mes, ou a da historia dos balnearios de Galicia que abrirá o 1 de agosto.  As actividades da biblioteca municipal e a programación das Xornadas Europeas da Cultura Xudía e do Patrimonio veñen tamén recollidas nesta nova edición da axenda cultural “Corredoira”.

Foron editados quince mil exemplares da “Corredoira”, dos que cinco mil serán distribuídos en fogares de Tui, outros cinco mil en Valença do Minho, e os cinco mil restantes en establecementos comerciais e de hostalería, así coma nos propios espectáculos.

 

II Rastro de Tui organizado por ACITUI

A  Asociación de Comerciantes e Industrias de Tui, ACITUI, en colaboración co Concello informa de que todos os cuartos fins de semana de cada mes celébrase un Rastro no Paseo da Corredoira, tendo lugar este fin de semana a segunda edición, o 23 e 24 de xullo a partir das 10:00 horas prolongándose ata as 22:00 horas.

Todas as persoas interesadas en participar poden facelo poñendose en contacto con ACITUI  no teléfono 986 60 75 56  e a través do correo electrónico  acitui@acitui.com .

   

Festas na honra a Santa Marina en Areas

            Esta fin de semana celébranse festas na honra a Santa Marina en Areas. O venres a verbena estará amenizada por Camela e Solymar. O sábado ás doce do mediodía celebrarase misa na honra a Santa Marina. Á unha actuará o grupo de gaitas e baile Seixos Albos de Areas. Pola noite a verbena correrá a cargo de Gran Parada e La Oca.

 

III Xincana en Rebordáns

A Comisión de Festas da Virxe do Camiño organiza esta fin de semana a III Xincana no antigo campo de fútbol de Mián. Será o sábado e o domingo con trofeos para todos os participantes e premios en metálico para os catro primeiros de cada categoría.

 

Martes, 19 de xullo de 2011    

Presentación programación Cultural de Tui para o segundo semestre do ano

Hoxe martes ás 10.30h, na sala reunións do Concello de Tui será presentada a programación cultural do Concello de Tui correspondente ao segundo semestre de 2011, así coma dun novo número da Axenda Cultural Corredoira, onde se recollen estas actividades.

A presentación correrá a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e da concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez. 

 

Moisés Rodríguez aposta por unha mellor conexión ferroviaria, e por Tui coma cidade de servizos

A importancia do servizo ferroviario en Tui ten sido posto de relevo nos últimos días polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez. O mandatario municipal demandou a non supresión do servizo, cando hai uns días este corría o risco de desaparecer, pero tamén reclama unha modernización do mesmo con máis frecuencias e viaxes máis rápidas.Así o explicaba Moisés Rodríguez, na Radio Municipal de Tui.

Amais o mandatario municipal aposta por mellora o tren prestando un servizo de cercanías e enlazando coa estación de Guillarei, co que se comunicaría con toda España. Avanzaba que o PP presentará emendas no parlamento en Madrid para mellorar este servizo ferroviario.

Por outra parte tanto dende o Concello de Tui coma dende a Cámara Municipal de Valença estase traballando no proxecto de Eurocidade para as dúas localidades. Opina o mandatario municipal que son complementarias e se poden compartir servizos que non hai nunha das cidades pero si na outra. Para pór en valor as súas potencialidades buscarán acceder ao financiamento de fondos europeos. Precisamente para coñecer os pasos que se deben dar a finais de mes Moisés Rodríguez reunirase co responsable de temas transfronteirizos da Unión Europea.

Sobre a mesa están tamén outros temas coma o novo centro de saúde, cuxas obras o alcalde de Tui agarda que comecen antes do próximo mes de setembro. A adxudicación farase de xeito conxunto con outros catro ambulatorios. Avanzaba que o de Tui será un edificio acorde co da Área Panorámica.

Por outra parte entre as primeiras medidas tomadas polo novo goberno municipal está a peonalización do Paseo da Corredoira os domingos. O obxectivo é que a cidade sexa máis humanizada pero con vida, para o que  xa mantiveron contactos con ACITUI para organizar actividades. O obxectivo é favorecer o comercio e a hostalería local.

Avanzaba amais o rexedor municipal que probablemente esta semana se poña xa en marcha a reapertura do tramo final da rúa Rosa Bahamonde que desemboca no Paseo da Corredoira. Con esta medida búscase desconxestionar o tráfico nesta zona.

Dende o Concello están traballando tamén para habilitar novos espazos de aparcamento sobre todo para cando comecen as obras do novo centro de saúde. Barallan tanto terreos particulares, onde se negociou cos propietarios, coma o conservatorio ou os terreos do CEIP nº2, para habilitar prazas de estacionamento.

Estas accións súmanse as acometidas para mellorar a imaxe da cidade coa campaña de limpeza posta en marcha, a solicitude aos propietarios do conxunto histórico para que teñan as súas propiedades sen maleza, a prohibición de colocar pancartas, e próxima instalación de máis bancos en diferentes zonas da cidade, ou o adorno con plantas que se levará a cabo polo Obradoiro de Emprego.

Por último o alcalde de Tui explicaba que na actual situación de crise económica hai que buscar fondos noutras administracións para acometer proxectos coma adquisición da Lagarteira, a apertura da rúa Ourense, a escola infantil, ou o centro día. Incidía Moisés Rodríguez en que o obxectivo é que Tui sexa unha cidade de servizos, o que redundará sobre todo no comercio e na hostalería local.

 

Luns, 18 de xullo de 2011    

O alcalde agradece as xestións realizadas sobre a conexión ferroviaria de Tui pero insiste en lograr un servizo adaptado aos requerimentos do século XXI

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, remitiu unha carta aos responsables ferroviarios tanto de España como de Portugal, expresando o seu agradecemento á decisión adoptada de non suprimir o servizo ferroviario que une á cidade de Tui con Porto e Vigo, onde todos amosaron a súa sensibilidade a esta xusta reivindicación de tudenses e valencianos.

A carta do alcalde tudense foi dirixida ao Presidente de Comboios de Portugal, o Secretario de Estado de Obras Públicas de Portugal, ao Presidente de Renfe, ao Secretario de Transportes e ao Ministro de Fomento, así como ao Conselleiro de Medio Ambiente e ao Presidente da Xunta.

Pero ao mesmo tempo Rodríguez Pérez continúa expresando nestes escritos que “a nosa reclamación abrangue tamén á necesidade de lograr unha modernización desta liña ferroviaria acorde cos tempos actuais. Unha redución substancial da súa duración e unha ampliación de frecuencias estou convencido que dotará de atractivo a esta liña entre Porto e Vigo acadando a súa rendibilidade económica. Cómpre unicamente ofrecer un servizo propio do século XXI. Esa é tamén a nosa reclamación. Confío que nun futuro breve poidamos contar cunha comunicación ferroviaria adaptada ás necesidades dos seus potenciais usuarios”. Lograr un servizo de cercanías que responda ás necesidades dos mais de 5000 usuarios que diariamente cruzan a fronteira en Valença e Tui e que son potenciais usuarios deste servizo de transporte por ferrocarril.

O alcalde tudense saúda e agradece as numerosas iniciativas que nestas xornadas téñense suscitado arredor desta conexión ferroviaria pois insiste que este tema transcende á esfera local ou tudense pois estamos diante dun asunto transfronteirizo e que afecta á cohesión da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal e neste contexto cómpre valorar esta tema.

Dende o Concello de Tui ofrécese a colaboración precisa ás entidades responsables tanto de España como de Portugal para lograr que a nosa cidade conte cun servizo de transporte ferroviario en condicións que, ao tempo, garanta a mobilidade e cohesión da rexión transfronteiriza que conforman Galicia e o Norte de Portugal.

 

Presentación da programación cultural do segundo semestre de 2011

Mañá, martes, ás 11 horas, vaise presentar na sala reunións do Concello de Tui a programación cultural correspondente ao segundo semestre de 2011, así coma o novo número da Axenda Cultural Corredoira, onde se recollen estas actividades.

A presentación correrá a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e da concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez. 

 

Venres, 15 de xullo de 2011    

Gran pulpada en el Club Nautico San Telmo

El Club Náutico San Telmo, organiza una pulpada que se va a celebrar el próximo sábado día 16 de julio a partir de las 12 horas de la mañana y se alargará durante todo el día, con motivo de la festividad de Ntra. Sra. Del Carmen.

Información y reservas en el teléfono 986.60.24.64 y en el correo electrónico nautico@cnsantelmo.com.

 

Reapertura do Centro de Visitantes do Monte Aloia

O Centro de visitantes do Parque Natural do Monte Aloia volverá a abrir hoxe as súas portas logo de permanecer pechado dende o pasado mes de novembro. De xeito provisional o centro volverá atender ao público na época estival ata o próximo 15 de setembro co mesmo persoal que o viña facendo ata o de agora.

A apertura non é aínda definitiva, porque está pendente de adxudicación definitiva o concurso de explotación deste espazo.

  

A Garda Civil detivo, a un veciño de Ponteareas, como presunto autor de numerosos roubos de maquinaria en Tui, Ponteareas e Salvaterra

A Garda Civil detivo, a un veciño de Ponteareas, como presunto autor de numerosos roubos de maquinaria.

Das pescudas levadas a cabo durante os dous últimos meses, a fin de combater Logo de rexistrarse continuos roubos de maquinaria en vivendas e locais comerciais da provincia, as pescudas realizadas pola área de Investigación do Posto Principal da Garda Civil de Ponteareas deron os seus froitos.

Tras un dispositivo especial deron o alto a un vehículo da marca Citroen, modelo Evasión, con matrícula PO1199AI na estrada EP4006 sentido Ponteareas. O vehículo era conducido por JM.M.F, que ía acompañado por R.J.H. Na parte traseira do coche levaban as seguintes ferramentas: unha rozadora; unha máquina de soldar e dúas radiais. Os ocupantes do Citroen non puideron xustificar a procedencia da ferramenta, feito que xunto á información obtida polo Equipo de Investigación, levou ao axentes a trasladarse ao domicilio dun dos ocupantes R.J.H.. Unha vez alí,  trala inspección dos arredores da vivenda atoparon na leira maquinaria supostamente roubada. En concreto unha rozadora, unha radial, e unha hidrolavadora. Tras incautar a maquinaria os axentes estableceron a relación da mesma con diversos roubos realizados na provincia, concretamente en Ponteareas no ano 2010, en Salvatierra e Tui este ano. Por iso procederon á detención de R.J.H.

A instrución realizada polos axentes da Garda Civil foi entregada onte no Xulgado de Garda de Ponteareas xunto a maquinaria recuperada e o detido.

 

Inspección técnica de vehículos agrícolas o día 15 en Tui

Hoxe venres hai unha unidade móbil de para realizar a inspección técnica para vehículos agrícolas na nave do Concello en Guillarei. Prestará o servizo en horario de 9 a 13.30 e de 15.30 a 18h. Os interesados en facer a inspección técnica poden obter a cita directamente na unidade móbil ou no teléfono 881 920 490.

 

Actividades de ACITUI mañá sábado

A Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui organiza dúas actividades para mañá sábado. Por unha parte no Paseo da Corredoira celébrase o vixésimo primeiro Mercadiño de Antigüidades.Terá lugar entre ás dez da mañá e ás nove da noite coa presenza de quince postos de exposición e venda de obxectos antigos.

Por outra dentro de programación de “Vida nas rúas” 2011 mañá  ás oito da tarde no Paseo da Corredoira haberá unha exhibición de Break Dance do grupo Fusion Flow, e acturá  o grupo de baile popular portugués A Feitosa,  co que se poderá disfrutar do folclore do país veciño.

 

Mañá celébrase a Festividade da Virxe do Carme en Tui

Mañá sábado celébrase a Festividade da Virxe do Carme. Por este motivo a Comandancia Naval do Miño organiza unha serie de actos en Tui. Ás sete da tarde celebrarase misa na honra á Virxe do Carme na Igrexa de Santo Domingo. Ao remate sairá a procesión ao embarcadoiro da Comandancia Naval, onde embarcará a imaxe da Virxe no “Cabo Fradera” para a procesión fluvial. No seu percorrido a procesión será acompañada por embarcación tanto de recreo, como de pesca e deportivas.

 

Concerto de Spoonful Blues hoxe venres e Mr Whiz mañá sábado en dous locais de Tui

A Praza de San Fernando acolle ás once e media desta noite un concerto organizado polo  Café Bar Cultural Adega.

Por outra parte mañá sábado ás 22.30h actuará na Fábrica de Tui, á carón do río Miño, o grupo Mr. Whiz.

 

Festival de Verán en Ribadelouro

A Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro celebra esta fin de semana o seu Festival de Verán. Comezan esta noite, ás nove e media, co grupo de teatro Mesturanza da Asociación Cultural Seixos Albos de Areas que porá en escena a obra “A voltas co C.I.”. Mañá sábado, a partir das nove e media, será a quenda dos playbacks cos grupos “Os Penediños” de Atios, San Fins de Rebordáns, e Santa Columba de Ribadelouro. Logo terán a actuación especial de Mikey, campión galego de Beatbox. O programa péchase o domingo, ás oito da tarde, cun festival folclórico coa actuación dos grupos Xente Xoven de Cangas, Os Camponenses Minhotos de Valença e Santa Columba de Ribadelouro

 

Xoves, 14 de xullo de 2011    

Actividades nocturnas co gallo da lúa chea

Esta fin de semana haberá lúa chea e por este motivo son tres as actividades nocturnas organizadas por dúas empresas de Tui e por unha asociación na noite do venres e do sábado.

Por unha parte a Comisión de Festas da Virxe do Camiño de Rebordáns organiza unha andaina nocturna da Santa Compaña para este sábado ás once da noite. Sairán dende o torreiro da festa de Rebordáns para facer un percorrido de 10 quilómetros á luz da lúa de dificultade baixa. Os interesados en participar deben anotarse no 660 682 365  ou no 676 538 772. O prezo da inscrición é de 5€, sendo gratis para nenos menores de 12 anos. Ao remate terán chocolate con rosca e queimada, e polo camiño haberá algunha sorpresa.

Por outra parte a empresa Verdeazul de Tui  organiza para o venres á noite un descenso nocturno en piragua polo río Miño dende Caldelas ata Tui. Será un paseo á luz da lúa no que disfrutar dos encantos do Miño e da imaxe nocturna da cidade de Tui. Os interesados deben enviar un correo electrónico a info@verdeazul.es.

E as empresas Aquamiño e Tamuxe Kayak farán rutas en catamarán e en kaiak baixo a luz da lúa tamén na fin de semana. As rutas en kaiak faranse na desembocatura do Miño e no río Tamuxe entre ás nove e ás doce da noite, mentres que o paseo en catamarán partirá de Tui cun percorrido de 20 quilómetros. Terá lugar entre ás 21.30h e ás 23.30h. Os interesados poden anotarse no 628 552 710 ou no correo info@aquamino.com

 

Break Dance e folclore portugués o sábado en Vida nas Rúas

Dentro de programación de “Vida nas rúas” 2011 a  Asociación de comerciantes e industrias de Tui, ACITUI, en colaboración co Concello de Tui, organiza dúas actividades para este sábado.

Comezarán ás oito da tarde no Paseo da Corredoira. Por unha parte haberá unha exhibición de Break Dance do grupo Fusion Flow, é un grupo de bboying creado no 2009, e formado por integrantes de grupos moi coñecidos por todo Galicia, España e parte de Portugal.

            Por outra banda estará o grupo de baile popular portugués A Feitosa,  co que se poderá disfrutar do folclore do país veciño.

 

Mércores, 13 de xullo de 2011    

O alcalde de Tui firma co presidencia o convenio para a humanización do contorno do Centro Cultural de Randufe

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu onte, no edificio administrativo de Campolongo, ao alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, quen aproveitou a visita para firmar coa Consellería de Presidencia o convenio para a adecuación da contorna do Centro Cultural de Randufe.

O obxectivo básico da actuación que se recolle neste convenio é o acondicionamento das proximidades do Centro Cultural da parroquia de Randufe, co que se pretende dotar aos veciños de Tui dun espazo público municipal axeitado.

Deste xeito, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou a importancia desta obra por fomentar a convivencia en comunidade e como reforzo dos vínculos sociais entre os veciños do concello.

En concreto, o convenio permitirá achegar ao concello de Tui 30.000 euros dos 57.889,58 nos que está valorada a obra de mellora dos espazo que rodea o centro cultural da parroquia de Randufe. “Como reflexa o documento, o concello terá que tramitar o expediente de adxudicación do equipamento, mentres a Xunta aportará o 51,82% do orzamento total da actuación”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

O convenio entra dende hoxe en vigor, trala firma por unha banda do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e por outra do alcalde da localidade pontevedresa, Moisés Rodríguez Pérez. Estará vixente ata o 30 de setembro deste ano.

 

XXI Mercadiño de antigüidades en Tui o sábado

O Paseo da Corredoira acolle este sábado o vixésimo primeiro Mercadiño de Antigüidades organizado por ACITUI, coa colaboración do Concello de Tui. Terá lugar entre ás dez da mañá e ás nove da noite coa presenza de quince postos de exposición e venda de obxectos antigos.

 

Éxito da primeira proba da Copa Galicia de Esquí celebrada en Tui

Os esquiadores do Club Náutico San Telmo foron os claros favoritos na primeira proba da Copa Galicia Esquí Náutico celebrada en Tui na fin de semana, facéndose coa vitoria en case todas as categorías.

En slalom Alejandro Pamies e José Ramón Garrido do Náutico San Telmo coparon o primeiro e segundo posto, sendo terceiro. David Pereira do Moañamar.

En minislalom Catalina Pamies do Náutico San Telmo foi primeira seguida no segundo e terceiro posto polos esquiadores do CN Arcade Anair Álvarez e Javier Nogueira

En minislalom infantil o club de Tui copou os tres postos do podio da man de Jose Leiras, Andrea Monzón e Gonzalo Pamies. En alevín Silvia Leiras do Náutico San Telmo acadou tamén o primeiro posto.

Por último en flagslalom na categoría junio Sonia Castiñeira de Tui foi segunda, en infantil Alba Arteta e Candela Alonso foron primeira e segunda respectivamente, e por último en alevín os irmáns Martín e Pilar Vázquez repartíronse o primeiro e segundo posto.

 

Carme Adán presenta unha proposición non de lei demandando un plan estratéxico para a conexión ferroviaria Galicia-Portugal

O Bloque Nacionalista Galego vai presentar unha proposición non lei no Parlamento galego e no español no que demanda a elaboración dun plan estratéxico para a reactivación da conexión ferroviaria Galicia-Norte de Portugal, garantindo a conexión de Tui a Vigo. Así o expuxo a deputada Carme Adán onte en Tui, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polos concelleiros Laureano Alonso e Carme Verde, e polo responsable local do BNG, José Martínez Tato.

Carme Adán expuxo que o plan estratéxico que demandan ten que contemplar unha modernización das infraestruturas e un cronograma de actuacións, coa necesaria memoria económica para o seu desenvolvemento.  Os nacionalistas demandan unha actuación clara e decidida para manter e mellorar a liña de tren e que esta sexa economicamente rendible. Engadía Carme Adán que para Tui será “fundamental ter un bo servizo de tren con Vigo”.  Expuña a deputada que nas últimas décadas descoidouse o tren que incidía que é un medio sustentable, económico, rendible e ecolóxico, e que a situación na comunicación ferroviaria empeorou pola deixadez do Ministerio de Fomento.

Previamente o voceiro municipal do BNG en Tui, Laureano Alonso, explicaba que o servizo de tren entre Tui e Vigo – que se conseguiu manter ata setembro – funciona “rematadamente mal” pola falta de organización. Nese senso daba a coñecer que o tren que vén de Porto ao chegar a Valença o maquinista é substituído por un práctico español que leva o tren ata Vigo. Ata alí vai tamén o maquinista que despois é aloxado nun tren de catro estrelas na cidade olívica. Amais o tren ao chegar a Tui o interventor baixa e sustituído por un de Renfe para controlar o servizo, pero isto non sempre ocorre. Mentres o interventor portugués é levado por un taxi portugués dende a estación de Tui ata Valença onde se hospeda nun hostal.  Por todo isto explicaba o concelleiro nacionalista que o déficit no servizo non se produce só pola falta de viaxeiros senón tamén polas dietas que hai que pagar.  A todo isto sinalaba súmase os horarios que o tren ofrece que non son acaídos. No parecer de Laureano Alonso o servizo hai que melloralo e cambialo. Nese senso facíase eco da demanda de estudantes que van a Compostela para que haxa unha comunicación ferroviaria dende Tui con horarios compatibles. Apostaba tamén pola posta en marcha dun tren turístico histórico que faga que liña do tren sexa rendible.

Por último a edil nacionalista, Carme Verde, lembraba que o BNG leva catro anos presentando mocións no Concello para que se promova e xestione unha mellora no servizo ferroviario en Tui. Lembrou tamén unha moción de Galiza Nova demandando unha mellora nos horarios das viaxes a Vigo.

 

Martes, 12 de xullo de 2011    

Bo resultado da canteira do Remo do Miño no Campionato de España

O Club Remo do Miño de Tui obtivo un excelente resultado no o Campionato de España de Alevíns, Infantís e Cadetes que se celebrou na fin de semana no encoro de Castelo de Miño.

Este foi o Campionato con maior participación na historia do remo nacional, con máis de mil deportistas nas distintas categorías.

O Club Remo do Miño obtivo unha medalla de Ouro e por tanto o Campionato de España da man de Diego das Dores en Skiff Cadete Masculino. Mantivo a primeira posición do inicio ao fin da regata proclamándose Campión de España.

O Catro Scull Cadete  integrado por Diego das Dores, Xian Siava, Eduado Ferreiro e Alejandro Hernández, logrou unha cuarta posición na final A.

Con esta proba péchase a tempada 2011 cun balance impresionante para o o Club Remo do Miño, polo que este ano o Club estará no máis alto do Ranking Nacional de Clubs.

 

Rolda de prensa do BNG sobre a problemática do tren Tui-Valença

Ás doce e media deste mediodía comparecerán en rolda de prensa  a deputada do BNG no Parlamento Galego Carme Adán para facer declaracións  sobre a problemática do tren Valença-Tui. Estará acompañada dos concelleiros nacionalistas en Tui Carme Verde e Laureano Alonso. A rolda de prensa terá lugar no Hotel Colón.

 

O Kaiak Tudense proclamouse Campión de España por cuarto ano consecutivo

Por cuarto ano consecutivo o Club Kaiak Tudense proclamouse Campión de España de Piragüismo. Fíxoo con autoridade ao lograr 1775 puntos, moi por diante dos 1.410 do Club Náutico de Sevilla que foi segundo e dos 1.236 das Torres Romeria Viquinga de Catoira que ocupou o terceiro posto na clasificación xeral.

Os de Tui estiveron a piques de facer historia logrando un éxito sen precedentes, ao conseguir todos os ouros na categoría absoluta nas embarcacións k4 e C4. Tan só o C4 200 quedou relegado do podio, o resto de embarcacións k4 e C4 conseguiron o ouro no tres distancias. Así no k4 1000 metros, distancia raíña deste campionato, os de Tui conseguen por sétimo ano consecutivo o título de Campión de España, a embarcación composta por Roberto Rodríguez, Iván Alonso, Diego Piña e Rubén Millán, impúñase con rotunda claridade, xa na distancia de 500 metros, e coa substitución de Diego Piña por Joan Ardit, volvíanse a impor, finalizando a súa actuación tamén co ouro en 200 metros, neste caso Víctor Rodríguez entraba no lugar de Iván Alonso.

Igual de destacada foi a actuación do k4 das mulleres onde Ana Varela, Carla Pérez, Leti Piña e Valeria Romero, facíanse con tres ouros, ao alcanzar o triunfo en k4 1000, 500 e 200 metros, sen dar ningunha opción de vitoria aos seus rivais.

En C4 a punto estivo tamén de conseguirse o triplete, así no C4 1000 conseguíase o ouro, por medio de David e Daniel Costa, que xunto con Óscar Graña e Ramón Ferro, mentres que no C4 500, tamén ouro, eran Manu Garrido e Adrián González os que entraban en lugar dos xemelgos David e Daniel, sen que o C4 resentísese. Tan só 5 décimas separaron aos de Tui do ouro en C4 200.

O colofón á gran actuación das embarcacións C4 e k4, púxoo José Luís Bouza no C1 500 onde conseguiu unha das súas mellores marcas 1´50’’505, e impúxose ao seu gran rival David Cal, co cal deberá medirse o próximo 13 de agosto na distancia de 1000 metros e que será clasificatorio para o mundial de Szeged.

Tres das cinco pratas foron para o k2 home senior, así en 1000 e 500 metros, este subcampionato era para Diego Piña e Víctor Rodríguez. En 200 metros,  o k2 de Roberto Rodríguez e Joan Ardit - este último aínda convalecente dunha lesión -, conseguiron tamén a medalla de prata. As outras dúas pratas foi para un sorprendente Rubén Millán que se facía co segundo lugar no k1 500 Sub 23 e sexto absoluto. O  k4 junior na distancia de 1000 metros de Roi  Rodríguez, Marcos González, Pedro Carreira e Braian Ocampo tamén se fixeron coa medalla de prata, sendo a única medalla na categoría júnior do club Tudense.

As medallas de bronce foron para José Luís Bouza en C1 200 metros, o k1 500 de Víctor Rodríguez, o c2 1000 metros de Daniel e David Costa e o k2 muller en 1000 metros de Leti Piña e Valeria Romero.

 

XXI Mercadiño de antigüidades en Tui o sábado

O Paseo da Corredoira acolle este sábado o vixésimo primeiro Mercadiño de Antigüidades organizado por ACITUI, coa colaboración do Concello de Tui. Terá lugar entre ás dez da mañá e ás nove da noite coa presenza de quinte postos de exposición e venda de obxectos antigos.

 

El Club Náutico San Telmo comenzara curso de patrón de embarcaciones de recreo

El próximo sábado día 16 de julio a las 17.00 horas dará comienzo en el Club Náutico San Telmo, un curso de patrón de embarcaciones de recreo (PNB y PER), las clases serán en fin de semana y el examen a mediados de Septiembre.

Todos los interesados pueden obtener mas información en el teléfono 986.60.24.64 y en correo electrónico nautico@cnsantelmo.com.

 

O tudense Benito Giráldez gañou o campionato de Galicia de descenso na categoría senior

O tudense Benito Giraldez Sousa, 27 anos,  logrou o primeiro posto da categoría senior no Campionato de Galicia de Descenso celebrado este pasado domingo, por segundo ano consecutivo, en Manzaneda Bike Park. Esta é unha das modalidades máis extremas e espectaculares do mountain bike. A competición contou coa presenza tamén de Toni Ferreiro, actual campión de España en Categoría sub 23, que se proclamo Campión de Galicia de Descenso 2011. Este campionato reuniu a máis de 120 corredores galegos, entre os que destacaron corredores cunha importante traxectoria no mountain bike nacional como Jorge Aguín, subcampión de España en categoría elite e que logrou un merecido segundo posto nestes campionatos, Rosi Martínez, campioa de España sub 23, Arón Caballero e Javier Fontán.

 

Luns, 11 de xullo de 2011    

Os alcaldes de Versmold e Tui coinciden en temas de interese común para avanzar nunha cooperación mutua

Ao longo desta pasada fin de semana unha delegación oficial do municipio alemán de Versmold visita á cidade de Tui con obxecto de establecer un primeiro intercambio entre ambas cidades para iniciar un camiño común de colaboración que pode desembocar, nun futuro, nun irmanamento de ambas localidades.

O venres, a delegación xermana que vén presidida polo alcalde de Versmold, Thorsten Klute, acompañado doutros tres concelleiros daquela corporación municipal acompañados de varios funcionarios, foron recibidos oficialmente polo alcalde tudense acompañado da Corporación Municipal no Salón de Plenos da Casa do Concello. Ao remate o grupo de gaitas de San Xoán de Paramos interpretou diversas pezas folclóricas na honra dos convidados.Na mañá de onte, sábado, tivo lugar no Concello tudense unha mesa de traballo na que participou a delegación de Versmold xunto con representantes dos diversos grupos políticos tudenses na que houbo un fluído intercambio de experiencias sore o funcionamento de ambos concellos e os posibles ámbitos de mutua colaboración entre os dous municipios. A delegación de Versmold comentou a súa experiencia de irmanamento coa localidade polaca de Dobczyce, con quen manteñen un fluido traballo de cooperación que foi galardonado no ano 2009 pola embaixada de Polonia en Alemania.

De seguido, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e de Versmold, Thorsten Klute, ofreceron unha rolda de prensa na, en primeiro lugar salientaron a común identidade europea de ambas localidades e falaron dos posibles ámbitos de colaboración entre ambas cidades: o deporte –o alcalde de Versmold convidou a un equipo xuvenil tudense a participar no vindeiro ano nun campionato internacional que se celebra na súa cidade-, cultura, turismo –con especial interese no tema do Camiño de Santiago- e no emprego –onde Versmold pode ofrecer posibilidades aos desempregados da nosa zona. Ambos rexedores coincidiron en salientar o especial papel que teñen desenvolvido os emigrantes galegos a prol tanto de Alemania como de Galicia, sinalando que esta relación será unha idónea oportunidade para realizar unha homenaxe de recoñecemento a este colectivo.

Versmold é unha localidade de algo máis de 20.000 habitantes que pertence á rexión de Renania do Norte ­ Westfalia. Esta cidade é coñecida pola súa industria de charcutería de grande sona e tradición. Nesta zona asentouse, hai varias décadas, unha importante colonia de emigrantes da nosa contorna, singularmente da parroquia tudense de Paramos, que son agora os auténticos animadores deste encontro entre os responsables municipais de ambas localidades. 

A delegación xermana regresou na tarde do domingo a Versmold.

 

Sábado, 9 de xullo de 2011    

O alcalde de Tui organiza o goberno municipal coa designación de membros da Xunta de Goberno local, tenentes de alcalde e a proposta de retribucións

Moisés Rodríguez Pérez, alcalde do Concello de Tui, vén de asinar as resolucións mediante as que organiza o equipo de goberno municipal tudense que dirixirá o funcionamento do Concello nos vindeiros catro anos, das que dará conta no Pleno a celebrar o vindeiro luns ás 12.00 horas.

Desígnanse como membros da Xunta de Goberno local os concelleiros: Nicolás Lorenzo Montes, Vanesa Rodríguez Pereira, Dorinda Olga Montes Moldes, Marcelino Enrique Cendón Álvarez e Manuel González Vázquez.

E establece que as sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local terán lugar os xoves, cada quince días, ás 13.00 horas  no Salón de Concelleiros da Casa Consistorial.

Ao mesmo tempo, o alcalde delega na Xunta de Goberno Local as seguintes funcións: licencias de obras, de apertura de establecementos, reposición da legalidade urbanística, recoñecemento de obrigas económicas, aprobación da oferta de emprego público, aprobacións dos instrumentos de planeamento non expresamente atribuídos ao Pleno, así como os instrumentos de xestión urbanística e dos proxectos de urbanización e infraccións das ordenanzas municipais.

Igualmente o alcalde ten designado aos membros da Xunta de Goberno Local como Tenentes de Alcalde, coa seguinte distribución: 1º tenente de alcalde: Nicolás Lorenzo Montes; 2º tenente de alcalde, Vanesa Rodríguez Pereira; 3º tenente de alcalde, Dorinda Olga Montes Moldes; 4º tenente de alcalde: Marcelino Enrique Cendón Álvarez, e 5º tenente de alcalde: Manuel González Vázquez.

E finalmente ten confirmado o anuncio sobre as delegacións de competencias nos diversos concelleiros do grupo de goberno: Nicolás Lorenzo Montes: Conxunto histórico e rehabilitación, Deportes, Xuventude e Medios de Comunicación; Vanesa Rodríguez Pereira,  Educación e Cultura; Dorinda Olga Montes Moldes, Parques e xardíns, mercado e praza de abastos; Marcelino Enrique Cendón Vázquez, Facenda e Patrimonio; Manuel González Vázquez, Limpeza e recollida de residuos, cemiterio, parque móbil e servizos municipais; Angel Gutiérrez González: Seguridade cidadán, tráfico, protección civil e medio ambiente; Jose Angel Villaverde Rocha, Persoal, Formación e Emprego, Alumeado público, e Raquel Lorenzo Pimentel,  Servizos sociais, Muller, Turismo e Comercio.

O alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, expresa o seu convencemento de que este equipo de goberno, que mantén a estructura da candidatura presentada polo Partido Popular e que acadou a confianza maioritaria dos tudenses, abre unha nova etapa na vida municipal baseada no traballo, no esforzo e no compromiso permanente pola mellora de vida dos cidadáns. Un traballo, engade Rodríguez Pérez, que xa queda patente no labor desenvolvido neste primeiro mes ou na defensa do servizo de ferrocarril entre Valença e Tui que lidera nestes días o Concello de Tui.

Por outra banda o Alcalde leva ao Pleno do luns a proposta de retribucións aos cargos municipais que son as seguintes: Alcalde-Presidente: 45.150,00 € brutos; unha Dedicación exclusiva Concelleiro: 33.600,00 € brutos; seis Dedicacións Parciais de 90 horas mensuais: 14.553,00 € brutos.

A alcaldía propón tamén a creación dun posto de persoal eventual coas retribucións de 27.300,00 € brutos anuais, coas funcións de apoio ás tarefas diarias da alcaldía.

Estas retribucións supoñen un investimento maior que no anterior mandato municipal resultado de existir un maior número de membros do goberno municipal, pero cabe resaltar que se mantén unha única dedicación exclusiva e as dedicacións parciais son de moi reducido custe.

Figuran tamén as compensacións por asistencias aos órganos colexiados da vida municipal a percibir por todos os membros da Corporación Municipal:

1.- Asistencia a sesións do Concello-Pleno.-

-          Alcalde: 231,39 Euros por asistencia

-          Concelleiros: 132,22 Euros por asistencia.

2.- Asistencia a Xunta de Goberno Local:

-          Alcalde: 231,39 Euros por asistencia

-          Concelleiros: 132,22 Euros por asistencia

3.- Asistencia a Comisións Informativas:

-          Presidente: 99,17 Euros

-          Concelleiros: 66,11 Euros.

En relación coas retribucións o alcalde sinala, en primeiro lugar, a necesidade de contar cunha norma xeral de aplicación nos Concellos que regule os salarios a percibir polos cargos municipais en concellos de similar categoría para que non existan a discrecionalidade actual. En segundo lugar, as retribucións propostas están na mesma liña dos municipios de similares características a Tui como é o caso de Tomiño (Alcaldía 42.000 euros, dedicación 35.000), de Rianxo (Alcaldía 41.000, dedicación 36.900), Teo (Alcalde 44.769), Mos (Alcalde 48.678, dedicación 29.242), ou en similares parámetros que as establecidas en anteriores gobernos municipais tudenses. Resalta tamén que as dedicacións parciais teñen unhas retribucións moi reducidas e mesmo un dos concelleiros do goberno municipal non cobrará retribución algunha unicamente as asistencias a plenos e comisións.

Estas retribucións, engade o rexedor tudense, non supoñen en ningún caso un despilfarro de fondos públicos senón que seguen na liña de contención do gasto na vida municipal. Cómpre lembrar que a economía deste concello está en boas condicións, sendo un dos 18 concellos de Galicia que posúe unhas contas axustadas tal e como foi publicado recentemente na prensa e “esa responsabilidade correspóndelle en algunha medida ao anterior concelleiro de facenda e hoxe alcalde” subliña Moisés Rodríguez Pérez e nesa mesma liña seguirá traballando neste novo período e nesa mesma liña está esta proposta de retribucións axustadas ao que lle corresponde a un concello como é o de Tui.

 

ACITUI organiza hoxe  sábado xogos tradicionais

                A  Asociación de comerciantes e industrias de Tui, ACITUI, en colaboración co Concello de Tui, organiza para hoxe sábado ás sete da tarde xogos tradicionais no Paseo da Corredoira. Forman parte da programación de Vidas nas rúas 2011

            Haberá xogos tradicionais como son as carreiras de sacos, canicas, a comba, carreira de aros, etc. Nolo contaba Ángela Estévez, coordinadora destas actividades.

 

1ª proba da Copa Galicia de Esquí Naútico hoxe e mañá en Tui

           Esta fin de semana celébrase en augas do río Miño fronte ao Club Náutico San Telmo a primeira proba da Copa Galicia de Esquí Naútico organizada polo Club Náutico San Telmo e Federación Galega de Esquí Náutico. Mañá sábado terán lugar os adestramentos e o domingo a partir das nove a mañá a competición.

 

Subida ao Monte Aloia

         A Asociación Cultural Xuntanza organiza unha subida ao Monte Aloia que sairá mañá domingo ás 9.30h dende a Casa Cultura de Randufe. No monte, no recinto da capela do Aloia haberá sardiñas e pan.

 

Misa e procesión de San Cristobal en Guillarei

            En Guillarei mañá domingo ás sete da tarde celébrase misa na honra a San Cristobal, e media hora despois saíra  a procesión na honra do santo, organizada polos veciños de Guillarei.

 

II Romaría do socio en Pexegueiro

            Mañá domingo celébrase na arboreda do colexio en Pexegueiro a II Romaría do Socio. Actuarán en sesión Vermuth e pola tarde o grupo Airiños do Miño e o grupo local “A Llanta”

 

Festas na honra ao Santísimo Cristo en Baldráns

            En Baldráns celébranse esta fin de semana festas na honra ao Santísimo Cristo. Hoxe sábado a partir das oito da tarde no recinto de festas celébrase a XVIII Romaría do polbo á feira, preparado por un polbeiro do Carballiño. Logo a verbena será amenizada polo grupo Alcázar.

            Mañá domingo,a partir das dez e media, entrará no recinto de festas a Banda de Música Xuvenil de Xinzo, que ofrecerán concertos ás once da mañá e ás doce do mediodía. Ás doce e media celébrase a misa na honra ao Santísimo Cristo con sermón e procesión. A verbena do domingo correrá a cargo de Juan Mallo e Alaska.

             Por último o luns ás dez e media entrará no torreiro de festas a Banda de Música Popular de Tui que ofrecerá un concerto a continuación. Ás doce celebrarase misa con sermón e procesión. E a última verbena será amenizada por Los Satélites e Compostela.

 

Onte comezou o Campionato de España de Piragüismo no que o Kaiak opta a revalidar o título de Campión de España que ostenta na actualidade

O Club Kaiak Tudense busca esta fin de semana o cuarto Campionato de España consecutivo na Categoría senior, e sétimo nos últimos 11 anos - nas outras 3 edicións que non se alzo co triunfo, conseguiu dúas segundas prazas e un terceiro posto -  no encoro de Verducido en Pontevedra  a partir das 16:00 horas, e que terá o seu desenlace final o domingo á tarde.

O club Kaiak Tudense, a pesar dos seus enormes problemas económicos, tratará de conseguir ese triunfo na xeral de clubs, tendo como os seus rivais mais directos ao Náutico de Sevilla, e aos galegos das Torres Romaría Viquinga.

O maior hándicap para o club de Tui, será compaxinar os obxectivos individuais dos deportistas, xa que varios deles, están a preparar diferentes selectivos para conseguir o pasaporte para o mundial de Szeged, como é o caso de José Luís Bouza, Diego Piña e Víctor Rodríguez, así como os 4 padeeiros senior que en 15 días estarán a competir en Francia no Europeo de Maratón, como é o caso de Iván Alonso, Manu Garrido, Óscar Graña e Ramón Ferro, a pesar deste problema espérase cultivar un bo número de medallas.

Así José Luís Bouza, competirá en C1 500 e  200 metros, co obxectivo de facerse co triunfo na primeira distancia, e subir o podio nos 200 metros. A maiores de Bouza, en C1, espérase que o C2 dos irmáns Costa Bouzada, David e Daniel, alcancen o podio en 1000 metros, e xunto con Óscar Graña e Ramón Ferro, consigan facerse co triunfo en C4 1000 metros.

No kaiak masculino, en k1 1000 metros Diego Piña e Víctor Rodríguez buscasen un oco no podio, sendo os favoritos para facerse co ouro en k2 1000 metros, mentres que o novo k4 de Roberto Lechuga, Iván Alonso, Diego Piña e Ruben Milláan, tratarán de manter a hexemonía do club de Tui na regata reina do piragüismo ? k4 1000 - , que no caso de logralo sería o sétimo consecutivo.

En damas, as maiores opcións de podio éntranse na embarcación k4, onde Ana Varela, Carla Pérez, Valeria Romero e Leti Piña, buscasen alzarse cun lugar no podio nas distancias de 1000, 500 e 200 metros.

 

A Cámara de Comercio de Tui presenta o Centro de Iniciativas Turísticas do Baixo Miño

Este luns, 11 de xullo, terá lugar a presentación do Centro de Iniciativas Turísticas do Baixo Miño que promove a Cámara de Comercio de Tui. O acto, que estará presidido polo Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, terá lugar no Parador Nacional de Turismo de Tui ás 19.00 horas.

Está prevista a asistencia do Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, así como a do cinco Alcaldes do Baixo Miño. Ademais, acudirán ao evento preto de 40 persoas relacionadas co ámbito empresarial e turístico da comarca. O CIT do Baixo Miño é unha asociación sen ánimo de lucro que ten por obxectivo fomentar a promoción turística da zona para conseguir unha maior afluencia de visitantes e turistas á comarca.

 

O alcalde Tui amosa a súa satisfacción polas medidas adoptadas por CP e Renfe pero reclama un servizo ferroviario propio do século XXI para a cidade

O Alcalde de Tui realizou onte a mañá, acompañado do vicepresidente da Cámara Municipal de Valença e do presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, xunto a concelleiros tudenses e valencianos, o traxecto entre Valença e Tui, na anunciada como penúltima xornada no funcionamento deste servizo ferroviario, como expresión do seu rexeitamento ao peche deste servizo que une aos pobos de Tui e Valença do Minho e pola reclamación dunha conexión ferroviaria entre Porto e Vigo, entre Portugal e Galicia, adaptada aos requirimentos do século XXI.

Moisés Rodríguez Pérez na rolda de prensa celebrada na Estación de Tui valorou moi positivamente a decisión de Comboios de Portugal e de Renfe de manter o servizo que comunica Valença e Tui, Portugal e Galicia, pero reclamou que esta mobilización debe confluír non no mantemento dun servizo ferroviario obsoleto senón que sirva para apostar pola mobilidade da Eurorrexión cunha oferta de trens que responda ás necesidade dos máis de 5 mil cidadáns que cruzan diariamente esta fronteira.

“A aposta por unha interconexión realmente atractiva para os potenciais usuarios e que contribúa a incrementar a mobilidade nesta Eurorrexión é o grande froito que podemos tirar desta crise”, comentou o Alcalde tudense arroupado por outras personalidades da vida política, social e económica das localidades de Tui e Valença. Cómpre pois un auténtico servizo de cercanías entre as localidades de Valença e Tui con Porto e Vigo, e que diante da decisión de Comboios de Portugal, establecer catro liñas ata Guillarei e non ata Tui, para acadar a intercomunicación coa rede ferroviaria española e que esta estación tudense sexa parada obrigatoria para todas as liñas. Volveríamos a un servizo obsoleto se cómpre achegarse ata O Porriño para conectar coas liñas de transporte ferroviario.

Moisés Rodríguez Pérez agradeceu o apoio recibido nesta reclamación pois amosa a sensibilidade das poboacións de Tui e Valença por incrementar cada día con máis intensidade os elos que vinculan a ambas localidades irmanadas dende o pasado 25 de marzo, co gallo do 125 aniversario da inauguración da Ponte Internacional construída para o enlace por vía férrea entre España e Portugal.

Na mesma liña se manifestaron o vicepresidente da Cámara de Valença, Jose Monte, e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jose Manuel  Fernández Alvariño, que incidiu na necesidade de priorizar os fondos europeos para esta comunicación ferroviaria de cercanías.

 

Venres, 8 de xullo de 2011    

O alcalde de Tui realizará hoxe unha viaxe simbólica de protesta na liña Valença – Tui

O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, realizará hoxe acompañado doutros membros da Corporación Municipal tudense e da Cámara Municipal de Valença do Minho, unha viaxe na liña ferroviaria que une Valença do Minho e Tui para simbolizar o seu rexeitamento ao peche desta comunicación que dende hai 125 anos une ambas cidades miñotas.

O Alcalde tudense tomará o tren na estación de Valença ás 11,15 horas de Tui e realizará o traxecto ata a estación tudense onde realizará unha rolda de prensa para amosar a súa oposición a esta medida que priva á cidade de Tui de conexión ferroviaria.  O Concello tudense reclama tanto á empresa Comboios de Portugal como a Renfe e ao Secretario de Estado de Transportes de Portugal e ao Ministerio de Fomento que doten a esta cidade dun transporte ferroviario acorde co inicio do século XXI pois na actualidade segue mantendo os parámetros do século XIX.

Este carácter obsoleto do servizo ferroviario entre Porto e Vigo é a razón última da súa inviabilidade na actualidade; porén existe un mercado potencial de máis de 5000 persoas diarias que cruzan a fronteira entre Tui e Valença que se tivesen unha oferta axeitada utilizarían este medio de transporte.

Moisés Rodríguez Pérez sinala que o mantemento deste servizo de transporte ferroviario de viaxeiros é imprescindible para garantir a cohesión da Eurorexión Galicia e Norte de Portugal e amosar que estes proxectos serven á cidadanía procurando mellorar as súas condicións de vida, de comunicación e de cooperación.

 

Hoxe inaugúrase a exposición “Paisajes cercanos” do pintor Antonio Abad

Hoxe, venres, ás 20,00 horas, inaugúrase na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edif. Área Panorámica, rúa Colón, 2) a exposición do pintor Antonio Abad que baixo o titulo “Paisajes cercanos” amosa unha escolma da máis recente produción deste acreditado artista radicado na actualidade na parroquia tudense de Pexegueiro.

Antonio Abad realiza a súa formación en Vigo e Madrid, e na cidade olívica posúe o seu estudo-taller ao longo de moitos anos. Dende 1990 ten realizado numerosas exposicións ao longo da Península Ibérica e noutros lugares de Europa como París ou Siena e no ano 2000 amosa a súa obra en Nova York. Premiado coa “Mención de Honra” no Salón Internacional de Plástica Latina celebrado en Francia no ano 1998, logrando outros galardóns prestixiosos no 3º Salón Internacional de Artes Plásticas ACEA de Barcelona no ano 1991, ou no VII Trofeo Remo Brindisi de Ferrara (Italia). No ano 2003 é seleccionado para participar nunha mostra itinerante, patrocinada pola Unesco, de grandes pastelista europeos que percorre Italia e viaxa ata San Petersburgo.

            O critico Francisco Pablos ten escrito sobre Antonio Abad: Es preciso contar con este pintor, absolutamente intemporal, es decir, clásico, aunque haya aspectos en su obra muy modernos, y toda ella sea de una frescura atrayente, casi inefable. Una paleta caliente, aunque calculadamente atemperada, y un seguro dominio de la gama oscura, de negros y azules ultramar, tan difíciles sobre todo en el pastel, dan a la obra de Antonio Abad ese clima propio, que sin pretender alardes es, en su misma aparente sencillez, todo un alarde.      

            Para a concelleira de cultura do Excmo. Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, esta nova exposición serve para amosar ao público tudense e a cantos visitantes se achegan á nosa cidade nesta tempada veraniega, a obra deste recoñecido pintor que enriquece a programación da Sala Municipal de Exposicións do Concello tudense. A obra de Antonio Abad, pola súa capacidade cromática, polo seu dinamismo, pola súa capacidade de describir paisaxes onde a luz xoga un papel fundamental... suscitará o interese dos visitantes, afirma a concelleira Rodríguez Pereira.

A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 29 de xullo.

 

Unha delegación  oficial do municipio alemán de Versmold visita esta fin de semana o Concello de Tui

Unha delegación oficial do municipio alemán de Versmold visita esta fin de semana o Concello de Tui para estudar os posibles ámbitos de colaboración entre estas dúas localidades. A delegación xermana está presidida polo alcalde desta cidade, Thorsten Klute, acompañado doutros tres concelleiros daquela corporación municipal xunto a dous técnicos, un intérprete e un funcionario.

Versmold é unha localidade de algo máis de 20.000 habitantes que pertence á rexión de Renania do Norte – Westfalia. Esta cidade é coñecida pola súa industria de charcutería de grande sona e tradición. Nesta zona asentouse, hai varias décadas, unha importante colonia de emigrantes da nosa contorna, singularmente da parroquia tudense de Paramos, que son agora os auténticos animadores deste encontro entre os responsables municipais de ambas localidades.

A delegación alemá chega a Tui mañá venres 8 de xullo e ás 21,00 horas haberá unha recepción oficial por parte do alcalde e a corporación tudense aos visitantes de Versmold.

Ao día seguinte, sábado 9 de xullo, desenvolvérase pola mañá unha xuntanza de traballo entre a delegación xermana e os representantes dos diversos grupos políticos que integran a Corporación Municipal tudense para estudar os posibles ámbitos de cooperación entre ambos municipios que poden levar, se fose o caso, a sinatura dun acordo de irmandade entre as dúas localidades.

Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, é un motivo de gran satisfacción recibir na nosa localidade a esta delegación de Versmold que xa tiña previsto acudir a Tui en meses pasados e que por diversas circunstancia houbo de adiar a viaxe. Para Tui este encontro é unha oportunidade de achegarse ao coñecemento doutras realidades locais favorecendo así a cohesión entre os diversos pobos de Europa e abre, en palabras do alcalde tudense, importantes expectativas de colaboración entre ambas localidades. Moisés Rodríguez quere agradecer moi especialmente o papel desenvolvido polos emigrantes tudenses en Versmold que teñen traballado con intensidade para facer realidade este encontro.

 

Copa Galicia de Esqui Náutico

            El próximo sábado 9 y domingo 10 de julio se celebra en Tui la 1ª Prueba puntuable para la Copa Galicia de Esquí Náutico.

            El sábado a partir de las 16.00 horas habrá entrenamientos y el domingo la prueba comenzará a las 9.00 horas en el Rio Miño frente a las instalaciones del Club Náutico San Telmo. Las modalidades de Esquí en que se competirá serán slalom, minislalom y flagslalom.

En dicha prueba participarán esquiadores pertenecientes al Club Náutico de Arcade,  así como los esquiadores del Club Náutico San Telmo.

 

Conflito de Frigolouro

Ante a situación de conflito laboral que están a vivir os traballadores da empresa do Porriño Frigolouro, debido ao despedimento de 27 persoas do cadro de persoal, o Comité de Empresa convoca paros parciais para os vindeiros 15 días, paros q ue xa comezaron este martes pasado. O paro do xoves será de 8 a 9 da mañá e o venres, de 7 a 8 da mañá.

As concentracións terán lugar na entrada da empresa onde se reunirán cos compañeiros e compañeiras despedidos. O Comité de Empresa convoca tamén a todos os que desexen solidarizarse cos despedidos para esixir a súa readmisión inmediata nos seus postos de traballo.

 

O BNG presenta iniciativas no Congreso en defensa do mantemento da liña Vigo-Porto    

Os parlamentares do BNG, Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera, rexistraron varias iniciativas no Congreso dos Deputados instando a Fomento a dialogar co Goberno portugués para impedir a suspensión do servizo ferroviario entre Vigo e Porto, a única conexión ferroviaria da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

Ademáis, o BNG empraza ao Ministerio de Fomento a abrir un diálogo co seu homólogo luso para que Renfe Operadora asuma o servizo ferroviario entre Vigo e Valença do Miño através dun acordo entre ambos Estados. Por último, na proposición non de lei presentada tamén instan ao Ministerio a estudar un Plan de mellora e modernización do servizo ferroviario entre Vigo e Porto en caso de que prospere a súa permanencia.

Os parlamentares do BNG recollen nas iniciativas rexistradas, unha proposición e unha pergunta parlamentar, a decisión de Comboios de Portugal de suspender o servizo de tren entre Porto e Vigo a partir do domingo 10 de xullo por razóns económicas, aínda que se manterá o servizo entre Valença e Porto.

Jorquera e Davila poñen de manifesto que se  trata da única conexión por tren entre Galiza e o Norte de Portugal, vixente desde hai 125 anos. “A eliminación deste servizo ameaza con cercenar definitivamente a posibilidade de dispór de conexións ferroviarias entre dous  territorios estreitamente vinculados”, feito que se suma á decisión do Goberno luso de renunciar á construcción da conexión de AVE entre Porto e Valença.

Para o BNG o Ministerio de Fomento debe facer o posíbel por manter esta liña xa que a súa eliminación supón a total desaparición de conexións ferroviarias entre Galiza e Portugal, “pois estamos a falar dunha conexión transfronteiriza que atravesa unha zona altamente poboada e ten como orixe e destino dúas cidades moi importantes como son Vigo e Porto”.

Estas son as razóns polas que dirixen ao Goberno unha serie de perguntas: “Dirixiuse o Ministerio ao seu homólogo portugués a fin de coñecer as razóns do peche deste servizo? Tratou o Ministerio de iniciar un proceso de diálogo con Portugal para que reconsidere esta decisión? Cal é o dispór de Fomento a estudar a posibilidade de que Renfe manteña o servizo entre Vigo e Valença mediante un acordo co Goberno portugués?”.

 

Xoves, 7 de xullo de 2011    

O sábado haberá xogos tradicionais no Paseo da Corredoira

A  Asociación de comerciantes e industriais de Tui ,ACITUI, en colaboración co Concello de Tui, dentro da súa programación de Vida nas rúas 2011, informa que este sábado 9 de xullo haberán xogos tradicionais no paseo da Corredoira a partir das 19:00horas.

Pasarase unha tarde inolvidable recordando os xogos tradicionais como son as carreiras de sacos, canicas, a comba, carreira de aros,etc. Haberá premios para os gañadores.

ACITUI anima a todos aqueles que queiran pasar unha boa tarde a que se acerquen ata Tui.

 

822 peregrinos iniciaron en xuño o Camiño de Santiago en Tui, e 610 pernocaton no Albergue

No pasado mes de xuño continuou apreciándose un notable incremento de peregrinos que percorren o Camiño Portugués a Compostela escollendo a cidade de Tui como lugar de inicio da súa peregrinación. Segundo os datos da Oficina de Acollida aos Peregrinos da Arquidiocese de Santiago un total de 822 peregrinos iniciaron na nosa cidade o seu itinerario, e 3472 peregrinos realizaron o Camiño Portugués que ten en Tui a súa porta de entrada en Galicia.

Nese mesmo mes o Albergue de Peregrinos da S A de Xestión do Plan Xacobeo acolleu nas súas dependencia un total de 610 peregrinos o que representa un notable incremento verbo dos 493 acollidos no mesmo mes do pasado ano 2010, Ano Santo Compostelán.

Da análise dos datos reflectidos podemos comprobar como se consolida a presenza de peregrinos procedentes doutros países europeos, salientando no pasado mes un número notable de irlandeses xunto aos alemáns, franceses, etc. así como surafricanos e outros procedentes de Corea e Xapón. Un auténtico crisol de nacionalidades que percorren este roteiro de peregrinación. Outro dato relevante deriva do feito de que cada vez son máis os peregrinos que veñen de Portugal pola costa e dende Caminha continúan a Cerveira e Valença tomando o camiño portugués dende Tui, recuperando o itinerario histórico realizado por peregrinos como Cosme de Médicis no século XVII.

Para a nova concelleira responsable de Turismo e do Camiño de Santiago, Raquel Lorenzo Pimentel, estes datos amosan a vitalidade que segue suscitando este itinerario de peregrinación consolidado xa como a alternativa ao Camiño Francés. A concelleira apunta como dende hai poucos días existe unha brigada de persoal para o mantemento deste camiño de Santiago ao abeiro dos programas de cooperación que financia a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e que están traballando en labores de limpeza neste itinerario, un importante recurso turístico da nosa cidade. Tamén informa que o Centro de Interpretación “Tui, porta do camiño portugués” está aberto ao público diariamente en horario de mañá e tarde para ofrecer aos peregrinos e aos turistas en xeral a información máis relevante sobre o Camiño Portugués e as súas pegadas na historia e no patrimonio de Tui.

 

Un incendio calcina o salón dunha casa na Avenida de Portugal

O martes á noite produciuse un incendio nunha vivenda unifamiliar na Avenida de Portugal nº 70. Segundo a información facilitada polo Concelleiro de Seguridade Cidadá, Ángel Gutiérrez, o lume comezou a unha da madrugada ao caer un cigarillo sobre unha alfombra no salón, nun momento en que o inquilino do inmoble, único ocupante da vivenda, se dirixiu a outra estancia da casa.

Ata o lugar desprazáronse dúas dotacións do Bombeiros Voluntarios de Valenaça, a GRUMIR de Tui, a Policía Local, Garda Civil e Policía Nacional, graza a cuxa rápida intervención o lume quedou sufocado en menos de vinte minutos. Coma consecuencia das lapas o salón quedou completamente calcinado, afortunadamente o resto da casa apenas sufriu danos reseñables ao menos aparentemente. O inquilino do inmoble tivo que se trasladado por unha ambulancia do 061 ao urxencias debido a inhalación de fume, pero xa foi dado de alta.

 

Feijoo reclama unha reunión ao primeiro ministro portugués para falar da conexión ferroviaria

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, remitiu unha carta ao novo primeiro ministro do Goberno portugués para analizar o futuro da conexión ferroviaria co país luso ou a superación de obstáculos como o sistema de cobros nas peaxes; e reclamou do Goberno español a defensa dos intereses galegos en dous sentidos. Así o manifestou no I Open Days da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal celebrado en Vigo onte á mañá.

O presidente galego sinalou que “pese á realidade económica da Península, a nosa aspiración pasa por que non se deteña o gran proxecto da Eurorrexión –enfatizou Feijóo na súa intervención no, -; porque non só é positivo para Galicia e para o norte de Portugal, senón tamén para as dúas nacións: España e Portugal”.

 

Mércores, 6 de xullo de 2011    

Asamblea Extraordinaria de la Asociacion Cultural e Xuvenil do Traxe Tradicional de Tui

            La Asociacion Cultural e Xuvenil do Traxe Tradicional de Tui, informa que celebrará Asamblea Extraordinaria el viernes, día 8, en la Sala Félix Rodríguez, del Area Panorámica siendo la primera convocatoria a las 20.00 horas y 20.30 horas en segunda, con el siguiente Orden del día: 1º, Lectura y aprobación, si procede, del Acta anterior 2º, Presentación de Candidaturas 3º, Votación, y 4º, Ruegos y preguntas.

 

O Alcalde rexeita o peche da liña ferroviaria Valença-Vigo que priva a Tui de conexión por tren

O Alcalde de Tui lamenta a decisión da empresa Comboios de Portugal de proceder ao peche da liña férrea que comunica Porto e Vigo deixando sen conexión ferroviarias ás cidade de Valença e Tui xusto no ano en que esta cumpre os 125 anos de servizo ininterrompido.

Moisés Rodríguez Pérez ten escrito nesta xornada ao Presidente do Conselho de Administración de Comboios de Portugal, ao Secretario de Estado das Obras Públicas, Transportes e Comunicacións de Portugal, o Conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas da Xunta de Galicia e os Presidente de Renfe e o Ministro de Fomento para recadar unha reconsideración desta decisión.

Podo entender, sinala o Alcalde tudense e así o asinaba nas devanditas cartas, as razóns económicas que aducen relativas ao escaso número de usuarios deste servizo ferroviario, pero este escaso número está en relación coas moi deficientes condicións deste servizo, a súa excesiva duración temporal e os intempestivos horarios que non fornece un axeitado servizo ás máis de 5000 persoas que diariamente cruzan esta antiga fronteira.

Os tempos de crise son tamén tempos de oportunidades, tempos de renovación e de busca de alternativas e estou convencido que unha oferta que responda ás necesidades de mobilidade dos cidadáns de Valença e Tui, do Norte de Portugal e Sur de Galicia, ten futuro e posibilitaría avanzar na cohesións transfronteiriza, un obxectivo estratéxico irrenunciable.

A ampliación de horarios creando un auténtico servizo ferroviario de cercanias, a comunicación coas liñas de longa distancia de España a través da Estación de Guillarei son alternativas que cómpre valorar.

O Alcalde tudense estuda co Presidente da Cámara Municipal de Valença as medidas a adoptar por ambos municipios para non verse privados desta liña ferroviaria, especialmente no momento en que os municipios de Galicia e Norte de Portugal estudan a creación de un servizo de transporte colectivo que intercomunique ambos territorios.

 

Martes, 5 de xullo de 2011    

Roberto Rodríguez Lechuga, sétimo na final de K4 1000, no Campionato de Europa Sub-23

O padeeiro do Club Kaiak Tudense, Roberto Rodríguez Lechuga, finalizou en sétima posición no K4 1000 metros no Campionato de Europa Sub-23 que se disputou en Zagreb na fin de semana.

As primeiras prazas da final foron ocupadas por Bielorrusia, Rusia e Eslovaquia respectivamente.

Para o K4 español foi un inconveniente saír pola rúa nº1 á beira do K4 Ruso que ao final sería segundo a tan só 730 centésimas do primeiro, , xa que a forte saída dos Rusos fixo que o k4 de Roberto Rodríguez tivese que cambiar a táctica de regata onde sempre estaban afeitos a ir de menos a mais. Tampouco beneficiou aos españois o vento de cara predominante durante toda a final, o que fixo que a regata fose mais lenta do normal, estando o tempo final de 3:06,780 moi por riba dos tempos reais que viñan facendo nos adestramentos as semanas previas ao Campionato de Europa.

Con este campionato Roberto Rodríguez Lechuga termina a súa etapa na categoría Sub-23, cunha traxectoria onde a obtivo unha medalla de bronce en K4 1000 metros no ano 2008, unha medalla de ouro en K4 500 metros no ano 2009 e este sétimo posto este ano, o que non fai mais que referendar a súa gran achega ao equipo nacional Sub-23 ao longo destes últimos anos.

Agora comeza unha nova etapa onde tentará sen dúbida atopar un oco no equipo absoluto.

 

Inspección técnica de vehículos agrícolas o día 15 en Tui

O próximo venres 15 de xullo haberá en Tui unha unidade móbil de inspección técnica de vehículos para realizar a inspección técnica para vehículos agrícolas.

A unidade móbil estará na nave do concello en Guillarei en horario de 9 a 13.30 e de 15.30 a 18h.

Os interesados en facer a inspección técnica poden obter a cita directamente na unidade móbil ou no teléfono 881 920 490.

 

Maristas Tui conta co selo de calidade

O Colexio Maristas Santa María de Tui conta co distintivo de Calidade ISO 9001 pola certificadora EDUQATIA. A entrega deste selo de calidade tivo lugar o pasado 22 de xuño no transcurso das festas colexiais. No acto estivo presente toda a comunidade educativa. No mesmo o Director de Eduqatia  Jorge Fábrega fixo entrega deste recoñecemento ao Director do colexio Juan Carlos Pérez Vila.

A consecución deste certificado de é froito dun un longo proceso de traballo e de dúas auditorías externas celebradas nos meses de abril e maio deste ano onde a empresa certificadora internacional Eduqatia comprobou o funcionamento do colexio en aspectos como, a práctica docente, a animación e pastoral colexial, a atención á diversidade e a administración, secretaría e dirección do centro.

O informe final dos auditores destacan do colexio os seguintes puntos como fortes:

Traballo e implicación de todo o persoal para pór a punto e sistematizar todos os procesos, logrando unha base clara e manifestando o bo facer e a implicación de todos.

Programacións completas, cunha sistemática de aprobación, seguimento, avaliación e medida correctamente aplicada en todos os profesores auditados.

Bo seguimento ás actividades complementarias programadas, con obxectivos, realización e avaliación.

Criterios de promoción de ciclo e etapa ben definidos, completos e con inclusión dos obxectivos mínimos.

Correcta aplicación dos criterios de cualificación en todos os profesores auditados.

Informe de convivencia escolar, completo seguindo todo o procedemento.

Seguimento individualizado a cada alumno que segue o departamento de orientación; plan de traballo individualizado recollendo ampla información de alumnos e familias e devolvendo a estas información ampla e relevante.

Organización do apoio e reforzo en talleres para as diferentes materias.

Estas foron, entre outras, as cuestións destacadas polos auditorores.

   

A aula da UNED de Tui acolle un Curso de Verán sobre Redes Sociais

O próximo luns, 11 de xullo, comeza a impartirse en Tui un curso de Verán da UNED. Trátase do primeiro Summer Course en Redes Sociales e primeiro Workshop de investigación en Análisis de Redes Sociais. Está organizado polo Campus Noroeste da UNED en colaboración coa Fundación Ciudad de la Energía e a Universidad de León.

En Tui o curso poderá seguirse ao través de videoconferencia dende Ponfederada. Impartirase dende o luns 11 ao venres 15 en horario de mañá e tarde, cun total de 35 horas lectivas. Está recoñecido con 1.5 créditos ECTS, 3 créditos de libre configuración e 3 créditos do Ministerio

Este curso combina os formatos de Congreso e Curso de Verán. Tamén inclúe na súa parte final o primeiro Campus Party organizado no Campus Noroeste da UNED. A súa vez, desenvolverase o tema dende unha triple perspectiva; en primeiro lugar, farase unha aproximación xeral ao concepto e análise das Redes Sociais, en segundo lugar tratarase a relevancia das Redes Sociais para o Desenvolvemento Territorial, por último, abordará aa potencialidade das Redes Sociais para o Marketing Dixital.

Este curso de verán e workshop está dirixido a estudantes, investigadores e profesionais motivados pola metodoloxía da Análise de Redes Sociais e os tópicos máis emerxentes, como os aspectos de localización na rede, semellanzas entre actores, cohesión de relacións, transferencia de coñecemento, deseño da creatividade, optimización do rendemento, etc.. Nas sesións se utilizará o español, aínda que os alumnos poderán intervir tamén en portugués ou inglés.

As persoas interesadas poden acceder a información do curso e á matrícula on-line no mesmo a través da páxina:

http://qinnova.uned.es/publico_actividad/2708

Para a concelleira de Educación do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, a celebración deste curso de verán da UNED consolida a oferta educativa da Aula Universitaria de Tui que ten ofertado unha amplo abano de actividades de formación ao longo de curso, que se completa agora con este curso sobre unha temática de tan alto interese e actualidade e impartido a través dun formato novidoso.  A concelleira tudense agradece o esforzo que os responsables da Aula da UNED de Tui e do Centro Asociado da UNED de Pontevedra veñen realizando pola potenciación da Aula tudense enriquecendo de xeito moi notable a oferta académica e educativa desta cidade.

 

O domingo deixa de funcionar o tren entre Tui e Valença

Esta é a última semana en que vai funcionar o tren entre Vigo e Porto, e por ende entre  Tui e Valença. A crise económica de Portugal leva ao goberno luso á supresión deste servizo ante a baixa demanda de usuarios na liña Valença-Vigo.

Na súa páxina web Comboios de Portugal informa que “por non reunirse as condicións para a continuación da explotación, a partir do 10 de xullo o servizo no traxecto Valença/Vigo/Valença queda suprimido”.

Isto conleva que Tui deixará de estar conectado con Vigo por tren, cando menos polo momento, porque non se coñece se RENFE asumirá este servizo. Tampouco haberá xa tren para ir de Tui a Valença pola vella Ponte Internacional.

Ata este domingo mantéñense dous trens diarios. Un pola mañá que sae de Vigo ás 7.50 e chega a Tui ás 8.27 e a Porto ás 9.55,e outro pola tarde que sae de Vigo ás 19.37h, chega a Tui ás 20.22h e a Porto ás 21.55.

            En sentido contrario hai un tren que sae de Porto ás 7.55 hora portuguesa, que chega a Tui ás 11.35h, e a Vigo ás 12.14, e outro pola tarde que sae de Porto ás 17.55h, e pasa por Tui ás 21.35 chegando a Vigo ás 22.15h.

           Coa suspensión dos trens de pasaxeiros, só circularán pola vella Ponte Internacional catro trens de mercadorías diarios.

 

El Ministerio de Cultura finaliza la restauración de la portada norte de la catedral de Tui

El Ministerio de Cultura, a través del Instituto del Patrimonio Cultural de España, ha finalizado los trabajos de restauración de la portada septentrional de la catedral de Tui, construida a imagen de la de Santiago de Compostela. 

La recuperación de esta portada románica culmina el proceso de obras de conservación que se iniciaron años atrás y que están enmarcadas dentro del Plan Nacional de Catedrales.

Los trabajos han supuesto una inversión de 57.500 euros que se han dedicado fundamentalmente a resolver el mal estado de la piedra, afectada significativamente por  el clima, la humedad y la salinidad, lo que favorece la abundante proliferación de musgo y líquenes. Del mismo modo, la evacuación de aguas pluviales de las cubiertas a través de las gárgolas, así como el agua por escorrentía, han producido el deterioro del soporte pétreo.

En la portada norte, lo que más preocupaba a los técnicos del IPCE era el alto grado de deterioro de los elementos decorativos del arco de entrada, de las columnas, capiteles y sillares de la fábrica, donde se apreciaba la pérdida de materia original por efecto de la erosión. El tratamiento ha tenido como objetivo corregir estas alteraciones bajo el criterio de mínima intervención, lo que ha permitido la recuperación de las ricas variaciones de color del granito.

La puerta de madera ha sido limpiada y  tratada contra los xilófagos. Además, en algunas zonas afectadas por la escorrentía del agua de lluvia se ha llevado a cabo un tratamiento hidrofugante.

 

Sábado, 2 de xullo de 2011    

O alcalde recibe a vintesete desempregados que inician o seu traballo no Concello de Tui

Onte, venres, comezou seu traballo por un período de seis meses un total de vinte sete desempregados que, ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través de programas de cooperación da Consellería de Traballo, desenvolveran  a súa actividade no Concello de Tui.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, saudou a primeira hora a este grupo de traballadores que inician hoxe o seu traballo en obras ou servizos de interese social ou xeral: a conservación do Camiño de Santiago e áreas verdes, dos elementos do patrimonio etnográfico espallados polo rural, servizos municipais de deporte, cultura, turismo ou medios de comunicación, a conservación e mantemento de instalacións municipais, etc son algúns dos ámbitos de actuación deste grupo de traballadores.

             A este conxunto de desempregados hai que engardirlle os 12 membros do Grumir que iniciaron a súa actividade o pasado 1 de xuño. Desta forma, son un total de trinta e nove os desempregados do Concello de Tui que acadaron un traballo ao abeiro destes plas de cooperación.

A Xunta de Galicia achega case 400.000 euros para o financiamento destes contratos laborais, evidenciándose que o compromiso do novo goberno municipal tudense polo emprego comeza coa execución deste programa promovido polo anterior equipo municipal e que terá continuidade con novas iniciativas nos vindeiros meses.

 

O Consello Escolar do CEIP de Radufe califica de falso que se solicitase material educativo en castelán

O Consello Escolar do CEIP Randufe, na reunión celebrada o 29 de xuño, rexeitou por falsas as afirmacións contidas na nota enviada aos medios polo Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, no nome do Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, de data 15 de febreiro de 2011, na que se di que o envío de material exclusivamente en castelán para os nenos de novo ingreso en educación Infantil foi o solicitado expresamente polo colectivo de pais e polo centro despois dunha enquisa realizada aos pais. Tal afirmación é falsa porque o colectivo de pais non solicitou ningún material, e o centro solicitou material para unha aula de nova creación sen especificación do idioma.

A mesma nota insiste en afirmar que a vontade dos pais foi que os libros achegados pola administración educativa fosen en castelán, decisión que estaría apoiada por unha acta do centro, o que volve ser falso ao non existir ningunha acta nese sentido; habendo só unha enquisa na que os pais contestaron á pregunta sobre a lingua habitual dos nenos non foi remesada á administración até o mes de xaneiro, e non implica nada relativo ao pedimento de material para a aula de nova creación. O único dato en poder da administración no momento de enviar o material era un correo electrónico reclamando os “datos” da enquisa na que se preguntaba aos país sobre o idioma habitual dos nenos.

Por estas razóns o Consello Escolar do CEIP Randufe quere facer pública que a decisión de enviar o material só en castelán, e xa que logo excluír material en galego,  foi responsabilidade única da administración, decisión que non foi rectificada ao longo do curso, e asemade non asumiu a responsabilidade dos seus actos, tratando de pasar ao colectivo de pais e nais e ao centro responsabilidades no que foi decisión da administración educativa.

 

O Concello de Tui peonaliza o Paseo da Corredoira nos meses de verán

O Concello de Tui vai peonalizar o Paseo da Corredoira dende o cruzamento coa Praza da Inmaculada ata os soportais os domingos dos meses de xullo e agosto. Esta medida comezarase a aplicar este domingo,  3 de xullo, dende ás once da mañá e ata ás doce da noite.  Nese tempo non se poderá circular nin estacionar nesta rúa, xa que quedará completamente libre de vehículos.

O obxectivo que se persegue, segundo explicou o concelleiro de Tráfico, Ángel Gutiérrez, é achegar a Corredoira á cidadanía e facilitar o seu disfrute. Apuntaba amais que dende o Concello se está xestionando xa habilitar unha serie de aparcamentos alternativos de xeito gratuíto no centro urbano, que se darán a coñecer en breve.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, apunta que coa peonalización do Paseo da Corredoira no verán buscase ofrecer novos espazos de lecer en pleno centro urbano nesta época estival. O que sinalaba redundará tanto en beneficio dos propios tudenses coma de cantos nos visiten, así coma en especial do comercio local.  Deste xeito, manifesta o rexedor, mantense unha aposta clara pola imaxe do municipio que se suma a outras medidas postas xa en marcha.

 

Proba de Agility, puntuable para o Campionato de España en Piñeiro

            A Comisión de Festas do Santísimo Cristo da Saúde de Piñeiro organiza esta fin de semana en Piñeiro unha Proba de Agelity puntuable para o Campionato de España. Terá lugar hoxe, sábado, de 17 a 21h e o domingo de 10.30h a 14h. A entrada é gratuíta.

 

A Oficina de atención a inmigrates e emigrantes retornados de Tui informa da entrada en vigor do novo regulamento da lei de estranxeiría

A Oficina de atención a inmigrantes e emigrantes retornados do Concello de Tui informa que onte, día 30 de xuño, entrou en vigor o novo RD 557/2011, de 20 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Lei Orgánica, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, trala súa reforma pola Lei Orgánica 2/2009.

Este novo regulamento contempla, entre outras novidades, a posibilidade de que o pai ou nai dun menor de nacionalidade española poida regularizar a súa situación a través da solicitude dunha autorización de residencia temporal por circunstancias excepcionais por arraigo familiar (sempre que o proxenitor solicitante teña a cargo ó menor e conviva con este ou estea ó corrente das obrigas paternofiliais respecto ó mesmo)

Tamén, como novidade, contémplase a posibilidade de solicitar o reagrupamento das “persoas que manteñan co reagrupante unha relación de afectividade análoga á conxugal”, pero limítase respecto ós ascendentes o establecer que só serán reagrupables os ascendentes de primeiro grado, cando estean ó cargo do reagrupante, sexan maiores de 65 anos e existan razóns que xustifiquen a necesidade de autorizar a súa residencia en España, ó mesmo tempo que se endurecen os medios económicos a acreditar polo estranxeiro para o reagrupamento dos seus familiares.

En breve actualizarase o contido do apartado da Oficina de atención a inmigrantes e emigrantes retornados na páxina web do Concello a este novo regulamento.

Para máis información poderán dirixirse á Oficina de atención a inmigrantes e emigrantes retornados do Concello de Tui, en horario de 9:00 a 14:00.

 

O alcalde de Tui reuniuse co conselleiro de Presidencia

O pasado mércores, 29 de xuño, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela co Conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, no decurso da que realizaron un amplo repaso a diversos temas relacionados co noso municipio.

O Conselleiro felicitou, en primeiro lugar, ao alcalde polo excelente resultado acadado nos recentes comicios municipais onde alcanzou a maioría absoluta na nova Corporación Municipal.

O Alcalde expúxolle ao Conselleiro algunhas das principais demandas do Concello de Tui, en primeiro lugar, en relación ás competencias da súa Consellería: a construción dun novo pazo de Xustiza que acolla aos tres xulgados existentes, xa que como é o caso do nº 3 está nunhas condicións non idóneas para o seu funcionamento, a dotación dun vehículo de extinción de incendios para o casco histórico, o apoio á Protección Civil, etc.

Moisés Rodríguez Pérez aproveitou esta xuntanza para informar ao conselleiro, encargado da coordinación do goberno galego, doutros proxectos prioritarios para Tui como é a construción da Escola Infantil, o Centro de Día, a licitación no novo Centro de Saúde, as melloras na rede de abastecemento de auga, etc. Temas nos que o Conselleiro comprometeuse a impulsar ao entender o seu interese.

O Conselleiro manifestoulle ao Alcalde tudense que a Xunta de Galicia fará un esforzo intenso por dotar ao Concello de Tui daqueles servizos que garantan unha mellor calidade de vida para os seus veciños.

Tras esta primeira toma de contacto ambos responsables políticos acordaron continuar traballando no impulso destas actuacións con reunións sectoriais precisas para concretizar estes importantes proxectos

 

Venres, 1 de xullo de 2011    

Tui acolle o domingo o XXIII Campionato de España Absoluto de Kung Fu

O novo pavillón municipal de Tui acolle este domingo o XXIII Campionato de España Absoluto de Kung Fu e Tai Chi organizado polo Concello de Tui e a Federación Galega de Kung Fu coa colaboración do Di Som Tui.

No mesmo vanse dar cita máis de 600 deportistas dos que un centenar son de Tui e da súa contorna. A competición comezará ás 10.30h sendo a entrada gratuíta.

Os pormenores deste evento deportivo foron dados a coñecer esta mañá en rolda de prensa polo presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso Martínez, o presidente do Di-Som Tui, Eduardo Sanjurjo, así coma por Jose Luís Rodríguez Acevedo, pioneiro deste deporte en España, Jose Antonio Parada, delegado de Tai chi da Federación Galega, e Julio Conde, Campión do Mundo de Kung Fu hai uns anos, e técnico e deportista do Di-Som Tui. Estiveron respaldados polo alcalde, Moisés Rodríguez, e polo concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo.

Eduardo Méndez Sanjurjo explicou que o Kung Fu é unha modalidade deportiva da que Galicia é pioneira, apuntando que na contorna practican este deporte máis de 400 persoas. Aproveitou para agradecer ao Concello o apoio prestado e o esforzo que fixo para poder acoller este campionato.

Carlos Alonso, presidente da Federación Galega, apuntou que este Campionato de España chega a Tui coma premio ao labor de esforzo e dedicación feito na cidade neste deporte, engadindo que a desta fin de semana é a festa do Kung Fu. Pola súa parte José Luís Rodríguez Acevedo reiterou o agradecemento ao Concello e fixo fincapé na labor realizada por Eduardo Méndez Sanjurjo no ámbito deportivo, sinalando que é “un exemplo a seguir a nivel nacional”.

Jose Antonio Parada, delegado de Tai chi da Federación Galega, explicou que foi unha aposta da Federación incorporar ao Campionato de Kung Fu tamén o de Tai-chi, que está aínda en probas e cuxos resultados, apuntaba, se verán a medio ou longo prazo.  Engadía que o Tai chi é unha práctica deportiva apta para todas as idades que polos seus movementos lentos e sosegados porá o contrapunto ao exercicios rápidos e potentes do Kung Fu. Explicaba que a competición realizarase en individuais pero que haberá unha exhibición de Tai chi por equipos.  Julio Conde agarda que se cumpran as expectativas postas no Campionato e que os deportistas o fagan o mellor posible na competición.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo Montes, agradeceu a Eduardo Méndez Sanjurjo toda labor que ten feito a prol do deporte tudense referindose ás case 400 licencias federativas que ten ao seu cargo.  Sinalaba que é unha honra participar na organización deste Campionato de España de Kung Fu “un deporte milenario onde priman valores coma o traballo, o esforzo e a dedicación”, e sobre eses valores, dicía, ten que a camiñar a concellería que dirixe.

Por último o alcalde, Moisés Rodríguez, apuntou que Tui non podía deixar pasar a oportunidade de acoller na cidade este Campionato de España. Manifestaba que o municipio ten que estar preparado para acoller ás persoas que con motivo desta competición se van a achegar á cidade na fin de semana. Sinalaba que “o deporte é fundamental, e o deporte, xunto a educación e a cultura están interrelacionados”. Remataba apuntando que o feito de que Tui sexa un referente no Kung Fu ten que ser un orgullo para todos, porque detrás está o traballo de moitas persoas.

600 deportistas compiten nas diferentes categorías

O Campionato de España de Kung Fu e Tai Chi  comezará o domingo ás 10.30h no novo pavillón de deportes de Tui. No mesmo van participar 600 deportistas nas diferentes categorías procedentes de toda España.  A competición tanto por equipos coma en individual comporase de tres probas: combinación de movementos libres, defensa persoal simulada e patrón de movementos. Nas mesmas valoraranse aspectos técnicos, estéticos e educativos do Kung Fu. A entrega de premios está prevista para ás dúas da tarde.

A entrada para presenciar o Campionato é gratuíta.  A capacidade do pavillón é de mil cincocentas persoas.

 

Romaría das Angustias no Monte Aloia

Este domingo celébrase no Monte Aloia a segunda romaría anual. Coma cada primeiro domingo de xullo ten lugar a Romaría das Angustias. Por este motivo haberá misas ás 9, ás 11h e ás 12.30h misa solemne con procesión. A outra romaría do Aloia é a de San Xulián que se celebra no mes de xaneiro.

 

Horario das piscinas municipais

As piscinas municipais de Tui permanecen abertas de luns a domingo de 13 a 20.30h. O prezo da entrada é 1,50€ para menores de idade e xubilados e 2€ para adutlos.

Hai bonos de 30 baños cun prezo de 35€ para menores e xubilados, e 40 euros para adultos.

 

Hoxe comeza a Ludoescola matinal de ACITUI

Esta mañá comeza a ludoescola matinal organizada pola Asociación de comerciantes e industrias de Tui, ACITUI, en colaboración co Concello de Tui. Terá lugar os luns, martes, mércores e venres de  11:30 a 13:30 horas  no Paseo da Corredoira.

E esta tarde de sete a nove continua no Paseo da Corredoira a Ludoescola posta en marcha de novo neste verán por ACITUI.

Nos dous casos para participar é preciso presentar un ticket de compra de calquera  comercio asociado a ACITUI

 

Reapertura de La Fabriquería

Hoxe venres reabre as súas portas La Fabriquería. Nesta ocasión faino no número 29 da Avenida da Concordia. A inauguración está prevista para ás oito da tarde, e logo a partir das dez ofrecerán un concerto Fofinski & The Chinaski, Un río de lágrimas e Victor Coyote Punkabilly Trío

 

Churrascada en Caldelas

A Ribeira de Caldelas acolle mañá sábado a partir das nove da noite unha churrascada organizada pola Comisión de Festas da Virxe da Rocha. Na mesma haberá churrasco de tenreira, porco e criollo.

 

Festas na honra a San Pedro en Chans do Carrasco

Este domingo celébranse festas na honra a San Pedro en Chans do Carrasco. A partir das once comezarán a servirse racións de polbo e zorza acompañadas de viño tinto ou branco. As doce fará a súa entrada no recinto de festas e actuará a Banda de Música Popular de Tui. Á unha celebrarase misa na honra a San Pedro, actuando ao remate novamente a banda de Tui.

Pola tarde, ás seis, está programada a actuación dun grupo de gaitas e baile tradicional, e pola noite amenizará a verbena a orquestra Ciudad Cristal.