Xan Lois Lomba Alonso
encabezará a candidatura do BNG nas eleccións municipais do 22 de maio

Por terceira vez o
portavoz nacionalista, Xan Lois Lomba Alonso, encabezará a lista do BNG
ás eleccións municipais del domingo, 22 de maio.
Na actualidade esta
formación política conta cun único concelleiro na corporación da Guarda.
Cales foron, para o BNG, as
actuacións máis negativas de grupo de Goberno socialista?
Eu creo que o primeiro
incuprimento que fai o grupo de goberno ten que ver cunhas declaracións
do alcalde, pouco despois de ser investido como tal, dicindo que ía
contar co Bloque Nacionalista Galego, e desde logo ao longo destes catro
anos o que se evidenciou foi que o Partido Socialista, con Freitas á
cabeza, non contou absolutamente para nada, agás para o preocupante tema
das 21 vivendas. O BNG estaba disposto a colaborar, nalgunhas ocasións
así o fixemos, cando nos deixaron, estou pensando no Plan de Igualdade.
Esto para min foi negativo porque se fixo un discurso da liña que ía
seguir na lexislatura, e xa se fallou desde o principio.
Houbo actuacións importantísimas nas
que cremos que o goberno local debeu tender a man. Cito, por exemplo, a
Senda Litoral, o ferri, a Alameda, obras nas que ao grupo de goberno lle
faltou altura de miras. O grupo de goberno fixo oposición da oposición.
E, se os hai, que aspectos
positivos destacaría da xestión socialista?
Non creo que responder a iso me
corresponda. Sobra quen poida falar ben ou mal da xestión do Goberno
municipal. A min, en todo caso, o que me toca e me tocará como
alternativa do Goberno e mirar cara ao futuro. Ao fin e ao cabo as obras
que se fixeron poden ser boas ou malas segundo quen chas conte. Eu lía
unhas declaracións nas que parece que había agora máis estabilidade que
antes, e hai que dicir que o anterior grupo de Goberno llelo deixou moi
fácil nese aspecto.
Perdéronse oportunidades de
goberno na Guarda?
Si, desde logo. Creo que
os grupos municipais que gobernaron ao longo destes últimos anos A
Guarda, seguen a cometer un erro fundamental: pensar que as obras deben
amortizarse en apenas catro anos. O BNG foi moi crítico coa urbanización
de Concepción Arenal, no seu momento, porque diciamos que non era a
forma correcta de realizalas; tamén o fomos coa ampliación
do paseo marítimo a pesares de que estabamos de acordo en que había que
facer algún tipo de actuación, e fomos críticos porque pensabamos que
alí se podería haber tido a oportunidade de crear un aparcamento tan
necesario para A Guarda. Eu creo que tamén, nesta lexislatura, se perdeu
unha oportunidade importante na reforma que se fixo na Alameda de non
ter acometido un proxecto moito máis ambicioso, claro que ao mellor non
se podería amortizar en catro anos, non se podería vender para esta
campaña electoral. Entón ese é o problema; non acometer actuacións que
dean oportunidade de futuro ao pobo da Guarda.
Entón a relación goberno-oposición
non foi a idónea?
No eido persoal o
portavoz do BNG non ten ningún tipo de problema con ningún concelleiro
ou concelleira do arco corporativo. Nós fixemos unha oposición
responsable, e o pobo será o que xulgue se a oposición do BNG foi a
mellor. Cando o BNG tivo que pórse a dispor do Goberno local para sacar
adiante aqueles proxectos que eran interesantes para A Guarda, o alcalde
e o seu grupo preferiron ir eles sós dado que tiñan a maioría para
facelo; pero ter maioría absoluta, é unha cousa; exercer de alcalde e de
grupo de Goberno, é outra.
Falamos do PSOE. Pode valorar o
papel político do Partido Popular e de TEGA?
Non creo que sexa este o
papel do Bloque Nacionalista Galego. O BNG ten unha liña de traballo por
intentar mellorar na medida do posible os aspectos fundamentais da
política local, pero non estamos para cualificar cal foi a oposición que
fixeron os outros partidos políticos. A Guarda merece unha oposición
constructiva, traballadora, e esa evidenciouna no seu momento o BNG, e
nas próximas eleccións o BNG quere ser unha formación que deixe atrás a
función de oposición para ser Goberno.
Ser único concelleiro na
Corporación limitou as súas posibilidades de traballo? Sentiuse só?
Imos ver. Desde o punto
de vista de representación, evidentemente un está só porque é o único
concelleiro. Se falamos como organización, podo decir que non; síntome
arroupado, temos un equipo valioso, de xente traballadora. Certo que a
política municipal, sobre todo en aspectos de ir ao concello, consultar
documentación, acceder a expedientes, está limitado porque un non ten
dedicación nin parcial nin total, ten que dedicarse ao seu traballo, á
súa vida laboral particular; os horarios non son compatibles e aí si hai
unha dificultade cando un é concelleiro único. Aínda así, o BNG ten
feito moitas veces de autofalante do pobo, cando non está de acordo coas
políticas desenvolvidas polo grupo de Goberno.
Co que leva dito, cal é ese
balance final da lexislatura que vai rematar?
Para min, para o BNG, foi
unha lexislatura un pouco decepcionante porque nos comezos o grupo de
Goberno falaba dunha forma, anunciaba grandes
logros, e a realidade que ten que ver con aspectos fundamentais para
este pobo, non se solventaron. Un exemplo: o Plan Xeral de Urbanismo, un
dos instrumentos fundamentais para definir que tipo de pobo queremos,
absolutamente desaparecido. E esto non é responsabilidade da oposición,
que pode preguntar continuamente polo Plan Xeral, pero quen ten
responsabilidade de poñelo enriba da mesa e discutir, se quere, coa
oposición ou darlle á oposición a posibilidade de colaborar, é do grupo
de Goberno. A día de hoxe non existe o Plan Xeral sendo unha promesa
electoral do señor Freitas e o seu grupo de Goberno.
É a terceira vez que se presentas
encabezando a lista do BNG. Fálanos da xente que o acompaña?
O BNG concíbese como un
proxecto colectivo ao servizo, neste caso, do pobo da Guarda. Na nosa
candidatura hai un equilibrio entre experiencia,
con xente procedente de distintos sectores, e mocidade. Contamos con
xente do ensino, da cultura, do mar, etc. Unha combinación de
experiencia organizativa con xente que, neste momento, non pertence á
organización, pero si cre no proxecto colectivo do BNG, e estas
incorporacións vanlle dar un pulo á candidatura e espero que o pobo da
Guarda así o vexa.
Tres grandes preocupación que hoxe
ten A Guarda
Uff !!! Aparcamento, e
cando digo aparcamento falo de tráfico; creo que o Plan Xeral é outra
preocupación e neste momento artellar unha saída sur é prioritario para
A Guarda, e permíteme un par de cuestións máis: o polígono industrial é
algo fundamental, esquecido totalmente pola Xunta, e o Plan de Vivenda
Residencial que había para A Guarda, totalmente cercenado polo Partido
Popular. Finalmente temos un sector pesqueiro ao que hai que coidar e,
neste sentido, o porto merece uns arranxos serios e o dique sur é
fundamental e determinante para que o porto siga a ser un xerador da
economía local.
Cal podería ser a mensaxe que o
BNG transmitiría aos guardeses para obter a confianza dos electores?
Nunha situación tan
difícil, estamos nun tempo de compromiso, e nós temos un compromiso coa
Guarda; temos un compromiso con Galicia, e o BNG é unha alternativa para
os momentos actuais nos que hai formacións políticas que dan mensaxes
apocalípticos, onde hai outras formacións políticas, coma o PSOE, que
dan mensaxes de resignación. Nós temos outra forma de entender a
economía, outra forma de entender cales deben ser as medidas que se
deben tomar para superar esta crise económica, e desde logo que
supeditarse aos mercados, non vale. A economía productiva debe ser a que
nos axude a tirar para diante.
O BNG preséntase contando
co pobo e non coas grandes empresas.
Atrevereríase a dar uns resultados
para o 22 de maio?
Eu espero o mellor para A
Guarda.
Marzo, 2011