|
Desde maio de 2007 Xoan Martínez Tamuxe é o presidente do Instituto de Estudos Tudenses
Xoán Martínez Tamuxe, rosaleiro, estudoso e cun amplo curriculum investigador e de publicacións, preside o Instituto de Estudos Tudenses refundado en maio de 2007.
¿Como xorde a idea de retomar o Instituto de Estudos Tudenses? Despois de finar o primeiro presidente, e cofundador, Aquilino Gómez Santiso, deixamos pasar arredor dun ano e os cofundadores da primeira época acordamos revitalizar o Instituto, como así foi. Reunímonos Sánchez Bargiela e eu, nunha primeira xuntaza, e á segunda convidamos aos que xa formaban parte do Instituto de Estudos, convindo que era preciso refundar de novo o Instituto. Revisáronse os Estatutos, actualizáronse, abreviáronse, quizais un pouco, e abriuse á incorporación de novos membros, catro ou cinco persoas máis.
¿Ten sede propia o Instituto de Estudos Tudenses? Non, non. O Instituto é pobre e estamos, de xeito provisional, nunha dependencia da Área Panorámica.
¿E cantos membros ten, agora mesmo, esta institución? Catorce.
¿Que requisitos debe cumprir unha persoa que desexe formar parte do Instituto de Estudos Tudenses? Primeiro, por suposto, ten que solicitalo e, posteriormente, reunida a xunta, acordará, ou non, a súa admisión. ¿Requisitos? Que sexa unha persoa dedicada á cultura, sobre todo as letras, entendendo como tal, a Historia, Arqueoloxía, Etnografía, Literatura, etc. A poder ser que teña publicado e, de non ser así, porque no é requisito imprescindible, que teña producción na prensa, en folletos ou producción escrita nas ramas que antes mencionabamos.
¿Deben satisfacer os asociados algunha cuota? Non, de momento non. Dispomos duns fondos, procedentes do superávit da primeira época do Instituto, polo que acordamos que non se incorporaría ese gasto, pero máis adiante teremos que impornos algunha cuota para ter medios e sustentar unha serie de gastos que ten o Instituto.
¿Cal é o ámbito xeográfico do Instituto? Esencialmente, con certa prioridade, dedicámonos aos temas da diócese pero, segundo os Estatutos, poderiamos abordar temas da antiga provincia de Tui e incluso norte de Portugal.
¿De cando arranca esta iniciativa, a historia deste colectivo? Do ano 1991. Desde ese ano, e ata o pasamento de Santiso, estivo moi activo- Coa enfermidade de Aquilino, primeiro, e o seu pasamento, a actividade foi minguando ata que case desapareceu, aínda así fixéronse algunhas cousas: algunha conferencia, tamén algunha exposición. Publicáronse dous libros, un deles sobre o Centenario dos Xogos Florais e outra das publicacións recolle a posta ao día da Cultura castrexa con alusións ao celtismo.
A publicación que veñen de editar, 'Castellum Tyde', supón a terceira, entón. Si. A terceira como publicación, pero a primeira que adopta o formato de revista con carácter anual.
¿Que destacaría vostede dese labor que ten xa feito o instituto que preside? Ben. Eu non me atrevería a destacar unha actuación, un feito concreto. Hai unha serie de estudos, que estaban acordados e están feitos, que son inéditos; nunca se publicaron porque estabamos pendentes da revista, e sairán algún día a luz.
¿Por onde pasan os próximos estudos do Instituto? Pola posibilidade de contactar cos concellos e ofrecerlle unha serie de temas para levar a cabo, investigando o que é de seu. Suxerencias e propostas que é desexable que procedan, mellor, do propio interese municipal para ser estudados e que o Instituto pode desenvolver, estudalos, e ofrecerllos ao concello. Xuño, 2008 |
|
|