A Guarda, agosto 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

A Guarda, agosto 2020

PUBLICADAS
Dimite a edil Elena Baz, responsable de Turismo, Festas e Festexos Populares e Conservatorio
A Guarda, 31 de agosto de 2020. A concelleira M.ª Elena Baz Rodríguez acaba de presentar escrito de renuncia á súa acta de concelleira no concello da Guarda.
Elena Baz ostentaba as responsabilidades de Turismo, Festas e Festexos Populares e Conservatorio de Música.
Esta decisión, que foi adoptada despois dun proceso de maduración e que se produce por motivos personais, trasladouna o pasado venres, 28 de agosto, á súa organización política. Os militantes do partido socialista na Guarda agradeceron a Elena Baz o excelente traballo desenvolvido durante estes últimos cinco anos, destacando pola súa entrega e adicación aos intereses dos veciños e veciñas da localidade. Elena Baz tamén trasladou aos militantes socialistas que seguirá formando parte da executiva do partido socialista na Guarda.
A dimisión de Elena Baz formalizarase no pleno ordinario do mes de setembro e o seu cargo será asumido por Rafa Alvarez Martínez que ocupaba o sexto lugar na lista que presentou o PsdeG-PSOE nas pasadas eleccións.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, destacar a gran implicación que Elena lle prestou ao concello da Guarda e lle desexa o mellor tanto na súa vida persoal como profesional, “é unha muller moi nova e terá un percorrido importante na política”.

A Guarda pecha este venres “Música nos Xardíns”
A Guarda, 31 de agosto de 2020. O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, ven de programar varias actividades baixo o proxecto “Música nos Xardíns” para por en valor a escena musical e de festivais a nivel local, en consenso coas asociacións culturais da vila.
Debido a pandemia do COVID-19, se tiveron que suspender os grandes eventos musicais existentes na vila da Guarda e que enchen de música cada verán diferentes espazos do noso municipio, é por elo, e ante as novas medidas de prevención e distanciamento social, que o concello da Guarda decidiu apostar por un proxecto no que se representasen aos colectivos que cada ano organizan festivais musicais, pero nun novo formato, “Música nos Xardíns”.
Despois dun primeiro concerto que se celebrou o pasado 31 de xullo a cargo do grupo local Milhomes, e dun segundo concerto que se celebrou o venres 21 de agosto co grupo Ded Routines, agora é a quenda do grupo Helen & Shanna, que porá o peche a esta edición o venres 4 de setembro ás 21:00h. Cunha forte influencia folk, Helen & Shanna recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.
Charla previa ás 20:00h a cargo de Fernando Rego sobre “Unha historia da música en Galicia. 1952 – 2018”.
A Sala de Exposicións do Centro Cultural amosará tamén nestes días unha exposición fotográfica titulada “Festivais da Guarda”, con imaxes de varias edicións dos festivais musicais máis significativos que se teñen realizado na vila nos últimos anos.
PROGRAMA
Venres 4 de setembro
Concerto de Helen & Shanna ás 21:00h – Concerto apadriñado polo Rock Guardés
Cunha forte influencia folk, «Helen & Shanna» recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.
Charla previa de Fernando Rego sobre “Unha historia da música en Galicia. 1952 – 2018”
Para asistir a estes eventos é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850 (en horario de 9:00h a 14:00h) ou no enderezo electrónico centrocultural@aguarda.es
 
Obradoiro de Rap Improvisado na Guarda
A Guarda, 31 de agosto de 2020. O Centro Cultural da Guarda será o escenario o vindeiro mércores día 9 de setembro do Obradoiro gratuíto de Free Style en Galego, un obradoiro de Rap Improvisado que terá lugar de 11:00h a 13:00h.
CeibaRimas é o primeiro proxecto de Rap Improvisado en galego, a través de formacións presenciais, contidos online e eventos de freestyle, creouse unha comunidade de improvisado@s en galego, e ata o de agora non atopaban o seu espazo no panorama musical. O seu eixo central é unha liga de rap improvisado en galego, que pretende asentarse como referencia dentro da disciplina.
Neste obradoiro achegarase ao alumnado as ferramentas básicas para iniciarse neste mundo, tendo coma puntos clave o rap improvisado, os valores e a lingua.
A iniciativa chega á Guarda coa participación de Frank/Rebeliom do inframundo e as inscricións están xa abertas en ceibarimas.gal
O proxecto está financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello da Guarda.


O   BNG da Guarda pide ao alcalde que convoque a Comisión de seguimento do Covid-19
A Guarda, 31 de agosto de 2020. O portavoz municipal do BNG na Guarda Anxo Baz,  acaba de solicitar unha reunión urxente  da comisión de seguimento do COVID 19 na localidade na que  se convoque tamén  aos  representantes de todas as forzas políticas do Concello.
Segundo Anxo Baz o Concello da Guarda debe esixir ao servizos sanitarios da Xunta de Galiza que informen sobre a situación epidemiolóxica actual na Guarda ante as dúbidas e a alarma  social que se está xerando na localidade.


O concello da Guarda aproba as contas do 2019 cumprindo a regra de gasto a estabilidade orzamentaria e con endebedamento cero
A Guarda, 27 de agosto de 2020. O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, amosa a súa satisfacción pola aprobación da Conta Xeral do 2019, cumprindo así o obxectivo de ter as contas do 2019 en prazo,  para  remitilas ao  Consello de Contas que é o órgano que realiza a fiscalización externa.
As contas do 2019 contan con informe de intervención favorable e tamén acadaron o ditame favorable da Comisión de Contas, e finalmente no Pleno ordinario obtiveron a  aprobación plenaria.
Nestas contas cúmprese a regra de gasto e a estabilizade orzamentaria, requisitos que se  estableceran no Plan Económico Financeiro aprobado o ano pasado e que foi necesario elaborar pola realización dunha serie de gastos extraordinarios e inaprazables acometidos durante o  2018, como a adquisición da Finca de Fínola por 280.000€.
A Conta Xeral de 2019  traslada un superávit de 756.671,6€,  e un remanente de tesourería de 1.099.684,65€. Este remanente de tesourería posibilitou incrementar en máis de 100.000€ as partidas de servizos sociais, para  dar cobertura a un maior número horas coas que cubrir a atención á dependencia das nosas persoas maiores, e posibilitará dar cobertura á maior inversión que se acometerá na localidade neste exercicio, relacionada cunha subvención do IDAE por un importe de 1.000.000€ para a substitución de  todo o  alumeado viario existente nas diferentes rúas e prazas de todo o territorio guardés por luminarias LED.
Coas Contas aprobadas o Departamento de Facenda está traballando na elaboración dos próximos orzamentos municipais para o 2021.


O renovado punto limpo da Guarda xa está preparado para a reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos tralas obras acometidas pola Deputación
A Guarda, 26 de agosto de 2020. A deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas, xunto ao alcalde da Guarda, Antonio Lomba, visitou as obras acometidas no punto limpo da vila, ao abeiro do proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do “lixo electrónico” promovido pola Deputación de Pontevedra. A actuación, cun orzamento total de 53.588,06 euros entre obras e subministracións, permitiu adaptar o punto limpo co obxectivo de acondicionalo de cara a recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos. “Este tipo de accións son as que dan paso cara unha transición ecolóxica e contribúen á mellora do medio ambiente. É unha necesidade que todas e todos colaboremos coa correcta xestión dos residuos”, subliñou Iria Lamas.
“O noso planeta está en perigo e dende as administracións temos que poñer en marcha proxectos para loitar contra esta realidade”, continuou, “neste eido, dende a Deputación absolutamente toda a acción política xira ao redor da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, enxalzou a deputada provincial. Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, agradeceu á Deputación “a oportunidade que nos dá de ter unha mellora neste punto limpo, moi importante para a recollida de aparellos eléctricos e electrónicos”. O punto limpo da Guarda, situado no lugar A Sangriña, xa está totalmente renovado para que a veciñanza poida depositar alí os seus residuos eléctricos e electrónicos con total seguridade. A maiores a Deputación e o Concello puxeron en marcha unha campaña informativa, que inclúe a instalación dun miniecopunto formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tablets, e cargadores e cables, que quedou montado na Praza de Abastos.
En concreto, na Guarda foi necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estantes, equipos  informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas recentemente pola Deputación. Ademais, no que respecta ás obras, construíuse no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalouse iluminación no almacén e proveeuse de sistema de protección contra incendios e de paneis indicativos.
O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de euros. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).
Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.

O Concello da Guarda continúa a traballar no seu Programa de compostaxe doméstico
A Guarda, 26 de agosto de 2020. No ano 2014 o Concello da Guarda puxo en marcha un programa de compostaxe doméstica co obxectivo de fomentar a reciclaxe da materia orgánica para facer unha xestión de residuos máis sostible e aproveitar este recurso para obter compost, materia orgánica estabilizada que serve como abono para os cultivos.
Para asegurar a correcta implantación e desenvolvemento deste programa, a mestra composteira do Concello da Guarda iniciará o próximo mes de setembro as visitas de seguimento a estes composteiros para asegurar o seu correcto manexo e a resolver as posibles dúbidas que lle xurdan aos usuarios.
Entre 2014 e 2018 o Concello da Guarda repartíu un total de 211 composteiros domésticos e en setembro deste ano se procederá a facer un seguimento de preto de 155 instalacións de composteiros domésticos en todo o termo municipal.
Todas as persoas que teñan composteiros nas súas vivendas poden concertar citas coa Mestra Composteira contactando no enderezo electrónico medioambiente@aguarda.es

A praza de Avelino Vicente congrega o Mercado Artesanal os dous próximos venres e sábados
A Guarda, 26 de agosto de 2020. Como a peche ao verán a Concellería de Desenvolvemento Local da Guarda organiza o Mercado Artesanal que terá lugar na Praza de Avelino Vicente durante os venres e sábados desta última fin de semana de agosto e a primeira de setembro.
O horario de apertura deste mercado artesanal é para o venres e o sábado de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:30h.
A finalidade deste mercado é ofrecer unha oportunidade ao sector de artesanía e produtos locais especialmente golpeado durante este verano pola crisis sanitaria
Neste mercado van asistir artesáns da Guarda e da nosa contorna onde ofrecerán as súas elaboracións en bordado, marroquinería, complementos ou mesmo decoración.
Tamén participarán asociacións e entidades de acción social que tanta axuda prestaron e prestan durante a pandemia.
Nestas últimas datas do verán este mercado artesanal e a programación procurase que sexa un atractivo máis entre os veciños e visitantes gocen do noso comercio e cultura.


Mellora do entorno do Parque de Laxe Grande na Guarda
A Guarda, 25 de agosto de 2020. A pasada semana comezaron as obras de mellora do entorno do Parque de Laxe Grande da Guarda, unhas obras que inclúen a reposición do firme e da area do parque infantil, reparación dos camiños interiores, reparación da fonte e substitución integral da balustrada de pedra.
Estas obras veñen a mellorar un dos espazos públicos do noso municipio, aportando tamén novas medidas de seguridade cunha nova balustrada en pedra, máis segura e firme que a que existía até o de agora.
Na xornada do pasado luns o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Tenente de Alcalde, Montserrat Magallanes, e o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español,  visitaron este parque para comprobar o avance destas obras, que poderían estar xa rematadas nun par de semanas.

A Guarda mellora o subministro de auga na zona da Depuradora
Operarios municipais traballan dende fai unha semana na substitución dun tramo da rede de subministro de auga na zona da subida da E.D.A.R. da Guarda.
Estas obras realízanse despois de terse detectado numerosas incidencias no subministro nesta zona, polo que se decidiu realizar a substitución completa da tubaxe de subministro de auga ao longo de máis de 200 metros.
Estas obras, realizadas pola Concellería de Servizos, garanten o subministro de auga a máis dunha vintena de vivendas existentes nesa zona da Guarda.

A Guarda despide o mes de agosto cunha chea de propostas para todas as idades
O Concello da Guarda continúa apostando por unha programación de actividades para todos os gustos e idades, tendo sempre en conta as medidas de hixiene e seguridade motivadas pola pandemia do covid-19.
Nesta semana e pechando xa o mes de agosto a programación, recollida na Axenda de verán 2020, conta coas visitas regulares ó Monte Santa Trega (de venres a domingo), as visitas de natureza que se sucederán cada domingo e as Visitas polo casco urbano os mércores e xoves de agosto. As inscricións se poden realizar a través da Oficina de Turismo Municipal no 986 61 4546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com.
Os venres, sábados e domingos proseguen as visitas guiadas ao Monte Santa Trega. Inscrición previa no MASAT 986610504 ou no enderezo electrónico masat@aguarda.es
Tamén continúan esta semana as visitas teatralizadas no Monte Santa Trega, cun notable éxito e que xa colga novamente o cartaz de aforo completo para esta semana.
O xoves 27 terá lugar unha actividade deportiva consistente nunha ruta en kaiak polo Río Tamuxe, as prazas están xa cubertas.
PROGRAMACIÓN
Venres 28:
Cinema na rúa coa proxección de “Mr.Link” ás 22:00h. na Praza do Reló. Inscrición previa no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es)
Cunha duración de 93 minutos “Mr. Link” conta a historia de Sir Lionel Frost, quen se considera coma o maior investigador de mitos, monstros e lendas. Estes cualificativos teñen sido cuestionados polo seu círculo mais preto, o que lle anima a comezar unha investigación polo noroeste americano na busca do Eslabón Perdido, unha misteriosa criatura metade humano e metade besta.
Sábado 29
Sesión de Teatro coa posta en escena de “Pelos na lingua” ás 20:00h no Auditorio de San Benito. Inscrición previa no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es). Cunha duración de 70 minutos Pelos na lingua vai destinado a todo o mundo (e non esaxeramos), independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ao mundo enteiro, independentemente da súa lingua. Unha comedia, que dalgún xeito, podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua. Pero non se trata dunha segunda parte como unha continuación da liña argumental, senón que se está a traballar o mesmo tema coa mesma estrutura, aínda que desta vez tratando de darlle un enfoque distinto.
Domingo 30
Nova cita con “Domingos de natureza e auga” ás 10:00h. con diversos percorridos polo litoral guardés. Información e inscricións na Oficina de turismo 986614546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com

Portos de Galicia instala un novo pantalán de Camposancos, na Guarda
A Guarda, 25 de agosto de 2020.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de instalar un novo pantalán na zona portuaria de Camposancos, no municipio pontevedrés da Guarda. Esta instalación conta cun investimento de preto de 50.000 euros.
O novo pantalán entrará en servizo proximamente e Portos de Galicia coordinará a compatibilidade dos usos desta instalación, incluída no Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 Ecodestin, que pretende valorizar o territorio a través do fomento e desenvolvemento do amplo valor do patrimonio natural e cultural vinculado coas rías, ríos e costa, integrando ademais deporte e formación.
O novo pantalán conta con 12 metros de longo e ten acceso desde a pasarela do peirao. Dispón de porta de acceso restrinxido que será controlada mediante un dispositivo electrónico que quedará instalado nos vindeiros días para a entrada en servizo da estrutura.


Novos equipamentos nas praias de Bandeira Azul da Guarda
A  Guarda, 24 de agosto de 2020. O servizo de socorrismo das praias de Area Grande e O Muíño conta con novo material e equipamento para unha eficaz resposta ante un posible incidente nestas praias.
Estas dúas praias de Bandeira Azul conta con servizo de socorrismo dende xullo a setembro e durante estes meses foron recibindo o equipamento previsto para esta tempada que debido a situación sanitario se foi retrasando.
Destacan as táboas de rescate que os socorristas poden empregan para facer vixilancia activa, como achegarse ata os bañistas para dar recomendacións e, inclusive, ante unha actuación de rescate.
E a semana pasada recibíronse os desfibriladores automáticos, un equipamento tamén moi esperado para mellorar a atención, e que reafirman o compromiso de que o servizo conte cos medios adecuados para a atención das posibles incidencias que podan xurdir nestas dúas praias de gran afluencia.
A praia do Muíño é a praia accesible do concello polo que, ademais de pasarelas e aseos adaptados, conta dende hai anos cunha cadeira anfibia para facilitar o baño ás persoas con discapacidade física. Este verán adquiriuse unha nova cadeira anfibia máis cómoda e práctica para os usuarios que a solicitan cada ano.
 

A Guarda C.C.A celebrará la Feria de Oportunidades en A Guarda
A Guarda, 21 de agosto de 2020. El próximo sábado 22 de agosto, la Asociación de Empresarios A Guarda Centro Comercial Aberto celebrará junto a un grupo de comerciantes locales una Feria de Oportunidades de carácter extraordinario y autorizado por la Mesa de Comercio Local de A Guarda.
El evento tendrá lugar durante todo el día en la plaza Avelino Vicente (“As de Copas”) en horario de 09:00 a 21:00.


Concerto da sección de corda da Orquestra Clásica de Vigo o sábado 22 de agosto na Guarda
A Guarda, 20 de agosto de 2020A Orquestra Clásica de Vigo levará a súa orquestra de corda ao Castelo de Santa Cruz, na Guarda, este sábado día 22 de agosto cunha programación baseada no romanticismo, cunha selección de pezas que nos levarán da obra de Felix Mendelssohn, da que se interpretará sinfonía para dez cordas ao postromanticismo  inglés de E. Elgar pasando polo italiano Giovanni Botessini.
 Daremos comezo ao concerto ás 20:00h coa serenata de E. Elgar, un dos principais compositores ingleses do S. XIX. A súa obra enténdese coma unha ponte entre o romanticismo e os estilos nacionais, buscando plasmar nas súas pezas as características propias da súa terra e tradición sonora.
Tras esta obra interpretarase a Elexia de G. Bottessini, un compositor que realiza esta obra para o contrabaixo, instrumento que en contadas ocasións é posible velo como solista. Esta obra mostra unha rareza e interesante complexidade compensada por un brillante sentido do gusto e da beleza.  
Remataremos coa sinfonía para dez cordas de F. Mendelssohn, unha das figuras máis destacadas do romanticismo pleno cunha obra pensada para orquestra de corda na que se combina a grandeza característica do estilo coa simplicidade e lixeireza do formato para sección de cordas.
Trátase dun concerto aberto a toda a cidadanía co que gozar da música clásica en contextos inéditos. Inscrición previa no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es)
Programa:
Serenata de E. Elgar
Elexía de G. Bottesini. Solista: Gustavo Barcia (Contrabaixo)                                
Sinfonía para dez cordas de F. Mendelssohn
Dirixe: Manuel Martínez Álvarez-Nava
Solista: Gustavo Barcia (Contrabaixo)
Actividade divulgativa para rapaces e rapazas
Dende a Orquesta Clásica de Vigo queremos ofrecer unha actividade paralela ao concerto para achegar a música sinfónica ao público familiar. Este obradoiro estará dirixido pola mestra Patricia Pereira e terá como obxecto ofrecer claves para a escoita e compresión da música que se interpretará no concerto. O obxectivo desta actividade de mediación parte do interese de achegar ao público familiar a este arte.
Esta actividade integrará á orquestra empregado a proba de son, como elemento básico para a comprensión do fenómeno artístico e sonoro que supón contar con 30 músicos, neste caso, interpretando música en directo.
Prensentaremos ao solista, o seu instrumento e a historia do autor, dun xeito aberto e participativo.
Esta actividade contará coa construcción dun instrumento de corda con elementos reciclados para favorecer a comprensión do funcionamento acústico-mecánico da sección que interpretará o concerto.
Grupo: 15 rapaces e rapazas
Idades: 6-8 anos
Lugar: Castelo de Santa Cruz
Hora: 18:00
Duración: 40 min (aprox)
Necesidades: Levar máscara e presencia dos país/nais ou titores para garantir a distancia de seguridade en todo momento.
Entrada de balde previa inscrición no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es)
A Orquestra
A Orquesta Clásica de Vigo é una formación de música clásica que aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos.
Nos seus 36 años de historia as obras interpretadas cóntanse por centos, e nos últimos anos realizou propostas de danza, cine en directo, bandas sonoras, propostas actuais e obras consagradas. A Orquesta Clásica de Vigo non entende de estilos ou etiquetas na súa programación, que se plantexa como un espazo aberto de debate co que realizar novas propostas e atraer a públicos distintos aos da música clásica tradicional.
A Orquesta Clásica de Vigo nace en 1984, sendo a formación máis antiga de Galicia, apostando dende os seus comezos pola formación e a i nnovación nos formatos. Polos seus atrís pasaron máis de 300 músicos e moitos deles son, a día
de hoxe, artistas de primeiro nivel en orquestras nacionais e internacionais.
Manuel Martínez Álvarez-Nava | Director titular e artístico
Nado en Oviedo en 1957. Discípulo do mestre Alfonso Ordieres Rivero, estuda violín e viola no Conservatorio Superior de Asturias. Posteriormente amplía os seus estudos de viola con Enrique Santiago. Estuda dirección de orquestra co mestre Jacques Bodmer, discípulo do lendario mestre Herman Scherchen.
Foi profesor violista da Orquesta Sinfónica de Asturias “Angel-Muñiz Toca” entre 1977 e 1983. Fundador, Solista e Concertino da Orquesta Universitaria de Oviedo, da que tamén foi director adxunto. Desde o curso 1983-84, é catedrático de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo e Director Titular da Orquesta Clásica de Vigo desde a súa creación en 1984.


A Guarda convida a artesáns e asociacións sen ánimo de lucro da comarca a participar nun mercado
A Guarda, 19 de agosto de 2020. Coa organización deste mercado a Concellería de Desenvolvemento Local busca apoiar ao sector da artesanía, especialmente golpeado durante este verán pola crise sanitaria, pero tamén favorecer ás entidades de acción social que tanta axuda levan prestado durante a pandemia. Paralelamente espérase que o mercado tamén funcione como un atractivo máis, que de vida ás nosas rúas e estimule as compras nos comercios e o consumo na hostalaría da localidade.
A participación no mercado será gratuíta e o Concello proporcionará a cada artesán ou asociación un stand, ata acadar un máximo de 20 postos. Pola súa parte os e as artesás, así como as asociacións deberán comprometerse a manter os postos abertos os venres pola tarde en horario de 17:00 a 20:30, e os sábados e domingos en horario de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:30, durante as dúas fins de semana.
Os e as profesionais interesados/as, así como as asociacións, deberán presentar as súas solicitudes antes do 24 de agosto ás 14:00 horas a través da dirección de correo electrónico turismo@aguarda.es.
Os artesáns deberán indicar nese correo electrónico os seguintes datos: nome e apelidos, teléfono de contacto, concello no/a que están empadroados/as e descrición dos produtos de artesanía que ofrecen. Así mesmo deberán deixar constancia por escrito nese mesmo correo o seu compromiso para manter aberto o posto durante todo o período de duración do mercado, respectando os horarios do mesmo.
No caso das asociacións deberán indicar: nome da asociación, nome e apelidos da persoa representante da mesma, tipo de produtos que venden e localidade na que ten a súa sede social. Así mesmo deberán tamén comprometerse por escrito a abrir os postos respectando o horario e datas nas que terá lugar o mercado.

Novas actividades esta semana na programación de verán 2020 na Guarda
A Guarda, 19 de agosto de 2020. O Concello da Guarda continúa apostando por unha programación de actividades para todos os gustos e idades, tendo sempre en conta as medidas de hixiene e seguridade motivadas pola pandemia do covid-19.
Nesta semana a programación, recollida na Axenda de verán 2020, continúa coas visitas á embarcación O Piueiro que se repiten os martes e xoves do verán, as visitas regulares ó Monte Santa Trega (de venres a domingo), as visitas de natureza que se sucederán cada domingo e as Visitas polo casco urbano os mércores e xoves de agosto. As inscricións se poden realizar a través da Oficina de Turismo Municipal no 986 61 4546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com.
Os venres, sábados e domingos proseguen as visitas guiadas ao Monte Santa Trega. Inscrición previa no MASAT 986610504 ou no enderezo electrónico masat@aguarda.es
Tamén continúan esta semana as visitas teatralizadas no Monte Santa Trega, cun notable éxito e que xa colga novamente o cartaz de aforo completo para esta semana.
PROGRAMACIÓN
Venres 21:
Este venres arranca na Praza de Avelino Vicente(As de Copas) o I Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño, un evento cultural que terá lugar de xeito simultáneo o venres 21 e sábado 22 de agosto nos concellos veciños en ámbalas dúas ribeiras do Río Miño. Actividades en horario de 20:00h a 22:00h(ESP).
Este venres ás 21:00h segunda cita de “Música nos Xardíns” co grupo Ded Routines, nun concerto apadriñado polo Galifornia Beat. Ded Routines é un dos segredos ocultos da escena subterránea galega. A banda nace en Camposancos na Guarda, bebendo de toda esa tradición rock que pasa por Dead Moon, Scientists, Rowland S. Howard o Big Star, para definir un son realmente persoal…Ás 20:00h e coma previa a este concerto realizarase nas pistas deportivas do Centro Cultural unha exhibición de skate promovida polo Galifornia Beat. Inscrición previa no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es)
Tamén este venres terá lugar unha nova Noite de estrelas no Puntal ás 23:00h. Inscrición previa na Oficina de turismo 986614546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com
Sábado 22
Este sábado continúa na Praza de Avelino Vicente(As de Copas) o I Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño, un evento cultural que terá lugar de xeito simultáneo o venres 21 e sábado 22 de agosto nos concellos veciños a ámbalas dúas ribeiras do Río Miño. Actividades en horario de mañá de 11:00 h a 14:00 h e pola tarde de 18:30 h a 21:30 h (ESP).
O sábado 22 de agosto a partires das 11:00h o Porto da Guarda acolle o V Campionato Galego Inclusivo Slalom de Motonáutica, unha proba deportiva que contará cunha participación aproximada de 10 equipos.
O Castelo de Santa Cruz acolle ás 20:00h o Concerto da Orquesta Clásica de Vigo, sección de corda. Inscrición previa no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es)
Domingo 23
Nova cita con “Domingos de natureza e auga”, ás 10:00h. con diversos percorridos polo litoral guardés. Información e inscricións na Oficina de turismo 986614546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com
Tamén na xornada deste domingo terá lugar no Castelo de Santa Cruz da Guarda a realización de “Ioga de Verán”, o segundo encontro de ioga ao aire libre para todos os públicos que se vai desenvolver ás 10:30h. Os interesados en participar poden ampliar información no Departamento de Deportes do Concello da Guarda chamando ao 690 928 751 ou contactando en deportes@aguarda.es

A Guarda instala na Praza de Abastos colectores para residuos de aparellos eléctricos e electrónicos ao abeiro do Proxecto Estraee
A Guarda, 19 de agosto de 2020. A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda ven de instalar no andar superior da Praza de Abastos da localidade 3 colectores para depositar residuos de aparellos eléctricos e electrónicos: móbiles e tablets, pilas e baterías e cargadores e cables.
Esta acción realízase ao abeiro do o proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do “lixo electrónico” promovido pola Deputación.
A provincia de Pontevedra revalida, con estes recursos, a súa posición como referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030.
O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

A Guarda acolle este sábado o V Campionato Galego Inclusivo Slalom de Motonáutic
A Guarda, 19 de agosto de 2020. O martes día 18 de agosto de 2020 a Casa dos Alonso foi o escenario elixido para acoller a Presentación do V Campionato Galego Inclusivo Slalom de Motonáutica, unha proba deportiva que terá lugar o sábado 22 de agosto a partires das 11:00h no Porto da Guarda.
Neste acto de presentación estiveron presentes Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes; José Fernández Prado, Presidente da Federación Galega de Motonáutica; Carlos Estévez Gómez, Vogal da Xunta Directiva da Federación Galega de Motonáutica e Marcos Casaleiro Pousadela, Vogal da Xunta Directiva da Federación Galega de Motonáutica e deportista participante no campionato.
José Fernández Prado, Presidente da Federación Galega de Motonáutica, quixo agradecer o apoio do Concello da Guarda para a realización desta proba deportiva, amosando a boa disposición e colaboración prestada sempre coa Federación.
Carlos Estévez Gómez, Vogal da Xunta Directiva da Federación Galega de Motonáutica, explicou que debido á pandemia da Covid-19 a participación vai ser un pouco inferior con respecto a de anos anteriores, agardando chegar aos 10 equipos, cun protocolo especial con uso de mascaras obrigatorio por parte dos participantes e a desinfección da embarcación entre cada exercicio. Carlos explicou que o funcionamento desta proba consiste en facer un percorrido entre boias, recollendo ao inicio unha pelota e facendo o percorrido nun tempo previamente marcado, existen bonificacións e penalizacións que ao final das probas van a outorgar as puntuacións de cada parella ou equipo participante. A proba terá inicio ás 11:00h da mañá no Porto da Guarda e a iso das 14:00h realizarase a entrega de premios, trofeos elaborados pola Asociación Avelaíña.
Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes, agarda que o tempo acompañe aos participantes este vindeiro sábado e que deste xeito podan gozar do entorno, da natureza e do mar.
Marcos Casaleiro Pousadela, Vogal da Xunta Directiva da Federación Galega de Motonáutica e deportista participante no campionato aproveitou a súa intervención para realizar un convite a toda a xente que o desexe a iniciarse no mundo da motonáutica, destacando que é unha experiencia moi boa, unha proba deportiva integradora que axuda ás persoas a achegarse ao mundo do mar e da navegación a motor.
Pechou este acto de presentación Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda, quen explicou que nesta época difícil que nos toca vivir, onde é complicado realizar probas deportivas, o Concello da Guarda estará sempre coa inclusión e co deporte, convidando tamén a toda a xente que o desexe a que empregue a gamela a vela adaptada “A Roncadeira”, para sentir o pracer da navegación, que se poña en contacto co Clube Alagua, que xestiona dita embarcación. Rematou o edil co optimismo de facer este tipo de eventos deportivos, para continuar coas actividades anuais, moitas das cales se tiveron que suspender pola Covid-19.

Caminha e A Guarda acollen o 21 e 22 de agosto o I Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño
A Guarda, 19 de agosto de 2020. A Cámara Municipal de Caminha(Portugal) e o Concello da Guarda, ultiman xa os preparativos para o I Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño, un evento cultural que terá lugar de xeito simultáneo o venres 21 e sábado 22 de agosto nos concellos veciños a ámbalas dúas ribeiras do Río Miño.
O evento terá dous espazos diferenciados, en Caminha na Praza do Conselleiro Silva Torres e na Guarda na Praza de Avelino Vicente(As de Copas), onde se realizarán presentacións de libros, actuacións en directo, recitais de poesía, contacontos, entre outras accións programadas nesta primeira edición.
Nesta primeira edición participarán os concellos portugueses de Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao, Melgaço e Paredes de Coura e os concellos galegos de A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, e Crecente, todos eles aportarán a mellor selección dos exemplares producidos no Baixo e Alto Minho, ou que versen sobre esta rexión, cun total de máis de 150 títulos diferentes.
O evento conta coa organización da Camara Municipal de Caminha, do Concello da Guarda, da Junta de Freguesia de Caminha e Vilarelho e do Jornal Digital Caminh@2000.
O evento terá inicio na tarde do venres 21 en horario de 20:00h a 22:00h(ESP) e continuará na xornada do sábado 22 en horario de mañá de 11:00 h a 14:00 h e pola tarde de 18:30 h a 21:30 h (ESP).
PROGRAMACIÓN
I FEIRA DO LIBRO LUSO-GALAICA DA RIBEIRA DO MIÑO
21 agosto 20:00H – 22:00H | 22 agosto 11:00 h. a 14:00 h. e 18:30 h. a 21:30 h  
[Praza Avelino Vicente(As de Copas), A Guarda]
VENRES 21,  20:00 h. a 22 h
- 20:00 horas: Inicio do evento coas personalidades políticas e os técnicos de cultura dos respectivos concellos participantes.
-  20:45-21:25 horas: Inauguración do evento con Aser Álvarez González. Director de Arraianos Producións. Presentación da publicación Galicia Rural, un proxecto documental multimedia elaborado en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, que propón ideas para unha reflexión sobre a realidade, os desafíos e as posibilidades de futuro do mundo rural galego.
- 21:25-21:55 horas: Carvalho Calero sem fronteiras. Unha viaxe audiovisual pola vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero através dun recital poético e musical de Moisés Quintas e Aser Álvarez. Producido por Arraianos Producións.
- 22:00 horas: Peche do venres.
SÁBADO 22, pola mañá de 11:00 h. a 14:00 h. e pola tarde de 18:30 h. a 21:30 h.
- 11:00horas: Apertura do sábado.
- 11:05-11:55 horas: ContaContos con Marisol Diz, bibliotecaria de A Guarda e Liliana Geraldes , a cal presentará o seu libro infantil Clara e a illa de plástico
- 12:00-12:40 horas: Ricardo Vicente(Infogauda) e Luís Almeida(promotor do evento e director de Caminha 2000). Luis Almeida falará sobre os seus 20 anos a fronte da súa empresa e da Comunicación rexional.
- 12:45-13:15 horas: Puri Ameixide, "O paso do Miño en 1809: Historia e Literatura á lúz da lúa". Puri Ameixide é profesora de lingua e literatura galegas no IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, e autora das novelas Nada se esquece (Redelibros, 2013) e Claro de Lúa (Xerais, 2018). Claro de lúa transcorre no Baixo Miño a comezos do XIX, cando o paso do Miño polas tropas napoleónicas camiño do Porto, aportando unha visión desta guerra moi diferente da chamada "Guerra da Independencia".
- 13:15-13:45 horas: Actuación musical. Academia de Música Fernández Fao
- 14:00 horas: Peche da mañá do sábado.
- 18:30 horas : Apertura pola tarde.
- 19:15 -19:45 horas: O Rosal estará representado polo autor Praxíteles. Coñecido xa pola súa obra Yo también emigré a la República Federal de Alemania (1960-1980) e que fará un percorrido a través das súas obras.
- 20:00-20:30 horas: O historiador local guardés Miguel Villa, escritor de numerosos libros sobre a Sociedade Pro Monte ou as Casas Indianas, falaranos desta vez sobre os temas históricos abordados nos seus libros.
- 20:45-21:15 horas: Recital de poesía a cargo de Krisalida, poeta portuguesa da Ribeira do Miño.
- 21:30 horas: Peche do evento.
I FEIRA DO LIVRO LUSO-GALAICA DA RIBEIRA MINHO
21 a 23 agosto | 15H00 às 23H00
[Praça Conselheiro Silva Torres, Caminha]
SEXTA-FEIRA 21 AGOSTO
15H00 – ABERTURA DA FEIRA
15H30 - 100 anos - José Correia |Aniversário de um artesão do concelho de Caminha
apresentação do vídeo do José Correia – Caminha2000
18H00 – ABERTURA OFICIAL  
[Arcadas dos Paços do Concelho - Praça Conselheiro Silva Torres]
·                     Presidente da Câmara Municipal de Caminha
·                     Alcalde do Concello de A Guarda
·                     Presidente da União de Freguesias de Caminha e Vilarelho
·                     Luís Almeida, Diretor do Jornal Caminha2000
22H00 - RECITAL DE MÚSICA | ACADEMIA DE MÚSICA FERNANDES FÃO
[Arcadas dos Paços do Concelho - Praça Conselheiro Silva Torres]
- APRESENTAÇÃO DO LIVRO “PEIXES DO RIO MINHO – RECEITAS COM HISTÓRIA”, de João Guterres
Moderador: Paulo Torres Bento, Historiador
SÁBADO 22 AGOSTO
16H00 – “O MUNDO ENCANTADO DOS LIVROS” – Hora do Conto através de um livro de Joana Estima C. da Rocha | Porta de Cena
[Arcadas dos Paços do Concelho - Praça Conselheiro Silva Torres]
18H00 – Aser Álvares González – Diretor de Arraianos Producións – apresentação de ”Galicia Rural” - projeto documental multimédia que propõe ideias para uma reflexão sobre a realidade, os desafios e as possibilidades de futuro do mundo rural galego.
[Arcadas dos Paços do Concelho - Praça Conselheiro Silva Torres]
19H00 – CORO FUSCALHEIRO, de A Guarda
[Praça Conselheiro Silva Torres, Caminha]
DOMINGO 23 AGOSTO
16H00 – Hora do conto e Workshop com a autora Liliana Geraldes
Apresentação e animação do livro “Clara e a Ilha de Plástico” de Liliana Geraldes
[Arcadas dos Paços do Concelho - Praça Conselheiro Silva Torres]
17H00 – RECITAL DE POESIA DE OBRAS DE AUTORES DO CONCELHO DE CAMINHA | Krisálida
[Arcadas dos Paços do Concelho - Praça Conselheiro Silva Torres]


Este venres segunda cita con “Música nos Xardíns” na Guarda
A Guarda, 17 de agosto de 2020. O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, ven de programar varias actividades baixo o proxecto “Música nos Xardíns” para por en valor a escena musical e de festivais a nivel local, en consenso coas asociacións culturais da vila.
Debido a pandemia do COVID-19, se tiveron que suspender os grandes eventos musicais existentes na vila da Guarda e que enchen de música cada verán diferentes espazos do noso municipio, é por elo, e ante as novas medidas de prevención e distanciamento social, que o concello da Guarda decidiu apostar por un proxecto no que se representasen aos colectivos que cada ano organizan festivais musicais, pero nun novo formato, “Música nos Xardíns”.
Despois dun primeiro concerto que se celebrou o pasado 31 de xullo a cargo do grupo local Milhomes, este venres día 21 de agosto ás 21:00h é a quenda do grupo Ded Routines, nun concerto apadriñado polo Galifornia Beat. Ded Routines é un dos segredos ocultos da escena subterránea galega. A banda nace en Camposancos na Guarda, bebendo de toda esa tradición rock que pasa por Dead Moon, Scientists, Rowland S. Howard o Big Star, para definir un son realmente persoal…
Ás 20:00h e coma previa a este concerto realizarase nas pistas deportivas do Centro Cultural unha exhibición de skate promovida polo Galifornia Beat.
A Sala de Exposicións do Centro Cultural amosará tamén nestes días unha exposición fotográfica titulada “Festivais da Guarda”, con imaxes de varias edicións dos festivais musicais máis significativos que se teñen realizado na vila nos últimos anos.
PROGRAMA
Venres 21 de agosto
Concerto de Ded Routines ás 21:00h – Concerto apadriñado polo Galifornia Beat
Ded Routines é un dos segredos ocultos da escena subterránea galega. A banda nace en Camposancos na Guarda, bebendo de toda esa tradición rock que pasa por Dead Moon, Scientists, Rowland S. Howard o Big Star, para definir un son realmente persoal…
Venres 4 de setembro
Concerto de Helen & Shanna ás 21:00h – Concerto apadriñado polo Rock Guardés
Cunha forte influencia folk, «Helen & Shanna» recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.
Charla previa de Fernando Rego sobre “Unha historia da música en Galicia. 1952 – 2018”
Para asistir a estes eventos é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 9:00h a 14:00h) ou no enderezo electrónico centrocultural@aguarda.es

A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 21 e sábado 22 de agosto
A Guarda, 17 de agosto de 2020. A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres día 21 e sábado día 22 de agosto.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 21 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas e o sábado 22 en horario de 10:00 ás 15:00 horas.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
 
Citas para a renovación do DNI na Guarda no mes de setembro
A Guarda, 17 de agosto de 2020. O vindeiro mércores día 19 de agosto de 2020 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondente ao mes de setembro de 2020.
A apertura do prazo para a solicitude de novas citas no setembro ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o mércores día 19 de agosto de xeito presencial de 9:00h a 14:00h na Casa dos Alonsos ou de xeito telefónico no 986 61 0000.
Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.


O Punto Limpo da Guarda recebe unha traspaleta ao abeiro do Proxecto Estraee
A Guarda, 13 de agosto de 2020. Na xornada deste mércores día 13 de agosto o Punto Limpo da Guarda recibiu unha traspaleta ao abeiro do o proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do “lixo electrónico” promovido pola Deputación. O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, e a deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Iria Lamas, asistiron ao acto de entrega, no Parque de Maquinaria, das nove transpaletas que prestarán servizo nos nove puntos limpos, nos que, xunto ao da Guarda, tamén participan Meaño, A Lama, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e a Mancomunidade do Morrazo (Cangas, Bueu e Moaña), maquinarias, valoradas nun total de 80.912,7 euros.
As transpaletas son eléctricas, en sintonía co proxecto sostible e de coidado co medio ambiente, teñen unha capacidade de carga de ata dous mil quilos e unha velocidade máxima de 10 quilómetros hora. Ademais, estas máquinas permitirán transportar e mover dunha maneira cómoda e segura os aparellos eléctricos e electrónicos, uns residuos extremadamente contaminantes, en crecemento exponencial e que están a supor xa un grave problema. A provincia de Pontevedra revalida, con estes recursos, a súa posición como referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030.
O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns euros. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

Gran recollida de plásticos o 30 de agosto na costa da Guarda
A Guarda, 13 de agosto de 2020. O vindeiro domingo día 30 de agosto a Agrupación Guardesa de Pescadores, Mariñeiros e Mariscadores non profesionais "O Buxeiro" organiza, en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda, unha gran recollida de plásticos na costa da Guarda.
Esta actividade, que conta coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda, realizarase por diferentes puntos da costa guardesa, tentando eliminar aqueles restos de plásticos que se atopen pola costa.
O punto de reunión será a Alameda da Guarda ás 8:00h da mañá, onde se repartirán guantes e bolsas e se explicará como será o funcionamento desta actividade, para a que non é preciso inscrición previa. Faremos grupos pequenos para recoller en distintos puntos da costa: dende as Illas Orelludas, en Oia, até O Puntal na Guarda. Para iso, xa na propia alameda irémonos agrupando en grupos de 10 por orde de chegada de cara a respectar as normas de distanciamento social.
Esta actividade, que xa se fixo outros anos, ten como obxectivo principal concienciar á veciñanza guardesa en materia de residuos, xa que, moito do lixo que hai no mar pode chegar a el de forma directa tirándoo nel ou de forma indirecta a través das canles dos ríos ou por outras vías (aérea, etc.).


O Concello da Guarda pide á poboación un uso racional e responsable da auga
A Guarda, 12 de agosto de 2020. A Concellería de Medio Ambiente, ante o período de seca que levamos atravesando nos últimos meses, reitera a apelación á cidadanía de facer un uso racional da auga.
Alén da falta de precipitacións e temperaturas elevadas, a recente avaría dunha das bombas obríganos a tomar medidas para que o abastecemento de auga chegue a todas e todos os veciños.
Por iso, dende o Concello, queremos concienciar da importancia deses bens tan prezados que son os recursos hídricos.
Recoméndase que certos usos da auga como: rego, baldeos, recheos de piscinas… adminístrense dun xeito apropiado á situación excepcional destes días.


A  Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda convoca unha nova concentración para o xoves 13 de agosto

 
A Guarda, 11 de agosto de 2020. O próximo xoves día 13 de agosto a Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Guarda convoca unha  nova concentración ás 12 da mañá diante do centro de saúde da Guarda.
Serafín Fernández Portela, portavoz da plataforma  manifestou  “A falta de médicos e persoal sanitario continúa.  De 8 médicos que hai en plantilla na actualidade so hai  4 prazas cubertas.  Enfermeiras só hai tres. Esta falta de persoal   provoca que as consultas se demoren en algúns casos ata máis de 20 días . A esto hai que engadir a xeneralización da teleasistencia, feito que resulta altamente preocupante e que xa temos denunciado”.
Por este motivo   a Plataforma seguirá mobilizándose  e chama a todo o pobo da Guarda a participar nestes actos de protesta  para impedir que continúe o deterioro da sanidade pública.
A plataforma pide a todos os asistentes á concentración que leven mascaras e que se manteñan as distancias de seguridade na concentración.

A Guarda condena o ataque vandálico contra as Salinas do Seixal
A Guarda, 11 de agosto de 2020. Fai uns días se tivo constancia dun ataque vandálico contra os paneis informativos instalados nas Salinas do Seixal na costa da Guarda.
O Concello da Guarda, a través da Concelleira de Patrimonio, Montserrat Magallanes, ven de facer público a súa condena en contra deste ataque contra o patrimonio da vila da Guarda, realizado nas explicacións en lingua galega do panel.
Estes paneis foron instalados a finais do ano 2019 como parte do proxecto “A Guarda, Mar de sal. Posta en valor das salinas romanas do Seixal e Camposancos”.
Ao longo dos vindeiros días agárdase poder recuperar este panel, que está a disposición de todos os veciños e visitantes ao igual que os que se instalaron nas Salinas da Lagoa e do Puntal en Camposancos.
O proxecto «A Guarda, Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.
O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.


 
Continúa a programación da axenda de verán 2020 na Guarda
A Guarda, 10 de agosto de 2020. O Concello da Guarda continúa apostando por unha programación de actividades para todos os gustos e idades, tendo sempre en conta as medidas de hixiene e seguridade motivadas pola pandemia do covid-19.
Nesta semana a programación, recollida na Axenda de verán 2020, continúa coas visitas á embarcación O Piueiro que se repiten os martes e xoves do verán, as visitas regulares ó Monte Santa Trega (de venres a domingo), as visitas de natureza que se sucederán cada domingo e as Visitas polo casco urbano os mércores e xoves de agosto. As inscricións se poden realizar a través da Oficina de Turismo Municipal no 986 61 4546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com.
Os venres, sábados e domingos proseguen as visitas guiadas ao Monte Santa Trega. Inscrición previa no MASAT 986610504 ou no enderezo electrónico masat@aguarda.es
Tamén continúan esta semana as visitas teatralizadas no Monte Santa Trega, cun notable éxito e que xa colga novamente o cartaz de aforo completo para esta semana.
O venres 14 ás 22:30h a Praza do Reló acolle unha nova sesión de cinema na rúa coa proxección de “O noso último verán en Escocia”, é preciso reservar praza no Centro Cultural no 986 61 1850 ou en centrocultural@aguarda.es.
O sábado 15 ás 20:00h o Castelo de Santa Cruz será o escenario para “Punkdemia”, un espectáculo para todas as idades de Peter Punk, é preciso reservar praza no Centro Cultural no 986 61 1850 ou en centrocultural@aguarda.es.

A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética do centro de saúde da Guarda
Pontevedra, 10 de agosto de 2020.- As Consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Sanidade impulsan un acordo marco para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables nun total de 28 centros de saúde da Comunidade que permitirán mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e importantes aforros nas súas facturas enerxéticas. Entre os beneficiados atópase o centro de saúde da Guarda.
O acordo conta cun orzamento de 1,5M€, dos que 1,2 serán financiados polo Inega, e permitirá ao Sergas aforrar ao redor de 100.000 euros anuais nos custos enerxéticos grazas ao desenvolvemento de 25 proxectos de biomasa e outros tres de aerotermia. O investimento previsto na obra deste centro será de 50.000 euros.
En concreto, substituírase o sistema actual deste centro que utiliza gasóleo por unha caldeira de biomasa.
Este acordo enmárcase nos proxectos de enerxías renovables que a Xunta está impulsando en edificios da administración pública autonómica, como xa se fixo coa sinatura doutros acordos marco coas Consellerías de Educación, de Política Social ou de Turismo dentro da aposta decidida do Goberno galego por fomentar un cambio cultural no que se prioricen tanto o uso das enerxías renovables como actuacións e hábitos tendentes ao aforro enerxético. Deste xeito, ademais destes proxectos tamén se convocan axudas dirixidas a familias, empresas e entidades locais e sen ánimo de lucro.
Neste sentido, destaca a Estratexia da biomasa posta en marcha no ano 2014, co obxectivo de promover o uso deste recurso limpo, autóctono e renovable co que se conseguen aforros de ata o 60% con respecto a outras fontes de enerxía como o gasóleo, ademais de poñer en valor o monte galego, favorecendo a xestión forestal. Esta Estratexia xa ten permitido, no período 2014-2019, apoiar a instalación de 7000 caldeiras con aforros de 14M€ anuais.


A concellería de Deportes da Guarda organiza unha ruta en kaiak
A Guarda, 7 de agosto de 2020. A concellería de Deportes do Concello da Guarda organiza para o vindeiro xoves día 27 de agosto unha Ruta en Kaiak polo Río Tamuxe.
As inscricións están xa abertas e a actividade ten un custo de 4€ por persoa. A ruta terá inicio ás 16:30h dende a Praia das Eiras no Concello do Rosal, e continuará ata o Río Tamuxe, un percorrido polo Miño e Tamuxe de grande beleza paisaxística e natural.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse no seguinte formulario online:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdJvXl7vPnnskXUOA9p_Fd0aVFTPdpfPdmF7k7DbTWzlq3qGA/viewform


Este sábado as Festas do Monte estarán presentes na rede a través dun Magazine Especial
A Guarda, 6 de agosto de 2020. O Concello da Guarda, nunha decisión tomada en consenso coa Comisión de Festas e as Bandas Mariñeiras, decidiu suspender este ano as Festas do Monte ante a situación provocada pola pandemia do Covid-19 e, como xa se anunciou en datas pasadas, este ano non se realizarán verbenas, desfiles, romarías nin fogos artificiais, ante as medidas de seguridade hixiene e saúde pública decretadas.
Nunha acción, destinada a por en valor e recoñecer as tradicións propias das Festas do Monte, o Concello da Guarda vai a realizar na xornada deste sábado día 8 de agosto o “Magazine Especial – Festas do Monte 2020”, un evento online que se poderá seguir en directo a través das redes sociais do Concello da Guarda e das webs municipais www.aguarda.es e www.turismoaguarda.com.
Este “Magazine Especial – Festas do Monte 2020” arrancará ás 11:00h e, cunha duración aproximada de dúas horas, abordará diversas temáticas das Festas do Monte, contando con entrevistas, proxeccións de vídeos de pasadas edicións, montaxes fotográficas, actuacións musicais e moito máis.
O Magazine Especial – Festas do Monte 2020” estará dirixido polo locutor Jose Font e contará, entre outras intervencións, coa presencia do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; do representante da Comisión das Festas do Monte, Manuel Castro; do historiador local J. Miguel Villa; do persoeiro local José Antonio Uris Guisantes; do Presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla; do cantautor Tino Baz, entre outras personalidades.
O “Magazine Especial – Festas do Monte 2020” abordará temas propios da tradición das nosas festas, nunha mestura co ocio, a historia e as celebracións familiares vencelladas ás festas.
No apartado musical contarase coas actuacións de Tino Baz e do Grupo de Gaitas da Terceira Idade, ademais das proxeccións de vídeos, documentais e programas de TV emitidos sobre as Festas do Monte.
Agárdase que este evento online sexa seguido por milleiros de persoas ao longo de todo o mundo, nun formato adecuado á situación actual e que sirva xa de antesala para as vindeiras Festas do Monte, Festas de Interese Turístico de Galicia, que se celebrarán do 9 ao 16 de agosto de 2021.
.

A Deputación cumpre novos compromisos coa Guarda coa remodelación dos accesos á praia do Muiño e a humanización das rúas Vigo e Celta

 
A Guarda, 5 de agosto de 2020. “Son dúas actuacións que responden a demandas históricas da Guarda, que permiten reformular zonas estratéxicas polo seu interese turístico e medioambiental, no caso da praia do Muiño, e pola mellora de espazos públicos no caso da humanización do entorno das rúas Vigo e Celta”. Así resumiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva “os dous compromisos cumpridos da Deputación coa Guarda”, despois de coñecer xunto ao deputado e Director da AECT Uxío Benítez e o alcalde Antonio Lomba, o resultado das obras que supoñen un investimento total de 700.000 euros, e que responden ao modelo da institución de seguranza viaria, respecto medioambiental, recuperación da contorna, accesibilidade e prioridade peonil.
A presidenta inaugurou primeiro, xunto a Benítez, os novos accesos á praia do Muiño, en Camposancos, porta do espazo natural protexido do Esteiro, impulsado co proxecto “Visit Río Miño”, dentro das actuacións para a creación do “Anel Verde do Miño”, que consiste nunha rede de sendeiros que comprende máis de cen quilómetros de ciclovías e camiños pedestres entre Galicia e Portugal. Supuxo un investimento de case 200.000 euros para recuperar e rexenerar toda a contorna preservando e protexendo o espazo, de alto valor ecolóxico. Tamén se mellorou a accesibilidade e os servizos de praia, a regulación do tráfico, a instalación dunha nova pasarela de madeira, a creación dunha plataforma peonil e a rexeneración do areal. Esta actuación permite recuperar unha das zonas máis importantes para o concello dende un punto turístico e medioambiental.
O deputado e director da AECT remarcou os novos accesos á praia do Muíño no marco do proxecto europeo “Visit Rio Miño”, facendo fincapé na “importancia da cooperación transfronteiriza para o desenvolvemento económico da zona do Río Miño, para ser máis fortes e impulsar proxectos que nos permitan atraer máis visitantes”. Uxío Benítez asegurou que a actuación do Muíño terá continuidade porque o obxectivo é “unir a través dunha senda todo o Río Miño dende A Guarda ata Crecente e dende Melgaço ata Caminha, para que poidamos ofrecela como produto turístico transfronteirizo a todo o mundo”.
Pola súa banda, a presidenta provincial, quen aproveitou para enxalzar o proxecto Visit Río Miño, destacou que os accesos á praia do Muíño “nada teñen que ver co que había aquí fai moi poucos meses”, xa que “transforma un lugar único para convertelo nun lugar máis que único, máis atractivo, recuperando aquilo que nos regalou a natureza e aquí ten un valor incalculable. Na Deputación cremos que as administracións públicas están para cambiar, transformar, mellorar e crear riqueza e este tipo de proxectos conségueno”.
Nesta mesma liña incidiu Antonio Lomba, asegurando que a actuación trátase “dun soño cumprido”. O alcalde destacou que “as administracións públicas temos que impulsar actuacións acordes co lugar onde estamos, e creo que este proxecto é merecedor do cualificativo de sobresaínte, porque está moi ben integrado co medio ambiente e presta un servizo de interese”. Así, Lomba recordou que “non fai moito esta zona era un terreiro, sen espazo para as persoas e nós queríamos recuperala para o tránsito peonil e para conectar tamén a senda litoral e a fluvial do río Miño”.
A presidenta, o deputado e o alcalde tamén percorreron a nova actuación de mellora da mobilidade e da seguridade na contorna das rúas Vigo e Celta, financiada co Plan DepoRemse da Deputación nun 85% e co Plan Concellos nun 15%, cun investimento total de preto de 500.000 euros. Deseñouse unha zona destinada ao tránsito peonil e á seguridade viaria nun espazo que conta con numerosas dependencias e equipamentos públicos como o Centro de Saúde, o Conservatorio de Música, o Pavillón municipal, o IES e o CEIP A Sangriña, amais do estadio municipal, lugares frecuentados por moitas persoas, na súa grande maioría rapazas e rapaces, que utilizan estas instalacións.
Nesta obra, xa rematada na súa totalidade, executouse unha beirarrúa e unha senda peonil, pasos de peóns, resaltes de calmado de tráfico, zonas de estacionamento e apostouse pola circulación en sentido único. Tamén se executou a recollida de pluviais, a renovación e reposición dos servizos urbanísticos, mobiliario urbano, saneamento, abastecemento, pluviais, redes de telecomunicación, sinalización, xardinaría, electricidade e iluminación.
,
A sede electrónica do catastro permite xa a consulta de informacións e trámites online
A Guarda, 5 de agosto de 2020. O Concello da Guarda informa que dende esta semana xa se poden consultar informacións sobre o catastro a través da sede electrónica e sen necesidade de certificado electrónico.
Este servizo permitirá a todos os cidadáns realizar os seus trámites ante Catastro na sede electrónica mediante a verificación de datos do DNI, sen necesidade de dispor dun Certificado Electrónico ou chave pin.
Entre outros, permite a consulta de diversa información, obtención de certificacións sen necesidade de acudir presencialmente ao concello, alegacións, atención de requerimentos, comprobación de documentacións, declaracións, solicitudes, recursos, titularidade de inmobles, escritos xenéricos, entre outras.
Se é preciso, poden solicitar cita previa para acudir de xeito presencial ao concello chamando ao 986610000.
A sede electrónica está dispoñible a través da ligazón http://www.sedecatastro.gob.es
.
A Guarda ofrece visitas guiadas ao casco histórico ao longo do mes de agosto
A Guarda, mércores, 5 de agosto de 2020.  Ao longo do mes de agosto o Concello da Guarda ofrecerá dúas visitas guiadas semanais ao casco urbano, onde a temática deste ano é a historia, patrimonio e testemuñas da época moderna da Guarda. As visitas terán lugar os mércores e xoves do mes de agosto.
Todos os mércores a visita guiada centrarase no Castelo de Santa Cruz, onde se poderá coñecer esta fortaleza militar datada no século XVII, a súa estrutura e historia ao longo dos anos ata a actualidade.
A novidade deste ano será a visita guiada dos xoves titulada como A Memoria dos Indianos. Esta visita percorrerá casco urbano coñecendo as pegadas e testemuños dos indianos, aqueles retornados de América que tiveron unha gran influencia política, económica e social principalmente na primeira metade do século XX.
As visitas guiadas sairán ás 12.00h da Oficina de Turismo sita na Praza de Reló. Estas visitas guiadas son de balde e non precisan inscrición pero si hai límite de participantes.
.

A Xunta redactará o plan de sendas do Baixo Miño coa fin de acceder aos fondos europeos do período 2021- 2027
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe ao alcalde da Guarda, Antonio Lomba, que a Xunta vai redactar o Plan de sendas da comarca do Baixo Miño coa fin de acceder aos fondos europeos do período 2021-2027 para cofinanciar as actuacións.
 Vázquez Mourelle trasladoulle ao rexedor que, no marco dese plan, se estudará a priorización, de acordo con criterios técnicos obxectivos, da inclusión da execución dunha senda peonil na estrada PO-352, arredor do Monte de Santa Tegra.
Trátase, concretamente, dun itinerario peonil a desenvolver en dous treitos, pola marxe dereita da estrada autonómica: entre os puntos quilométricos 2+250 e 4+094 e entre o 5+264 e o 6+300, sumando unha lonxitude total de case 3 km.
Este itinerario permitiría completar un percorrido circular arredor do monte, o que reforzaría o atractivo turístico desta contorna.
Unha vez que a Xunta teña redactado o Plan de Sendas da comarca do Baixo Miño estudará o encaixe no mesmo deste itinerario da Guarda.
Cómpre lembrar que o Plan de Sendas, que a Xunta xa ten en pleno desenvolvemento en distintas comarcas galegas, parte dunha análise global do territorio, priorizando actuacións que atenden a criterios técnicos obxectivos e factores como a situación dos núcleos de poboación, servizos ou equipamentos; o tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada; a orografía e as pendentes do terreo; o clima; a facilidade de implantación ou a posibilidade de conectar con percorridos xa existentes.
Os obxectivos prioritarios desta iniciativa da Xunta, de construción de itinerarios peonís e ciclistas sostibles, seguros e integrados na paisaxe, son protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas e promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.
.
Unidade Móbil de inspección técnica de Turismos en setembro na Guarda
A Unidade Móbil 6 de inspección técnica de TURISMOS desplazarase ao Concello de A GUARDA do 10/09/2020 ao 23/09/2020 na Estación de Servicio San Roque (A Guarda).
Pode consultar os horarios a través do noso servizo de atención ao cliente, no 981 90 30 00.
Para solicitar cita previa:
Por teléfono: 902 30 90 00
A través da nosa páxina web: www.sycitv.com - Cita previa
NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á
posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.
.

A Guarda acolle o 23 de agosto un encontro de Ioga ao aire libre
A Guarda, 3 de agosto de 2020. O Castelo de Santa Cruz da Guarda será o escenario para a realización de “Ioga de Verán”, o segundo encontro de ioga ao aire libre para todos os públicos que se vai desenvolver o domingo 23 de xullo ás 10:30h.
Cada participante deberá traer unha esteira ou toalla, un cinto ou un foulard.
Esta actividade é totalmente de balde, pero é preciso unha inscrición previa no seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSd2H9Z6-F8mglI7HYZQhs3p8GdbLk0BlteWDbvcwhLfWJlnXg/viewform?vc=0&c=0&w=1
Os interesados en participar poden ampliar información no Departamento de Deportes do Concello da Guarda chamando ao 690 928 751 ou contactando en deportes@aguarda.es
.
A Orquestra 430 de Vigo actúa na Guarda
A Guarda, 3 de agosto de 2020. A Deputación de Pontevedra trae este mércores, día 5, á Guarda a programación de “Música no Ar”, co cuarteto de corda da Orquestra 430 de Vigo que actuará na Praza do Reló ás 20.00 horas.
.
O mercadillo semanal dos sábados pasa aos venres o 7 e 14 de agosto na Guarda

A Guarda, 1 de agosto de 2020. O Concello da Guarda informa que o mercadillo semanal, que habitualmente se celebra os sábados na vila da Guarda, pasa a celebrarse os venres 7 e 14 de agosto.
.

A Guarda reduce nun 50% as taxas de apertura de estabelecementos a proposta do BNG
A Guarda, 1 de agosto de 2020. Co fin de facilitar a posta en funcionamento de novas actividades económicas que contribúan á creación de postos de traballo e a xeración de riqueza no concello da Guarda aprobouse, a instancias do BNG, a redución do 50% da taxa de apertura de estabelecementos.
Esta medida  entrará en vigor despois  da súa publicación no Boletin Oficial da Provincia e forma parte dun paquete de medidas impulsadas desde o BNG para a reactivación económica e social da localidade.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, considera importante esta medida e agarda que non tarden en aplicarse outras xa aprobadas coma a bonificación das taxas do lixo para aqueles estabelecementos que estiveron pechados durante a pandemia ou para as familias cunha renda per capita inferior ao IPREM (537,48 € mensuais).
Anxo Baz concluiu “o BNG seguirá traballando en positivo para acadar acordos o máis amplos posíbeis para sacar adiante medidas que favorezan a veciñanza da Guarda”.
 

Acceso prohibido a Santa Trega o 9 de agosto en todo o día, e do 3 ao 9 de agosto, desde ás 22.00 horas
A Guarda, 31 de xullo de 2020. Como consecuencia da situación de crise sanitaria orixina polo COVID 19, e ante a necesidade de estremar as precaucións para evitar a propagación do virus, dende o Concello da Guarda se tomou a decisión de suspender durante este ano 2020 a celebración das festas do Monte.
Tendo en conta a necesidade de evitar que, a pesar de tal suspensión, se poidan producir aglomeracións no citado espazo durante os días nos que se leva a cabo tradicionalmente tal celebración, faise necesario limitar o acceso ao Monte Santa Trega.
Visto o artigo 25 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora de bases de Réxime Local, que outorga competencias ao municipio en materia de policía local, protección civil, tráfico e mobilidade e protección da salubridade pública; o artigo 61.k da Lei  5/1997, de 22 de xullo, reguladora da Administración Local de Galicia, que outorga ao Alcalde a competencia para “Adoptar personalmente y bajo su responsabilidad, en caso de catástrofe o infortunios públicos o de grave peligro de que éstos se produzcan, las medidas precisas y adecuadas, dando inmediata cuenta de las mismas al Pleno de la Corporación.”
En virtude das facultades que me confire o ordenamento xurídico vixente, e co obxecto de evitar que se produzan situacións que poñan en perigo a seguridade e salubridade pública, como consecuencia da crise sanitaria orixina polo COVID 19, e tendo en conta a suspensión da celebración das festas do Monte durante o presente ano 2020.
RESOLVO:
PRIMEIRO. Pechar os accesos de tráfico rodado e peonil ao Monte Santa Trega o vindeiro día 9 de agosto de 2020.
SEGUNDO. Pechar entre os días 3 e 9 de agosto de 2020, ambos inclusive, a partir das 22:00 horas, o acceso de tráfico rodado e peonil ao Monte Santa Trega, en orde a evitar aglomeracións, celebración de botellóns e outras situacións que poñan en perigo a seguridade e salubridade pública, como consecuencia da crise sanitaria orixina polo COVID 19, e tendo en conta a suspensión da celebración das festas do Monte durante o presente ano 2020.
TERCEIRO. Dar traslado da presente resolución á consellería competente da Xunta de Galicia e dar conta ao Pleno da presente resolución na vindeira sesión que se celebre.
O Alcalde
Antonio Lomba Baz
.
O concello da Guarda reduce á metade o  importe das licenzas de apertura  de novas actividades
O concello da Guarda  acaba de aprobar  a  proposta de Alcaldía de redución nun 50%  da taxa  de licenza por apertura de establecementos. Dende o inicio da situación xerada polo COVID  o concello da Guarda está adoptando medidas de carácter económico,  debido a que a situación de crise sanitaria traduciuse tamén nunha paralización económica e nunha maior dificultade  á hora de emprender proxectos empresariais.
O alcalde da Guarda,  Antonio Lomba, informa  que a ordenanza fiscal  de apertura de establecementos reduce nun 50% o importe  que os particulares e empresas  terán que aboar ao concello  por este concepto, e indica que esta medida se suma as que se teñen adoptado durante estes meses de pandemia,  como a eliminación  da taxa de terrazas para este ano 2020, campañas de sensibilización para o consumo local, difusión dos establecementos comerciais con servizo a domicilio, aceleración do  prazo de pagamento aos provedores,  a creación  do marketplace, plan de dinamización económico, etc....
Con esta modificación o concello da Guarda o que pretende é facilitar a instalación de novas iniciativas empresariais na localidade así como  reducir o esforzo económico que supón por en marcha un novo negocio ao  diminuír  o importe  que  deben aboar as novas actividades mercantís, comerciais ou industriais que se inicien no concello. Esta medida comezará a aplicarse a partir da publicación da aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.
.
O BNG apoiará  a formalización da adhesión  do concello da Guarda a Rede Ágora
A Guarda, 31 de xullo de 2020. Anxo Baz “ Consideramos un logro que o goberno municipal recapacitase e  formalice a adhesión do Concello á rede Ágora cumprindo así co acordo plenario aprobado a instancias do BNG”
A rede Ágora polo Espazo Público promovido pola Deputación de Pontevedra, marca como obxectivo que de aquí ao ano 2023 o Concello incremente  de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e para a utilización da bicicleta. Trátase dunha iniciativa para revalorizar o espazo público e consideralo como un dereito fundamental para a veciñanza.
Ten como obxectivo  garantir a mobilidade peonil que estará por diante na prioridade sobre outros modos de transporte na seguinte orde: bicicletas, vehículos de mobilidade persoal, transporte colectivo e automóbil particular.
Promoverá a mobilidade natural e activa fronte á motorizada tanto nos núcleos urbanos como nos rurais, creando espazos de preferencia peonil nas rúas e prazas centrais da nosa vila e  nas parroquias.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz declarou que  “Consideramos un logro que o goberno municipal recapacitase e someta ao pleno a formalización da adhesión do Concello á rede Ágora cumprindo así co acordo plenario aprobado a instancias do BNG” . No pleno pasado esta proposta fora aprobada co voto en contra do grupo de goberno do PSOE.
O portavoz nacionalista animou ao goberno do PSOE a que tome en serio esta iniciativa,  na que vai contar coa man tendida do BNG para a súa posta en marcha  e pídelle que, aínda que o prazo de remate é no ano 2023, comece o antes posibel a tomar medidas que son urxentes na nosa localidade.
.

Regreso al contenido