A Guarda - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

A Guarda

COMARCA
O Concello continúa dando pasos para converter a praza de abastos nun mercado de excelencia
A Guarda, 18 de xaneiro de 2021. A obra acometerá melloras no solado do primeiro andar, concretamente procederase a substituír o actual solado por gres cerámico antibacteriano. Ademais realizarase o acondicionamento de dous postos, un anexo á terraza e outro máis no mesmo andar, de cara a abrir nos próximos meses un procedemento de presentación de ofertas para a adxudicación deses postos e outros do andar baixo que se atopan vacantes na actualidade.  
Con esta reforma na terraza preténdese habilitar unha zona de lecer das persoas que van á praza e, na que nun futuro, se podería complementar o uso cunha cafetería, despacho de pan ou similar.
Tralas obras levadas a cabo en anos anteriores (habilitación de prazas de aparcamento, mellora na accesibilidade ou saneamento), esta actuación vai dirixida a modernizar unhas instalacións municipais que actúan como dinamizadores da actividade comercial da vila.
Estas obras levaranse a cabo con achegas da Consellería de Medio Rural e da Deputación de Pontevedra.
Esta actuación será complementada cun proxecto de mellora estética para o cal se fará un concurso de ideas aberto a persoas vinculadas co interiorismo e a arquitectura.
 
Citas para a renovación do DNI na Guarda no mes de febreiro
A Guarda, 18 de xaneiro de 2021. Desde o martes día 19 de xaneiro de 2021 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondente ao mes de febreiro de 2021.
A apertura do prazo para a solicitude de novas citas no setembro ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o martes día 19 de xaneiro de xeito preferentemente telefónico no 986 61 0000 de 9:00h a 14:00h ou presencialmente na Casa dos Alonsos.
As citas son para realizar o DNI o día 9 de febreiro e recollelo o día 12 de febreiro de 2021.
Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.
 
A APP móbil do concello da Guarda rexistrou máis dun milleiro de incidencias
A Guarda, 18 de xaneiro de 2021. O Concello da Guarda, a través do departamento de novas tecnoloxías, implementou fai 5 anos unha APP móbil, dispoñible para dispositivos Android e IOS, que permite acceder dun xeito doado e simplificado a multitude de servizos e trámites que pode facer a cidadanía.
Dende a súa posta en funcionamento xa foi descargada por máis de dous milleiros de usuarios, atendendo máis de 1000 incidencias, a maioría delas sobre mobiliario urbano, pavimentos e sumidoiros ou limpeza e xardinería. O sistema permite por en coñecemento incidencias e deste xeito son xestionadas dun xeito moito máis áxil polo persoal municipal.
A APP móbil do Concello da Guarda se pode descargar de xeito totalmente gratuíto dende o Google Play (Android) ou dende o APP store (IOS), unha vez instalada no dispositivo, conta con varias seccións con informacións de interese.
Entre as seccións dispoñibles permite coñecer as últimas novas, os eventos na axenda, as principais actividades, unha guía de empresas locais e outra de asociacións, avisos, rutas, directorio telefónico, horarios de servizos, información do tempo, entre outras. Arestora está pendente de actualizar os horarios dos autobuses entre A Guarda e Vigo, que debido á entrada en funcionamento da nova empresa concesionaria, van a  ter modificacións.
Unha das seccións que ten unha gran utilidade é a de Incidencias, permitindo aos usuarios  dar aviso de incidencias sobre mobiliario urbano, tráfico e senalética, lixo e residuos, pavimentos e sumidoiros, animais e pragas ou limpeza e xardinería, o usuario pode xeolocalizar nun mapa o lugar exacto da incidencia e explicar polo miúdo a descrición da incidencia en 3 sinxelos pasos. Unha vez rexistrada a mesma, e de xeito automatizado, o sistema envía este aviso ao departamento municipal encargado da súa xestión, o que permite a súa resolución á maior brevidade, dando un aviso cando a incidencia está resolta aos usuarios.
O sistema de avisos permite que a APP Móbil notifique aos usuarios cando xurda, por exemplo unha avaría de auga, ou avisos e alertas meteorolóxicas.
A APP Móbil do Concello da Guarda conta ademais cunha sección de Citas Previas, que permite xestionar a solicitude de citas para o SERGAS, a Seguridade Social, a ITV, renovación do DNI, portal do emprego de Galicia ou con Facenda.
A maiores a APP inclúe información sobre a historia e o patrimonio do municipio en galego, castelán, inglés e francés, así coma unha sección de Ocio, na que se inclúen informacións sobre Que ver?, onde durmir?, onde comer?, os museos ou as festas municipais.
Tamén se conta cunha sección de Rutas, onde aparecen as principais rutas dispoñibles no municipio, coma a Ruta da Desembocadura do Río Miño, Camiños do Trega… con mapas e informacións varias sobre distancias, desniveis ou dificultade de cada ruta.
Dende o Concello da Guarda se convida á cidadanía e visitantes a descargar e empregar esta ferramenta, de moita utilidade e con moitos recursos accesibles dun xeito doado dende un teléfono smartphone.
A APP móbil do Concello da Guarda foi mellorando dende a súa posta en marcha, incorporando novos recursos e funcionalidades, contando cunha valoración porparte dos usuarios de 5 de 5.
 

A Guarda reclama ás administracións fondos de urxencia para paliar o impacto económico negativo da pandemia
A Guarda, 15 de xaneiro de 2021. Hoxe día 15 de xaneiro celebrouse no concello da Guarda unha reunión de portavoces para valorar as novas medidas restritivas adoptadas pola Xunta e o seu impacto económico, sobre todo no sector da hostalería.  Na reunión os portavoces concluíron que a situación, tralas medidas acordadas pola Xunta de Galicia, supón un grave prexuízo económico para un sector de gran importancia para a localidade.
Os grupos da corporación acordaron reclamar a todas as administracións, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Goberno Central, que tomen medidas de urxencia e habiliten fondos para compensar o impacto negativo das medidas sanitarias que se están adoptando.
Do mesmo xeito, a corporación traslada á Xunta a necesidade de que Portos de Galicia non cobre as terrazas da súa competencia mentres duren as limitacións de aforos. A determinación de non cobrar as terrazas foi unha das medidas de carácter económico que adoptou o concello dende o inicio da pandemia.
    
Plataforma Veciñal “Afectadxs pola Comunidade de Montes da Guarda”: novo atropelo na Casa dos Alonso
A Guarda, 16 de xaneiro de 2021. Hoxe na Casa dos Alonso consumouse outra ilegalidade mais por parte da Comunidade de Montes da Guarda. 12 persoas votaron a favor dunha candidatura que vai xestionar unha Comunidade de Montes que debera ter a día de hoxe, polo menos 81 comuneir@s.
Esta asemblea contou con irregularidades de todo tipo, dende non respectar os prazos que marcan os estatutos entre as dúas convocatorias (2 horas), ata non por a disposición d@s comuneir@s un lugar onde poder consultar a documentación relativa á asemblea.
 
Por suposto, só se votou unha candidatura, a outra foi omitida e censurada. Ninguén sabe nada, non hai explicacións, nin hai onde pedilas, xa que é unha Comunidade que non atende ao teléfono, non contesta aos correos, non recolle correspondencia, e por suposto non ten sitio habilitado para solicitar, entregar ou consultar nada. É unha Comunidade opaca. Só queda preguntarnos; por que? De verdade teñen algún interese no Monte? Ou en que este monte se xestione polos seus viciñ@s?
Preto de 40 veciñ@s, a maioría con solicitudes pendentes de alta dende hai anos, concentrámonos diante das portas desta Asemblea, acompañando aos/ás outr@s 6 compañeir@s que si puideron entrar, e ver a pantomima que esta Xunta Rectora, co señor Fariñas e o señor Lolo a cabeza levou a cabo, sen dubidar, sen pestanexar, sen medo, nin conciencia parece ser.
Non está demais dicir que estes 12 comuneir@s que votaron a favor da única candidatura existente, tamén botaron en nome de outr@s 12 comuneir@s, os cales na súa maioría levan anos sen asistir a ningunha asemblea (lembremos que por estatutos un/nha comuneir@ só se pode ausentar 2 asembleas como máximo). Quedounos claro que hai comuneir@s e “comuneir@s”.
E por último queremos lembrar a tod@s @s viciñ@s da Guarda que isto se esta a facer a sabendas e beneplácito do Concello da Guarda. Que cede non só un espazo público, como é a Casa dos Alonso, para que se cometa semellante atropelo, se non que tamén pon a sua disposición o corpo de Policía Local para que exerzan, non de Policías, se non de garda espaldas e porteiros desta xente, decidindo quen entra e quen non, con lista en man, nesta parodia de Asemblea Extraordinaria.
Sen máis, animar de novo a tod@s @s viciñ@s a tomar parte desta luita polo noso monte, -e pola nosa Comunidade de Montes.
Seguimos na luita, por un Monte e unha Comunidade de tod@s e para tod@s.
  

O BNG na Guarda solicita reunión de portavoces para esixir á Xunta axudas á hostalaría tralas últimas medidas contra a COVID
A Guarda, 13 xaneiro 2021. O BNG vén de solicitar ao Alcalde da Guarda, por medio dun escrito, unha reunión urxente de portavoces para esixir á Xunta de Galiza que inclúa axudas ao sector da hostalaría no mesmo DOGA no que vai publicar as últimas medidas para frear a COVID.
Para o BNG é fundamental que as administracións locais, os concellos, sexan portavoces das necesidades dos seus veciños e veciñas, polo que se fai necesaria unha acción conxunta para deixar dúas cousas claras: o apoio incondicional ao sector hostaleiro e distribución de importancia fundamental no concello e para esixir á Xunta de Galiza que inclúa un paquete de axudas ao sector ante as últimas medidas de restricións anunciadas polo Presidente da Xunta, Núñez Feijoo.
Dende o BNG entendemos que con estas medidas estase promovendo un “peche encuberto” da hostalaría, dada a imposibilidade de manter os negocios abertos, a pouco que se coñeza o sector, a climatoloxía e as características da Guarda.
“As medidas decretadas como o peche dos salóns dos restaurantes e bares, a utilización das terrazas nun 30%… abocan ao peche dun sector de vital importancia para o noso concello”, comentou Anxo Baz portavoz municipal do BNG.
O BNG espera altura de miras tanto do Alcalde como do resto das formacións políticas para ir cunha soa voz na defensa dun sector importantísimo para A Guarda que está sendo afectado sistematicamente dende o inicio da pandemia.
   
Comerciantes e hostaleiros da Guarda poden pedir a devolución do 25% da taxa do lixo
A Guarda, 14 de xaneiro de 2020. O Concello da Guarda aprobou no pasado mes de decembro a modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora da Taxa de Recollida do Lixo que permitirá aos comerciantes e hostaleiros da vila solicitar a devolución do 25% da taxa do lixo.
Establécese unha cota tributaria reducida do 75% das tarifas vixentes relativas a aqueles establecementos que desenrolen actividades económicas, nos casos en que, no exercicio tributario anterior, a súa actividade ou apertura ó público fora suspendida como consecuencia de declaración de estado de alarma no país que vaia acompañada por unha norma estatal ou autonómica con rango legal que suspenda o desenrolo das actividades realizadas nestes establecementos.
Os propietarios dos locais terán de prazo ata o día 31 de xaneiro de cada exercicio tributario para solicitar a aplicación da cota reducida, presentando de maneira oficial a seguinte documentación acreditativa:
• Documentación acreditativa da titularidade do inmoble: poderá acreditarse mediante certificado de titularidade expedido polo Rexistro da Propiedade, escritura pública que acredite a propiedade do local, recibo do imposto sobre bens inmobles do exercicio tributario inmediatamente anterior ou calquera outro documento que acredite a propiedade do inmoble, cuxo suficiencia será acreditada polo concello, que poderá esixir mais dun deste documentos a fin de acreditar fehacientemente esta titularidade.
• En caso de que se trate dun local arrendado, de maneira que sexa o arrendatario quen desenrole a actividade industrial ou comercial no mesmo, contrato de arrendamento subscrito entre arrendador e arrendatario.
• Declaración responsable do titular da actividade de que nese inmoble estase a desenrolar unha actividade que no período impositivo anterior foi suspendida expresamente por norma con rango de lei estatal ou autonómica derivada da declaración de estado de alarma como consecuencia da crise sanitaria provocado pola Covid-19.
• Documento de alta na Axencia Tributaria na actividade en cuestión no que conste o epígrafe da actividade e a data de inicio de mesma.
• Calquera outro documento que se esixa polos servizos económicos municipais.
Ante calquera dúbida os comerciantes e hostaleiros poden dirixirse aos servizos económicos do Concello da Guarda chamando ao 986 61 0000.
    
Comunicado da Plataforma Veciñal de Afectad@s pola Comunidade de Montes da Guarda
A Guarda, 14 de xaneiro de 2021. @s 40 veciñ@s da Guarda que compomos a Plataforma Veciñal de Afectad@s pola Comunidade de Montes da Guarda, dirixímonos a todas as institucións, entidades, asociacións e colectivos, e a tod@s @s veciñ@s que as compoñen, para denunciar publicamente a gravísima situación na que se encontra o noso monte.
Nos últimos tres anos case 40 veciñ@s solicitamos a nosa entrada na Comunidade da Guarda. A día de hoxe, despois de varias solicitudes e de interpoñer dúas demandas, aínda non conseguimos obter ningunha resposta por parte da Xunta Rectora, dirixida polo seu presidente Manuel Castro Vicente “Lolo” e o seu secretario Celso Juan Rodríguez Fariñas “Fariñas”.
Durante estes 3 anos sufrimos e fomos testemuñas de toda clase de irregularidades, irregularidades non propias dunha Comunidade de Montes que se diga democrática e transparente, chegando a parecer máis ben un coto privado que unha Comunidade de Montes. É por isto que nos preguntamos que é o que se está a agochar? Por que non podemos ser comuneir@s? Por que nos impiden xestionar o noso monte?
Este sábado, 16 de xaneiro, está convocada unha Asemblea Xeral Extraordinaria para elixir a nova Xunta Rectora. Que a parte de ser ilexítima e inxusta, xa que van faltar case 40 veciñ@s, aos que se nos denegou a entrada nestes anos, tamén esta convocada fora dos prazos estipulados polos propios estatutos da Comunidade de Montes, polo que tamén é ilegal.
Ante esta impotencia, de inxustizas acumuladas, queremos solicitar:
- Por un lado, a máxima colaboración por parte de todas as institucións pertinentes. Cortando calquera relación de inmediato con esta Comunidade. En especial ao Concello da Guarda, que ven colaborando con este Comunidade nos últimos anos.
- E por outro, a involucración do resto de veciñ@s da Guarda nesta luita, a través de exercer o seu xusto dereito de ser comuneir@s.
  

A Guarda premia aos mellores lectores da Biblioteca Pública Municipal

A Guarda, 12 de xaneiro de 2021. O luns día 11 de xaneiro celebrouse o Día do Usuario/a das Bibliotecas e dende a Biblioteca Pública Municipal da Guarda fíxose entrega dun diploma e libros de agasallo para os mellores lectores do pasado ano nas categorías xuvenil, infantil e adulto.
Os premiados recibiron da man da concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, un diploma que da conta da súa condición de usuarios e lectores asiduos e un lote de libros adaptados ao seu perfil lector.
Os premiados foron María Concepción Macua González, como mellor lector adulto con 57 libros; Pedro Fernández González , co premio ao mellor lector xuvenil con 53 libros; e Irene Fernández Lomba, mellor lectora na categoría infantil con 53 libros solicitados en préstamo.
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e dentro do ranking de libros máis lidos atopamos:
DEZ LIBROS MÁIS LIDOS POR ADULTOS
1.- La huella del mal / Manuel Ríos Sanmartín
2.- El destino de los héroes / Chufo Lloréns
3.- Las batallas silenciadas / Nieves Muñoz
4.- El amante silencioso / Clara Sánchez
5.- La bailarina de Auschwitz / Edith Eger
6.- Loba negra / Juan Gómez-Jurado
7.- Algún día hoy / Ángela Becerra
8.- Beleza vermella / Arantza Portabales Santomé
9.- Sakura / Matilde Asensi
10.- El latido de la tierra / Luz Gabás
DEZ LIBROS MÁIS LIDOS INFANTIL/XUVENIL
1.- Isadora Moon va al colegio / Harriet Muncaster
2.-¿De qué color es un beso? / Rocío Bonilla
3.- La diversión de Martina: misterio en el internado / Martina DÁntiochia.
4.- Seis de cuervos / Leigh Bardugo
5.- Isadora Moon va de excursión / Harriet Muncaster
6.- Isadora Moon va al ballet / Harriet Muncaster
7.- El señor búho y el bosque / Christelle Chatel
8.- Alianzas / Iria G. Parente.
9.- Anna Kadabra: el club de la luna llena / Pedro Mañas, ilustraciones, David Sierra Listón
10.- La diversión de Martina: ¡Aventuras en Londres! / Martina D´Antiochia
A Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, destacou una súa intervención a importancia que ten a lectura para a formación e o crecemento persoal das persoas, convidando a todos os veciños da vila a que continúen ou ben se inicien neste fabuloso mundo da lectura, contando na Guarda cunha biblioteca modesta pero cunha boa colección de libros de diversas temáticas e para todos os gustos.
 

Suspendido o servizo de Ferry-Boat entre A Guarda e Caminha

A Guarda, 11 de xaneiro de 2021. O alcalde de Caminha, Miguel Alves, fixo público a través dun comunicado a determinación da suspensión do servizo do ferry entre Caminha e A Guarda dende hoxe mesmo e ata que se indique o contrario.
Esta decisión tomouse tendo en conta o aumento do número de infectados no Municipio de Caminha así coma os casos existentes nos Municipios do Rosal e Tomiño.
A decisión de levantar esta suspensión queda arestora determinada en función da evolución da situación epidemiolóxica no municipio de Caminha e en Portugal, tendo en conta tamén o mesmo factor no concello da Guarda e en Galicia.
  

O Concello ofrece a posibilidade de dar unha segunda vida á "Luz do Nadal"
A Guarda, 9 de xaneiro de 2021. O Concello da Guarda instalou dous puntos de recollida para as luces de Nadal que se repartiron entre o alumnado dos centros educativos da vila dentro da Campaña de Nadal 2020-21 e que serviron para guiar aos Reis Magos.
As familias que así o desexen poderán depositalas nos contedores instalados no andar baixo e no primeiro andar da Praza de Abastos da localidade.
As luces que se recollan, que foron fabricadas pola empresa local Eutimio e que se empregan para a pesca do peixe espada, poderán ser reacondicionadas, co fin de darlles ás mesmas unha nova vida útil. Deste xeito levarase a cabo un pequeno xesto para o coidado do planeta.
Dende o Concello da Guarda agradécese a colaboración realizada por Electrónica Eutimio na Campaña de Nadal. Desde o primeiro momento amosaron o seu interese por participar nesta entrañable iniciativa e puxeron todo da súa parte para que a luz chegara a todas e todos os nenos da Vila.
 

Modificación de los horarios del ferri para el fin de semana
A Guarda, 7 de decembro de 2021. O Concello da Guarda informa os cambios nos horarios do transbordador que une A Guarda con Caminha, derivados das medidas adoptadas en Portugal pola pandemia, que supoñen o toque de queda. Elimínanse os servizos desta fin de semana, sábado e domingo, despois das 13.00 horas desde Caminha, e despois das 13.30 horas, desde A Guarda, reanundándose o vindeiro martes, dado que o luns considérase descanso do persoal, salvo novas decisións que se poidan adoptar derivadas da evolución da Covid-19.
Xoves e venres, o primeiro servizo sae da Pasaxe, na Guarda, ás 10.30 horas; o sábado e o domingo, o primeiro servizo realizarase ás 11.30 horas. O último servizo, ata o domingo, incluído, sairá da beira española ás 13.30 horas, aínda que o venres podería saír ás 15.30 horas, deixándose a criterio do patrón da embarcación que o decidirá de acordo co estado da marea.
   
Os Reis Magos visitaron A Guarda
A Guarda, 7 de xaneiro de 2021. A programación do Nadal 2020-21 chegou ao seu fin na Guarda coa visita dos Reis Magos que o pasado martes día 5 de xaneiro fixeron un percorrido polas diferentes rúas da vila. A saída tivo lugar ás 17:30h dende a Praza do Reló, onde os Reis Magos foron recibidos polo Alcalde da Guarda e partiron en tres vehículos clásicos para facer o percorrido acompañados pola Policía Local e o GES.
Os Reis Magos visitaron a Guarda co desexo de facerse ver polos nenos da vila sen pór en risco a saúde de nenos nin de maiores, polo que propuxeron un itinerario que percorreu os barrios e parroquias do municipio.
O entramado urbano, así como a limitación de tempo, non permitíu chegar a todas as rúas, na súa maioría estreitas e con difícil saída, polo que se propuxo un itinerario longo que priorizou as longas avenidas e sobretodo permitíua chegar ata os diferentes lugares máis distantes do centro.
Foron moitos os veciños que agardaron nas súas vivendas para sentir a chegada dos Reis dende as xanelas, outros decidiron achegarse ás grandes avenidas gardando a distancia de seguridade (2m.) entre grupos de convivintes.
Os Reis fixeron o percorrido en coches descapotables, para ser así visibles, non en carroza polo que o percorrido foi mais áxil e rápido que nunha Cabalgata tradicional, percorrendo uns 22km en total.
Dende o concello recordase que unha vez rematadas as datas do Nadal, todos aqueles que non desexen conservar as luces repartidas nos centros educativos as poderán depositar nos contedores de residuos eléctricos ubicados no primeiro andar da Praza de Abastos da localidade, para ser reutilizados pola empresa que os fabricou.
  

Todo preparado na Guarda para a visita dos Reis Magos
A Guarda, 02 de xaneiro de 2021. A programación do Nadal 2020-21 na Guarda está xa a piques de chegar ao seu fin, xa coa vista fixada na visita dos Reis Magos do vindeiro martes día 5 de xaneiro.
Os “carteiros do nadal” regresan tamén o luns 4 e martes 5 xaneiro ás rúas da Guarda (o 4 en horario: 17:00h a 20:00h e o 5 en horario: 10:30h a 13:30h). En caso de choiva esta actividade terá lugar no Centro Cultural.
VISITA DOS REIS MAGOS
O vindeiro Martes día 5 de xaneiro terá lugar a Visita dos Reis Magos, que farán un percorrido polas diferentes rúas da vila. A saída terá lugar ás 17:30h dende a Praza do Reló, onde os Reis Magos serán recibidos polo Alcalde da Guarda e partirán en tres vehículos antigos para facer o percorrido acompañados pola Policía Local e o GES.
Os Reis Magos visitarán á Guarda e teñen o desexo de facerse ver polos nenos da vila sen pór en risco a saúde de nenos nin de maiores, polo que propoñen un itinerario que percorrerá os barrios e parroquias do municipio.
O entramado urbano, así como a limitación de tempo, non permite chegar a todas as rúas, na súa maioría estreitas e con difícil saída, polo que se propón un itinerario longo que priorice as longas avenidas e sobretodo permita chegar ata os diferentes lugares máis distantes do centro
Solicitase aos veciños que agarden nas súas vivendas para sentir a chegada dos Reis. E só naqueles casos nos que a comitiva non pase cerca e non se vexa dende a xanela, poderán achegarse a aquelas grandes avenidas debendo sempre gardar a distancia de seguridade (2m.) entre grupos de convivintes.
Os Reis farán o percorrido en coches descapotables, para ser así visibles, non en carroza polo que o percorrido será mais áxil e rápido que nunha Cabalgata tradicional.
Antonio Lomba recordou cun vídeo(https://youtu.be/utQiJDMijUI) a todos os nenos e nenas da vila, que as luces que se repartiron nos colexios os guiarán dende os balcóns e ventás das vivendas da vila. Estas luces, de fabricación local, xa se repartiron polos diferentes centros educativos da vila, para que os reis magos saiban onde teñen que deixar os agasallos, polo que teñen que deixalas colocadas nas fachadas das casas dende esta mesma fin de semana.
Unha vez rematadas as datas do Nadal, todos aqueles que non desexen conservar estas luces as poderán depositar nos contedores de residuos eléctricos ubicados no primeiro andar da Praza de Abastos da localidade, para ser reutilizados pola empresa que os fabricou.
Máis actividades na Programación do Nadal 2020 na Guarda
         MERCADO DE NADAL
Na Praza de Avelino Vicente do 4 de decembro de 2020 ao 5 de xaneiro de 2021 coincidindo coa campaña de comercio e cultural adicada ao Nadal, en horario de 10:00h a 13:30 e de 16:00h a 19:00h
         VIDEOCHAMADAS COS REIS MAGOS  
O 4 de Xaneiro os Reis Magos contactarán con todos aqueles nenos e nenas que o desexen, para participar nestas videochamadas é preciso que se inscriban nesta actividade dende o 15 de decembro acudindo ao Centro Cultural ou chamando ao 986 61 1850 en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 19:00h. Unha vez inscritos se lles proporcionará un código de acceso para ingresar na web: http://www.barafundaanimacion.com/videochamadas-nadal/  unha vez alí poderán concretar as súas citas cos reis magos.
PROGRAMACIÓN AXENDA DE NADAL:
XANEIRO
LUNS 4 e MARTES 5 XANEIRO
“Os carteiros do Nadal”
2 e 4 en horario: 17:00 a 20:00 horas
5 en horario: 10:30 a 13:30 horas
MARTES 5 XANEIRO
Visita dos Reis Magos.
Os reis magos visitaran a partires das 17:30h as diferentes rúas da vila.
MÁIS ACTIVIDADES
         MERCADO DE NADAL
Na Praza de Avelino Vicente do 4 de decembro de 2020 ao 5 de xaneiro de 2021 coincidindo coa campaña de comercio e cultural adicada ao Nadal, en horario de 10:00h a 13:30 e de 16:00h a 19:00h
         VIDEOCHAMADAS COS REIS MAGOS  
Os días 3 e 4 de Xaneiro os Reis Magos contactarán con todos aqueles nenos e nenas que o desexen, para participar nestas videochamadas é preciso que se inscriban nesta actividade dende o 15 de decembro acudindo ao Centro Cultural ou chamando ao 986 61 1850 en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 19:00h. Unha vez inscritos se lles proporcionará un código de acceso para ingresar na web: http://www.barafundaanimacion.com/videochamadas-nadal/  unha vez alí poderán concretar as súas citas cos reis magos.
     
A Unidade Móbil de inspección técnica de vehículos estará na Guarda en febreiro e marzo
A Guarda, 2 de xaneiro de 2021. A Unidade Móbil de inspección técnica de turismos desprazarase ao concello da Guarda do 23 de febreiro ao  9 de marzo, situándose na Estación de Servicio San Roque entre as 9:00 e as 13:30 horas, e de 15:15 a 18:00 horas, agás o 09 de marzo, que será só en horario de mañá.
Respecto á inspección técnica de vehículos agrícolas a mesma realizarase o 8 de febreiro de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas.
Poderase solicitar cita previa chamando ao número 902 30 90 00 ou acudindo a páxina web: www.sycitv.com - Cita previa
A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á
posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.
Regreso al contenido