Baixo Miño, 22/06/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño, 22/06/20

COMARCA
O BNG mostra a súa oposición á transformación da Valga e a Groba
Baixo Miño, 19 de xuño de 2010. O 30 de abril deste ano, no medio da grave crise sanitaria e socioeconómica provocada pola COVID 19, o Consello da Xunta acordou reactivar a tramitación administrativa dos procedementos de avaliación ambiental de 975 proxectos industriais que se viron suspendidos pola declaración do estado de alarma. Esta decisión foi cuestionada e criticada duramente polo movemento ambiental e ecoloxista galego, que denunciou o interese da Xunta por seguir coa tramitación de proxectos, algúns moi controvertidos e de forte impacto ambiental, en pleno estado de alarma e baixo medidas de resttrición de movementos e de distanciamento social, cando non están garantidos plenamente os dereitos de información e participación pública. Semella que o Goberno galego pretende con esta medida procurar atallos e favorecer a tramitación destes proxectos nunha situación de excepción e indefensión da poboación afectada e, no caso dos proxectos dos parques eólicos nas serras do Galiñeiro e a Groba, sen ter en conta a opinión das comunidades de montes onde se atopan. Proxectos dun plan depredador que destrúe, degrada e desfai o territorio, no que prevalecen os intereses de grandes empresas e corporacións sobre os intereses da veciñanza e sobre a defensa do territorio e do medio ambiente. Nos caso concreto da Serra da Groba os proxectos tramitados implicarían un total de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte, namentres que na Serra do Galiñeiro irían 13 torres aeroxeneradoras. Hai que ter en conta que ambas serras constitúen uns espazos de grande riqueza natural, patrimonial, arqueolóxica e paixasística. Para o BNG a aposta por enerxías limpas e renovábeis como a eólica debe ser compatíbel na súa ubicación tanto co entorno como co uso multifuncional do monte, na procura do menor impacto medioambiental posíbel . Un novo modelo de produción enerxética a encaixar nun plan de ordenación do territorio froito do consenso entre o goberno galego, concellos e sociedade, que concilie ecoloxía e economía. No caso da Serra do Galiñeiro convén lembrar que o BNG presentou en novembro de 2012 alegacións ante a xefatura territorial de Pontevedra da Consellaría de Economía e Industria contra da instalación dun parque eólico nesta serra, así como esiximos mediante mocións nos concellos e iniciativas no Parlamento Galego reclamando que se declarase área protexida e a súa incorporación ao Parque Natural do Aloia. Neste escenario atopámonos cun Goberno da Xunta inoperante que non foi quen de dotar á Serra do Galiñeiro da protección legal demandada, a pesar que en 2013 anunciou a súa decisión de ampliar a súa protección como “espazo natural local” toda vez que descartaba a súa integración no Parque Natural do monte Aloia, feito este que impediría o desenvolvemento de calquera proxecto deste tipo na serra. No tocante á Serra da Groba a ubicación dalgúns dos aeroxeneradores coincidiría dentro, ou estaría nos límites, da área proposta para a súa inclusión na Rede Natura 2000. Por todo o exposto, desde o BNG das comarcas de Vigo e Baixo Miño manifestamos a nosa posición contraria aos proxectos de parques eólicos en tramitación na Serra do Galiñeiro e na Serra da Groba. Por último, tendo en conta o agravante de que a reactivación dos procedementos de avaliación ambiental durante o Estado de Alarma non garante a defensa dos intereses cidadás e os dereitos de información e participación da poboación afectada, esiximos a paralización inmediata do efecto da orde ditada pola Xunta.
Regreso al contenido