Baixo Miño, agosto 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño, agosto 2020

PUBLICADAS
Catro concellos do Baixo Miño reciben achegas da Deputación para fomentar a igualdade e previr as violencias machistas
Baixo Miño, 29 de agosto de 2020. A Deputación de Pontevedra vén de conceder subvencións por un total de 21.010 euros a catro concellos da comarca do Baixo Miño coa fin de fomentar a igualdade de oportunidades e previr a violencia de xénero. En concreto, serán os concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui os que se beneficien destas achegas, coas que levarán a cabo diversas accións nos seus territorios.
Máis polo miúdo, A Guarda contará con 5.340 euros cos que levará a cabo o proxecto “Igualando 2020”, co que se realizarán diferentes actividades como a celebración do 8 de marzo ou obradoiros en centros educativos. Para O Rosal a Deputación aprobou un investimento de 4.961 euros que irán destinados ao proxecto “Revolucionando mentes”, unha campaña de difusión e sensibilización en igualdade a través da intervención artística. Tomiño levará a cabo un programa formativo de inserción laboral e orientación para o emprendemento dirixido a mulleres cunha achega de 5.397,11 euros. Amais, o concello de Tui elaborará o seu terceiro plan municipal para a igualdade efectiva entre homes e mulleres grazas a 5.311,44 euros concedidos polo ente provincial.
Estas axudas da Deputación de Pontevedra, destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes, contan na súa quinta edición cun orzamento de 230.000 euros, 10.000 máis que o pasado ano, e delas beneficiaranse 44 concellos da provincia, un máis que no 2019. O obxectivo destas subvencións é traballar en estreita colaboración cos concellos para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria e que loite contra as violencias machistas, tanto no eido da concienciación como no da formación. Esta cooperación entre institucións é fundamental ó tratarse dos niveis máis próximos á cidadanía e polo coñecemento que os concellos teñen da súa poboación.


A Deputación inxecta outros 6 millóns de euros dos que tamén se benefician concellos do Baixo Miño

 
Baixo Miño, 28 de agosto de 2020. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou novos investimentos para os concellos da provincia por 5.916.722,25 euros, dos que tamén se beneficiarán os concellos do Baixo Miño.
No que atinxe ao Plan Concellos, a presidenta Carmela Silva informou que Tomiño recibirá 140.006,3 euros para a mellora da rede de saneamento no entorno de Vilachán.
Polo que respecta á acción “O teu primeiro emprego”, foron seleccionados 44 concellos nos que realizarán prácticas 111 titulados, dos que 73 serán contratos destinados a persoas con titulación universitaria e 38 para persoas tituladas en ciclos superiores de FP. A contía total da subvención da Deputación para estes contratos é de 654.600 euros, e entre eses 44 concellos encontranse A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui.
Por último, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para a adxudicación das “Obras de renovación das instalacións de iluminación exterior”, cun orzamento de 3.054.462,15 euros a distribuír entre 43 concellos, entre eles A Guarda, Tui, Oia, Tomiño e O Rosal.


O Rosal e A Guarda e Oia nas Rutas Autoguiadas da Deputación
Baixo Miño, 27 de agosto de 2020. Dar a coñecer a provincia de Pontevedra á vez que se desfruta do deporte ao aire libre e da natureza son algúns motivos polos que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha as “Rutas Autoguiadas”, nun catálogo con 13 itinerarios, nos que tamén están O Rosal e A Guarda e Oia, que poden seguirse facilmente a través de aplicacións móbiles ou dos GPS e que están dispoñibles no sitio web do ente provincial www.depo.gal.
No concello do Rosal atópase a ruta dos “Muíños do Picón e do Folón”, unha pequena camiñada circular de 3,5 quilómetros que discorre entre estes coñecidos muíños, declarados Ben de Interese Cultural; mentres que entre os concellos de Oia e A Guarda discorre a ruta do “Mosteiro de Oia – Camiño Portugués da Costa”, que é a camiñada máis longa das “Rutas Autoguiadas” posto que conta cun percorrido circular de 35,80 quilómetros.
As “Rutas Autoguiadas”, xunto con “Deporienta”, son unha das novidades de “Vive Deporte”, a programación deportiva da Deputación de Pontevedra que entre os meses de xullo e setembro está a levar a cabo en toda a provincia unha trintena de rutas, andainas e actividades de orientación. “Vive Deporte” ten como obxectivo fomentar o deporte á vez que pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. O programa está dirixido a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables.


Axuda da Deputación para proxectos de iluminación e caldeiras de biomasa
Baixo Miño, 7 de agosto de 2020. A Deputación de Pontevedra vén de reforzar a súa aposta pola sostibilidade dos concellos da provincia coa aprobación, en Xunta de Goberno, de proxectos que favorecerán o paso a unha economía baixa en carbono ao abeiro das convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE.
En concreto se autorizaron proxectos de execución das obras de renovación do alumeado público exterior en distintos concellos mediante a substitución das luminarias actuais por outras LED máis eficientes, beneficiándose no Baixo Miño, A Guarda, Tui, Oia, Tomiño e O Rosal. Respecto á iluminación de Bens de Interese Cultural (BIC) entre os concellos beneficiarios está A Guarda.
Tamén A Guarda figura entre os concellos que recibirán axudas para a contratación de obras que permitirán substituír as caldeiras de gasóleo do Centro Cultural por outras de biomasa.
Para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, nesta comarca reciben axudas os concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui.
Finalmente con cargo ao Plan Concellos, Tomiño recibirá 238.287,87 euros que lle permitirán abordar a primeira fase das dotacións deportivas previstas na contorna da Alameda de Goián.
Axudas ás confrarías
Outras axudas concedidas pola Deputación de Pontevedra van destinadas ás confrarías de pescadores, que nesta comarca benefician a Confraría Santa Tecla posibilitando estas axudas a mellora, reparación e mantemento das instalacións, entre outras finalidades que determine a mecionada organización.
.

O Tramo Internacional do Río Miño estreará novas medidas de xestión fluvial durante a próxima tempada de pesca
Baixo Miño, 3 de agosto de 2020-. A tempada de pesca para o ano 2021 comezará con novas normas de xestión dos recursos no Tramo Internacional do Río Miño (TIRM). A proposta foi elaborada no marco do proxecto de cooperación transfronteirizo  POCTEP Migramiño, liderado pola Xunta desde 2017, financiado con fondos europeos e que ten como obxectivo a protección e conservación dos peixes migradores nesta conca.
As novas normas adoptadas de cara ao vindeiro ano van destinadas a protexer as especies fluviais de interese preferente; en concreto, establécense vedas para o uso de redes de trasmallo, butrón e cabeceira, cañas e liñas, reducindo o período hábil de pesca. Tamén se definen por primeira vez cupos e tamaños no exercicio da pesca recreativa para o salmón (1 exemplar), reo e troita (8 exemplares), sábalo (1 exemplar) e saboga (5 exemplares) por pescador e día. No caso de pesca en embarcación duplícanse os cupos, excepto no caso do salmón, que se mantén sen cambios. Tamén se unifica a talla mínima para a pesca do reo e da troita en 25 centímetros.
Grazas ao proxecto Migramiño, esta será a primeira vez que se estableza unha base consensuada para a xestión dos recursos pesqueiros, co obxectivo de adoptar medidas e harmonizar criterios á hora de xestionar o aproveitamento das diferentes especies presentes na conca internacional do río. Parte destas medidas foron consideradas e aprobadas pola Comisión Permanente Internacional do Miño para o seu edicto de pesca 2021 e agárdase que o ano que vén tamén sexan de aplicación nos afluentes pontevedreses do río.
O documento no que se recolle esta proposta de medidas de xestión comúns para a pesca fluvial no TIRM e os seus afluentes foi desenvolvido contando coa opinión das administracións con competencias na xestión da pesca fluvial, expertos científicos e tamén entidades representantes de colectivos de pescadores de Galicia e do Norte de Portugal.
Un total de 31 medidas
En total, acordáronse 31 medidas para lograr unha mellor conservación e protección do ecosistema fluvial, un aproveitamento óptimo dos recursos pesqueiros e unha mellor xestión e harmonización lexislativa da pesca profesional, artesanal e lúdico-deportiva.
Entre as propostas destacan a creación dun coto internacional de pesca recreativa de salmón, a restrición do uso do trasmallo na desembocadura do Miño e da rede de cabeceira, a unificación de cupos de troita e reo e a fixación de cupo para salmón, saboga e sábalo. Tamén se propón a unificación de cuotas e tallas mínimas para a troita nos afluentes galegos e portugueses, entre outras medidas.
Actividade pesqueira no Miño
No río Miño desenvólvese desde hai séculos unha pesqueira que aínda persiste na actualidade e que hoxe se concentra fundamentalmente na angula e na lamprea. Hoxe en día estas especies son un recurso moi importante para a actividade económica a ambos lados do Miño.
De feito, existen máis de 400 pescadores profesionais, 250 embarcacións activas e cerca de 300 pesqueiras en explotación utilizadas por 500 patróns e pescadores. A modo de exemplo, no caso da angula só durante a tempada 2019-2020 capturáronse 1.756 kg.
.
Declaración  sobre normas impostas pola comunidade autónoma de Galicia á chegada de persoas procedentes de Portugal
Baixo Miño, 01 de agosto de 2020. O AECT do Río Miño enviou onte un escrito à Presidencia da Xunta, a Conselleria de Sanidade e mais á DX de Relacións Exteriores amosando a súa perplexidade perante as medidas adoptadas "sorprendente que a medida proceda da Xunta de Galicia,  despois de meses de pronunciamentos e manifestacións de alcaldes e presidentes de cámaras denunciando o impacto negativo das medidas impostas polos gobernos de Madrid e Lisboa relacionadas co peche de fronteiras por motivo do  COVID-19".
Esta reacción conxunta aparece despois de que se publicase no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de xullo da Consellería de Sanidade, na que se establecen medidas preventivas para facer fronte á crise sanitaria Covid-19 en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia. xente doutros territorios, incluído Portugal.
Uxío Benítez,  deputado provincial e director do AECT do Río Minho declara que: "Sorprende e irrita que suceda isto despois de todo o que levamos dicindo sobre o impacto negativo das medidas relacionadas co COVI-19 na nosa fronteira" engadindo que "se debería actuar con prudencia e sensibilidade, ademais de consultar aos que coñecemos a situación na fronteira"
A orde non está concibida tendo en conta os fluxos laborais de persoas que cruzan a fronteira do Miño diariamente. Tería que facerse mención específica á súa circunstancia e debería marcar un itinerario ou protocolo claro e específico que contemplara a realidade dos traballadores e traballadoras transfronteirizas, xa que non todo o mundo pasa a fronteira por turismo e moito menos agora.  
Levamos reivindicando a visibilidade dos fluxos transfronteirizos desde o inicio da pandemia. Enviamos informes da Universidade de Vigo á Xunta de Galicia e a outras institucións. A pesar a isto séguese sen considerar os fluxos laborais na promulgación de medidas de control sanitario (necesarias desde logo, pero que deben estar adaptadas a cada realidade específica para non causar mais prexuízos)
Esta resolución está xerando unha enorme confusión, falta de confianza e restricións dentro da poboación, incluso debido á falta de aclaración do seu propósito. Polo tanto, pode ser un golpe negativo con impacto nas relacións sociais, comerciais e, fundamentalmente, na economía transfronteiriza.
O presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira, que tamén asume o cargo de subdirector da AECT Río Minho -a entidade que liderou as protestas para flexibilizar o paso dos traballadores transfronteirizos ao pechar as fronteiras-, tamén fai un chamamento ao sentido común das autoridades, portuguesas e españolas na área de saúde pública, para que a toma de decisións non sexa allea aos contextos epidemiolóxicos reais. "Polo momento, os dez concellos que forman o Alto Minho non rexistran unha grave situación pandémica que xustifique esta medida, eu diría que é discriminatoria".
Uxío Benítez engade que "Cando os alcaldes e alcaldesas de ambas  marxes do tramo internacional do río Miño, se manifestaron hai un mes, nas pontes internacionais a favor da apertura dun maior número de pasos fronteirizos co fin de evitar prexuízos aos traballadores transfronteirizos, a Xunta de Galicia dixo ter trasladado tal reivindicación ao goberno do estado. Sorprende que sexa agora a Xunta, unha vez recuperadas as competencias sanitarias tras o estado de alarma, a que non teña en conta a situación delicada da área fronteiriza con Portugal".
Galicia mantén importantes relacións comerciais económicas e sociais co norte de Portugal, e non se pode comparar con países que están a miles de kms cos cales non hai apenas relacións.
A rexión do Norte portugués e máis Galicia manteñen relacións institucionalizadas desde hai décadas, polo que non se entende porque estas cuestións non teñen sido tratadas nunca de xeito bilateral nos organismos de cooperación que foron criados ao efecto e que esmorecen por falta de interese. O AECT Río Minho leva solicitando insistentemente á Xunta a convocatoria da comisión de Traballo Galicia Norte de Portugal para abordar a situación criada na fronteira pola pandemia COVID-19, sen apenas resultados.
.

A Guarda e O Rosal reciben novas achegas da Deputación
Baixo Miño, 01 de agosto de 2020. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta dos novos investimentos aprobados pola Xunta de Goberno provincial para distintos concellos da provincia, entre os que se atopan, no Baixo Miño, A Guarda e O Rosal.
No que se refire ao Plan Concellos, a presidenta explicou que as achegas aprobadas permitirán aos municipios da Guarda, e O Rosal realizar distintas obras de “acondicionamento e mellora de servizos urbanísticos, pavimentación, restauración e mellora da seguridade viaria entre outros”.
A Guarda recibirá, des Plan, 116.688,61 euros para financiar a renovación do pavimento en varías rúas mentres que para O Rosal aprobouse unha subvención de 161.261,01 euros que serán empregados no acondicionamento do mercado de abastos.
No capítulo de Proxectos medioambientais aprobáronse axudas, entre outros concellos, tamén para A Guarda para a substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa no Centro Cultural e no Xulgado de Paz, estando estas axudas enmarcadas nos fondos europeos IDAE para proxectos sustentables e de eficiencia enerxética, que permitirá reducir as emisións contaminantes e conseguir un aforro enerxético do 25 por cento.
.

Regreso al contenido