Baixo Miño - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Baixo Miño

COMARCA
A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro na costa da provincia da Coruña.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo desde as primeiras horas da tarde á no noroeste e no oeste da costa da provincia da Coruña por ventos do suroeste de forza 8. No resto do litoral galego o nivel de alerta por temporal costeiro será amarelo. Ademais, haberá alerta amarela nas provincias da Coruña e Pontevedra por chuvias e en ambas provincias e na Mariña lucense tamén por ventos de ata 90 km/h.  
Ademais, desde a mañá do mesmo día, a alerta xa será amarela no litoral de Pontevedra e no noroeste da Coruña. Tamén o nivel de alerta será amarelo no oeste e suroeste da Coruña, na montaña de Ourense, nas Rías Baixas e no interior de Pontevedra por refachos de vento de ata 90 km/h.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal) , que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.


O AECT Rio Minho fai frente conxunto contra unha posible mina de litio na Serra da Arga en Portugal

Baixo Miño, 211020. O AECT Río Minho vén de posicionarse claramente en contra do aproveitamento por parte do goberno portugués dunha posible mina de litio na Serra da Arga, no territorio do Alto Miño luso. Así o manifestou o deputado e vicedirector do agrupamento, Uxío Benítez, logo de manter un encontro co Movemento SOS Serra d’Arga.
Benítez destacou que o AECT vai artellar un posicionamento transfronteirizo conxunto, xa que os recursos da zona, aínda estando en territorio administrativo portugués, son comúns ao Baixo Miño galego. “Estaremos vixiantes ante as posibles afeccións no río, no territorio, nos recursos naturais da zona e na calidade da auga. Antes o Miño era un lugar que parecía que non era de ninguén, nin o defendían dun lado nin doutro, pero agora existe o AECT e imos defendelo conxuntamente os concellos galegos e as cámaras portuguesas”, subliñou.
Facendo súas as palabras do director e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira Fernando Nogueira, Benítez  subliñou que "non hai fronteiras na protección do medio ambiente na defensa dun patrimonio común que é o río Miño". Afirmou que os problemas ambientais que afectan ao río son comúns no Alto Minho portugués e no Baixo Miño galego e que “sobre a mesa hai unha causa xusta, porque a defensa da Serra d'Arga xunto coa veciñanza portuguesa é a defensa do patrimonio común do Val do Miño ”.
Estas declaracións foron realizadas logo de manter un encontro co Movemento SOS Serra d'Arga en Vila Nova de Cerveira, no que o colectivo ambientalista solicitou a intervención do AECT na sensibilización de alcaldes e movementos asociativos a favor dunha defensa consensuada do territorio común da Serra d'Arga, no ámbito do proceso de minería de litio.
Enmarcado no conxunto de reunións mantidas cos concellos do Alto Minho que integran o perímetro da Serra d'Arga, este encontro transfronteirizo buscou potenciar a importancia da conca do río Minho. Non obstante, desde agosto, o Movemento SOS Serra d'Arga promove tamén contactos directos con diversas asociacións galegas, co fin de esbozar accións de sensibilización e chamamento popular á implicación nunha causa común.
A representante do Movemento SOS Serra d'Arga, Ludovina Sousa, reafirmou que "co río Minho como enlace, este encontro tiña como obxectivo sensibilizar á entidade transfronteiriza sobre os posibles e prexudiciais impactos nas augas internacionais do río Miño, se o o proxecto mineiro do goberno portugués ten lugar nesta rexión do Alto Miño ”.
Ao remate da reunión, a AECT Río Minho comprometeuse a tomar unha posición de consenso coas xa coñecidas por todos os alcaldes de ambas as beiras do río e das asociacións para a defensa do medio ambiente respecto ao expediente en cuestión, plasmado en iniciativas conxuntas coa participación da cidadanía.
É preciso lembrar que nestes momentos está en marcha a creación da Área de Paisaxe Rexional Protexida Serra d'Arga, aprobada polos catro concellos portugueses (Vila Nova de Cerveira, Caminha, Viana do Castelo e Ponte de Lima), sendo o seguinte paso a constitución dunha asociación de municipios con fins específicos para garantir a súa xestión. Este proxecto contribuirá á conservación da natureza e da biodiversidade presente nos montes e, polo tanto, no noroeste peninsular, coa perspectiva de promover condicións que permitan o desenvolvemento socioeconómico sostible da zona, con beneficios para as comunidades locais e a exploración. dende o punto de vista do turismo, a educación e a sensibilización ambiental.
 

O AECT Rio Minho pon en marcha un proxecto piloto de bicis transfronteirizas nas eurocidades do Miño  
Baixo Miño, 20 de outubro de 2020. O AECT Rio Minho presentou hoxe o proxecto piloto para que as Eurocidades do Miño dispoñan dun servizo de préstamo de bicicletas eléctricas que permita á cidadanía cruzar libremente a un lado e outro da fronteira. Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, trátase dunha iniciativa de ‘bike sharing’ pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor.
Segundo explicou Benítez, este sistema de xestión compartida para bicicletas eléctricas centrarase nos seis núcleos urbanos de elevada mobilidade que son as tres eurocidades do Miño, e estará ligado á rede transfronteiriza de rutas, sendas e ecopistas do río Miño transfronteirizo. Apuntou que a iniciativa enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.
O deputado subliñou que o servizo ten un atractivo non soamente para a veciñanza galega e portuguesa, se non para as miles de persoas visitantes que percorren as vilas transfronteirizas e as sendas fluviais do Miño, moi transitadas xa a día de hoxe por bicicletas, tal e como se comprobou na propia presentación. Lembrou que, de feito, ademais da mobilidade sustentable outro dos obxectivos estratéxicos do AECT é a promoción do territorio do rio Minho transfronteirizo e a súa marca Rio Minho para atraer máis turismo.
Benítez aproveitou para facer unha reflexión sobre os Fondos de Recuperación Económica da UE e destacou que o servizo que hoxe presentou o AECT encaixa na Estratexia 2030. “Estamos a facer as cousas cun horizonte e un obxectivo claro para desenvolver este territorio. Somos maduros para acceder aos fondos dos que se está a debater. Sabemos onde queremos ir e somos maiores de idade para desenvolver un Investimento Territorial Integrado no río Miño”, reivindicou.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, pola súa parte, agradeceu ao AECT Río Miño e ao mundo local, ás alcaldesas, alcaldes e presidentes das cámaras das vilas portuguesas que participan na iniciativa, pola súa “creatividade” e por ser capaces “de poñer en marcha proxectos moi novidosos que responden ás demandas da Axenda 2030 e do novo mundo que temos que construír”. Así, Carmela Silva subliñou que se trata dunha iniciativa “que nos sitúa como referencia das economías máis avanzadas e como modelo innovador ligado á sustentabilidade”. Tamén destacou a presidenta a importancia deste programa piloto ligado á mobilidade sostible  “que sitúa a este territorio único, especial, con grandes valores culturais, históricos e medioambientais, no centro dun grande proxecto que está a impulsar como se merece a esta zona”.
Amais a presidenta provincial aproveitou a ocasión para esixir “fondos europeos para o mundo local. Temos que ter a capacidade de xestionar recursos para proxectos coma este que se quedan no territorio e fan posible xerar economía”. Neste eido, Carmela Silva reivindicou tamén que “os fondos europeos non estarán en mellores mans que no mundo local, onde cada proxecto xestionando é un éxito”.
No acto de presentación, ademais dos representantes da Deputación estivo tamén o director do AECT Rio Minho e presidente da Cámara de Cerveira Fernando Nogueira, as alcaldesas de Tomiño e Salvaterra Sandra González e Marta Valcárcel, o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro, así como os presidentes das cámaras de Valença e Monçao, xunto ao representante da empresa concesionaria Nuno Oliveira.
Uso a través dunha APP
O deputado Uxío Benítez explicou que nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro e utilizar esta tanto para recados da veciñanza como para circuítos de lecer. A vontade, indicou o nacionalista, é que despois do proxecto piloto, que comezará na primavera, se amplíe a iniciativa tanto en número de vehículos como en concellos implicados. Tamén anunciou que se solicitarán máis fondos europeos para vindeiras convocatorias do Interreg.  
Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida non disporán de ancoraxes físicas físicas, senón que haberá espazos (a decidir polos concellos) nos que estarán situadas para a súa utilización, podendo despois deixalas noutros espazos simplemente cancelando a sesión de uso na APP, co que as bicicletas quedarían bloqueadas.  
A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto.
  

A Xunta activa a alerta laranxa que afectará tamén ás Rías Baixas
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2020.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro na costa da provincia da Coruña.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo desde as primeiras horas da tarde de mañá no oeste e no suroeste do litoral coruñés por ventos do sur de forza 8. Ademais, desde a mañá do mesmo día, a alerta xa será amarela no litoral de Pontevedra e no noroeste da Coruña. Tamén o nivel de alerta será amarelo no oeste e suroeste da Coruña, na montaña de Ourense, nas Rías Baixas e no interior de Pontevedra por refachos de vento de ata 90 km/h.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
 

Entidades da comarca con programas sociais beneficiarias de axudas da Deputación
Baixo Miño, 16 de outubro de 2020. A Xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou tamén hoxe destinar 409.921 euros a un total de  78 entidades de 16 concellos da provincia para actuacións e proxectos de atención especializada a persoas de especial vulnerabilidade e que, polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas, se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social.
As entidades que se van beneficiar desta liña de subvencións da Deputación pertencen aos concellos de Cangas, a Guarda, Lalín, Mos, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Inclúense entre as iniciativas subvencionadas proxectos de promoción da autonomía persoal en persoas con enfermidades mentais, servizo de información e orientación para persoas con parálise cerebral, fomento do emprego, prevención e apoio en hábitos saudables en persoas con TEA, atención integral ao neno/a con patoloxía oncohematolóxica, clases de educación musical e expresión plástica, ou reparto de alimentos.
  

O AECT RÍo Minho bríndase para executar no Miño a Estratexia de Desenvolvemento Transfronteirizo aprobada no XXXI Cumio Ibérico España-Portugal
Baixo Miño, 13 de outubro de 2020. O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho vén de brindarse oficialmente para executar no territorio do Miño a Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo España-Portugal que se aprobou o pasado sábado no XXXI Cumio Ibérico bilateral entre os gobernos español e portugués. O deputado Uxío Benítez destacou as expectativas xeradas e indicou que é preciso “concretar os acordos e poñer en marcha un Plan de Acción que leve á práctica as iniciativas”.
Para Benítez é fundamental que o AECT Rio Minho estea no debate sobre a concreción da Estratexia, sendo considerada como unha axencia de desenvolvemento transfronteiriza, xa que no seu momento tamén presentou as súas achegas e contribucións. O deputado reivindicou o papel do AECT como protagonista e como unha institución fundamental para a eliminación dos chamados “custos de contexto” e da promoción da actuación conxunta entre un e outro lado da fronteira: “Isto aseguraría un diagnóstico mais certeiro ao mesmo tempo unha mellor formulación e xestión mais eficaz das estratexias territoriais de recuperación pos COVID-19”, dixo.
O nacionalista reclamou un Plan de Acción (non presentado aínda) que se debe elaborar a partir do cumio, e que “debe contar coa nosa voz e participación e ademais  ter unha liña específica de apoio aos concellos de contacto entre países, xa que é neles onde se poden realizar as políticas de cooperación mais eficaces”. Destacou que “é preciso ver como integrar as ideas, metas e obxectivos na Estratexia para poder optar aos fondos do Plan de Recuperación Económica e tamén aos Fondos do POCTEP”.
Segundo lembrou o vicerresponsable do AECT, ademais, é preciso que se considere a especificidade do territorio fronteirizo de Galiza-Norte de Portugal (xa que a fronteira ibérica non é uniforme) e dentro desta, o territorio do tramo internacional do río Miño ten particularidades senlleiras.
En canto á recuperación socioeconómica da zona, subliñou que ten que xirar sobre varios eixos, como son a recuperación do impacto propio e específico da pandemia no ámbito da saúde e da prevención de casos de contaxios futuros; a recuperación no ámbito económico e social motivado pola paralización da actividade interna e dos fluxos transfronteirizos; e a recuperación da cooperación transfronteiriza en senso estrito, dado que a reaparición de novo das barreiras fronteirizas fixo retroceder o traballo práctico de cooperación e creación de cidadanía e identidade europea dos últimos 25 anos.
Así mesmo, fixo fincapé na necesidade dun Investimento Territorial Integrado (ITI) como un bon instrumento para utilizar nun horizonte pos pandemia no territorio do río Miño transfronteirizo. Explicou que o ITI é unha ferramenta contemplada na normativa comunitaria, mediante a cal se lles ofrece a posibilidade de reunir fondos europeos de xeito integrado e de xeito transversal, recorrendo ao financiamento de varios eixes prioritarios, xunto con fondos locais, rexionais ou estatais, provocando un mellor resultado coa mesma cantidade de investimento público.
Benítez lembrou que o AECT Rio Minho lanzou a idea de poñer en funcionamento unha ‘Tarxeta Cidadá Transfronteiriza’ que serviría de base para o desenvolvemento dun programa piloto para simplificar a vida das persoas na fronteira, en particular para as persoas traballadoras transfronteirizas.
Na Estratexia, entre outras cuestións, recóllese a necesidade de reforzar e fomentar a figura do traballador transfronteirizo a través da creación dun documento específico, así como de identificar as “discriminacións indirectas sentidas (…) garantindo os dereitos derivados da libre circulación de traballadores”, cuestión que se puxo de manifesta durante o peche de fronteiras pola COVID-19.


Uxío Benítez reivindica que o territorio transfronteirizo do Miño reciba fondos específicos do plan de recuperación económica pos Covid-19
Baixo Miño, 8 de outubro de 2020. O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez reivindicou hoxe, despois da presentación do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19, que o territorio transfronteirizo do Río Miño debe recibir fondos específicos para mitigar o impacto da pandemia. Segundo destacou o tamén vicedirector do AECT Rio Minho, os concellos da ‘raia’ galego portuguesa estiveron doblemente impactados pola COVID-19, xa que á crise económica xeral houbo que sumar os problemas derivados do peche férreo da fronteira entre o sur de Galiza e o norte de Portugal o 17 de marzo, durante o estado de alarma.
Benítez reclamou que o Plan de Recuperación debe recoller unha liña específica que trate a problemática da fronteira e ter en conta ás organizacións de cooperación transfronteiriza e aos concellos para xestionar fondos e minimizar o dobre impacto na actividade económica do territorio do Miño.   “É nos concellos de contacto entre países onde se poden realizar as políticas de cooperación mais eficaces”, subliñou, ao tempo que destacou que as eurocidades e as AECTs de ámbito subrexional son as mais indicadas para a xestión da pos pandemia sen menoscabo da necesaria cooperación nos niveis rexional e estatal.
Neste sentido, o deputado nacionalista sinalou que o instrumento máis axeitado para o desenvolvemento do territorio é o Investimento Territorial Integrado (ITI). Este é unha ferramenta contemplada na normativa comunitaria, mediante a cal se lles ofrece a posibilidade de combinar fondos europeos dun ou máis programas con fondos locais, rexionais e estatais para garantir un mellor resultado na posta na práctica dunha estratexia conxunta de desenvolvemento. Neste sentido, destacou que é preciso que se aclaren as vías de interlocución e acceso aos fondos europeos para entidades públicas non autonómicas.
Benítez lembrou que nestes momentos o Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Miño está a desenvolver da man da Universidade de Vigo un estudo sobre as consecuencias da pandemia no territorio transfronteirizo, poñendo ás claras cal foi o impacto do PIB nos concellos da ‘raia’.
O nacionalista fixo fincapé en que a crise derivada da promulgación do estado de alarma en España e mais a do estado de emerxencia en Portugal xunto co peche da fronteira común tivo un considerable impacto, de  efectos moi negativos, sobre a cidadanía de ambas as beiras do Río Miño Transfronteirizo.
Insistiu en que o peche de fronteiras veu alterar radicalmente, como nunca nos últimos 30 anos, a vida dos habitantes do territorio fronteirizo galego-portugués, tronzando literalmente pola metade a súa realidade cotiá. Así, citou entre os principais prexuízos  a alteración da actividade laboral para xs traballadorxs transfronteirizxs polo incremento de distancia, tempos e custos de desprazamento necesarios para acudir ao posto de traballo por mor da limitación de pasos fronteirizos.
Puxo de manifesto os negativos efectos económicos, tanto pola limitación das relacións laborais e comerciais, con redución de ata un 70% de clientes, perda de empregos ou dificultade de suministros en  determinados negocios, como polos custos extraordinarios derivados dos desprazamentos ata o único paso aberto ou pola necesidade de alugar residencias provisionais; así como a imposibilidade de uso de servizos de carácter esencial, ben no ámbito educativo (escolarización) ou sanitario (consultas médicas e veterinarias), ubicados do outro lado da fronteira.
Tamén lembrou a indispoñibilidade de servizos ou equipamentos de carácter deportivo, comercial de ocio e cultural, accesibles do outro lado da fronteira, as graves dificultades para relacións e coidados familiares (familias separadas, persoas maiores desatendidas,…) e o impacto no sector primario: na agricultura (exportación de planta dos viveiros, comercialización do viño e kiwi...)  e pesca fluvial (lamprea).
Benítez lembrou a loita dos alcaldes e alcaldesas da zona, liderados polo AECT, para reabrir as fronteiras pechadas en marzo e facilitar a vida á cidadanía da zona e destacou que se traballarán todos os frentes (administrativos e reivindicativos) para que o territorio da fronteira non “volva ser o gran esquecido”.


A Unidade de Atención Temperá do Baixo Miño comezará a funcionar nas vindeiras semanas
 
Baixo Miño, 7 de outubro de 2020. A Unidade de Atención Temperá (UAT) da comarca do Baixo Miño comezará a funcionar nas vindeiras semanas. Creada recentemente pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, está constituída polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, co obxectivo de que as familias que teñan menores con dificultades de aprendizaxe, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo.
 
O equipo de profesionais xa está contratado e comezará a atender nas vindeiras semanas no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. A presentación do proxecto ante as traballadoras e traballadores sociais dos catro municipios, tivo lugar onte no Concello de Tomiño, co fin de informar sobre os servizos que prestarán, e pedir a colaboración dos equipos técnicos na difusión da nova unidade, ante persoal sanitario, colexios, escolas infantís, etc.
 
Segundo expuxo a coordinadora e psicóloga da UAT, Andrea Álvarez, trátase dun proxecto destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar.
 
Aos nenos ou nenas que cheguen á unidade derivados polos pediatras, faráselles unha valoración xeral ou ben nas áreas que precisen (fisioterapia, logopedia ou psicoloxía), elaborando logo un Proxecto de Atención Especializada (PAI), que se coordinará co Servizo de Atención Primaria, os centros educativos e as familias.
 
Potenciar a autonomía e o desenvolvemento psicomotriz, tratar dificultades da linguaxe ou problemas de comunicación (por trastornos como o TEA, falta de audición, etc.), “a través dunha terapia lúdica, activa e motivadora”, son só algúns dos obxectivos que ten o novo equipo de profesionais, do que tamén forman parte Sonia García (logopeda) e Paula Hernando (fisioterapeuta). Outro dos campos no que se traballará será no da redución da conflitividade familiar, social, escolar, facendo un seguimento dun xeito coordinado.
 
A implantación desta Unidade de Atención Temperá na comarca supón un avance na coordinación entre todos os servizos e recursos de atención á infancia, tendo en conta as necesidades das familias e favorecendo a igualdade de oportunidades e a participación social  xa que debido a ubicación xeográfica, os recursos dos que se dispón xeralmente quedan moi lonxe da área.
 
O Baixo Miño, que conta cunha poboación total de 48.175 habitantes e 2.035 menores de 6 anos. Dentro da franxa de idade dos 0 aos 6 anos, segundo os datos facilitados, aproximadamente un 10% dos menores desta franxa de idade padecen dalgunha patoloxía do tipo T.E.A., problemas de dicción, foniatría ou TDHA.
Regreso al contenido