bbb - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

bbb

COMARCA > Nivel 24
Nicolás Gutiérrez Campo
(Segovia, 1909-A Guarda, 1964):
un mestre bejarano que Galicia gañou para sí
por Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez
 
(1)
 
Nicolás Gutiérrez Campo naceu en Segovia, o 13 de outubro de 1909, no nº 4 da rúa Doctor Pichardo, onde a súa familia residía naquel momento (Fotos 1, 2) . O seu pai, Sadot Gutiérrez, casado con Anastasia Campo, era funcionario xefe de prisións, e esa circunstancia obrigouno a pasar por diversos destinos antes de asentar definitivamente en Béjar, provincia de Salamanca. Alí permaneceu o resto da súa infancia e xuventude, na vivenda familiar dentro da vella casona do cárcere, actualmente convertido en Consistorio e Casa de Cultura (Foto 3).
 
Nicolás Gutiérrez naceu nun contorno acomodado, e iso permitiulle acceder aos estudos medios e superiores nun tempo en que ir á escola era un privilexio fóra do alcance de moitas persoas.[1] (Foto 4).

En Béjar, onde se tiña trasladado a familia, escolarizouse no Colexio Salesiano (1915-1921)[2] (Fotos 5, 6), cursou o bacharelato medio no Instituto de Ávila (1921-1925) e o bacharelato superior no Instituto Cardenal Cisneros, en Madrid (1925-1927) (Foto 7), o que xa o capacitaba como mestre bacharel. Nicolás continuou con proveito estudos de maxisterio na Escola Normal de Salamanca, matriculado por libre durante os dous cursos seguintes e rematou en 1929 co título de Mestre (Foto 8.). Durante ese tempo tivo ocasión de coñecer o modelo de ensino da Institución Libre de Enseñanza (ILE), un proxecto pedagóxico que, entre 1876 e 1936, tratou de promover a rexeneración moral, intelectual e social do país.
 
A ILE nacía a raíz da expulsión dun grupo de profesores tras o intento de limitar a liberdade de cátedra nas universidades ao prohibir a difusión de calquera doutrina contraria á Igrexa católica e a monarquía, baixo o reinado de Isabel II co Goberno de Narváez. Fundouse en Madrid como sociedade por accións o 10 de marzo de 1876 coa dirección de Francisco Giner de los Ríos (1839-1915),[3] catedrático de Dereito na Universidade Central, (Foto 9) e consagrouse «al cultivo y propagación de la ciencia en sus diversos órdenes», como reza o Artigo 1 dos seus Estatutos.[4].

Para o seu discípulo Antonio Machado, Francisco Giner foi “el maestro”;[5] para o seu amigo Miguel de Unamuno, o “Sócrates español”. Joaquín Costa dixo que, “más que un hombre, Giner es una categoría”.[6] “La obra de Giner es tan considerable, que cuanto existe en España de pulcritud moral lo ha creado él”, escribiu Manuel Azaña. A súa solvencia e prestixio facilitou que figuras como os mencionados Joaquín Costa e Antonio Machado; o escritor Leopoldo Alas, o pintor Joaquín Sorolla, o xeólogo e zoólogo Augusto González de Linares, o médico e investigador Santiago Ramón y Cajal ou o político Federico Rubio entre moitos outros, prestaran á ILE o seu apoio moral e económico. Os primeiros accionistas, en número de 201 entre os que se atopa algún dos mencionados, representaban a sectores da sociedade liberal e rexeneracionista, comprometidos co seu avance social e educativo. Entre tantos homes ilustres tamén se atopaban dúas mulleres destacadas: a ferrolá Concepción Arenal e a coruñesa Emilia Pardo Bazán, con quen Giner mantivo unha amizade moi achegada.[7] A ILE pasou por varios locais ata establecerse nun edificio construído no actual Paseo de Martínez Campos. (Foto 10).
 

FOTO 10. Patio interior nas instalacións da Fundación Francisco Giner, que ocupan parte dos edificios históricos da ILE no madrileño Paseo de Martínez Campos
 
Esta Institución, que desenvolveu o seu labor educativo á marxe do Estado e situou o seu ideario lonxe de calquera dogma político ou relixioso, influíu decisivamente na modernización do ensino entre finais do século XIX e o primeiro terzo do XX. Integrou no seu claustro membros destacados da chamada Xeración do 98, que formaron aos mozos da Xeración do 14, entre os que se atopaban Manuel Azaña e José Ortega y Gasset, Gregorio Marañón ou Ramón Pérez de Ayala. Giner escribía en 1906: «España carece hoy de un personal directivo, lo cual exige que se prepare un nuevo personal superior del modo más intensivo y rápido. Mas también aprovechar lo mejor del antiguo hasta el último límite».[8]
 
Con ese obxectivo naceron, baixo a súa iniciativa, a Junta de Ampliación de Estudios (1907), a Residencia de Estudiantes (1910), a Residencia de Señoritas (1915) e o Instituto-Escuela (1918) destinados a formar un feixe de mulleres e homes que habían destacar no mundo das letras, da ciencia, das diversas artes ou da política, agrupados despois na Xeración do 27 como foron, entre outros, o poeta Federico García Lorca, o pintor Salvador Dalí, a avogada e política Victoria Kent, o cineasta Luis Buñuel, a filófosa e escritora María Zambrano, o científico Severo Ochoa ou a pintora Maruja Mallo.
 
Foron o froito da rexeneración pretendida polo “maestro”, no eido da cultura, a ciencia, a arte e a sociedade, destinados a dirixir o país desde diferentes esferas durante o primeiro terzo do século XX. Por iso, as directrices da política educativa que se quixo implantar na República tiñan unha forte pegada institucionista. Desde a súa fundación en 1876, o espírito da ILE prendeu nas xeracións de docentes e educadores que como Nicolás Gutiérrez habían exercer entre finais do século XIX e a fin da Segunda República, e adiantouse a case todas as innovacións introducidas pola pedagoxía moderna.
  
O seu método intuitivo, precursor da aprendizaxe significativa, iniciou un cambio profundo nos anticuados modelos pedagóxicos, e ata a o golpe de estado, o institucionismo veu impregnar dun novo espírito o panorama educativo ao introducir o ensino da ciencia desde idades temperás e promover un modelo de escola neutral e respectuosa coa conciencia relixiosa do alumnado. A ILE ampliou nas súas aulas a duración da escolaridade desde os 6 aos 14 anos, e a continuidade entre os estudos primarios e o bacharelato. Adoptou o modelo de coeducación, recomendou a avaliación continua antes que os exames finais e preferiu a confianza e a responsabilidade, como pauta educativa, no canto da disciplina e o castigo. Ademais, os e as institucionistas foron uns decididos partidarios da incorporación da muller con plena igualdade de xénero na extensión universitaria e na formación profesional: elocuente resulta Francisco Giner ao afirmar naquel tempo que “la mujer debe educarse no como el hombre, sino con el hombre”. (Foto 11)
 
Fronte á tradición memorística e rutinaria, os institucionistas aplicaron a intuición como procedemento metodolóxico e introduciron outras innovacións como a educación física, os xogos na escola, as ensinanzas plásticas, a música, os traballos manuais ou o contacto coa natureza como un recurso habitual na aprendizaxe. Se foi Rousseau quen afirmou que a mellor lección é a que se dá á sombra dunha árbore, Francisco Giner engadíu que era máis proveitoso un día no campo que na clase. E o seu discípulo Manuel Bartolomé Cossío (1857-1935), Director do Museo Pedagógico Nacional e máis tarde Presidente do Patronato de Misiones Pedagógicas insistía en que “hay que llevar al niño al taller, al museo, al campo. Que conozca la realidad en la realidad, y que luego entre en el aula para reflexionar sobre lo que ha visto, para plasmarlo por escrito y transformarlo en conocimiento”.[9] (Foto 12). Dese modo, as constantes visitas aos museos, as excursións e saídas á natureza, a organización de colonias estivais[10] e de viaxes didácticas definían un determinado modelo de renovación pedagóxica co que o mozo Nicolás se identificou de contado, aplicándoo desde entón, e ao longo da súa vida. E, malia o labor da ILE non ser visto con bos ollos desde a meirande parte das entidades políticas e relixiosas que gobernaban o país, en anos posteriores serviu como inspiración para unha esperada e necesaria reforma no sistema educativo.[11] (Fotos 13 e 14).
   
_____________________
[1] Narciso de Gabriel, «O soño da escola pública», Eduga. Revista galega do ensino 49 (2007): 50-56.
[2] “En  1905-1906  se aproxima  su  número al  de  300, consecuencia evidente de pasar de ser escuelas de pago a escuelas gratuitas. Son niños con edades comprendidas entre los seis y los catorce años, distribuidos en  cinco  aulas, la  primera  de ellas  destinada  a los  párvulos (esta desaparecerá en 1908)”. José María Hernández Díaz, «Educación y sociedad en Béjar en el primer tercio del siglo XX (1900-1936)», en Historia de Béjar, Vol. 2, coord. José María Hernández Díaz, Antonio Avilés Amat, (Salamanca: Diputación de Salamanca, 2012), 381.
[3]  “Francisco Giner fue un jurista de formación y profesión, con amplios conocimientos en varios campos  del saber,  una fundamentación  filosófica sistemática,  una  gran sensibilidad artística, una  curiosidad intelectual  múltiple  y grandes  exigencias éticas, que  destacó  especialmente como  uno de  los  grandes innovadores  pedagógicos  y como  un  educador nacional”. Pódese acceder ao coidado perfil que elaborou en 1993 o profesor Julio Ruíz Berrio:
[5] Antonio Machado, que foi persoa moi próxima a ILE por ser alumno de Giner e posteriormente formar parte do Padroado das Misións Pedagóxicas, compuxo un fermoso poema con motivo do seu pasamento, do que reproducimos os primeiros versos: “Como se fue el maestro / la luz de esta mañana / me dijo: Van tres días / que mi hermano Francisco no trabaja. / ¿Murió?... Sólo sabemos / que se nos fue por una senda clara, / diciéndonos: Hacedme / un duelo de labores y esperanzas. / Sed buenos y no más, sed lo que he sido entre vosotros: alma”.
[6] Sobre a relación de Joaquín Costa con Giner de los Ríos e a ILE: JoaquinCostaEnElRecuerdoDeLaInstitucionLibreDeEnse-104982.pdf
[7] Raquel Vázquez Ramil, «Las mujeres gallegas y la Institución Libre de Enseñanza: de Concepción Arenal a las universitarias de la Residencia de Señoritas», en As mulleres na historia de Galicia, coord. Miguel García-Fernández, Silvia Cernadas Martínez, Aurora Ballesteros Fernández, Vol. 1, (Santiago de Compostela: Andavira, 2012), 165-196.
[8] Juan Marichal, «Presencia de Giner (1898-1998)». Revista Residencia 5 (1998).
[9] Eugenio Otero Urtaza, Manuel Bartolomé Cossío: pensamiento pedagógico y acción educativa (Madrid: MEC, 1994).
[10] As colonias  escolares  de  vacacións organizadas pola ILE,  dirixidas  inicialmente aos rapaces de contextos urbanos marxinais, tiñan a finalidade de ofrecerlles unha educación adecuada e un positivo  paréntese estival,  dándolles a oportunidade  de pasar varias semanas  vivindo en contacto coa Natureza e recibindo uns coidados e atencións básicas das que a cotío non gozaban.
FOTOS 1 e 2. Sendo neno, Nicolás debeu rebrincar pola Cuesta de San Juan e as inmediacións do acueduto, nunha Segovia similar á que amosan estas imaxes dos anos vinte, de Otto Wunderlich. (Arquivo Wunderlich, Instituto del Patrimonio Cultural de España)


FOTO 3. Edificio do vello cárcere, hoxe Casa do Concello na Praza Maior de Béjar
 

FOTO 4. Nicolás gozou dunha infancia acomodada


FOTO 5. Colexio Salesiano de Béjar

FOTO 6. O bacharel Nicolás Gutiérrez
 

FOTO 7.Madrid, 1926, Rúa Amaniel. Ao fondo esquerda, o edificio do Instituto Cardenal Cisneros


FOTO 8. Autorretrato de xuventude


FOTO 9. Francisco Giner de los Ríos, entre Ricardo Rubio e Manuel Bartolomé Cossío en 1892

FOTO 11. Os e as institucionistas foron uns decididos partidarios da incorporación da muller como a plena igualdade de xénero da extensión universitaria e da formación profesional obreira
 
FOTO 12. Manuel Bartolomé Cossío, por Joaquín Sorolla. Cossío foi un estudoso da figura e da obra de El Greco, trazo que Sorolla quixo reflectir alegoricamente neste retrato
 

FOTO 13. Colonia da ILE. Praia de San Vicente de la Barquera, Cantabria, agosto de 1930
 

FOTO 14. Colonia  da  ILE. Prado  de  San  Vicente  de  la  Barquera,  Cantabria , agosto de 1930
[11] Para afondar no que foi o proxecto educativo da ILE, e entre a extraordinaria cantidade de libros e artigos publicados, achégase o texto de Herminio Barreiro, «A Institución Libre de Enseñanza, unha política da pedagoxía», Sarmiento. Revista galego portuguesa de Historia da educación 5 (2001): 7-20.
Regreso al contenido