Esmola pas almas - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Esmola pas almas

PUBLICADAS
por Victoriano Rodríguez
 
¡ERMOLA PAS ALMAS! Con esta expresión anunciábase o domingo polas mañá en cada casa da parroquia de Salcidos a petición de limosna para as almas.
Era costume recorrer as casas de cada pobo de esta parroquia, petando no portal e solicitando un donativo destinado para que o Sr. abade dedicase misas (sufraxios) polo alivio das penas das almas do Purgatorio.
 

 
Veciña pedindo pas almas, coa cesta das espigas e a saca dos cartos
 
Cada casa tiña o deber de pedir todo o pobo. Normalmente ían as mulleres, rapaces ou raparigas con una cesta de costas para as espigas e una saca para o diñeiro. Daquela non había timbres e como os portais non se fechaban, abrías e  dicías: ¡¡ERMOLA PAS ALMAS !! Os da casa xa contaban con esta petición e aportaban espigas, que as veces eran as reservadas pa este fin,  as das almiñas, formada por tres espigas unidas, a maior central e unha pequena adosada a cada lado; ou unhas perras, realillos, e polos últimos tempos desta tradición, xa pesetas; cando entregaban a esmola dicían con fe e paixón: “pas benditas almas do Purgatorio”, tamén  nalgún caso, que por pobreza ou outra circunstancia que non aportaban, dicían: “Eu rézolle” ou “Nos rezámoslle” (as almas); aínda que o fin era o mesmo, esta alternativa non lle gustaba o peticionario, falo por min, porque o final facíamos reconto, e nos satisfacía que a nosa petición fora  mais grande cas de  outros anteriores. Tamén algúns te dicían por amolarte: “Pero rapaz, si as almas non comen.”
Rematada a petición, entregábanse as espigas e o diñeiro   a persoa delegada pola abadía maiordomas, que na Gándara era Tía Consuelo de Freilón, despois sería Tía Rosa da Redondiña e por último Concha da Tía Odila; en Salcidos era Rosalina e Visita da Tenda, que  na actualidade só pon a cesta  nas almiñas do Cruceiro Pinto no tempo da recolleita do  millo.  Estas persoas  encargábanse de debullar o millo, vendelo e xunto co outro diñeiro levar  o importe ao Sr abade  (limpo de polvo e palla).

Cesta de pedir para as almas pola Gándara

A casa   que pedira, tiña que entregar a cesta a casa seguinte para seguir a rotación semanal de petición. Había casas de persoas imposibilitadas para este recorrido (vellos, enfermos), que buscaban un familiar ou veciño que lle realizara esta labor e así cumprir con a costume instituída, tamén había rapaces e raparigas que facían esta labor por  unha propina. Nos últimos, tempos, algunhas casas que lle tocaba a petición, e ó haber mellor nivel de vida, preferían aportar o posible importe obtido e non pedir, esta opción era cuestionada xa que ese domingo quedaba sen pedir o pobo.

Cesta con espigas para as ánimas, colocada no tempo da colleita do millo, nas almiñas do Cruceiro Pinto de Salcidos, colocada por Visita da Tenda do Tío Antonio das Eiras. (Foto cedida por Visita e autoría de Valencia)


Cesta das almas  con espigas, nas almiñas de Pintán (Foto Vitoriano)

Polos anos setenta/oitenta empezaron a haber casas que non aceptaban a cesta para cumprir ca obrigación establecida, o que creaba discrepancias entre o que a entregaba e o posible receptor, o que a entregaba dicía que segundo  a norma, a cesta tiña que deixala nesa casa, e non noutra, que era a costume de toda a vida. Pouco a pouco, as xentes da casa empezaron  a considerar  fora dos tempos en que vivimos, este tipo de petición de esmola pas almas, xunto a dificultade que lles ocasionaba ao veciño da quenda, patear todo o pobo para tal fin, polo que, po los anos oitenta- noventa se rematou con esta tradición.
.
Vitoriano Rodríguez
Xulio 2013
Regreso al contenido