Nicolás o Escribiente - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Nicolás o Escribiente

PUBLICADAS
por Victoriano Rodríguez


Nicolás Rodríguez Rodríguez nos seus anos mozos

        Nicolás Rodríguez Rodríguez, tamén coñecido por Nicolás do Ferreiro ou Nicolás do Bixo, nacera o 7 de Xuño 1892 na freguesía de San Pedro da Torre en Portugal. Motivado por uns enfrontamentos que tivera o seu pai Manuel co abade desa freguesía, decide toda a familia desprazarse para este lado do río. Vén a vivir para a Gándara, onde fora a casa de Xoán de Pulís, nas Patas, e montando unha fragua, na que traballaba o Tío Manuel, máis os fillos. Nicolás, sendo rapaz, tamén axudaba nas tarefas da fragua, indo a levar os arranxos que realizaban na súa bicicleta. Esta fragua era lugar de reunión e pasatempo onde se facían bailes organizados pola peña La Unión, chamada El Yunque. Outro grupo da Gándara facía os seus bailes na molinera de Gabriel Reyes, chamados Os Carozos, habendo gran rivalidade entre eles, dando lugar a divulgación dunhas polémicas coplas de Carnaval no ano 1933. Sendo mozo, Nicolás coñecería á moza Dolores Sobrino Álvarez de Buxán, que traballaba nas Cachadas, coa que se casaría aos 20 anos de idade, o 30 de Marzo de 1912 na parroquia de Salcidos, tendo este matrimonio seis fillos: Marina, Generosa, Lidia, Ricardo, Nicolás e Alejandro.


Nicolás cuns amigos no Brasil por 1920
 
Marina, a maior, viviu no Castro, marchando no ano 1959 para San Sebastián, onde falecería no ano 1959. Generosa, marchouse para Cádiz, volvendo máis tarde para Vigo onde falecería en 1988.
 
Lidia coñecida entre nós como “a cantora da Igrexa parroquial”, viviu na súa casa na Barreira na zona de O Castro, quedando viúva xoven con 27 anos; no ano 1970 iría a vivir para Vigo, falecendo no ano1996.
Ricardo estudiou para cura, sendo párroco de Crecente e de Tomiño; tras a súa xubilación, reside na Casa Sacerdotal de Vigo, onde falecería en 2011.


Don Ricardo, fillo de Nicolás e Dolores. Párroco de Crecente e Tomiño
Nicolás estudiaría nos xesuítas en Palencia, marchando para Santo Domingo e despois para Haití, onde traballaría na Cancillería daquel país; na actualidade non se sabe da súa situación. Alejandro, “O Alejandriño” como sempre o recordaría súa nai, morreu sendo un muciño (un anxeliño).
 
No ano 1915, marchan Nicolás e súa muller Dolores para Minas Xerais no Estado de San Paulo, Brasil. Polo seu carácter emprendedor chegou a ter un gran almacén de ultramarinos e unha gasolineira. Íalles moi ben, pero Dolores mantiña a morriña pola súa terra, que deixaran atrás, postura que determina o seu retorno no ano 1926. Cos aforros que trouxeron construirían a súa casa no camiño da Lada, lugar onde vivirían, e onde Nicolás se dedicaría á actividade de “escribiente”, facendo escrituras de compra e venta de fincas e casas, medicións de leiras, reparticións de herdanzas, e todo tipo de documentos.
 
 
Foto familiar. Nicolás coa súa muller Dolores, a filla Lidia e a neta Sira
 
Nicolás dispuña dunha gran intelixencia natural, que xunto cos coñecementos que adquirira no Brasil de Teneduría de Libros (contabilidade) e de Dereito, servíronlle para dedicarse de “escribiente” na súa casa de Buxán durante máis de trinta anos. Sendo un personaxe moi coñecido e servicial, xa que sería raro que calquera familia dos contornos non tivera que precisar dos servicios deste popular veciño noso.                                                

Casa onde habitara Nicolás e familia no camiño da Lada en Buxán
 
Durante a década dos anos 40 aos 60 case que a totalidade das escrituras de compra-venta, medicións das propiedades, redacción de testamentos e partixas de herdanzas desta zona foron redactadas da man deste experto veciño de Buxán. A súa capacidade e personalidade servía para  solucionarlle aos paisanos calquera problemática que tivera co seu patrimonio, tanto facía de medidor de leiras, como interviña como mediador nas clásicas desavenencias (disputas) pola extrema ou o marco (sempre movido a comenencia dalgún dos lindeiros). Tamén interviña coma mediador ou “home bo” no reparto das herdanzas: despois de ver e valorar o capital facía un reparto equitativo do mesmo; as partes, escritas en distintos papeis, metíaas no seu sombreiro dado volta, do que os herdeiros ían quitando a papeleta do reparto para cada un.
 

Nicolás nunha voda familiar. De branco, súa filla Josefina
 
O servicio das escrituras era completo, coma hoxe en día fai unha Xestoría. Nicolás medía as fincas, servía de conciliador, facía as escrituras, firmaba como testemuña (testigo), (o resto das testemuñas íanse a buscar no momento, á tenda de Ascensión do Galo ou á de Enrique o Coxo; calquera paisano que estivese tomando a chiquita, servía). Despois, el mesmo, unha vez por semana, na súa bicicleta ORBEA levaba tódolos documentos a rexistrar a Tui, onde tiña moi boas relacións; era gran amigo dos famosos avogados Aparicio e Cela. Máis tarde xa ía a estas xestións no coche de línea (liña) de Saracho.


Parte dunha escritura das miles que escribiu Nicolás, no remate a súa elegante firma e a de Enrique da Tenda
como testemuñas, e como titular a nai do autor deste escrito, Saladina da Gándara.

Ademais tamén fora o administrador das propiedades de D. Eloy Domínguez. Ao lado da súa mesa principal tiña outra pequena onde levaba a administración dos bens de D. Eloy.
 
As afeccións de Nicolás eran: a lectura, (dispuña dunha gran biblioteca), participar das tertulias que se facían no seu despacho, gran interese en estar informado, polo que foi un dos primeiros do lugar en ter radio para escoitar o parte, ir ao cine coa súa muller Dolores (tiñan dúas butacas reservadas), coidar das súas viñas e elaborar o seu propio viño. Era un gran amante dos animais, polo que tamén tiña un gran palomar.
 
Era Nicolás unha persoa ordenada e metódica en todos os aspectos; destacaba pola súa elegancia e pulcritude no vestir, e recordámolo sempre co seu traxe azul mariño con chaleco, garabata, e co seu impecable sombreiro (chapeau) de inverno complementaba co seu abrigo, paraugas e bufanda. E, como non podía faltar, tamén levaba un clásico reloxo de peto con cadea de prata; con este atuendo, co seu extraordinario mostacho, e co seu cabaleiroso porte, distinguíase, como dirían na súa orixinaria terra: un frinxido cabaleiro.

Nicolás portando o estandarte da Virxe Inmaculada, nunha procesión en Salcidos.
 
Era un gran créente-practicante católico, podémolo ver en fotos da procesión de Salcidos portando o estandarte da Virxe. Falece Nicolás o día 11 de decembro de 1968, aos 76 anos na súa casa de Buxán, da mesma forma que vivira: con toda entereza, levaba tempo enfermo, é incluso ese mesmo dia se afeita, repasa o seu bigote, como preparándose para o que ía acontecer.


Postal  enviada por Nicolás á súa neta Sira en 1961, onde se aprecia a sensibilidade e tenrura dunha persoa
que realizaba un serio traballo

        Que este escrito, sirva de recordo e homenaxe a Nicolás “o Escribiente”, que tanto e tanto escribiu, a pluma e tinteiro, cunha belísima caligrafía e exquisita literatura. Hoxe en día en tódalas casas do contorno temos un anaco da súa enorme obra, do seu puño e letra.
 
Vitoriano de Saladina
Xaneiro de 2006
Regreso al contenido