O patrimonio histórico urbanístico da Guarda (III) - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O patrimonio histórico urbanístico da Guarda (III)

PUBLICADAS
A vila vella ou A Guarda intra muros
por Joaquín Miguel Villa Álvarez

O ano pasado falabamos da existencia dunha zona vella na Guarda: a antiga vila intramuros. Moitos guardeses de hoxe en día descoñecen, certamente, que a vila onde residen, ou onde traballan, ten a súa orixe nunha antiga poboación rodeada toda ela de murallas. Nada sabemos sobre a orixe deste primeiro núcleo poboacional, tal e como recoñece o historiador guardés Domínguez Fontela: «Ignoramos en absoluto el tiempo de la primitiva fundación de La Guardia, así también los nombres de las personas que le dieron principio». Sinala que esta vila foi primitivamente un «castro» ou máis ben un «oppidum» fortificado, situado sobre o burgo mariñeiro prerromano. Esta vila costeira amurallada era a capital xurisdicional do antigo concello da Foz do Miño, e no devir dos tempos foi identificada nos documentos cos nomes de Gauda (século VI), Garda (século XII), Guarda (século XV) e La Guardia (século XIX). Sen dúbida a súa orixe é anterior a estes nomes, pero non sabemos como foi coñecida xa na época romana, ou incluso antes. De feito, partindo do tempo previo á romanización podemos imaxinar á bisbarra da desembocadura do río Miño con varios asentamentos emprazados en lugares protexidos a carón dos montes ou ben en elevacións naturais do terreo:
 
-          O barrio de Saa, na parroquia de Camposancos.
-          Os barrios de Salcidos e O Castro-Cividáns, na parroquia de Salcidos.
-          O castro da Forca, entre Salcidos e A Guarda.
-          A lomba do castelo de Santa Cruz, na parroquia da Guarda.
-          O lugar da vila da Guarda, a carón do porto de mar.
-          E, por suposto, a poboación de altura por excelencia situada no monte Santa Trega.[1]

Varios destes asentamentos seguen habitados hoxe en día (Cividáns, Salcidos, A Guarda) mentres outros foron abandonados, en parte ou totalmente, sen que saibamos cando nin como (Saa, A Forca ou o Castelo), lugares estes últimos que están pedindo a berros unhas escavacións arqueolóxicas que diluciden tanto a orixe como a fin da presenza humana neles. A poboación de altura do Trega sabemos que foi abandonada a comezos da era cristiá, razón pola que, urbanisticamente, se conservou no estadio previo á romanización.[2] Aínda así seguen existindo numerosas incógnitas como, por exemplo, as verdadeiras dimensións e importancia desta citania. Tan só cando se acometan de novo escavacións sistemáticas no principal poboamento prerromano de Galicia –non nos esquezamos nunca disto– poderemos saber se só foi unha aldea ou unha auténtica cidadela como afirmaba Fontela.
 
 
Para falar dun dos núcleos de poboación máis antigos, e nunca abandonado, como é a vila vella da Guarda, ou sexa, A Guarda intra muros, baseámonos case que exclusivamente nunha serie de traballos sobre a toponimia guardesa realizados polo historiador guardés Juan Domínguez Fontela (1869-1942) na década de 1930. Tivemos coñecemento deles grazas a unha recompilación de orixinais –escritos a máquina supomos que polo propio Fontela– feita polo director do Colexio PP. Somascos P. Orestes Caimotto, con motivo da homenaxe que lle fixo o colexio a este insigne historiador no ano 1970. Certamente, Domínguez Fontela segue a ser o gran referente para o coñecemento da historia máis remota da Guarda. Por iso, co fin de divulgar os seus achados entre os amantes en xeral da nosa historia, e de incentivar entre os investigadores a continuación das súas pescudas, habería que acometer un traballo fundamental para a historiografía guardesa: a edición das Obras Completas do canónico Domínguez Fontela.
As murallas
 
A día de hoxe, estes son os únicos vestixios das antigas murallas da vila da Guarda:
 -          Un anaco da muralla norte, onde se atopa a Torre do Reló.
-          O murallón da costa da Ireira, que pecha polo leste á praza de Juan Bautista Alonso (o antigo Monte Real).
-          A porta de abaixo, con todo o frontal da muralla sur a súa esquerda segundo se entra.[3]
 
Este frontal da muralla é, sen dúbida, o tramo máis impresionante da muralla guardesa, a cal vai gañando altura a medida que avanza cara o oeste, rematando nunha prazoleta ou atalaia que domina á entrada ao porto. Esta atalaia é un impresionante miradoiro sobre o Atlántico, aínda que hoxe a súa privilexiada vista está tapada polas casas edificadas en fronte. O cruceiro alí existente, antigamente situado no centro da praza, ten una base rectangular coa seguinte inscrición: TODO EL SANTO CRISTO DE LA SALUD HECHO A DEVOCIÓN DE LOS VECINOS DE ESTA VILLA EL AÑO DE 1.731. Pódese afirmar que este recuncho é un dos lugares máis pintorescos da nosa vila antiga, «continuamente visitado por turistas y convecinos nuestros», dicía Fontela nos anos trinta.
 
Agora ben, cando se fixo esta muralla guardesa? Ninguén o sabe. O primeiro arqueólogo do Trega, Ignacio Calvo, propuxo aló polo 1914 que as murallas da vila vella podían ser da Idade de Bronce, de cando os comerciantes fenicios e gregos visitaban estas costas na procura do valioso estaño. Sen embargo, ata que non se realicen prospeccións arqueolóxicas nestes muros, así coma nos solares das casas vellas, seguiremos ignorando a orixe aproximada da primeira poboación. No plano da Guarda realizado en 1899 polo agrimensor José Benito Andreini, xa figuran os mesmos tramos de muralla que existen hoxe en día, polo que o derrubamento dos tramos restantes xa debeu comezar en datas moi anteriores ao final do século XIX. Fontela afirma que xa nos séculos medievais –probablemente con motivo do renacer comercial da Baixa Idade Media– produciuse unha expansión da vila construíndose casas ao redor do muro. Un esplendor que de seguro continuou con motivo da conquista de América no século XVI, época na que é posible que a vila desbordara as murallas polo lado oeste. De feito non queda rastro da liña que puido ter a muralla nesa zona, polo que tan só podemos intuír por onde ía. (A rúa máis preto da suposta liña chámase «Baixo Muro»). Sen embargo, noutros lugares obsérvase claramente como una serie de casas seguiron á liña da antiga muralla. (Un exemplo máis preto no tempo da substitución da muralla por casas podémolo atopar camiñando pola Eireira ou á dereita da porta de abaixo).
 
Sen dúbida no século XVI produciuse unha enorme expansión da antiga vila intra muros. Así, por exemplo, no ano 1.559 fíxose a «casa vella do Concello» (actual sede da Policía Local), substituíndo á muralla e coa súa fachada cara o exterior. Fontela dáballe ese nome para diferenciala da «casa nova do Concello» edificada no ano 1837. Descoñecemos cal era a sede do vello Concello medieval, pero é posible que estivera ao lado do Hospital, dando a súa fachada á rúa San Marcos. Segundo esta hipótese, a chamada «Casa vella» do século XVI sería entonces unha expansión do Concello de San Marcos pola súa parte traseira, rematando nunha nova fachada cara á Praza de Reló.

Arranque da muralla desde a porta sur


Tramo central da muralla


Impresionante imaxe da muralla no seu punto máis alto, onde asoma a atalaia ou miradoiro

A prazoleta ou atalaia situada no extremo suroeste da muralla

(Ambos edificios son aínda hoxe propiedade do Concello da Guarda). Certamente, no século XVI o centro da vida municipal trasladouse do interior das murallas a un novo espazo creado tamén nese momento: a Praza do Reló ou Praza Maior, con motivo do aplanamento daquel lugar. Alí pasaron a celebrarse osmercados bisemanais de martes e sábados, as festas populares, e tamén as asembleas públicas dos pobos do antigo Concello da Foz do Miño, que ata entonces tiñan lugar no Eirado, fronte á porta lateral da igrexa. Neste século XVI, concretamente no ano 1.570, tamén foi reedificada ao lado dun dos cubos da vella muralla, a torre de vixianza da vila, a cal fora demolida no século anterior, probablemente con motivo das guerras irmandiñas. Esta torre tiña xa entonces un reloxo no seu cumio, o que explicaría o nome de Torre do reló co que foi sempre coñecida, así como o nome da praza aplanada á súa fronte. Esta torre foi reconstruída por completo no ano 1.730, cando xa ameazaba ruína.  

 
Á esquerda: Lugar onde se lle perde a pista a muralla, ao oeste da vila.
Á dereita: Exemplo de substitución da muralla por casas, na costa da Ireira


Á esquerda: A «Casa vella do Concello», situada entre a vella Torre do Reló e a «Casa nova do Concello».
Á dereita: xa moi cambiado– o posible edificio do Concello medieval da vila

En canto ás vías de entrada á vila intra muros, é preciso recordar que a antiga muralla que a pechaba só tiña dúas portas de acceso:


Á esquerda: Lugar onde se atopaba a porta norte ou porta de arriba
Á dereita: Imaxe actual da porta sur ou porta de abaixo

-          A «porta de arriba» ou «porta da praza». Daba cara á Praza Maior ou Praza do Reló. A rasante desta porta estaba a un metro sobre o nivel actual daquel sitio. O propio Fontela aínda recordaba a pedra cóncava na que xiraba o couzón (quicio) da porta. Esta entrada tiña unha ponte de cantería en forma de arco para o peche da porta, que ía dende o cubo da muralla ao lado da torre ata a casa contigua. Enriba deste arco existía unha cavidade dunha imaxe da Virxe co Neno Xesús nos brazos, sobre unha peaña na que había a seguinte inscrición: AVE MARÍA PURÍSSIMA, SIN PECº CONCEVª. Ao demolerse o arco, esta imaxe foi levada á igrexa parroquial.

-          A «porta de abaixo» ou «porta da vila». Daba cara ó convento. Tiña a rasante actual e accedíase a ela por medio dunhas pronunciadas escaleiras. Nesta porta pódese ver aínda hoxe, a dereita, a concavidade na que se apoiaba o couzón da porta, así como a parte do batente da columna.

 
Á esquerda: Escaleiras de acceso a muralla á esquerda da porta sur
Á dereita: Resto da muralla á dereita da porta sur
As rúas

Á esquerda: A rúa do medio (actual rúa Colón)
Á dereita: Inicio da rúa do Pozo (actual transversal Colón)
Esta antiga cidadela ou «acrópolis guardesa» tiña na súa orixe un claro carácter militar, non só pola existencia das murallas, senón pola disposición das tres únicas rúas que a constituían:
 
-          Rúa do medio (actual rúa Colón). Era a vía máis importante xa que atravesaba a vila de norte a sur, en pronunciada costa, dividindo en dous sectores a antiga poboación. Ademais comunicaba de maneira directa, ou sexa, visualmente, as dúas portas que daban acceso á vila, o que confirma o carácter militar da vila fortificada.

-          Rúa do pozo (actualmente dividida en Transversal Colón e Rúa do Muro). Discorría paralela á muralla sur, e ía desde a atalaia ou prazoleta existente no extremo suroeste do muro, atravesando a rúa do medio, ata a praza única da vila chamada Monte Real. Nesta rúa existía un pequeno cuartel para a guarnición do castro, así como o único pozo de auga potable para servizo dos seus habitantes, o cal lle deu o nome á rúa.
 
-          Rúa San Marcos (nome que conserva na actualidade). Discorría paralela á muralla norte e comunicaba a atalaia do muro coa praza de Monte Real, atravesando tamén a rúa do medio. Recibía o nome de San Marcos polo hospital-albergue que existía na súa confluencia coa rúa do medio.
As edificacións
 

Á esquerda: A primeira casa dos «Alonsos», probablemente de orixe medieval.
Todo un exemplo de edificio a conservar como prototipo de vivenda urbana da vila antiga intra muros.
Á dereita: Imaxe actual dunha antiga casa da rúa San Marcos, que aínda conserva o balcón baixo das casas medievais.
 
Na rúa do medio tiñan as súas casas as principais familias da vila, moitas delas cos seus escudos fidalgos nas fachadas. Así, por exemplo, na parte alta estaba a casa nativa dos Correa, cunha torre, a cal foi demolida nos tempos de Pedro Madruga, e no seu solar construíron cara o 1500 a chamada «casa nova dos Correa». Esta casa é a mesma á que nos referíamos hai dous anos no Libro das Festas do Monte 2007. Naquela ocasión referímonos a ela como a casa da familia Ozores y Sotomayor, outra rama entroncada cos Correa. Como vemos aínda queda moito por dilucidar e aclarar sobre a nosa nobreza local. Outra casa ilustre que existiu na rúa do Medio era a da familia Varela, cuxos escudos heráldicos xa desapareceran na época de Fontela. Lamentablemente xa non sabemos moitos máis pois Fontela remata o seu artigo sobre a rúa do medio deste xeito: «Otras varias familias de significada prosapia vivieron en esta calle, la principal de la antigua villa amurallada, de las que daremos cuenta cuando mencionemos los hijos más distinguidos de nuestro pueblo». Non sabemos se Fontela chegou a escribir sobre máis familias da nobreza guardesa. O que si deixou escrito foron os lamentos pola destrución no pasado dos libros de actas medievais do antigo Concello da Foz do Miño, nos que figuraban os nomes dos guardeses daqueles séculos, así como os títulos nobiliarios e escudos de armas que ostentaron, feitos de armas, negocios mercantís, etcétera.
 

Solar onde estaba situado o Hospital de San Marcos.
 
Fronte a casa dos Correa, ou Ozores y Sotomayor, formando ángulo entre as rúa do Medio e San Marcos estaba o antigo Hospital de San Marcos que lle daba o nome á rúa, cunha capela unida ao mesmo. Alí curábanse os enfermos pobres e se aloxaban os impedidos necesitados. Fontela sinala que xa existía en 1.458, pero que debeu ser moi anterior ao século XV a súa fundación. Fai esta afirmación por un detalle arquitectónico do edificio que aínda permanecía na década de 1930, cando era a carnicería municipal. Referíase aos restos da porta do antigo Hospital nos que aparecían motivos de ornamentación románica dos séculos XII e XIII, como eran as cabezas de cravo nelas esculpidas. O antigo Hospital de San Marcos constaba de dous pequenos edificios pegados, que formaban unha soa casa, cun pequeno patio ao fondo e un sobrado, isto é, un piso, no que había un salón rectangular para as camas dos albergados, con dúas alcobas para enfermos de certa preferencia, unha habitación da hospitalería, e unha cociña. O baixo estaba destinado a recoller obxectos de servizo ordinario, e a capela estaba inmediata, tiña unha pequena tribuna e comunicábase co Hospital polo baixo.
A praza do Monte Real (actual praza de Juan Bautista Alonso)


Imaxe da antiga Praza de Monte Real (actual praza de Juan Bautista Alonso), cun tramo da muralla perfectamente conservado

Era a única praza pública existente intra muros, e estaba destinada, principalmente, aos exercicios militares da pequena guarnición que tivo esta vila nos séculos medievais, e cuxo cuartel estaba nun local da rúa do Pozo, pegado ao muro. (Nos anos trinta ese local era un cabanón). Esta praza estaba rodeada por unha forte e alta muralla que, baixando dende a praza do reló, discorría por detrás das casas da antiga estrada Real por onde se accedía á vila –a actual rúa Cervantes–, continuaba pola baixada ao convento –a actual costa da Ireira– e xiraba despois cara a porta de abaixo. Antigamente existía un foso entre a muralla norte e a actual rúa Cervantes. Este foso foi tapado con pedras e terras traídas da ribeira cando se aplanou a prazo do reló no século XVI, e na nova explanada resultante comezaron a edificarse una serie de casas pegadas á muralla e coa fachada á Estrada Real. A comezos do século XIX dúas de esas casas eran as de Berdeal e de Juan Antonio Español, este último un indiano procedente de Guatemala, que tralo seu regreso de Nueva España cara o 1820 tamén construíra un gran almacén comercial na pasaxe, edificio que anos más tarde converteuse no Colexio dos Xesuítas.

Ao Monte Real só se accedía por dous sitios: pola rúa do Pozo ou dende a rúa do medio pola prolongación da rúa San Marcos, aínda que a parte da muralla que miraba á Praza Nova estaba case derruída dende principios do século XIX, razón pola cal por alí entraba e saía xente, especialmente os rapaces. Sen embargo, no ano 1838, no contexto da primeira guerra carlista, a vila foi asaltada por este punto polo guerrilleiro Guillade, polo que as autoridades liberais ordenaron cerrar e fortificar ese lugar da muralla. Pero alcanzada a paz en 1840, fíxose evidente o útil que sería que a Praza Nova estivese comunicada co Monte Real. Por ese motivo a finais desa década foi demolida a muralla dende a horta contigua á casa nativa dos Correa, ao inicio da rúa Cervantes, ata abaixo de todo, quedando as casas de alí, a de Español e Berdeal, con fachada tamén caro o Monte Real. A parte da muralla do tramo sur foi reedificada segundo está actualmente, deixándose aberta unha entrada que actualmente comunica o Monte Real coa Praza Nova e a baixada ao Convento. Estas obras de derrubo e reforma das murallas terminaron no ano 1852.

Hai que dicir que o pavimento e a superficie do Monte Real eran completamente irregulares, xa que existían varias cabanas pegadas á muralla e unhas hortas pechadas con paredes informes. O terreo público era sómente un 75 por 100 do actual. Por ese motivo, rematada a reforma das murallas no ano 1852, as autoridades de entonces decidiron nivelar o terreo do Monte Real e darlle una forma regular. Para iso apropiáronse de varias hortas alí existentes, entre elas un terreo situado na parte sur da muralla, propiedade de Juan Antonio Español quen, gratuitamente, cedeuno ao pobo. Ao parecer, tan só permaneceu como propietario do solar que facía esquina coa rúa do Pozo que ía ata a porta de abaixo, onde estaba o antigo pozo da vila. Co tempo esta finca pasou a ser propiedade da familia Berdeal, estando hoxe ocupada por un enorme edificio de recente construcción.
 

Edificio actual levantado sobre o antigo pozo da vila.

Este pozo da vila, o único que existía dento do sector amurallado do antigo castro da Guarda, non é un pozo calquera, senón que se trata en si mesmo dun verdadeiro monumento, soterrado a día de hoxe no corazón da vila vella, e totalmente descoñecido para a inmensa maioría dos guardeses. Segundo relata Fontela, o pozo da vila estivo moito tempo cegado e recheo de terra, de tal xeito que xa no século XIX ninguén se lembraba del, ignorándose a orixe do nome da rúa do Pozo que de alí saía. Así permaneceu ata que o descubriu casualmente Domingo Español, o fillo do Juan Antonio Español, cando arranxaba a horta do seu pai, probablemente na década de 1850, con motivo da remodelación da praza do Monte Real. Este achádego puxo de manifesto un elemento realmente singular, tanto arquitectónica como historicamente, que non pasou desapercibido para os contemporáneos. Tal e como o describía Fontela, este pozo da vila tiña unha abertura rectangular e ampla ata o fondo. A uns oito metros de profundidade abríanse catro galerías duns dous metros e medio de altura cada unha, situadas en forma de cruz latina, coa súa cabeceira cara o nacente (o leste), asemellándose a unha cripta relixiosa. A auga brotaba abundantemente dunha pedra viva do fondo.


Inscrición existente na Fonte da Vila, publicada no ano 1888 por Manuel Murguía na súa Historia de Galicia, tomo III, páxina 393.

No petril ou varanda do pozo estaba colocada unha gran pedra rectangular de granito, cara á praza, cunha inscrición en caracteres descoñecidos, una copia dos cales foi enviada ao Cronista do Reino, o gran Murguía, quen non logrou descifrar tal inscrición. Que si o conseguir anos máis tarde foi Domínguez Fontela para quen o alí escrito dicía: LUIS LÓPEZ, JUEZ 1.585. Tal escrito facía alusión ás reparacións que se efectuaron nas antigas murallas da Guarda no citado ano de 1.585 con motivo dos ataques do almirante inglés Francis Drake aos portos de Galicia. Estas murallas volverían a ser reparadas de novo no ano 1.628.

 Como podemos ver, a día de hoxe moi pouco quedou da nosa vila vella, pero o pouco que hai ben merece a pena poñelo en valor con restauracións e iluminacións axeitadas. Como, por exemplo o enorme tramo da muralla sur, coa súa porta situada ao final dunha orixinal escalinata de acceso, e a non menos particular atalaia na esquina oeste do muro. Porque por humildes que sexan estes fragmentos, son os verdadeiros vestixios da milenaria historia que os contempla, que é a historia dos nosos antepasados. E polo tanto a nosa historia.


Imaxe de comezo do século XX onde se aprecia a porta sur e gran parte da muralla. (Fotografía cortesía de Eduardo Martín Goyás).

Joaquín Miguel Villa Álvarez
Libro-programa do Monte de 2009


[1] Deste último asentamento é do que hoxe en día sabemos máis, grazas á transcendental contribución realizada pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (1912-1979), una asociación de guardeses que transformou para sempre a recente historia cultural e patrimonial da Guarda. Por certo que no ano 2012 vaise celebrar o centenario da aparición desta Sociedade, polo que animamos ás nosas autoridades, así como ao resto de institucións e asociacións guardesas, a ir pensando nos actos e actividades a realizar para conmemorar tan insigne data. O que fagamos ese ano, ou non fagamos, vai dar a medida do aprecio que temos á nosa historia e ao noso patrimonio, e sobre todo do verdadeiro valor e agradecemento que somos capaces de outorgar a aqueles guardeses quen nos precederon e tanto fixeron por este pobo.
[2] Para facernos unha idea de como se produciu tal abandono e, sobre todo, do rápido deterioro das vivendas deshabitadas, aconsellamos visitar a poboación de altura de Monterrei, situada no cumio do promontorio que preside o val de Verín (Ourense), xusto a carón do parador de turismo. Ao percorrer as súas rúas, valeiras dende hai poucos anos, é case imposible non trasladarse ao castro de Santa Trega xa case deshabitado no século II D. de C. Por outro lado, ao visitar algunhas poboacións de altura actuais coma Vejer de la Frontera ou Medina Sidonia, na provincia de Cádiz, ou Marvão, en Portugal, tampouco puidemos deixar de pensar en como puido ser a cidade do Trega se non fose abandonada tan cedo.
[3] Aconsellamos fixarse na enorme fotografía que o supermercado Gadis ten exposta á súa entrada, cunha imaxe da Guarda a comezos do século XX, na que se observa claramente a porta e o frontal sur da muralla da Guarda.
Regreso al contenido