O Rosal, 22/06/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal, 22/06/20

COMARCA
O Concello entrega 100 litros de xel hidroalcohólico ao comercio local do Rosal

 
O Rosal, 20 de xuño de 2020.- O Rosal segue dando pasos para apoiar ao comercio local nun momento tan complicado como o que se está a vivir. O Concello vén de entregar aos comerciantes un primeiro lote de 100 litros de xel hidroalcohólico adquiridos para repartir entre os diferentes establecementos rosaleiros e achegar así un pequeno gran de area ás medidas de prevención e seguridade marcadas polas autoridades sanitarias para esta nova realidade.
 
A entrega deste material forma parte da estratexia conxunta iniciada dende Alcaldía para sumar esforzos nun momento de incerteza e complexidade para axudar ao comercio rosaleiro de forma unida e integral. Esta iniciativa tivo como colofón a aprobación dun acordo plenario por parte de toda a corporación municipal a través do que aplicar todas as medidas posibles dentro do ámbito competencial municipal para mellorar a situación que están a atravesar os e as comerciantes do Rosal.
 
Nese camiño, o Goberno municipal puxo en marcha por primeira vez na súa historia un programa formativo para a transformación dixital do comercio que acaba de rematar e que serviu para dotar a todas as persoas participantes de ferramentas coas que mellorar, innovar e reaccionar para sacar o seu negocio adiante ante unha realidade tan cambiante. Na segunda fase, que comezará en breve, guiarase aos comerciantes interesados na reorientación do seu negocio, potenciando as súas fortalezas e buscando solucións para as posibles debilidades. Este programa formativo servirá para tomar o pulso á demanda real que presenta o comercio rosaleiro dunha plataforma de venda online que aglutine ao pequeno comercio do municipio.
 
Dende o Concello continúase tamén traballando nun plan integral de reanimación da economía local, trasladando tamén ás administracións provincial, autonómica e estatal a delicada situación que está a vivir o comercio local e outros sectores afectados e a necesidade de adoptar medidas extraordinarias e de dar unha resposta colectiva que vai moito máis alá da capacidade e das competencias municipais.
Regreso al contenido