O Rosal - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal

COMARCA
O Concello do Rosal rexeita o proxecto do parque eólico da Xunta na Serra da Groba
O Rosal, 29 de xaneiro de 2021.- O Concello do Rosal aprobou por unanimidade este xoves no pleno municipal unha moción presentada polo BNG de rexeitamento do proxecto o parque eólico promovido pola Xunta de Galicia na Serra da Groba. Esta iniciativa supón a construción de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte, dos que 5 estarían situados no Rosal, coa súa correspondente infraestrutura asociada, dende vieiros de aceso e servizo ata plataformas de montaxe ou gabias de cableado.
Aínda que dende o Concello se defende o uso de enerxías limpas e renovables como a eólica, a moción recalca a importancia de que a súa construción e ubicación sexa compatible co medio e co uso funcional do monte, na procura dun menor impacto medioambiental.
Por este motivo, denuncia ante a Xunta o modelo opaco seguido na adxudicación e tramitación dos parques eólicos que afectan á Serra da Groba, esixindo á Consellería de Industria a paralización dos proxectos en marcha e a aprobación dun novo marco lexislativo e dun novo Plan sectorial eólico que garantan a iniciativa pública e das comunidades locais na planificación enerxética, a tramitación transparente dos proxectos, dos dereitos das persoas propietarias dos terreo e a avaliación ambiental conxunta do plan e dos parques. A moción tamén destaca que a lei deixa aos propietarios dos terreos nunha situación de indefensión, empurrándoos a aceptar a proposta económica da empresa adxudicataria se non queren facer fronte a un proceso de expropiación.
O pleno aprobou onte tamén por unanimidade, cos votos a favor de BNG, PP e PSOE, a proposta inicial da ordenanza reguladora da limpeza de fincas, da distancia de plantacións nos terreos clasificados como urbanos e da xestión da biomasa no Rosal, que busca establecer un regulamento dentro do ámbito das competencias municipais para conseguir as axeitadas condicións de seguridade e reducir os riscos asociados aos incendios forestais.
Por último, o pleno deu o visto e prace con 8 votos a favor e 5 abstencións aos orzamentos municipais para este ano 2021, que superan os 3,3 millóns de euros e contemplan un importante incremento no gasto corrente e social, ademais da inclusión de investimentos que apostan polo benestar social, a proximidade, a igualdade, a cultura, o deporte, a mobilidade sostible, o desenvolvemento local, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental.
Todas as persoas interesadas en ver o pleno, celebrado de forma telemática, poden consultalo no Portal de Transparencia da web do Concello.
 

O Concello implementará crédito para a dinamización económica do Rosal
O Rosal, 27 de xaneiro de 2021.- Tras ser capaces de consolidar a estrutura orzamental municipal, o Concello do Rosal leva este xoves 28 a pleno uns presupostos que recollen os importantes cambios nas regras fiscais e que permitirán a Goberno municipal  “actuar como polo de dinamización económica e social nun momento especialmente complicado”.
“Nestes intres dende o Concello debemos loitar contra as consecuencias da pandemia impulsando proxectos de proximidade e dando prioridade á veciñanza. Por iso apostamos decididamente por realizar un importante grao de investimentos en proxectos, tanto na súa redacción, triplicando a cantidade prevista no exercicio anterior, como na execución, con proxectos clave na transformación do Rosal”, salienta a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.
Neste sentido, o vindeiro pleno aprobarase a implementación de crédito para continuar con proxectos que arrancaron no exercicio anterior. Deste xeito, establecerase unha partida de 89.000 euros para a primeira fase das obras de mellora da estrada Tabagón-As Eiras-Goián, que van supoñer un cambio na forma de concibir a mobilidade no municipio, xa que suporá unha reconversión integral da estrada que recuperará espazos para as persoas e contribuirá a fomentar a vida rural e mellorar as posibilidades de comunicación de xeito sostible entre os núcleos. Dáse así cumprimento ao convenio coa Deputación de Pontevedra, que financiará o 80% desta fase inicial.
Dentro desa aposta pola proximidade, incorpóranse proxectos de grande importancia, como a reforma integral do Mercado municipal para convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local e dinamizar económica e socialmente o núcleo urbano. O Concello xa está a traballar na segunda fase destas obras, así como no proxecto de transformación da Praza do Calvario.   
Por outro lado, contémplanse 11.000€ para a posta en marcha do Plan de Desenvolvemento Local, que se levará a cabo en colaboración coa Universidade de Vigo e que permitirá elaborar unha estratexia de aplicación práctica a medio prazo no municipio. Este plan enmárcase no senso da participación cidadá derivada do Consello de desenvolvemento local do Rosal, formado por profesionais e veciños e veciñas implicados en diferentes eidos de todos os sectores económicos.
Tamén se destinarán 9.000 euros ao proxecto Patrimonio vivo, un traballo centrado na memoria viva de diferentes persoas que xorde “como resposta a un compromiso do convencemento de que os nosos avós e avoas constitúen o patrimonio vivo do noso pobo”. Outros proxectos de proximidade que incorporan a estes orzamentos son o Ecoparque en Viso dos Eidos, a mellora da estrada da Cachada ou a mellora de abastecemento de augas.
Ante a actual situación sanitaria o pleno do vindeiro 28 de xaneiro (20.30 h) celebrarase de forma telemática. Calquera persoa interesada poderá consultalo a posteriori no Portal de Transparencia do Concello, onde estará accesible a toda a veciñanza.
  

Unha unidade móbil de doazóns de sangue visitará O Rosal o vindeiro 2 de febreiro
O Rosal, 26 de xaneiro de 2021.- A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará no Rosal o vindeiro martes 2 de febreiro. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas.
Nunha situación excepcional como a que se está a vivir neste momento de crise sanitaria, o Centro de Transfusión extrema os protocolos de seguridade para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, pídese a todas as persoas que desexen doar sangue que pidan cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes.
En cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.
Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.
A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos quere agradecer a colaboración da veciñanza do Rosal para continuar co seu labor de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia, que cada día precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade.
 


O Rosal aprobará uns orzamentos que priorizan máis que nunca ás persoas
O Rosal, 25 de xaneiro de 2021.- O Concello do Rosal aprobará este xoves 28 en pleno uns orzamentos reestruturado tendo en conta a nova realidade e “tecidos para aplicar políticas que prioricen máis que nunca ás persoas”. “As circunstancias que preceden e engloban os orzamentos para este 2021 obrigounos a reinventarnos para seguir proxectando, camiñando e progresando antepoñendo a saúde pública. As situacións excepcionais requiren de respostas excepcionais e na administración local debemos empregar todas as competencias e mecanismos á nosa disposición para sumar na reactivación social e económica respectando, colaborando e dando cumprimento a todas as medidas de saúde pública”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández.
Estes orzamentos superan os 3,3 millóns de euros e contemplan un importante incremento no gasto corrente e social, ademais da inclusión de investimentos que apostan polo benestar social, a proximidade, a igualdade, a cultura, o deporte, o desenvolvemento local, a transformación en termos de mobilidade sostible, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental facendo un esforzo a prol da elaboración de proxectos de eficiencia nas liñas de actuación nas que camiña a Unión Europea.
Coa análise da execución dos tres exercicios anteriores, e tratando de que os créditos previstos sexan suficientes para recoller o gasto corrente previsto, incrementouse nun 9% a partida de gastos en bens correntes e servizos, que ronda os 1,5 millóns de euros. Destaca tamén o importante esforzo do Goberno local por mellorar o servizo de atención á dependencia, que incrementará nun 29% o número de horas e contará cun orzamento total asignado de case 220.000 euros.
Por primeira vez, estes orzamentos apostan pola colaboración coas traídas de augas nun sentido amplo, a través dunha liña de subvencións para o investimento nas traídas de augas veciñais e tamén implementando gasto corrente para a realización de analíticas. Para a rexedora “é un paso importante na posta en valor dun eido de implicación da veciñanza nun elemento tan esencial na vida das persoas como é a auga”.
Por outra banda, consolídase e increméntase o investimento en promoción cultural, que se adapta ás características demográficas do municipio, cunha veciñanza dispersa e envellecida. O Goberno municipal continúa así a súa aposta por levar a cultura aos barrios, “facilitando o seu acceso a todas as persoas e con eventos totalmente adaptados á nova realidade”. Unha programación cultural na que a igualdade xogará un papel importante “máis alá dos meses habituais nos que hai programación desta temática” e na que se fará tamén un esforzo importante na colaboración e visibilización das festas populares do concello.
Incremento tamén do 7,2% para subvencións municipais correntes que, como todos os anos, se centran na súa maioría en apoiar iniciativas relacionadas con servizos sociais, na que se duplica a dotación, e actividades deportivas e culturais. A distribución dos máis de 321.000€ deste apartado farase a través do Plan Estratéxico de Subvencións, un instrumento pioneiro posto en marcha polo Goberno municipal para realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das distinta axudas ao tecido asociativo, “apoiando na medida do posible o traballo que desenvolven en distintos eidos as asociacións rosaleiras coa implicación da veciñanza, contribuíndo a  mellorar a realidade do noso concello”.
 

O Concello achégase a ver a nova furgoneta da U.D. Ribera
O Rosal, 21 de xaneiro de 2021.- O Concello do Rosal continúa comprometido co deporte e colaborando cos diferentes equipos. A alcaldesa visitou a U.D. Ribera para ver a nova furgoneta adquirida polo club, unha ferramenta que facilitará a mobilidade do club cando teña que realizar desprazamentos deportivos.
Dende o Concello queremos agradecer o gran labor realizado polo club en momentos tan complicados e poñer en valor o traballo que levan feito para adaptarse á nova realidade e continuar coa actividade deportiva de xeito seguro.
Cun exhaustivo protocolo anti COVID-19, o club continúa adestrando con todas as medidas de seguridade, adaptándose constantemente á normativa marcada dende as autoridades sanitarias e facendo un esforzo moi importante para manter a actividade dando prioridade á saúde pública.
A alcaldesa Ánxela Fernández Callís achegouse cos membros do club Yago Cruces e Nel Gómez para ver o novo vehículo adquirido.
  

As obras do mercado do Rosal, a bo ritmo
O Rosal, 19 de xaneiro de 2021.- A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitou o mercado municipal acompañada dos arquitectos responsables da súa reforma e de concelleiros para comprobar a evolución das obras desta primeira fase, que arrancaban a semana pasada co obxectivo de recuperar un edificio emblemático dos anos 50 e converter a praza de abastos nun espazo vivo que dinamice o núcleo urbano económica e socialmente.
“Estamos en plena execución da fase 1 destas obras que son exemplo da aposta clara do Concello polo local, promovendo actuacións que fagan o  noso comercio máis atractivo e competitivo”, salienta a rexedora. Neste sentido, por exemplo, o novo mercado contará por exemplo cun novo posto en formato tenda de conveniencia co que fomentar o produto de proximidade. Por outra banda, o Concello xa está a traballar na segunda fase da reforma, que fará fincapé nesta aposta polo local e pola calidade seguindo os estándares de Mercado de Excelencia que marca a propia Xunta.
Tras a visita ás obras, os arquitectos do mercado municipal mantiveron unha reunión de traballo co equipo responsables da redacción do proxecto da Praza do Calvario co obxectivo de abordar as obras de xeito coordinado, sobre todo en traballos relacionados con cuestións como as subministracións. “Abordamos o proxecto de reforma da praza e a execución da obra do mercado non só como cuestións puntuais, senón  como unha reformulación de toda a contorna, como unha nova forma de pensar os espazos públicos e recuperalos para as persoas”, recorda Ánxela Fernández.
Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000 euros que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.  Mentres duren as obras, os praceiros e praceiras seguirán ofrecendo os seus servizos na Escola Simón de Mazo, remodelado e acondicionado polo Concello para adaptalo á nova actividade.
 

Novo remolque de emerxencias para Protección Civil do Rosal
O Rosal, 14 de xaneiro de 2021.- Membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Rosal acudiron este martes 19 en Vilaboa acompañados polo concelleiro Germán Fernández para recoller o novo remolque entregado pola Xunta ao abeiro das subvencións para equipamentos de emerxencias. Trátase dun remolque con características especiais idóneo para intervencións nos incidentes provocados por inundacións e temporais e para desprazarse por aquelas zonas do Rosal que contan con rúas e vías máis estreitas.
Este novo equipamento axudará a mellorar a capacidade das intervencións da agrupación, que soamente no ano 2020 participaron en 116 operativos, máis dun cento no municipio rosaleiro e 15 no concello de Oia. Ademais da participación como asistentes ou para control de afluencia en eventos, durante todo o ano os voluntarios e voluntarias desempeñaron tarefas tan dispares e necesarias, como a asistencia en accidentes de tráfico ou domésticos ou en problemas con animais soltos, a axuda á veciñanza en distintas parroquias, a colaboración no reparto de alimentos ou máscaras, a entrega de ordenadores ou material escolar ao alumnado ou incidencias por lumes ou temporais, entre outros.
O Concello quere poñer en valor o gran labor que realizan estes voluntarios e voluntarias no municipio, de vital importancia neste ano de pandemia, e agradecer todo o traballo realizado para atender aos veciños e veciñas no día a día.
 

O Concello merca tres timbais para o auditorio
O Rosal, 14 de xaneiro de 2021.- O Concello do Rosal acaba de adquirir tres timbais para o auditorio municipal que serán empregados por músicos rosaleiros e ensembles que actúen neste espazo e os precisen para os seus espectáculos. O Rosal é un concello prolífero no ámbito musical, exemplo diso é o gran número de músicos que saen da escola de música da Agrupación Musical do Rosal, coa que o concello colabora activamente dende hai anos. “Dotar ao auditorio municipal de instrumentos musicais e de todo o material necesario, tanto instrumental como técnico, é unha aposta polo desenvolvemento cultural do noso pobo”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Por este motivo, o Concello irá dotando ao auditorio municipal do material necesario, comezando por dous timbais cromáticos de 23 e 29 polgadas con pedal de embrague co que completar o xogo co timbal concedido anteriormente, de 26 polgadas. Estes instrumentos, de grandes dimensións, tiveron un custo de máis de 7.250 euros que foron subvencionados a través do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.
Estes timbais constan de caldeira de cobre, formadas a presión para manter un grosor uniforme en toda a caldeira, e suspendida mediante un anel de aceiro contorneado forte e firme para manter a estabilidade durante o transporte. Os instrumentos teñen tres rodas, dúas na parte posterior e unha baixo o mecanismo de pedal con sistema de freado para evitar que xiren e, contan ademais, cun mecanismo de afinador fino dos timbais colocado ao lado dos intérpretes que ofrece unha gran fluidez.
Achegamos imaxe dos novos timbais adquiridos con, de esquerda a dereita, Andrés García, presidente da Agrupación Musical do Rosal; Ánxela Fernández, alcaldesa; e Javier Alonso, director da Agrupación Musical.
  

Cribado voluntario masivo PCR O Rosal
O Rosal, 13 de xaneiro de 2021.- Ante a alta incidencia acumulada da COVID-19 no Rosal nos últimos días, o Concello propuxo ao Servizo Galego de Saúde a realización dun cribado masivo voluntario a través de probas PCR que permita identificar a positivos asintomáticos dos que non se teña constancia e axudar así a reducir a propagación do virus. Por este motivo, desde este mesmo mércores xa está habilitada a páxina covid.orosal.gal, na que as persoas interesadas en colaborar poden inscribirse enchendo un sinxelo formulario. A inscrición tamén estará accesible dende a páxina web do Concello.
Unha vez recollidos os datos das persoas voluntarias serán trasladados ao Sergas, que a partir de principios da vindeira semana contactará con cada un dos inscritos para dar cita para a proba PCR, un frotis naso-farínxeo totalmente indoloro que permitirá tomar medidas que axuden a frear a transmisión. As probas realizaranse en Vigo, nun centro que se comunicará a cada persoa no momento de dar a cita.
Trátase dunha oportunidade de facer unha proba PCR de balde e estar seguros e seguras de se se está infectado ou non de coronavirus.
“Animamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar, sobre todo a aqueles que poidan ter máis risco. A colaboración de todos e todas é fundamental para reducir o nivel de contaxio que temos nestes intres”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández, que fai tamén un chamamento á responsabilidade e á prudencia de toda a veciñanza.
A Xunta vén de decretar o nivel extremo de alerta en toda a comunidade autónoma, endurecendo as medidas restritivas en toda Galicia. A partir deste venres 15 de xaneiro adiantarase o toque de queda ás 22.00 horas, xa non estará permitida a mobilidade entre concellos, a hostalaría pechará a partir das 18.00 horas e os comercios ás 21.30 horas. Ademais, as reunións entre non convivintes limitaranse a un máximo de catro persoas.
  
O PSdeG-PSOE pon en marcha as xestoras de O Porriño, As Neves e O Rosal
Pontevedra, 13 de xaneiro de 2020.  A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE celebrou a primeira xuntanza do ano para abordar cuestións orgánicas que, como é habitual dentro do partido na provincia, resolvéronse con consenso de tódalas partes e acordo unánime dos integrantes da Executiva. Deste xeito quedaron aprobadas as novas Comisións Xestoras encargadas de dirixir as agrupacións locais de O Porriño, As Neves e O Rosal.
Respecto ao O Rosal, a Comisión Xestora estará presidida por Miguel Ángel Rodríguez Velasco, acompañado de María Concepción Alonso Rodríguez, José Manuel Gómez Campos, David Gómez Cardoso e Milagros Carmen Amador Dacal.
O acordo foi adoptado nunha Executiva Provincial celebrada novamente de maneira telemática e na que houbo unha amplísima participación, e inclúe tamén a designación de Luis Piña, secretario provincial de Organización, como colaborador e observador nas tres xestoras.
O secretario xeral provincial, David Regades, explicou que as Xestoras de O Porriño, As Neves e O Rosal funcionarán como órgano de transición, encargado de organizar a asemblea de militantes que dea paso ás novas Executivas municipais, un proceso que agora mesmo é imposible de abordar por mor das restricións derivadas da pandemia de COVID19. As asembleas, explicou, celebraranse cando as condicións sanitarias o permitan. Regades subliñou que o diálogo presidiu o proceso de designación e agradeceu a colaboración de toda a militancia. “O obxectivo ata que tomen posesión as novas Executivas é dinamizar o partido, garantindo a súa relación coa sociedade, e conducir o proceso de elección das novas direccións locais sempre co respecto á cultura de democracia interna que caracteriza ao socialismo”.
Regades fixo fincapé na tradición de diálogo que existe no PSdeG-PSOE provincial “onde as cousas se falan dentro para fortalecernos e centrar as nosas enerxías en presentar proxectos sólidos á sociedade”. Unha traxectoria que recalcou, é valorada pola cidadanía, como demostran as 22 alcaldías socialistas da provincia e o feito de que máis de 600.000 das/os máis de 900.000 pontevedresas/es conten con gobernos dirixidos ou apoiados polo Partido Socialista.
  

Comezan as obras de reforma íntegra do mercado do Rosal
O Rosal, 11 de xaneiro de 2021. O Concello do Rosal iniciará este martes 12 de xaneiro a primeira fase das obras do seu mercado, unha reforma íntegra da praza de abastos para convertela nun espazo vivo no que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente. “Son os primeiros pasos para que o mercado sexa un polo de atracción non soamente para a veciñanza, senón tamén para o comercio local e mesmo para novas persoas emprendedoras que ven na praza de abastos unha oportunidade”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000 euros que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.
Para seguir ofrecendo o servizo á veciñanza e que os praceiros e praceiras poidan ter abertos os seus postos nun espazo alternativo mentres dure a reforma do mercado, o Concello remodelou e acondicionou a Escola Simón de Mazo para adaptalo á nova actividade. Así, dende este mesmo luns 11 de xaneiro os praceiros e praceiras xa abriron os seus postos ao público neste edificio que funcionará como mercado provisional.
Remodelación interior
O proxecto de reforma do mercado está enmarcado no plan de desenvolvemento local, co que o Concello aposta “polo comercio de proximidade e pola concepción dunha praza de abastos como centro de dinamización económica e social da contorna”. Nesta primeira fase levaranse a cabo os traballos de remodelación interior do actual edificio do mercado, construído en 1954.
Mentres que no exterior repararanse deficiencias e elementos deteriorados na cuberta, no interior farase unha reforma xeral para dar unha nova vida ao mercado, reciclar o seu interior e adaptado ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias. O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e tenda de conveniencia con espazo para venda e promoción de produtos locais.
A remodelación é froito dun proceso participativo no que praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e outros usuarios e usuarias do mercado achegaron o seu punto de vista sobre as necesidades detectadas. A partir de aí procedeuse á elaboración de plans de mellora e de usos encamiñados a converter a praza nun mercado de excelencia, o selo posto en macha pola Xunta de Galicia que recoñece a modernización dos mercados e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos actuais retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade e o trato personalizado.
  

O Rosal adorna o seu comercio con adornos feitos polas nenas e nenos do concello
O Rosal, 4 de xaneiro de 2021.-  Nestes días o comercio do Rosal vístese de gala dun xeito moi especial. Nos seus escaparates e tendas locen uns adornos de excepción, xa que foron elaborados con moito agarimo polas alumnas e alumnos dos colexios do Rosal.
Durante a última semana lectiva do ano os colexios do Rosal colaboraron nesta iniciativa do Concello que agora busca contribuír a que os reis magos fagan as súas compras en clave local, nos establecementos e comercios do municipio.
Debuxos, pezas xeométricas en tres dimensións, manualidades e moitos máis adornos froito da creatividade das nenas e nenos rosaleiros son o resultado desta iniciativa, que o concello distribuíu polos diferentes establecementos.
“Trátase dunha iniciativa moi bonita na que as persoas máis novas do Rosal, as nosas nenas e nenos, xa están a axudar e contribuír a mellorar o noso municipio coa súa creatividade e co seu agarimo” declaraba a alcaldesa, Ánxela Fernández, que engadía que “comprar no comercio local é moi importante sempre, pero este ano é esencial que apostemos polos comercios das nosas veciñas e veciños”
O Concello da comezo así a unha semana repleta de actividades en torno á chegada dos Reis Magos con espectáculos e percorridos polos barrios cumprindo con todas as medidas de prevención.
   

A alcaldesa do Rosal Ánxela Fernández despediu o ano reuníndose coa xente nova do concello
O Rosal, 31 de decembro de 2020.-  O ano 2020 estivo marcado pola pandemia, o que afectou a case todos os niveis da sociedade. Tamén impediu que o equipo do goberno do Rosal puidera organizar, tal e como tiña previsto, o percorrido de reunións de participación polas parroquias do concello para conversar ca veciñanza e recoller de primeira man as súas inquedanzas e demandas. Aínda que estas reunións retomaranse en canto a situación sanitaria o permita, considerouse importante promover unha reunión telemática cun grupo representativo das persoas novas do Rosal, como grupo de idade protagonista do noso presente e futuro. Así, no día de onte a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, reuniuse con máis de 25 persoas novas de diferentes parroquias do concello por videoconferencia.
Ao longo da reunión a mocidade rosaleira conversou ca rexedora sobre diversos temas e proxectos de futuro. Os mozos e mozas participantes achegaron as súas ideas e propuxeron á súa vez iniciativas ou suxestións. “A verdade é que foi unha experiencia moi boa. Xurdiron algunhas ideas e propostas nun ambiente moi agradable” valoraba a alcaldesa tras a reunión. Así mesmo, destacaba que “este formato pode ser reproducible de cara ao futuro incluso a outros ámbitos concretos mentres a pandemia impida facelo de xeito presencial”.
Con esta reunión o Concello do Rosal pecha un ano cheo de novidades, iniciativas e proxectos, que non paran e que continúan coa chegada do novo ano no que, tal e como declaraba a alcaldesa “esperamos e desexamos que volvan tempos máis doados, cheos de apertas e onde a distancia deixe de novo paso á proximidade das persoas.”
Regreso al contenido