O Rosal - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal

COMARCA
O Rosal reinventa as súas actividades anuais para adaptalas á nova realidade
O Rosal, 29 de setembro de 2020.- O Rosal continúa a traballar para que a veciñanza teña unha ampla oferta de actividades deportivas e de lecer ao alcance da man. Neste sentido, ante a limitación que supón a crise sanitaria para realizar actividades en instalacións municipais, o Concello colaborará con diferentes asociacións que se farán cargo das actividades anuais de pilates, restauración, pintura e ioga.
“Grazas á comunicación fluída co tecido asociativo puidemos buscar un novo encaixe para estas actividades en lugar de cancelalas. É esa colaboración coas asociacións as que fan posible nestes momentos manter as actividades, ao tempo que se axuda a dinamizar estas entidades”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Actividades
A Agrupación Musical do Rosal encargarase de xestionar as actividades de pilates e ioga, que se impartirán no local da Fundación O Rosal (Praza do Calvario, a carón de Correos). As persoas interesadas en participar poden informarse sen compromiso ou inscribirse achegándose ao Auditorio Municipal ou chamando aos teléfonos 986 62 63 11 ou 609 866 792. As clases comezarán en outubro e haberá varios horarios dispoñibles.
Pola súa banda, na Sociedade Recreativa e Cultural de San Miguel de Tabagón impartiránse das clases de manualidades e restauración. As clases serán martes, mércores e xoves de 19.00 a 21.00 horas e terán un custo de 15 euros ao mes. Para inscribirse é necesario chamar ao teléfono 685 67 09 79. Tamén nesta asociación serán as clases de pintura os xoves e venres. As persoas interesadas poden facer a súa inscrición no 620 87 64 81.


O Concello presenta á veciñanza o proxecto do Ecoparque Viso dos Eidos
O Rosal, 25 de setembro de 2020.- O Concello do Rosal convoca á veciñanza para coñecer os detalles do proxecto do Ecoparque Viso dos Eidos. A presentación e exposición pública realizarase o vindeiro martes 29 de setembro na Praza de Martín, onde a alcaldesa, Ánxela Fernández, e a arquitecta María Fandiño explicarán o que se realizará na contorna e na que os veciños e veciñas poderán achegar as súas suxestións ou resolver dúbidas.
A creación deste ecoparque suporá a transformación dun ámbito de propiedade municipal nun espazo de convivencia para a veciñanza e a posta en valor do patrimonio etnográfico que hai nesa contorna. Todo o proceso realizarase empregando técnicas naturais e tradicionais, con especies autóctonas relacionadas coa auga dada a importancia que este elemento ten na contorna.
O proxecto contará cun orzamento total de 93.000 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios.
    
O Concello vai investir case 30.000 euros na desinfección dos centros educativos
O Rosal, 28 de setembro de 2020.- O Concello do Rosal asumirá o custo das tarefas de desinfección dos centros educativos do municipio por responsabilidade co ensino público e coa saúde de todas e todos. Non obstante, a administración local é unicamente responsable da limpeza dos centros escolares pero non da súa desinfección. “Para nós é unha prioridade velar pola seguridade dos rosaleiros e rosaleiras, sobre todo na actual situación sanitaria, aínda que sexa unha cuestión que vai máis alá das tarefas de mantemento e que para o Concello supoña un sobrecusto importante”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O Concello investirá case 30.000 euros nos traballos de desinfección dos centros aos que fará fronte incrementando a xornada do persoal municipal dedicado ás tarefas de limpeza. Non obstante, O Rosal reclamará á Xunta que se faga cargo do financiamento destas medidas extraordinarias provocadas pola situación excepcional da pandemia.
Dende o Concello quere agradecerse o gran labor que están a facer o equipo de limpadoras e a súa colaboración e implicación nestes momentos tan complicados. O seu traballo é fundamental para tomar medidas que axuden a ter un ano escolar máis normalizado e seguro.


Homenaxe ao D. Isaac polos seus 50 anos no Rosal
O Rosal, 25 de setembro de 2020.- D. Isaac Penelas cumpre 50 anos ao fronte da parroquia de Santa Mariña do Rosal, medio século de vida no que o crego converteuse nun piar do desenvolvemento do municipio. Por este motivo, o Concello rendeulle este venres unha homenaxe agasallándoo cunha figura de Castelao de Sargadelos gravado coa frase ‘Grazas D. Isaac por estes 50 anos no Rosal’.
Comprometido socialmente, durante estas cinco décadas D. Isaac foi alén das súas obrigas eclesiásticas ata ser un persoeiro fundamental do desenvolvemento social do Rosal, tendo un papel relevante na defensa dos intereses da veciñanza e protagonizando momento relevantes da historia rosaleira dos últimos anos.
Basta lembrar a súa decisiva achega na defensa dos intereses agrarios na loita dos anos 70 do pasado século por impedir que as augas do río Tamuxe remataran en usos alleos fóra do concello. Tamén o seu desinteresado traballo durante décadas, primeiro na creación da cooperativa agraria do Pilar e despois no desenvolvemento e xerencia da mesma, tempos nos que acadou os seus mellores resultados.
Moitas grazas D. Isaac por este medio século de dedicación, pola súa proximidade, humildade e implicación.
      
O Rosal aprobas as bases para a concesión de subvencións para actividades sociais
O Rosal, 25 de setembro de 2020.- Por primeira vez na súa historia, O Rosal conta cun Plan Estratéxico de Subvencións, unha ferramenta a través da que realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das axudas ao tecido asociativo. Neste marco, o Concello aprobou este xoves 24 en pleno as bases e a convocatoria para a concesión de subvencións municipais a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades sociais durante 2020. A estas axudas destinarase un orzamento de 5.000 euros.
O obxectivo desta convocatoria é apoiar e promover en réxime de concorrencia competitiva a concesión de subvencións entre as entidades de carácter social que desenvolvan actividades que redunden no benestar social da veciñanza a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social ou fomento e sensibilización da participación cidadá definidas como prioritarias dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais. A maioría das asociacións que realizan este tipo de actividades teñen un ámbito de actuación supramunicipal.
As axudas irán destinadas a financiar proxectos de inclusión social para a cobertura de necesidades básicas ou que se executen directamente con persoas en situación de vulnerabilidade; de intervención con persoas maiores, dependentes ou con diversidade funcional; de atención no ámbito das drogodependencias ou para a realización de actividades socioculturais destinadas á poboación xeral.
“Deste xeito buscamos apoiar na medida do posible o traballo que desenvolven as asociacións coa implicación da veciñanza, que contribúe á mellora da realidade do noso concello. Queremos darlle máis liberdade ao tecido asociativo para que poidan facer con eses fondos o traballo que xa veñen desenvolvendo, aínda que máis alá de axudas económicas seguiremos traballando man a man con eles en proxectos e actividades en común para poñer en valor e visibilizar o traballo do asociacionismo”, resalta a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Por outra banda, neste pleno tamén se procedeu á aprobación inicial para a actualización do inventario de Bens Inmobles municipais, no que se atopan dende todo tipo de terreos, parcelas ou prazas ata parques, escolas, lavadoiros, fontes ou bombeos. O último reconto destes bens municipais realizouse en 2006 e dende entón procedeuse á adquisición de novas parcelas e inmobles que non están rexistrados como propiedade municipal. Xunto a esta iniciativa tamén se trataron, xunto a outros temas, a aprobación dos festivos de carácter local para o vindeiro ano 2021, que serán o 16 de febreiro e o 26 de xullo.
    

O Rosal adapta o seu auditorio municipal á nova realidade
O Rosal, 24 de setembro de 2020.- O Concello do Rosal vén de levar a cabo os traballos de modificación do auditorio municipal para adaptar estas instalacións á nova realidade. Deste xeito, nos últimos días retiráronse varias filas de butacas e procedeuse á ampliación do escenario para poder garantir o mantemento das distancias de seguridade durante o seu uso tanto por parte da Escola de Música como durante os ensaios da Agrupación Musical do Rosal, con máis de 80 integrantes.
Con estes cambios na distribución do auditorio municipal búscase “manter viva a actividade cultural, algo que non sería posible sen a colaboración e o apoio que estamos tendo do tecido asociativo. Estas modificacións son un exemplo de todo o que se está a facer para adaptarse ás circunstancias e seguir mellorando e avanzando”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Dende o Concello quérese agradecer o traballo desenvolvido pola Agrupación Musical do Rosal, que fixo un grande esforzo colectivo por continuar coa súa actividade de forma ininterrompida durante esta crise sanitaria e manter viva a cultura. Por suposto, tamén o recoñecemento a todos os operarios municipais, que levaron a cabo todos os traballos de adaptación con rapidez e axilidade para que a actividade continuara na maior brevidade de tempo posible.
   
O Concello reúnese coa Xunta para falar do desenvolvemento da área industrial do Rosal
O Rosal, 24 de setembro de 2020.- O Concello do Rosal mantivo este mércores 23 de setembro unha reunión con responsables do Instituto de Vivenda e Solo (IGVS) para abordar a situación na que se atopa na actualidade o parque empresarial supramunicipal A Guarda-O Rosal. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, acudiu ao encontro co director xeral do IGVS, Heriberto García, acompañada polo equipo técnico redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Rosal, que se atopa nestes intres en pleno desenvolvemento.  
A execución deste parque empresarial, de máis de 272.000 metros cadrados de superficie situados en terreos do barrio de O Viso e de A Gándara, foi aprazada hai unha década pola Xunta de Galicia. Para o equipo técnico coñecer o plan previsto para esta zona é fundamental, xa que influirá directamente na redacción do novo PXOM do Rosal.
Para o Concello a posta en marcha deste parque empresarial de competencia autonómica é unha prioridade, xa que “o polígono supón unha aposta de futuro para o desenvolvemento do municipio”. “A área sur do Baixo Miño é unha zona moi activa cun marcado carácter transfronteirizo na que é esencial que haxa un asentamento industrial estable”, explica a rexedora. A creación dese solo industrial non soamente “permitiría xerar dinamismo económico na zona, senón que axudaría de forma importante por exemplo a fixar poboación”.
O Concello seguirá insistindo, traballando e colaborando para que o órgano competente, que é a Xunta de Galicia, priorice e desenvolva este parque empresarial.


Evolución positiva da situación epidemiolóxica no Rosal, con só 10 casos activos
O Rosal, 23 de setembro de 2020.- O Concello do Rosal destaca a evolución positiva da situación epidemiolóxica do municipio, que nos últimos días como descendía paulatinamente o número de casos activos de COVID-19. Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, nestes intres só quedan 10 casos positivos no concello. Recordamos que se consideran casos activos o de aquelas persoas que tendo o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saúde do Rosal deran positivo na proba PCR e aínda non recibiron a alta médica.
Esta evolución positiva permitiu que Sanidade levantara o pasado sábado 19 de setembro no Rosal as medidas restritivas decretadas para frear a expansión da COVID-19. Ao saír da zona de restricións a Consellería suspende as reunións semanais programadas co Rosal para facilitar información actualizada da situación no municipio. Non obstante, dende o Concello seguirase trasladando á veciñanza calquera información oficial que transmitan as autoridades sanitarias.
Pola súa banda, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia da rápida mellora dos datos no Rosal e da redución de casos positivos, pero fai un chamamento á responsabilidade e a cumprir as medidas “de xeito tan exemplar como ata o de agora”. “Debemos ser conscientes da nosa vulnerabilidade e de que estes brotes e contaxios puntuais forman xa parte da nosa vida cotiá. Por iso, pola saúde de todos e todas, é momento de redobrar esforzos e extremar as medidas de precaución”, salienta.


O Rosal actualizará o inventario de bens inmobles municipais
O Rosal, 22 de setembro de 2020.- O Concello do Rosal levará ao pleno a aprobación inicial para a actualización do inventario de Bens Inmobles municipais, no que se atopan dende todo tipo de terreos, parcelas ou prazas ata parques, escolas, lavadoiros, fontes ou bombeos. O último reconto destes bens municipais realizouse no ano 2006 e dende entón procedeuse á adquisición de parcelas e inmobles que non aparecen rexistradas como propiedade municipal, o que dificulta que en moitos casos se poida acreditar a titularidade dos bens.
O obxectivo é dispoñer dun documento actualizado que permita ser rectificado cada ano en función das altas e baixas producidas nos bens e dereitos do patrimonio e que permita ao Concello levar ao día todos os bens da súa propiedade. A realización deste inventario terá un custo total de arredor de 17.000 euros, que irán a cargo do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.
Este pleno ordinario celebrarase o vindeiro xoves 24 de setembro ás 20.30 horas no Centro Social Polivalente. Nel tamén se tratarán, entre outros temas, a proposta e aprobación dos festivos de carácter local para o vindeiro ano 2021.

O Concello saca a licitación as obras de reforma da Praza de Abastos do Rosal
O Rosal, setembro de 2020.- O Concello vén de sacar a licitación o contrato das obras de reforma da Praza de Abastos do Rosal, unha remodelación interior do mercado sen afección estrutural coa que se busca adecuar o espazo aos novos estándares de confort mediante a redistribución dos postos, o cambio de materiais e de iluminación e a transformación dos servizos existentes. A licitación publicarase este xoves 17 de setembro no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra coas correspondentes especificacións e criterios de selección.
As obras da primeira fase da reforma actual do edificio terán un prazo de execución de dous meses e comezarán a finais de 2020. O valor estimado do contrato supera os 207.000 euros financiados a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, da subvención para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos alimentarios de Agader e de fondos propios do Concello.
Con esta remodelación, enmarcado no plan de desenvolvemento local municipal, o Concello aposta “polo comercio de proximidade e pola concepción do mercado como un punto de dinamización económica e social do Rosal”. “Queremos que o Mercado sexa un polo de atracción para novas persoas emprendedoras, para o comercio local e para a propia veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  
O proxecto é froito dun proceso participativo no que praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e outros usuarios e usuarias do mercado achegaron o seu punto de vista sobre as necesidades detectadas. A partir de aí elaboráronse os plans de mellora e de usos encamiñados a converter a praza nun mercado de excelencia, o selo posto en macha pola Xunta de Galicia que recoñece a modernización dos mercados e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos actuais retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade e o trato personalizado.
O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría, despacho de pan e espazo para venda e promoción de produtos locais.


María Fandiño, premio Simonetta Bastelli de arquitectura pola Explanada do Horizonte do Rosal
O Rosal, 21 de setembro de 2020.- A arquitecta María Fandiño acaba de gañar o premio internacional de arquitectura e natureza Simonetta Bastelli na categoría xove polo seu proxecto para a Explanada do Horizonte do Rosal. O xurado destacou o traballo feito por Fandiño nesta obra na que, tras un “atento e minucioso análise de coñecemento do lugar e da súa historia evolutiva, propón un novo capítulo para o seu desenvolvemento, cun deseño mínimo pero eficaz, utilizando técnicas e materiais que aínda sendo propios do sitio constrúen a súa nova identidade”.
Dende o Concello queremos felicitar a arquitecta por este galardón, que recoñece a nivel internacional o gran labor feito por María Fandiño no proxecto de revalorización e mellora deste tramo do Camiño de Santiago ao seu paso polo Rosal, co que tamén se dotará a Portocelo dunha nova área de esparexemento para os veciños. “O obxectivo do proxecto é recuperar a memoria do sitio, restaurar o ecosistema costeiro e devolver un lugar para quedarse cara o horizonte”, recolle a arquitecta na presentación do proxecto. Trátase de remodelar “o tramo da costa, mirando a estrutura, a topografía, analizando as súas proporcións, redibuxando o tramo cun vocabulario propio: as terrazas”.
A este galardón preséntanse propostas de proxectos europeos de intervencións arquitectónicas en catro categorías diferentes (profesional, xove, estudante e tese de doutoramento) que se dan a coñecer nun congreso internacional en Italia no que se tratan temas sobre accións no territorio e cambio climático. Este ano, debido á crise sanitaria, os proxectos presentáronse en formato virtual.  
Fandiño tamén recibiu unha Mención de Honra na categoría senior pola súa iniciativa ‘Marxes Líquidas: proxecto de acondicionamento do Río Miño ao seu paso pola cidade de Tui’, que fixo xunto con Miriam García.

‘Violencia Zero’ no Rosal coa performance de Mónica Sueiro
O Rosal, 17 de setembro de 2020.- O Rosal será o escenario sobre o que se desenvolverá ‘Subterránea’, unha performance de Mónica Sueiro que se desenvolve ao abeiro do proxecto ‘Mulleres en acción: Violencia Zero’, unha iniciativa de acción artística da Deputación de Pontevedra que busca empregar o espazo público para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual do problema da violencia machista. Esta espectáculo, de balde e dirixido a público adulto, terá lugar este xoves 24 de setembro ás 12.00 horas na Praza do Calvario.  
A directora de escena, actriz, dramaturga, figurinista e pedagoga teatral Mónica Sueiro chegará ao Rosal cunha acción escénica na que a protagonista loita por saír da invisibilidade, reivindicando a súa presenza, conquistando a palabra, recoñecendo os seus propios méritos, facéndose forte e collendo impulso para volver ao seu territorio. Sueiro comeza a súa formación na Aula de Teatro Universitaria de Ourense con Sarabela Teatro, na que compaxina os seus traballos de actriz cos deseños de vestiarios. Dende entón continúa a formarse con grandes profesionais da interpretación, dirección e creación escénica do panorama nacional e internacional. Despois de estar uns anos centrada na dirección de escena e na pedagoxía teatral, retoma o seu proxecto como intérprete atendendo aos códigos escénicos que lle interesan e na procura de novas linguaxes.
‘Subterránea’ forma parte das acción artísticas preparadas para a quinta edición do programa ‘Violencia Zero’ promovido pola Diputación, que emprega a arte como axente mobilizador de conciencias ao tempo que ensalza o empoderamento da muller no campo cultural e artístico. É unha proposta de sensibilización para fomentar na veciñanza unha actitude crítica, visibilizar o traballo das artistas galegas, promover o achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos e incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra unha realidade que afecta a todos e todas.


O Concello do Rosal e SOS Tomiño continúan a estreitar lazos
O Rosal, 1 de setembro de 2020.- O Concello do Rosal e a asociación asistencial SOS Tomiño continúan a estreitar os seus lazos de cooperación. Este martes, a alcaldesa Ánxela Fernández reuniuse co presidente e vicepresidente desta entidade, José Quinteiro e José Gómez, para falar da situación actual que se está a vivir no municipio e na comarca do Baixo Miño a consecuencia da COVID-19. Fernández, Quinteiro e Gómez aproveitaron a xuntanza para analizar as novas necesidades e situacións xurdidas a raíz da crise sanitaria e da nova realidade. Soamente durante o pasado mes de xullo SOS Tomiño entregou máis de 1.000 quilos de alimentos a persoas do Rosal, o dobre do que habitualmente repartían mensualmente a principios de ano.
Durante a reunión, alcaldesa e membros de SOS Tomiño tamén revisaron o balance de actuacións de 2019 na comarca, onde entregaron 150 toneladas de alimentos. Trátase do primeiro encontro entre Concello e SOS Tomiño dende que a rexedora situouse ao fronte do Departamento de Servizos Sociais.
A asociación SOS Tomiño dispón dunha nova páxina web (sostomino.org), un espazo que serve non soamente para dar a coñecer todo o que están a facer senón tamén como ferramenta para contactar coa xente. Así, por exemplo, durante o estado de alarma a entidade creou unha nova forma de colaborar ou de pedir axuda a través desta nova web.
Dende o Concello do Rosal quérese poñer en valor o gran labor que SOS Tomiño está a desenvolver de forma desinteresada a prol das familias máis necesitadas do Baixo Miño, polo que seguirá tendendo pontes para unha colaboración constante e efectiva. Tamén quérese agradecer a súa boa disposición e a coordinación cos voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que colaboran nas tarefas de reparto de alimentos e que cada día traballan arreo para dar resposta a todas as necesidades do municipio.
Regreso al contenido