Oia - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Oia

COMARCA
Oia pon en marcha o proxecto ‘Do Mosteiro a Santiago’, que permitirá que persoas con diversidade funcional fagan o Camiño acompañadas por cabalos de pura raza galega
Oia, 15 de outubro de 2020.- Comeza a conta atrás para o inicio do proxecto ‘Do Mosteiro a Santiago’, a través do que varios grupos de persoas con diversidade funcional farán varios tramos do Camiño Portugués da Costa acompañados de cabalos de pura raza galega. Trátase dunha iniciativa de Finca Moreiras organizada polo Concello de Oia e cofinanciada pola Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo da Consellería de Turismo.
A próxima semana dará comezo esta innovadora proposta, que combina a posta en valor do Camiño e o cabalo autóctono coa creación de oportunidades de lecer para persoas con diversidade funcional. Entre o luns e venres, varios grupos de mozos e mozas usuarias das asociacións Avelaíña, Anela, Aceesca, Juan María e San Xerome percorrerán diferentes tramos da ruta xacobea entre Oia e Santiago, sempre acompañadas polos cabalos de pura raza galega de Finca Moreiras.
Segundo explicou este xoves o responsable do proxecto -e tamén responsable de Finca Moreiras-, Adrián Martíns, trátase dunha iniciativa que “pon en valor moitos recursos” ao tempo que axuda a dar visibilidade e oportunidades “aos que normalmente non as teñen”.
Martíns explicou que a raza de cabalo autóctono caracterízase por ter un temperamento moi tranquilo que o fai axeitado para o desenvolvemento da hipoterapia. De feito, a actividade busca aproveitar esta “capacidade terapéutica” para “poder axudar ás persoas que normalmente non teñen tantas oportunidades” e facilitarlles a posibilidade de vivir a experiencia do Camiño contando co acompañamento destes animais.
Compoñente social
O proxecto foi presentado na mañá deste xoves en Oia, nun acto no que participaron representantes da organización, as asociacións implicadas e a empresa patrocinadora Civis Global. A alcaldesa, Cristina Correa, destacou que se trata dunha iniciativa “moi ilusionante” posto que é “capaz de unificar a posta en valor do patrimonio local e a cultura” cunha compoñente social que permitirá que os grupos de persoas usuarias “gocen da natureza, dos animais e do Camiño”.
A rexedora local tamén lembrou o contexto actual derivado da pandemia da covid-19 e indicou que a ruta desenvolverase adaptándose ás restricións e aplicando as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas participantes.
En nome das asociacións participantes, o xerente de San Xerome, Feliciano Valcárcel, destacou que esta proposta “é moito máis que facer o Camiño de Santiago”. “Vemos unha oportunidade de respecto polo contorno e polos nosos animais. E para nós tamén é unha oportunidade para pasalo ben e participar nunha actividade moi motivadora”, asegurou.
Proxecto
O percorrido en 5 etapas que se vai desenvolver ao longo da próxima semana é unha das actividades incluídas no proxecto ‘Do Mosteiro a Santiago’, que ten entre os seus obxectivos poñer en valor a historia do concello de Oia en torno ao cabalo de pura raza galega.
Dentro desta iniciativa tamén se inclúe a edición dun pequeno vídeo que documente a saída, distintos tramos do Camiño e a chegada a Compostela, así como as experiencias vividas polas persoas participantes.


A Xunta destina 80.000 euros á recuperación ambiental dunha parcela paralela ao Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Oia
Oia, 2 de outubro de 2020.- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no concello de Oia, co que o Goberno galego asinou este ano un convenio para contribuír á recuperación ambiental duns terreos na parroquia de Mougás pola que discorre o Camiño Portugués da Costa. A Xunta investiu 80.000 euros nesta actuación co obxectivo de evitar a degradación da finca.
Rueda destacou a importancia de “dar unha nova vida” a este entorno, que ademais está ao carón dun itinerario -o Camiño Portugués da Costa- que está “collendo moitísimo empuxe” nos últimos anos.
Ademais, a Administración autonómica investiu este ano arredor de 30.000 euros na mellora dos roteiros da Valga, no marco dos acordos cos concellos galegos para embelecer as súas infraestruturas turísticas e consolidar a oferta turística no rural galego. Os convenios inclúen a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos; así como a creación e conservación de miradoiros, sendeiros e roteiros.
A Xunta aposta pola colaboración cos concellos no fomento da protección das rutas xacobeas de cara ao Xacobeo 2021 e así ofrecer aos visitantes a mellor imaxe de Galicia cun patrimonio natural, paisaxístico, cultural e histórico ben conservado. Neste sentido, Rueda recordou que son “tempos difíciles” para todos, tamén para o turismo, de aí a importancia de seguir traballando neste ámbito e en seguir potenciando a imaxe de Galicia como destino seguro.
Por outra banda, o Goberno galego destinou 40.000 anos este ano á construción de novos vestiarios no campo de fútbol municipal das Tornas, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público. Estas subvencións permiten aos municipios galegos mellorar as súas infraestruturas básicas e os seus servizos e a convocatoria deste ano conta cun orzamento de catro millóns de euros, o que supón un incremento dun millón de euros máis respecto ao ano anterior. O investimento da Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, no concello de Oia nos últimos anos a través de convenios e distintas liñas de axudas acada os 336.000 euros.
Regreso al contenido