Oia - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Oia

PUBLICADAS
O grupo socialista denuncia que o concello de Oia terá que devolver a Sogama toda a bonificación do 10% do canon do lixo de 2019
Oia, 25 de setembro de 2020.  O grupo socialista no Concello de Oia vén de presentar unha moción para o seu debate no Pleno da Corporación pola que pide explicacións sobre a débeda coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) a resultas do incumprimento das condicións para a bonificación do 10% no canon do lixo solicitada pola Alcaldía o pasado ano 2019.
O voceiro socialista, Gerardo Rodriguez Refojos, explica que Oia foi un dos 44 concellos que o ano pasado solicitou esta bonificación dun 10% no prezo da tonelada enviada á planta incineradora de Cerceda, que supón na práctica unha rebaixa duns 7 euros no prezo por tonelada (de 69,83 € a 62,83 €). A rebaixa tamén tiña que ser trasladada á taxa que paga a veciñanza, cousa que o Concello non fixo.
Diante desta situación SOGAMA está a reclamar as cantidades non pagadas, o que supón un contratempo para as arcas municipais. Gerardo Rodriguez denuncia a falta de transparencia á hora de informar sobre esta situación e esixe no texto da moción que se aclare o importe da débeda, “produto da mala xestión realizada pola Alcaldía” a través dun informe económico.
Ao mesmo tempo esíxelle á Alcaldía que “se ten un mínimo de coherencia” e de “preocupación polos intereses xerais do municipio” volva reclamar a rebaixa no canon de lixo de SOGAMA, aproveitando a extensión da oferta da sociedade pública para este ano. Engade que, unha vez solicitada, se proceda inmediatamente a rebaixar a taxa por recollida de lixo á veciñanza.
O voceiro socialista en Oia considera que a situación producida é un claro indicativo da falta de capacidade de xestión do grupo de Goberno e explica que na provincia de Pontevedra houbo 21 concellos que foron quen de cumprir cos requisitos esixidos por SOGAMA, polo que agora non se ven na tesitura de ter que proceder á devolución. Ademais, engade, houbo outros 17 que despois de estudar a oferta decidiron descartala. “O lamentable é que a nosa alcaldesa decidiu solicitar a bonificación e logo esqueceuse de cumprir as súas obrigas, o que sería moi malo; ou ben, que solicitou a bonificación sen botar antes as contas, o que sería aínda peor”. “En todo caso”, conclúe, “queda claro que temos un mal equipo de goberno e que os prexuízos son para a veciñanza”.
  
A BRILAT recoñece á alcaldesa de Oia co premio “Dama Azor”

 
Oia, 25 de setembro de 2020. A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, vén de recibir o premio “Dama Azor” en recoñecemento polo apoio e colaboración que a institución municipal presta á Brigada “Galicia” VII BRILAT, que desde hai anos desenvolve no concello parte das súas actividades de preparación militar.
“En nome de todos os homes e mulleres que estamos na BRILAT, damos os parabéns ao Concello”, destacou o xeneral xefe Luís Cortés, durante a entrega do premio. Na súa intervención, destacou que este ano é o primeiro que estes Premios Azor se conceden “á persoa dunha dama”. Concretamente, neste 2020 foron tres as mulleres galardoadas, entre elas a rexedora oiense.
O acto protocolario celebrouse o pasado mércores no Salón de Plenos do Consistorio oiense e nel participaron diversos mandos da Brigada, así como o equipo do goberno municipal, presidido pola alcaldesa. Ademais de facerse entrega do premio “Dama Azor” á rexedora, a institución local agasallou á BRILAT cunha gaita artesá para a súa banda musical.
Nas súas respectivas intervencións, tanto o xeneral como a rexedora destacaron a colaboración entre ambas institucións, a través da que a BRILAT desenvolve diversas actividades de preparación en Oia. Nese sentido, Correa tamén lembrou á comunidade de montes de Burgueira, pois é a que facilita “uns terreos moi adecuados ás necesidades de preparación dos militares” na zona de Torroña.
Un “honor e orgullo”
Cristina Correa afirmou recibir o recoñecemento con “honor e orgullo” e “especialmente emocionada” pola colaboración de “moitos anos” que existe entre ambas institucións. A ese respecto, asegurou a continuidade do apoio do Concello á BRILAT.  
Na súa intervención, a alcaldesa destacou o importante labor que a Brigada desenvolve en misións internacionais, na loita contra os incendios forestais e na operación destinada a reducir o impacto da COVID-19. Tamén tivo palabras de agradecemento á súa banda de música, a cal participa habitualmente na celebración das principais festividades locais en Oia.
O acto, que se desenvolveu mantendo todas as medidas de seguridade segundo as normativas pola COVID-19, contou coa asistencia de diversas autoridades da Brigada, entre elas o tenente coronel xefe do Batallón do Grupo Loxístico, Bernardo González Lázaro, e o comandante Pablo Ponce de León.
    

Regreso al contenido