Parteiras de Salcidos - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Parteiras de Salcidos

PUBLICADAS
AS PARTEIRAS NA PARROQUIA DE SALCIDOS
por Victoriano Rodríguez
 
 
As parteiras foron as mulleres que axudaron nos partos caseiros a traer a luz deste mundo ós recén   nacidos. Nesta zona este oficio desapareceu polos anos setenta ó haber maior cobertura médica e xeneralizándose o parto en hospitais, aínda que igualmente asistido por parteira-matronas con titulación específica. Por países do terceiro mundo , Brasil e Suramérica se sigue parindo coa colaboración das parteiras tradicionais.
As   parteiras, (obstetras, matronas) existiron dende os inicios da civilización humana. Xa a Biblia fala das parteiras hebreas, e  en testemuñas no Antigo  Exipto existen moitas referencias a estas mulleres, igualmente no mundo grecorromano, na Idade  Media, no Renacemento,  Idade Contemporánea; nestas últimas idades, as parteiras tiñan o visto bo  e licencia do poder eclesiástico, Polo século XVIII xa se editaron manuais sobre a función das matronas e ciruxáns/ comadróns con formación adecuada, sendo perfeccionada constantemente esa actividade ata hoxe. Paralelamente a esa progresión profesional coexistiu a parteira tradicional ata os anos sesenta/setenta, nos que se xeneralizou  o parto en hospitais.  As mellores parteiras formaron parte do persoal de servicio  nas residencias da aristocracia gobernante de todos los tempos,  dende polas súas mans trouxeron a este mundo a futuros reis, príncipes… En determinados lugares e épocas alombarase de pé ou nunha cadeira cun burato na base.
Na nosa zona, como no resto do mundo, a parteira era unha muller con cualidades especiais, moi valorada pola sociedade pola gran función desenvolvida e pola súa condición solidaria e desinteresada. Acudían a calquera hora do día ou da noite, en calquera circunstancia, a axudar ó alumbramento  en calquera casa  na que fose solicitada, ademais altruístamente. A verdade é  que a miseria era tanta, e fogares con bandos de fillos, que pouco ou nada lle podían aportar, todo mais  participar comendo no caldo de galiña vella, do chocolate do de faer  que extraordinariamente ese día se facía para a  parturienta. Tamén a recén parida se recuperaba con ponches de ovo con Sansón ou Anibal e  galletas. O pos-parto era de escaso reposo; as  nosas nais e aboas, tiñan que seguir coa dura lida diaria de atender aos demais fillos, as tarefas da casa, dos animais, das leiras… xa que os homes estaban nas telleiras ou noutras faenas. Os irmáns maiores estaban ó coido dos máis pequenos, aliviando en  algo á súa sacrificada nai.
Estas mulleres parteiras adquirirían este saber da experiencia das súas nais, nos seus propios partos, asistindo a outros… pero ademais dos coñecementos dunha función tan valiosa, tiñan as virtudes de axuda aos demais sen  interese lucrativo, moita  habilidade nas súas mans para orientar a saída  e axudar na extracción do recén nacido. Sabían moito do oficio, xa estaban no pre parto, observando a posición do feto, as contraccións e dilatacións que valoraban por unidades, esperando a que estivese entre 8 e 10; si observaban que a criatura non estaba adecuadamente orientada coa cabeza cara a saída, coas súas finas e hábiles  mans trataban de situala ben, pero en casos que estaba de nalgas ou calquer outra dificultabe avisaban ao médico. Ó non practicarse cesárea, os médicos nas casas tiñan que realizar verdeiras proezas, cortando e utilizando os fórceps (dous ferros en forma de tenaza) cos que collían polos lados da cabeciña e arrastraban para o exterior; mirábanse despois rapaces con as marcas dos “ferros” na súa cabeza.  Algúns destes partos caseiros eran moi complicados e de  tremendos sufrimentos para as nais, poñendo en risco a vida da criatura, e en algúns casos da propia nai. Recordamos que algunha criatura morría no parto ou pouco despois, os anxeliños, que eran enterrados nunha caixiña branca, en algunhas zonas e tempos, nestes casos a parteira tiña  potestade de bautizalos. Había a crenza de que estes anxeliños serían protectores do fogar. O nome que lle tiñan para o  recén nacido morto ou xa bautizado, se lle puña ao irmán que nacera no futuro.
Tamén se aplicaban costumes populares dos efectos da lua, esperando o momento do alumbramento no repunte da maré, cando esta empezase a subir. Se usaban ditos populares, cando alguén maldicía a outra persoa expresaba: “mala hora a  parteira que te aproveitou”.


As parteiras e axudantas (non participaban homes, só mulleres adultas), ataban o cordón umbilical con dous atados de fío, cortando cunha tixeira o cordón entre eses dous atados, que durante os próximos dias se iría secando; víamos nos rapaces daquela que todos os embigos eran irregulares, non como hoxe en día, os que naceron nos hospitais que son case todos iguales e perfectos. Feito o corte do cordón a criatura era lavada nunha tina de auga morna, envolto nunha mantela e entregábanllo nas mans a nai.
Cando asistía ao parto un médico, xa avisaban a parteira coa que habitualmente realizaba esa labor, cada médico tiña a súa comadrona/parteira preferida, o mesmo que, cada comadrona/parteira tiña seu médico habitual.
Polos anos corenta-cincuenta algúns partos complicados acudían ao Hospital Provincial de Pontevedra. A partires de finais dos anos cincuenta coa posta en funcionamento do hospital Residencia Sanitaria Almirante Vierna, O Pirulí, de Vigo xa se comezaría a ir a dar a luz a este lugar pola gran seguridade que daba para nais e recén nacidos. Aínda que existía este hospital con garantías, moitos partos se seguiron realizando na casa hasta os anos setenta, xa que moitas familias non dispuñan de medios para pagar un hospital, ó traballaren por conta propia no campo, en empresas sen asegurar, autónomos que non tiñan esta cobertura… O non haber ambulancias, desprazábanse ao hospital en coches particulares ou do punto (taxis) sacando un pañuelo pola ventanilla (síntoma dunha emerxencia, como hoxe as rotativas e sirenas das ambulancias); debido a lexanía e malas estradas, moitos críos naceron polo camiño dentro do coche, axudados polo taxista e por algunha veciña do lugar. Na actualidade, as previsións e medios son moi eficaces, pero a distancia segue sendo grande; deberon haber construído hospitais de comarca, e non instalacións mastodónticas centralizadas.
PARTEIRAS DA GÁNDARA
 

Tía Luisa de Pedreira, rodeada de seu descendentes directos e políticos (fillas, xenros, netos, bisnetos…) en 1984. (Foto aportada por seu neto Manolo Coimbra
González)

Luisa Pedreira Martínez, popularmente coñecida como a Tía Luisa de Pedreira, nacera en1908 e falece en 1985 aos 78 anos, filla de Manuel e Bona da Cunchada e casada con seu primo carnal Florindo González Pedreira. Vivían na súa casa da Brueira,  foi a parteira que máis colaborou nos alumbramentos caseiros na zona da Gándara, sendo a matrona preferida na zona polo médico Don
Indalecio. A súa nai, a Tía Bona, xa fora parteira. Tía Luisa tamén axudaba a parir as vacas, cando os veciños a  requirían pola  súa experiencia neste oficio.
Outra parteira da Gándara, que viviu no camiño das Pozas/Seixenta foi María Rodríguez Melo, popularmente coñecida como Tía María de Arnal, nacera o 25 de xullo de 1884 e faleceu o 9 de maio de 1981 aos 96 anos.
María          era       de        ascendencia portuguesa, viñera para Galicia coa súa nai Tía Rosa.
Cásase con Arnaldo  Gómes, co que terían sete fillos.

PARTEIRAS DO CASTRO


Á esquerda, a parteira do Castro, María Da Silva Martínez (Tía María A Caballera), á dereita, María Silva e Cándido José, matrona e panadeiros (foto aportada pola súa neta Luisa).
María Da Silva Pérez, popularmente coñecida por Tía María A Caballera, casada con Cándido José Pérez O Caballero foi a parteira da zona do Castro.
Nace en 1888 e falece o 8 de abril de 1966 aos 78 anos de idade. Era a comadrona preferida polo médico  Don José O Cagarrucho.

PARTEIRAS DE SALCIDOS
 

Á esquerda, Laudelina Álvarez Gil; á dereita, Laudelina Álvarez con súa neta Beatriz, o día da primeira comunión. (Foto aportada por Beti).

Laudelina Álvarez Gil, popularmente coñecida como a Tía Laudelina, nace en 1887 e falece o 12 de xullo de 1977 aos 80 anos.  Cásase con José María Álvarez Álvarez, tendo seis fillos deste matrimonio. Foi unha das máis destacadas parteiras de Salcidos, xa que ademais das asistencias a partos nese lugar,tamén era solicitada para outros pobos. En casos complicados,  recurría aos médicos D. José Álvarez Novoa O Cagarrucho e despois a D. Ramón Pérez López, como estes médicos chamábana  como axudanta comadrona. Tamén tiña a facultade de “cortas aires”, ciencia que ensinaría a algunha das súas noras.             
Había máis mulleres  que axudaban  nos partos, destaco soamente as que foron máis populares pola maior dedicación a este nobre oficio.
Dentro desta habilidade, pero aplicada os animales domésticos, destacaría un  home, Celestino Portela González, Tino de Encarnación da Gándara, que era requerido polos veciños para axudar ao nacemento das becerras nas cortes das casas. (Daquela, a cría da vaca tiña un enorme valor, xa que a súa crianza para leite ou venta, era un  dos maiores aportes económicos ás precarias economías caseiras).
Tino estaba sempre disposto a botar unha man nesta labor, cando precisaba da súa axuda calquera veciño, fose  de día ou de noite.
 

Que este escrito en memoria das PARTEIRAS sirva de homenaxe e recoñecemento a esas extraordinarias mulleres que altruistamente axudaron a traernos a luz deste mundo hasta fai poucas décadas, a maioría dos veciños desta parroquia.
 

 

 
Victoriano Rodríguez
A Ghoreña Xullo de 2017
Regreso al contenido