Tomiño, agosto 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, agosto 2020

PUBLICADAS
Alberto Vilas sorprenderá ao público co seu concerto de piano no Espazo Fortaleza de Goián
Tomiño, 28 de agosto de 2020.- Un marco incomparable para un concerto único. O recoñecido músico e compositor Alberto Vilas levará o seu piano ao Espazo Fortaleza de Goián o vindeiro sábado 5 de setembro para sorprender ao público cun concerto íntimo e persoal nunha contorna privilexiada, un auditorio natural ao aire libre no que o silencio é a nota predominante.
O artista redondelán achegarase a este espazo único á beira do río Miño para presentar ‘Naialma’, un proxecto musical con temas que foron crecendo ao longo do tempo ata encher toda unha mochila de vivencias persoais e profesionais e concibido para amosarse ao mundo en espazos onde o silencio natural enmarque a obra. Así, soamente co acompañamento do piano, Vilas conseguirá transmitir neste concerto moitos anos de memoria persoal que deron como resultado unha música evocadora capaz de levar a cada persoa do público a un recuncho distinto. Deste xeito, tras unha longa traxectoria e profesional, Vilas presenta ao público en Tomiño o seu primeiro traballo en solitario.
O concerto será ás 20.00 horas no Espazo Fortaleza, xunto á praia fluvial de Goián, a carón do río e preto da antiga fortificación de San Lourenzo. A entrada será de balde pero para acudir é preciso reservar con antelación chamando ao teléfono 986 622 001.
Toda unha vida na música
Alberto Vilas estudou piano no Conservatorio Profesional de Vigo con Chan-Rok Moon, composición con Carlos Cambeiro Alís e perfeccionou a técnica con María Jesús Crespo e Luiz de Moura. Entregado á música dende os 15 anos, vai aderezando tramas e texturas, color e harmonías e ata o de agora gravara a súa obra dentro de diferentes formacións de jazz, xénero ao que dedicou varios anos de aprendizaxe no Seminario de Jazz de Pontevedra e en numerosos cursos de especialización.
En 2011 publica ‘Experienza’, en 2014 ‘Crónica Cromática’ e dous anos despois ‘Ubuntu’. Ademais, dende 1988 forma parte do grupo Tangata, fundado polo bandoneonísta Artigas Anelo, integrado polo violinista David Veiga e o contrabaixista Gustavo A. Barcia e do que formou parte durante 25 anos a violinista Laura Quintillán. Con eles Vilas gravou catro traballos musicais, o último en 2018, ‘30 años’, un longo percorrido pola historia do tango. Pola súa banda, co tubista Eduardo Nogueroles gravou obras clásicas de P. Hindemith, B. Broughton, A. Plog e E. Crespo.
Alberto Vilas tamén é autor das bandas sonoras de documentais como ‘O Imperio Téxtil’, de Fernando Carreira; ‘Un Rebelde de Aceiro’, de Manolo Barros; ‘Ángel’, dedicado ao pintor e restaurador redondelán Ángel Barros; e ‘Semitonos’, de Pancho Salmerón, sobre a obra do pintor Fernando Morales.
Colaborou en discos de artistas moi diversos como a cantante Uxía, a quen tamén acompaña moitas veces en vivo; a cantante Sonia Lebedinsky; Magín Blanco; o polifacético actor Tatán; o gaiteiro Xulio Lorenzo e o cantautor galego Tino Baz. Ultimamente, puxo o seu piano ao servizo do mito portugués Vitorino.


Tomiño acolle a exposición ‘Río Miño. Memorias transfronteirizas’
Tomiño, 28 de agosto de 2020.- Tomiño é a nova parada da exposición itinerante ‘Río Miño. Memorias transfronteirizas’, unha mostra que transportará ao público as dúas marxes do río con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos e que poderá visitarse dende o 29 de agosto ata o 13 de setembro no Mercado de Tomiño.
Esta exposición procura achegar ao público ás augas frías do Miño, un río que divide dous países e une unha cultura con técnicas de pesca e memorias en común, con lugares marabillosos e chea de tesouros vivos, de persoas cun profundo coñecemento e práctica local que agora se descobren. A través de todo o percorrido, as persoas visitantes mergullaranse nas dúas marxes do río e no mundo das persoas que habitan as súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos.
Tomiño e Cerveira, unidas como Eurocidade, son un claro exemplo de que o río Miño lonxe de separar territorios os une. O río é unha fronteira que une a ambos concellos nun proxecto de cooperación transfronteiriza e xestión compartida, de colaboración institucional e de valorización do patrimonio natural e cultural. Un símbolo das relacións entre Galicia e Portugal que agora recolle esta exposición.
A mostra está promovida pola AECT Rio Minho e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho) en colaboración coa Deputación de Pontevedra, o Agrupamento Europeu de Cooperação Territorial do Rio Minho e o Centro de Estudos Euro-Regionais da Galiza/Norte de Portugal.
A exposición amosa unha compilación dos contidos desenvolvidos ao abeiro de dúas accións do proxecto SmartMinho, cofinanciado polo programa Interreg VA, centradas na recuperación e promoción do patrimonio inmaterial transfronteirizo: un estudo das pesqueiras do Río Miño como exemplo do patrimonio cultural herdado polas comunidades ribeiregas do río e o proxecto Tesouros Vivos, que recolle o testemuño de persoas que posúen un profundo coñecemento ou habilidade que remite a unha práctica cultural inmaterial.


Tomiño continúa ampliando a súa rede de compostaxe para unha mellora na xestión do lixo
Tomiño, 27 de agosto de 2020.- O Concello de Tomiño continúa ampliando a súa rede de compostaxe coa entrega este xoves, ao abeiro da segunda fase do Revitaliza da Deputación de Pontevedra, de 30 novos composteiros individuais (COIN) a veciños e veciñas que os tiñan solicitado hai tempo. Con esta segunda remesa xa hai repartidas 60 unidades das 3.000 previstas ata final de ano, acción que se complementará, entre outras, coa instalación de 13 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCCs) e a creación de puntos verdes onde a veciñanza poida depositar restos de poda que serán triturados in situ, deixando o triturado a disposición de quen queira usalo nos seus composteiros como estruturante.
Como explicou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, o obxectivo da posta en marcha de todas estas accións é contribuír á redución do lixo que xera o municipio, cun transporte e tratamento que implica elevados custes, non soamente económicos, senón tamén medioambientais. Deste xeito, Tomiño busca consolidar un cambio de modelo na xestión do lixo que o converta nun municipio máis sustentable.
O 90% do lixo, ao contedor verde
As e os técnicos do programa reuníronse cos novos compostadores e compostadoras no Pavillón da Carballa para aclarar dúbidas e explicar o sistema de xestión de residuos que está levando a cabo na actualidade SOGAMA, dando a coñecer tamén datos sobre Tomiño tan destacables coma que o 90% do lixo que se tira vai ao colector verde, xerando un gasto inasumible para o Concello, xa que segue habendo déficit entre a taxa recadada e o que custa o servizo. Durante a reunión a concelleira quixo agradecer tamén o interese e a disposición da veciñanza por contribuír de xeito activo á redución do lixo que xera o municipio.
Xunto cos composteiros individuais, os veciños e veciñas recibiron tamén os complementos precisos: termómetro, aireador e un manual de compostaxe. As e os técnicos encargaranse de facer un seguimento periódico para axudar á veciñanza a que obteña un compost de calidade.
Dado o interese que está suscitando esta entrega de veciños interesados en anotarse, dende o Departamento de Medio Ambiente informan que non é imprescindible mais,  para facilitar e axilizar a convocatoria a estas reunións, está a disposición na web do Concello un documento a través do que as persoas poden deixar os seus datos. Soamente haberá que cubrir o documento cos datos persoais e envialo despois ó mestre composteiro (miguel.martinez@tomino.gal). Este documento deberá asinarse cando se recolla o composteiro.


‘Pangea’, o concerto de Abraham Cupeiro e a Banda de Goián na Praza do Seixo
Tomiño, 26 de agosto de 2020.- Nova cita musical en Tomiño. Este venres 28 ás 21.30 horas a Praza do Seixo acollerá ‘Pangea’, un evento musical creado por Abraham Cupeiro que nesta ocasión contará coa colaboración da Agrupación Musical de Goián para participar nun proxecto no que o planeta é o gran protagonista, un planeta que se debe coidar e ter moi presente na actualidade que se está a vivir. A entrada será de balde pero para poder acudir ao concerto é preciso facer reserva previa a través do teléfono 986 622 001 ou do correo electrónico cultura@tomino.ga.
Abraham Cupeiro ideou ‘Pangea’ tendo como inspiración o gran supercontinente polo que o planeta estaba formado fai 300 millóns de anos. Para a bioloxía e a xeoloxía esta teoría xustifica o parentesco e a presenza de especies e formatos xeolóxicos en continentes distintos. ‘Pangea’, que en grego significa ‘toda a terra’, quere unir de forma metafórica a terra a través da música, poñendo a unión como unha necesidade vital para frear a destrución do planeta.
Esta nova unión non sería posible sen un terceiro elemento: o aire. Sen el o son dos instrumentos non podería navegar polo espazo para chegar aos oídos do público que acuda á Praza do Seixo a desfrutar deste concerto. A estes instrumentos sumaránselle tamén outros máis humildes que evocarán culturas e paisaxes aos que se quere transportar a todas as persoas presentes.


O programa ‘Medrando...’ segue achegando aos fogares recursos educativos e de crianza en formato online
Tomiño, 25 de agosto de 2020.- Continuando coa liña de actuación impulsada durante o confinamento polo Departamento de Benestar e Educación Familia, o Concello de Tomiño segue apostando por achegar a todos os fogares diferentes recursos e orientación para a crianza dos seus fillos e fillas a través do formato online. Faino co programa ‘Medrando...’, que recolle na web municipal novos servizos impulsados a través de dúas iniciativas diferenciadas por idades, ‘Medrando En Familia’ e ‘Medrando Espazo Xoven’, coas que se busca dar resposta ás necesidades tanto das familias con nenos e nenas na casa como da propia mocidade.
Deste xeito, en ‘Medrando En Familia’ ofrécense pautas e diferentes recursos para a crianza dos máis cativos e cativas da familia non soamente subindo á web contidos en formato vídeo accesibles para todo o público, senón tamén creando unha canle comunicativa directa para solucionar calquera dúbida que poida xurdir no ámbito doméstico da primeira infancia das persoas participantes.
Nestes intres a coidadora infantil encargada de dirixir este espazo atende a unhas 34 familias mediante grupos de WhatsApp divididos por idades, onde se achega información xeral sobre o coidado e apoio para pautas de crianza e acompañamento. Ademais, arredor de 14 familias realizan consultas individuais sobre aspectos máis específicos da crianza dos seus fillos e fillas, como pode ser a xestión de rabechas ou diferentes pautas para a alimentación dos cativos e cativas.
Por outra banda, ‘Medrando Espazo Xoven’ nace como un espazo virtual de achegamento onde se realizan encontros semanais cos rapaces e rapazas de entre 11 e 17 anos inscritos co obxectivo de fomentar habilidades que favorezan a xestión emocional e o desenvolvemento autónomo e grupal de todas e todos estes menores, achegando pautas e orientación en base ás súas inquedanzas e experiencias.
Dende que botou a andar este programa conta coa participación de 8 adolescentes do municipio que se comunican semanalmente coa persoa responsable de dirixir a actividade e que asisten de maneira puntual aos encontros online a través da plataforma Jitsi. Nestes encontros virtuais trátanse temas como o benestar emocional, a identidade e a autoestima, a motivación, propósitos, autonomía e diferentes competencias sociais. Ademais, serve de medio para que todas as e os participantes poidan expresarse libremente e conversar sobre as súas inquedanzas e inseguridades, facilitándolles pautas para enfocar a súa xestión dunha maneira satisfactoria.
Estes programas de apoio seguirán funcionando a través da modalidade online durante este verán, ata que se inicie o curso escolar e a situación sanitaria permita realizar sesións presenciais. A inscrición en calquera destas iniciativas debe facerse enviando un correo electrónico a educacion@tomino.gal.


Tomiño porá en marcha o “Programa EncaixaT”, pioneiro na promoción de valores e aptitudes sociais en menores
Tomiño, agosto de 2020.- O Concello de Tomiño, a través do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), porá en marcha este curso un programa pioneiro na zona, co obxectivo a acadar é promover actitudes, aptitudes, coñecementos, pautas e habilidades que favorezan o desenvolvemento autónomo e grupal de menores, especialmente, dos que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.
O Programa de Intervención Socio-educativa coa infancia e adolescencia do Concello de Tomiño, estará dirixido á poboación comprendida prioritariamente entre os 8 e os 14 anos, sen prexuízo de poder ampliarse por causas motivadas, até os 6 e os 16 anos.
No programa diferenciaranse dúas áreas de intervención: unha de formación socio-educativa e outra de apoio psicolóxico a menores.
A primeira, desenvolverase a través de obradoiros específicos e actividades. Concretamente, constará dun programa de hábitos de estudo centrado no apoio das tarefas derivadas dos centros escolares, e outro de tempo de lecer e participación comunitaria. Crearanse en principio dous grupos de 8 menores cada un, que recibirán atención dous días á semana, a razón de hora e media cada día. Ao fronte dos grupos, estará persoal cualificado coordinado polo SEAF e a Concellería de Benestar Social, á que pertence dito servizo.
Pola súa banda, a área de apoio psicolóxico, terá como eixes vertebradores “a competencia social, a capacidade para a resolución de problemas, a autonomía e o sentido de propósito e de futuro”, segundo explica a responsable de Benestar, Cristina Martínez.
Explica a concelleira que a creación dun espazo socio-comunitario dedicado á infancia e á adolescencia en situación de vulnerabilidade, é unha aposta do goberno local por seguir sendo referencia en políticas de infancia e ofertar un apoio educativo e psicolóxico que sirva coma axuda ás familias con menos recursos, dotando aos seus fillos e fillas de competencias socio-educativas e favorecendo a súa inclusión social”.
O programa procura ofrecer un espazo onde o tempo de estudo se conxugue co traballo a nivel emocional, social e fomento dos hábitos saudables. Centrado en valores de tolerancia, igualdade, consumo responsable, etc., dende un marco grupal  reducido, o programa abrangue a atención á diversidade e o apoio individualizado.
Son obxectivos concretos traballar a intelixencia emocional, interiorizar hábitos saudables e favorecer un modelo de crianza con apego, dende o apoio ás familias.
Datos de interese
A nivel poboacional o concello de Tomiño conta con máis de 14.000 habitantes na actualidade, dos que máis de 2000 son menores de idade, o que representa o 15% da poboación.
Segundo datos proporcionados polo SEAF, no intervalo de idade de 6 a 18 anos, atópase o 22% da poboación vulnerable que require de mecanismos de apoio, orientación e supervisión no seu desenvolvemento persoal, educativo e social.

Entra en funcionamento o edificio de  Benestar Social de Tomiño, tras a súa rehabilitación enerxética

 
Tomiño, 21 de agosto de 2020. O remate das obras de rehabilitación enerxética levadas a cabo no  Edificio de Benestar Social (antigo centro de saúde), situado no Barrio da Rocha, permitiron a entrada en funcionamento do mesmo, a principios do mes de agosto.
Este mediodía, a alcaldesa Sandra González visitou as distintas dependencias do edificio, donde se atopan as oficinas do Departamento de Benestar Social e os locais da Policía Local e Protección Civil. A rexedora, estivo acompañada pola concelleira Cristina Martínez (Benestar e Educación); Ismael Troncoso (Seguridade e Tráfico) e Lois Vázquez (Servizos Públicos).
Cun orzamento total de 237.000 euros, procedente dunha achega do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético), e de 174.163,00€ de fondos propios, o Concello de Tomiño emprendeu a reforma do edificio en decembro do ano pasado. O proxecto foi posible grazas á concesión, en concorrencia competitiva, dunha subvención a proxectos singulares de entidades locais, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
O proxecto procuraba a mellora da calidade e sostibilidade do edificio adicado á atención ao público das áreas de Benestar Social, Cultura, Turismo, Mocidade, Deporte, Protección Civil e Policía Local.
A actuación comprendeu, concretamente, a instalación dun sistema de illamento térmico en paredes exteriores; cambio de tellado e carpintería exterior, así coma a instalación dun sistema novo de iluminación led e recuperador de calor.
As obras realizadas deron coma resultado un edificio municipal de categoría enerxética A, pioneiro no seu tipo na comarca, pensado para lograr un grande aforro en consumos de enerxía. “Deste xeito, péchase o ciclo de subministro e autosuficiencia cun carácter local, engadindo un valor maior a un edificio público e servindo coma exemplo de sostibilidade e sensibilización co medio ambiente”, explica a alcaldesa, Sandra González.


Tomiño consolida a implementación da compostaxe para mellorar a xestión do lixo no municipio
Tomiño, 20 de agosto de 2020. O Concello de Tomiño presentou onte á veciñanza a segunda fase do Plan Revitaliza de compostaxe individual e comunitario, procedendo á entrega da 1ª remesa de composteiros (30 unidades) a cidadáns que levaban tempo agardando por eles.
Presidiu o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, agradecendo o interese da cidadanía por contribuír á redución do lixo que xera o municipio e cuxo transporte e tratamento ten custes moi elevados, non só dende o punto de vista económico, senón tamén ambiental. “O Concello de Tomiño vai tentar consolidar un cambio de modelo na xestión do lixo, que hoxe por hoxe é un dos factores de maior contaminación do planeta. En colaboración coa Deputación de Pontevedra, a través do Revitaliza, aspiraremos a unha maior sustentabilidade do municipio”, explicou a alcaldesa.
Na charla previa á entrega dos composteiros, as e os técnicos do programa explicaron o sistema de xestión dos residuos que leva a cabo na actualidade SOGAMA, dando a coñecer tamén datos sobre Tomiño, coma que o 90% do lixo que se tira vai ao colector verde, xerando un gasto inasumible para o Concello, xa que segue habendo déficit entre a taxa recaudada e o que custa o servizo.
Tras a explicación e consulta de dúbidas, procedeuse á entrega de 30 composteiros individuais cos seus complementos (termómetro e aireador), de cuxo uso farase un seguimento periodicamente.
Despois de case 4 anos, desde que se adherira ao Revitaliza da Deputación de Pontevedra na súa fase 1, o Concello de Tomiño consolidará a medio prazo unha profunda mellora do sistema de recollida e tratamento de residuos, que se centrará na compostaxe individual e comunitaria, tentando acadar unha maior taxa de reciclaxe e unha xestión máis eficiente, xa que se evita o transporte a longas distancias dos residuos e se transforman, in situ, nun recurso como é o compost. Para isto tamén levarán a cabo accións de formación e seguimento das pautas para converter os residuos orgánicos en compost de calidade.
De aquí a final de ano, está previsto repartir ata 3.000 Composteiros individuais (COINs) e a instalación de 13 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCCs). Esta é unha terefa ardua, xa que debido á situación de pandemia, non se poden facer grandes reunións, como se faría en condicións normais. Así que se citarán por teléfono ou por carta aos veciños e veciñas para asegurar un número de asistentes, tanto para reunións de entrega de COINs, coma para usuarios dos CCCs.
En canto a CCCs, esta semana, comezou a instalación de bases sobre as que se situará un novo centro no núcleo do Seixo (estacionamento rúa Daniel Calzado), e para a vindeira semana, empezaranse as de Goián.
Outro servizo que se implementará é a creación de puntos verdes, onde os veciños poidan deixar restos de podas, que posteriormente serían triturados in situ deixando o triturado a disposición de quen poidan usalo nos seus composteiros, como estruturante.
Aparte disto, tamén se estuda un servizo de préstamo de pequenas trituradoras, para poder usalas durante un período determinado nos seus terreos e aforrar o traslado ao punto verde.
O orzamento para este proxecto é de 528.104,50 euros, dos que o ente provincial achega o 86%, (456.018 euros) e o Concello o 14% restante (72.086,23 euros).

O recinto escolar do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, será ampliado en máis de 1500 metros cadrados
Tomiño, 19 de agosto de 2020.- A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez, presentou ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, as obras correspondentes ao peche do CEIP Pintor Antonio Fernández (Goián), que se comezarán nos vindeiros días e estarán rematadas antes do inicio do curso.
A intervención consistirá no peche do perímetro do colexio e suporá unha ampliación do recinto escolar de 1500 m2, cunha superficie verde que respectará o arboredo existente e as súas especies autóctonas, creando zonas de luz e sombra, descanso e xogo, etc.
Estas obras significan o inicio da conexión do colexio coa zona da área deportiva e a Escola de Música, prevista no Proxecto Máis Goián, que se comezará en breve e que vai supoñer a comunicación definitiva do centro da parroquia coa nova zona da carballeira, espazos de lecer e instalacións deportivas.
Ademais, na xuntanza celebrada onte no Concello de Tomiño, ao xefe territorial de Educación expúsoselle a instalación dunha pérgola na entrada do colexio, de xeito que o centro quede totalmente integrado na contorna da praza, expresando Pérez Ares o seu apoio ás obras.
Asemade, durante a reunión a alcaldesa repasou as obras de mellora e mantemento levadas a cabo polo Concello (por valor de 60.000 euros) durante o verán e o confinamento en diferentes centros educativos do municipio, comprometéndose Pérez Ares a regresar a Tomiño nos próximos días para coñecer in situ algunhas desas intervencións, tales coma as realizadas nas aulas do CRA (Colexio Rural Agrupado) de Barro, Vilachán e Figueiró, e na escola infantil do Seixo; instalación de proxectores nas aulas de Educación Infantil de Sobrada; renovación dos parques infantís dos colexios de Tebra e Sobrada, etc.
Por último, a alcaldesa comentou ao mandatario as dificultades existentes para financiar a limpeza que esixe o novo protocolo da Xunta, coincidindo ambos os dous na necesidade de colaborar lealmente de maneira institucional para que o inicio do curso sexa o máis seguro posible.


Estupenda acollida dos primeiros composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación en Tomiño
Tomiño, 19 de agosto de 2020. A entrega dos primeiros composteiros inviduais (COIN) do Plan Revitaliza en Tomiño tivo unha estupenda acollida, xa que acudiron a totalidade das persoas das 30 familias convocadas. Todas elas amosaron unha grande implicación e motivación coa compostaxe do lixo orgánico, tendo algunhas das veciñas e veciños presentes xa algo de experiencia na tarefa de facer compost.
No acto de entrega dos composteiros, ademais do persoal técnico do Revitaliza da Deputación, estiveron presentes a alcaldesa Sandra González e a concelleira de Medio Ambiente –xunto á técnica local-, que agradeceron a participación e subliñaron a importancia da concienciación da cidadanía na xestión dos residuos.
A cita foi ás 10.30 horas no Pavillón da Carballa e desenvolveuse seguindo todas as medidas de prevención sanitarias necesarias. Primeiro proxectouse nunha pantalla unha pequena presentación explicativa e á saída entregáronse o COIN, un aireador, un termómetro e un manual de compostaxe a cada representante de cada domicilio.
O reparto continuará o vindeiro xoves 27, cando se entregarán outros 30 COIN. As persoas que os recibirán serán as que se inscribiran a raíz dunha solicitude de subvención do PIMA que resultou fallida para o concello. Posteriormente e grazas á subvención da Deputación de Pontevedra, realizaranse novos repartos, chegando a entregar ata uns 3000 COIN, instalar uns 14 CCC ademáis dos dous existentes, mercar un camión grúa, microtrituradoras para deixar en empréstito á veciñanza e instalar algún punto verde para a recollida de poda.
 
Instalacións de novos centros comunitarios
Tomiño, 19 de agosto de 2020. Por outra parte, na mañá de hoxe comezou a construírse a base de celosía para a instalación de novos centros de compostaxe comunitaria de Daniel Calzado (de seis módulos) e o que dará servizo ao Mercado (de dez unidades modulares), que irán xuntos na mesma plataforma.
O persoal técnico da Deputación e do Concello será o encargado de dar a formación necesaria e resolver todas as dúbidas de toda a veciñanza e produtores singulares que farán as achegas en ambos centros comunitarios.

Homenaxe socialista a Marisol
Tomiño, 19 de agosto de 2020. O vindeiro domingo, 23 de agosto ás 12 horas do mediodía terá lugar no baldío de Grixó (Sta.Maria de Tebra/Barrantes) un acto de  homenaxe, recoñecemento e  lembranza na honra de Marisol Álvarez Vázquez, Secretaria de organización da Agrupación Socialista de Tomiño.
Será un acto sinxelo onde a Treboada “Os Terribles de Tomiño”, do que formaba parte, será a encargada de pór  música ás verbas, ás emocións, ás frores, ás lembranzas, ás árbores  e a poesía nas voces das súas fillas Zutoia e Zuriñe.
“Lembraremos a nosa compañeira Marisol, na compaña da familia, amigos e amigas e da veciñanza que desee achegarse polo que xuntarémonos ás  11:30 na praza de Sta. María”.


Cinco mulleres acaparan os premios do 8º Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández
Tomiño, 17 agosto de 2020.- Cinco mulleres fixéronse cos premios do oitavo Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, celebrado onte en Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira e organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño. O primeiro premio foi para Paz Larrumbide Moreno, procedente do País Vasco. Veciña de Vitoria, Larrumbide (gañadora tamén da sexta edición do certame) pasa as súas vacacións en Baiona, facéndoas coincidir co evento artístico. Exviceconselleira de Vivenda no Goberno Vasco, Larrumbide dedícase á pintura de forma amateur dende hai tan só seis anos.
Nieves Castro Lara e Dorinda Garrido González foron as gañadoras do segundo e terceiro premio, respectivamente. A primeira, veciña de Betanzos (A Coruña) e a segunda, de Nigrán (Pontevedra).
Na categoría infantil, que se convocaba por primeira vez, o primeiro premio foi para Uxía Soto Costas e o 2º para Ángela Martín Bragado.
Un total de 38 participantes (32 adultos e 6 menores) se presentaron a concurso, elixindo diversos recunchos da vila goianesa e da súa veciña lusa. A procedencia dos artistas foi coma sempre, moi variada, presentándose xente da zona, pero tamén doutros puntos de Galicia, España e do estranxeiro, incluído Portugal. O tempo acompañou, xa que as previsións de chuvia agardaron até as cinco da tarde, cando a maioría tiña xa a súa obra rematada.
A entrega de premios e exposición dos cadros, prevista no interior da Fortaleza de San Lourenzo, fíxose finalmente no pavillón deportivo de Goián, sobre as sete da tarde e o acto estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen salientou o nivel acadado polo certame, tanto a nivel artístico, coma de participación. Estiveron presentes tamén as concelleiras de Eurocidade (Fátima Rodríguez) e de Cultura de Vila Nova de Cerveira (Aurora Viaes).
O xurado estivo composto por persoas do mundo da pintura, salientou tamén a constante evolución do certame que consideran totalmente consolidado. (1)
Os traballos exporanse dende mañá e até o domingo próximo no Centro Goianés (de 12.00 a 21.00 horas), pasando a semana seguinte á Bienal de Cerveira, onde estarán ao longo de sete días.
(1) Membros xurado adultos e infantil-xuvenil:
Xurado adultos:
1-Sandra González (alcaldesa de Tomiño)
2-Alfonso Freire (Espacio Cubo)
3-Aurora Viaes (vareadora Cultura Cerveira)
5-Henrique do Val (artista portugués)
6-Mané (Asociación Antonio Fernández)
7-Elena (Comunidad de Montes de Goián)
Xurado Infantil-xuvenil:
1-Pilar Alonso (artista viguesa e tomiñesa)
2-Magna Araujo (vicepresidenta da asociaçao de estudantes da escola EB2/3 de Vila nova de Cerveira)
3-Fernanda Araujo (artista portuguesa)
4- Carmen (representante do Consello da infancia e da adolescencia de Tomiño)
5- Fátima Rodríguez (concelleira de Eurocidade e Mocidade de Tomiño)


Tomiño participa nun proxecto europeo para promover a formación en valores, a través da música
Tomiño, 14 de agosto de 2020.-Play2 Grow!” é o nome que agrupa aos Concellos de Paredes de Coura e Tomiño, e ás respectivas Escola de Rock e Escola de Música de Goián, coa Fondazione Maria Ida Viglino per la Cultura Musicale de Aosta (Italia), nun proxecto Erasmus que pretende xerar un conxunto de actividades formativas, que permitan a mozos e mozas adquirir unha serie de valores e habilidades a través da música.  
O proxecto, iniciado a finais de 2019, desenvolverá unha serie de recursos de formación innovadores dirixidos a traballadores xuvenís e  formadores de escolas de música, para que poidan mellorar a provisión de habilidades e valores chave como o respecto, a creatividade, a comunicación ou o traballo en equipo nas súas respectivas aulas.
O desenvolvemento da iniciativa, previsto ata o verán de 2021, irá proporcionando achegas en canto a metodoloxía e formación curricular, e unha ferramenta de intercambio de coñecementos colaborativos para a aprendizaxe dinámica e a interacción en habilidades chave a través da música: Play2 Grow HUB.
Toda a información está dispoñible en: https://play2grow.eu e as canles do proxecto en Youtube, Facebook e Instagram. En https://play2grow.eu/project-outputs están xa publicadas algunhas das boas prácticas identificada ata agora, entre as que se inclúen os campamentos e concertos didácticos da Escola de Música de Goián e a súa práctica solidaria de intercambio de instrumentos musicais.
Antecedentes:
En decembro de 2019, celebrouse en Paredes de Coura a primeira xuntanza dos socios. Foi unha reunión moi produtiva na cal as 5 entidades representadas no proxecto, tiveron a ocasión para coñecerse e compartir as súas ideas do proxecto.
Ademais, tiveron a oportunidade de visitar Escola de Rock de Paredes de Coura (unha residencia curta que tiña lugar aquela semana), e coñecer os aspectos principais desta interesante iniciativa con mozos e mozas, a cal de feito foi a semente do proxecto.


O Consello da Infancia de Tomiño celebra a súa segunda reunión cunha vintena de novos integrantes
Tomiño, 12 de agosto de 2020.- O Consello da Infancia e Adolescencia ‘Voces Novas’, de Tomiño, celebrou o pasado luns a súa segunda xuntanza despois do confinamento, cunha vintena de novos e novas integrantes.
A reunión tivo lugar ao aire libre, tal coma estaba previsto, na zona de Grixó (entre Barrantes e Tebra), cunha vintena de integrantes, procedentes dos colexios de Primaria e do IES Antón Alonso Ríos.
O tema principal de traballo foi a lectura e análise dos estatutos da entidade, tras o cal decidiuse modificalos para que as persoas maiores de 18 anos que formaban parte do Consello dende a súa fundación, puideran continuar participando, con voz pero sen voto. Deste xeito, os máis novos e novas poderán aproveitar a experiencia e o coñecemento dos maiores, que estiveron varios anos ao fronte do Consello, dende a súa fundación.
Asemade, acompañadas pola concelleira de Infancia e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinadas por Karina Bouzada, as novas e novos compoñentes, debateron sobre as responsabilidade dos membros e da designación e funcións dos cargos. A concelleira aproveitou a oportunidade para informarlles sobre a nova Aula de Estudo da Casa da Cultura que se abrirá en breve, con equipamento de internet, ordenadores, impresoras, etc.
Falaron tamén da instalación dunha placa que se vai colocar no Concello para sinalizar que Tomiño é Cidade Amiga da Infancia e Adolescencia.
Entre os temas que se tratarán na vindeira xuntanza, fixada para o luns 7 de setembro en Goián, quedaron a xestión do Instagram e outras cuestións do funcionamento.

"Brassica Rapa" ofrece hoy un concierto en Tomiño concierto
Tomiño, 13 de agosto de 2020. Este venres, día 14. ás 22.30 na Praza do Seixo, estará a primeira fanfarria galega totalmente feminina: "Brassica Rapa" en concerto.
Trátase dunha brass band nada a finais de 2017 buscando darlle unha volta ao concepto de charanga. Formado integramente por mulleres, tocan instrumentos de vento metal e percusión e crean unha atmosfera alegre coa súa música, de repertorio coñecido e fresco, con a que a festa está asegurada. Trompeta, trompa, dous trombóns, un saxo alto, unha tuba, unha caixa e un bombo compoñen a súa formación, que pretende reivindicar a presenza da muller neste tipo de agrupacións a través da festa.
Brassica Rapa ofrecen un espectáculo moi variado que mestura música instrumental e vogal con multipercusión. O seu repertorio vai de grandes éxitos de o pop a a música tradicional galega, pasando por temas máis jazz, música actual reivindicativa ou bandas sonoras de películas. Buscan sobre todo influencias das brass bands neoyorkinas, pero tamén das big bands ou das charangas tradicionais. As compoñentes veñen de distintos percorridos dentro do mundo da música, e de agrupacións como Liska!, Banda Xangai, Timparrantela ou Biribirlocke.


O Consello da Infancia de Tomiño celebra a súa segunda reunión cunha vintena de novos integrantes
Tomiño, 12 de agosto de 2020.- O Consello da Infancia e Adolescencia ‘Voces Novas’, de Tomiño, celebrou o pasado luns a súa segunda xuntanza despois do confinamento, cunha vintena de novos e novas integrantes.
A reunión tivo lugar ao aire libre, tal coma estaba previsto, na zona de Grixó (entre Barrantes e Tebra), cunha vintena de integrantes, procedentes dos colexios de Primaria e do IES Antón Alonso Ríos.
O tema principal de traballo foi a lectura e análise dos estatutos da entidade, tras o cal decidiuse modificalos para que as persoas maiores de 18 anos que formaban parte do Consello dende a súa fundación, puideran continuar participando, con voz pero sen voto. Deste xeito, os máis novos e novas poderán aproveitar a experiencia e o coñecemento dos maiores, que estiveron varios anos ao fronte do Consello, dende a súa fundación.
Asemade, acompañadas pola concelleira de Infancia e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinadas por Karina Bouzada, as novas e novos compoñentes, debateron sobre as responsabilidade dos membros e da designación e funcións dos cargos. A concelleira aproveitou a oportunidade para informarlles sobre a nova Aula de Estudo da Casa da Cultura que se abrirá en breve, con equipamento de internet, ordenadores, impresoras, etc.
Falaron tamén da instalación dunha placa que se vai colocar no Concello para sinalizar que Tomiño é Cidade Amiga da Infancia e Adolescencia.
Entre os temas que se tratarán na vindeira xuntanza, fixada para o luns 7 de setembro en Goián, quedaron a xestión do Instagram e outras cuestións do funcionamento.


A App móbil de Tomiño recibe unha media de 200 incidencias ao mes

Tomiño, 11 de agosto de 2020.- A App móbil Liña Verde do Concello de Tomiño, un servizo de comunicación directo ca cidadanía, que leva funcionando uns cinco meses, recibe unha media de 200 incidencias ao mes, das que se resolven dúas de cada tres (68,7%) en poucos días.
No caso do alumeado público (tema principal das demandas) o 97% das incidencias resólvense nas primeiras 48 horas.
Dende a posta en marcha da iniciativa virtual, súmanse máis de 1.000 pedidos veciñais; as referidas á iluminación pública ocupan, polo seu volume, o promeiro posto entre as incidencias denunciadas, seguidas polas de lixo, fochancas e baleirado de fosas sépticas. Tamén son importantes as referidas á vía pública, escolas e loxística; recollida de voluminosos e sinalización viaria, entre outras.
O tempo de resolución das incidencias varía dependendo do tipo de problema e dos recursos dispoñibles, sendo de 3 ou 4 días no caso de baleirado de fosas sépticas, e dunha semana ou 15 días (máximo) na limpeza de xardíns e zonas verdes.
Alexandre Pérez Souto, concelleiro de Obras, valora que tras cinco meses de funcionamento, os resultados son bos e salienta a importancia de poder coñecer mellor as necesidades da veciñanza, e poder actuar de maneira máis eficiente, dando solución con maior rapidez ás cuestións comunicadas.
“O persoal xa está adaptado ao novo modelo de traballo. Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa tablet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira da área, e ademais, pódense obter estadísticas en tempo real dos traballos a realizar”, explica.
Para poder utilizar este novo servizo só é necesario proceder á descarga gratuíta da APP “Linea Verde” dende Google Play ou APP Store. A continuación, seleccionar o municipio de Tomiño, e comunicar o problema, pinchando sobre o botón "nova incidencia", escoller a tipoloxía de incidencia e achegar unha foto e unha explicación sinxela sobre a mesma. A persoa recibirá unha notificación no seu teléfono móbil, comentando o progreso do caso.
O Concello anima á cidadanía a descargar a aplicación e enviar as súas demandas ou preguntas a través dela, xa que a resolución das mesmas é moito máis rápida, eficaz e sinxela.


Programa cultural de Tomiño para agosto
Tomiño, 07 de agosto de 2020. Este sábado, ás 21.00 horas, chega á Praza do Seixo, en Tomiño, o espectáculo “Punkdemia”, de Peter Punk, unha “visión práctica dos novos tempos da man de Peter Punk Pallaso”, sobre as novas rutinas, EPIs, equilibrios e moitas risas.
O 14 de agosto, ás 22.30 horas, na mesma praza, será o concerto de “Brassica Rape”, un encontro coa “brass band” cun repertorio variado de diferentes estilos que van desde grandes éxitos do pop e bandas sonoras de películas a cancións reivindicativas, enchendo de música rúas e locais.
“Acuario” chegará o venres, 21 de agosto, ás 21.00 horas, tamén á Praza do Seixo. Un espectáculo de teatro, baseado no libro de poemas de María Canosa co mesmo título. O obxectivo é que os máis pequenos, grazas á presenza dos vistosos monicreques, dos actores que imprimen humor e dinamismo á actividade, da música e dunha escenografía sinxela e á vez atractiva, accedan á poesía en lingua galega mentres aprenden os nomes dos peixes e descobren a riqueza biolóxica e gastronómica do noso litoral.
Agosto despedirase en Tomiño o venres, 28, cun concerto da Agrupación Musical de Goián, que terá lugar na Praza do Seixo, ás 22.30 horas.
 
O Concello axuda por cuarto ano consecutivo ás traídas de auga, para mellorar os sistemas de captación, almacenamento e potabilización
Tomiño, 7 de agosto de 2020.- Por cuarto ano consecutivo, unha trintena de comunidades de auga de Tomiño, poderá acceder á liña de subvencións municipais que pretende contribuír á mellora dos sistemas de captación, abastecemento e potabilización.
As bases das axudas, aprobadas esta semana en comisión de goberno, serán publicadas en breve no BOP (Boletín Oficial da Provincia), permitindo ás traídas (que serven a un total de 3.000 persoas en Tomiño) que reúnan os requisitos para ser beneficiarias, facer fronte a gastos de materiais, equipamentos e man de obra para realizar melloras dos sistemas de captación de auga (fontes e pozos e o seu entorno); sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración, decantación, filtración), e sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución).
Unha vez presentadas as solicitudes, unha comisión técnica avaliadora reunirase para valorar os proxectos, que deberán ter elaborado e actualizado un protocolo sanitario que garanta a calidade da auga, ademais doutros requisitos. Proporcionar auga de consumo a algún centro educativo ou presentar proxectos innovadores, serán tidos en conta para elevar a puntuación.
“O obxectivo do Concello é apoiar a estes sistemas de xestión comunitaria, para que poidan cumprir a normativa vixente en materia de auga de consumo. O cumprimento da normativa é preciso, tanto para garantir unha adecuada calidade do servizo, como para a renovación das concesións ante parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e así asegurar a supervivencia destes sistemas de xestión tan importantes”, salienta o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.
O edil explica que ademais dos conceptos incluídos na convocatoria de subvención, o Concello financia para todas as traídas (cunha partida de 10.000 euros adicionais), parte do custo (o 50%) das analíticas anuais e kits de cloración; 100% de medidores de cloro, e 100% da alta no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo e na elaboración de protocolos sanitarios, polo que o investimento total nas traídas de augas do Concello de Tomiño, ascende a 50.000 euros ao ano.
“Este é o cuarto ano que se conceden as subvencións e, que saibamos, non hai outro concello que teña un programa de axudas similar”, puntualiza a concelleiro.
Debido ao novidoso deste tipo de programas de axudas, o Concello de Tomiño  foi convidado en varias ocasións a xornadas na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), ou visitado nos últimos anos por comunidades rurais de abastecemento de augas doutras rexións e países, interesados en coñecer in situ os proxectos locais.
 
Los socialistas de Tomiño piden la retirada del actual protocolo en los centros educativos frente al Covid
Tomiño, 7 de agosto de 2020. O Grupo Municipal do Partido Socialista de Galicia no Concello de Tomiño, presentou esta semana unha moción sobre a revisión do protocolo nos centros educativos fronte á COVID 19 para o seu debate no pleno ordinario correspondente ao mes de agosto.
No pasado mes de xullo, as Consellerías de Educación e Sanidade fixeron público as liñas xerais do protocolo de adaptación dos centros de ensino non universitarios de Galicia á nova realidade para o comezo da actividade lectiva no mes de setembro.
Este texto, do que se retrasou a súa difusión por motivos claramente electorais, limítase a establecer normas sanitarias de ocupación de edificios e celebración de reunións sen ter en conta a realidade do ensino público e da propia comunidade educativa. Non hai investimento e adáptanse ata o insulto as necesidades sanitarias con tal de non achegar máis persoal tanto docente coma non docente. Deixa en mans das direccións a responsabilidade da organización e a xestión dun problema que é estritamente sanitario. As direccións non son especialistas nesa materia nin teñen que ser responsables do que ocorra nese ámbito.
No protocolo, entre outras cousas, se observa que a distancia dun metro de separación nas aulas é absolutamente insuficiente segundo as recomendacións que se están a ver publicadas para a cidadanía en xeral. Mesmo dase a paradoxa de esixiren 1,5 metros nas salas de profesorado mentres que o alumnado estaría a un escaso metro de distancia. Tamén basea a estratexia sanitaria na auto diagnose de alumnado e/ou familias. Feito  absolutamente irresponsable porque permite que a falta involuntaria na comunicación dunha pequena sintomatoloxía poida levarnos a contaxios e paralizacións do sistema. Converte aos centros escolares en meros “aparcamentos” cheos de normas de funcionamento con porcentaxes de ocupación de baños (hainos para cada grupo burbulla?), corredores, entradas, saídas… para logo permitir a permanencia nas aulas, no transporte ou nos comedores escolares.
Non se pode permitir que sexa o alumnado quen se encargue dos labores de hixiene. Non se trata de que non deban aprender a facelo senón que a súa inexperiencia fará que sexan ineficaces ou polo menos dubidosas. A limpeza dos centros debe estar sempre en mans de profesionais.
En canto á atención á diversidade, como se vai acadar que un neno/a con TDAH permaneza cinco horas sentado na súa aula mirando cara adiante?
Non se especifica como se vai a asegurar a atención permanente do alumnado nos casos en que non se poida asistir ás aulas durante un período indeterminado ou nun hipotético peche das instalacións. A fenda dixital segue a estar aí. Non se resolve cunha semana de formación para todo o profesorado ou con quince días para o alumnado.
Tampouco hai unha previsión sobre os custes económicos das medidas sanitarias para as familias nin para os propios centros educativos.
Poderianse escribir outros noventa e nove folios, como fixo a administración educativa, pero todo lévanos ao mesmo sitio: a Consellería de Educación ten que asumir a responsabilidade directa do que se decida e asegurar un cumprimento igual en toda Galicia. Así como a implementación de distintas medidas que redunden no benestar do persoal e o alumnado  como sería o incremento da distancia social coa disminución das ratios por aula, a necesidade da contratación de máis persoal (docente, persoal coidador…) ou a inversión en medios materiais.
E debido a que a poboación escolar deste Concello é moi significativa, o Grupo Municipal do PSdeG- PSOE de Tomiño propón á Corporación Municipal instar ás Consellerías de Educación e Sanidade á retirada do actual protocolo e a apertura de canles de diálogo coa comunidade educativa (axentes sociais, profesorado, familias) que permitan consensuar un documento eficaz e realista coas necesidades dos centros educativos. Tamén solicita esixir á Xunta de Galicia e por ende á Consellería de Educación, á inversión en recursos humanos e materiais para asegurar a necesaria seguridade física e psicolóxica do alumnado, do profesorado e das propias familias, en resumo, da totalidade da comunidade educativa e o resto da poboación. E, finalmente, requerir á Consellería de Sanidade a creación dun departamento eficaz de coordinación e asesoramento de centros cun funcionamento real e que responda en tempo e forma ás inquedanzas dos centros educativos.
Así mesmo, as socialistas aplauden a petición trasladada polos representantes das ANPAS  de implementar os Camiños Escolares no IES Antón Alonso Ríos e que se fagan realidade os xa proxectados no CEP Pedro Caselles Beltrán e CEIP Pintor Antonio Fernández.
Por outra banda, en canto á aula de Estudio “parécenos unha idea fantástica pero entendemos que debe ser un complemento da Biblioteca Municipal prometida dende fai trece anos e que non da chegado. Ao mesmo tempo, xúrdennos serias dúbidas con respecto a ela: quen se fará cargo da desinfección dos equipos e do mobiliario? Quen será o persoal que estará ao cargo da mesma? Crearase a figura dunha conserxe?”


Tomiño arranxa sendas e áreas recreativas de diferentes espazos naturais
Tomiño, 6 de agosto de 2020.- O Concello de Tomiño, a través do Departamento de Obras, continua a súa labor de arranxar sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a xente que os utiliza, sobre todo, despois do confinamento, poida pasear e facer exercizo nas mellores condicións posible.
Na senda do río Miño entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello de O Rosal, é unha das máis utilizadas para camiñar ou montar en bicicleta, foi necesario limpar as marxes e arranxar varias pasadeiras de madeira e guías laterais, así coma limpar e restituír o xabre, co que a senda quedou moito máis transitable.
Asemade, arranxáronse e limpáronse de maleza e acondicionáronse as contorna da Fortaleza de San Lourenzo de Goián, Lago da Pedra e río Furnia, coma así tamén diferentes sendeiros das parroquias de Sobrada, Currás e Amorín.
Do mesmo xeito, leváronse a cabo labores de mantemento e substitución de pezas deterioradas no pantalán de Goián.
Nas últimas semanas, reparáronse paneis informativos, na senda que vai até Forcadela, na zona de Maceiras e acondicionáronse sendeiros próximos ao Miño, en Carregal, Currás (Parque da Raña e ponte de madeira en mal estado) e Sobrada.
O concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, explica que tras a corentena, a veciñanza comezou a utilizar moito as sendas e camiños de espazos naturais da localidade, para pasear e facer exercizo.
Por outra banda, a Concellería de Deportes instalou na Praia de Goián, con persoal municipal, unha rampla para persoas con mobilidade reducida. Unha tarima fixa de madeira, de 4.30 metros de lonxitude, e outra parte móbil, feita de lona, compoñen a nova rampla que poden utilizar todas as persoas con mobilidade reducida que o desexen.
.

A Xunta inicia as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-552, entre os concellos de Tomiño e Tui
Tomiño, 5 de agosto de 2020.- A Xunta vén de iniciar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-552, nos Concellos de Tui e Tomiño.
Estas actuacións, cun investimento de 548.000 euros, teñen un prazo de execución de 12 meses.
A intervención está enmarcada na estratexia da Xunta para eliminar os tramos de concentración de accidentes nas vías autonómicas.
A Consellería de Infraestruturas, considerando as achegas recibidas no proceso de información pública, definiu a execución dunha glorieta na intersección da PO-552 coa estrada PO-344, en Tomiño; a mellora da intersección do punto quilométrico 69+150; e a construción doutra rotonda na intersección coa estrada PO-350, no Concello de Tui.
Estas medidas compleméntanse coa reordenación dos pasos de peóns, adaptándoos á nova configuración das interseccións. Reforzarase a iluminación específica para estes pasos, con sistemas detección de peóns que mellorarán a percepción do peón por parte dos condutores.
Tamén se construirán beirarrúas no perímetro das glorietas executadas e se reubicarán as paradas de autobús, dotándoas ademais de novas marquesiñas.
.
O Concello avalía cos equipos directivos dos centros de estudos e coas ANPAS o “Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19” proposto pola Xunta
Tomiño, 5 de agosto de 2020.- O Departamento de Educación do Concello de Tomiño, convocou sendas xuntanzas os días 29 e 30 de xullo cos equipos directivos dos centros educativos e ANPAS do municipio co fin de realizar unha valoración conxunta do “Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para o inicio do desenvolvemento da actividade lectiva no curso académico 2020/2021”, imposto pola Xunta de Galicia.
Cada representante dos centros de ensino e das ANPAS trasladou as súas preocupacións sobre o escenario que se presenta este vindeiro curso, facendo fincapé nas dificultades e necesidades que observan para un correcto desenvolvemento do mesmo. Para os centros, a principal preocupación é a responsabilidade única que recae sobre os equipos directivos para adaptar o transcurso da xornada lectiva ás medidas impostas, tendo que atender a todas as modificacións, tanto de equipamentos, coma de dinámicas do colexio.
Entre as dificultades recorrentes atópanse a falta de espazo físico e de persoal docente para desdobrar os grupos de cada aula e para reorganizar os recreos (adiantaron que en Primaria farán dúas quendas sucesivas de recreo, e en Secundaria delimitarán zonas determinadas para distribuír o alumnado).
Entre as necesidades máis demandadas, o reforzo do servizo de limpeza, para axeitalo ás medidas do protocolo, tendo que actuar máis veces ao longo da xornada lectiva. Ante esta situación, o Concello fará unha reunión coas limpadoras municipais, para intentar organizar o traballo en base a unhas franxas horarias para poder limpar e desinfectar aseos e zonas comúns.
Con todo, o Concello solicitará á Consellería de Educación da Xunta, algunha axuda económica para poder enfrontar os custes derivados do reforzo do servicio de limpeza, que recae na súa totalidade no ente municipal.
Por outra banda, os centros e ANPAS demandaron contar cos datos de contacto da persoa de referencia do centro de saúde, coordinadora das actuacións relacionadas co COVID-19, coa cal poder manter un fluxo constante de información, cando sexa necesario.
En canto ao comedor escolar, nos centros nos que dispoñen deste servizo, modificarán a súa dinámica e distribución, necesitando máis persoal, mentres que no IES contemplan suspender o servizo do “Espazo xantar”.
As ANPAS trasladaron a súa preocupación polo mantemento do servizo de comedor, contemplando tamén un posible protocolo para establecer uns criterios de acceso a este servizo, tendo en consideración as prioridades e necesidades das familias, pero de momento non contemplan a idea de suspender estes servizos, xa que iso suporía grandes dificultades de conciliación para as familias.
Tampouco pensan en suspender as aulas matinais que xa funcionan, e que cobren as necesidades de moitas familias, pero demandan que se amplíen as axudas destinadas a este servizo, e a  outros de apoio á conciliación ou necesidades psico-socias e de aprendizaxe, utilizando os fondos das actividades extraescolares, que de celebrarse, o farán recén no segundo trimestre.
No referente ao traslado do alumnado aos centros de ensino, o representante da ANPA do IES propuxo a idea para fomentar os desprazamentos de maneira individual, xa sexa a pé ou en bicicleta, a través dun modelo semellante aos camiños escolares implementados en centros de infantil e primaria, ou achegados polos proxenitores ou persoas responsables.
Aula de estudo e internet
Como reforzo socio-educativo externo ao ámbito escolar, dende o Departamento de Educación do Concello, vaise impulsar unha Aula de estudo na Casa da Cultura, un espazo municipal con equipamentos destinados ao estudo e á conectividade a equipos informáticos, para que o alumnado que así o desexe poida acudir para estudar, consultar información, realizar e imprimir traballos ou outras tarefas relacionadas coa súa aprendizaxe.
Contémplase, asemade, un proceso de formación, coordinado coas ANPAS e os Servizos Sociais municipais, para as familias do alumnado que máis o necesiten, co fin de reforzar o apoio á hora de realizar as tarefas educativas no ámbito doméstico, así coma xestionar o acceso ás aulas virtuais dos centros. “Desde o departamento de Educación e Benestar Social do Concello estaremos atentos ao transcurso da situación e intentaremos anticipar, na medida do posible, diferentes accións para cubrir as necesidades e superar as dificultades que poidan aparecer no seo das familias, no ámbito socio-educativo, centrándonos no benestar dos nenos e nenas do noso municipio”, explican.
.

Unha vintena de persoas obteñen a licencia de navegación en Goián
Tomiño, 4 de agosto de 2020.- Un total de 22 persoas realizaron o pasado sábado, un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación, organizado pola Federación Galega de Motonáutica, coa colaboración da Concellería de Deportes de Tomiño.
Quince persoas fixeron o curso completo (teoría e práctica) e 7 realizaron só a parte práctica, (xa que estaban en posesión da autorización federativa que lles convalida a parte teórica), contando cun pantalán e unha embarcación adaptada para as persoas con problemas de mobilidade.
Algunhas das persoas matriculadas proviñan de distintos concellos da zona, coma O Rosal, A Guarda, Baiona, e Salceda de Caselas, contándose tamén con dúas procedentes de Madrid, pero a maioría eran do propio concello de Tomiño.
Este era o segundo curso organizado no 2020 pola Federación Galega de Motonáutica en Tomiño para a obtención da Licencia de Navegación. Dada a gran demanda existente, se está a pensar en realizar outro a final de agosto ou setembro.
Dende a Federación Galega de Motonáutica explican que a mesma “leva uns años apostando polo Concello de Tomiño para facer actividades náuticas, de feito, neste municipio sempre se celebra una proba do  “Campionato Galego Inclusivo – Slalom de Motonáutica”, que este año está prevista para o mes de setembro, e tamén se celebrou o pasado ano un bautismo de motos acuáticas, para persoas con discapacidade ou mobilidade reducida”.
.

Os orzamentos participativos transfronteirizos gañan o premio Autarquía do Ano 2020
Tomiño, 3 de agosto de 2020.- O Lisbon Awards Group concedeu este xoves ao municipio de Vila Nova de Cerveira un premio na categoría "Democracia, Igualdade e Participación Cívica - Orzamento Participativo" na 1ª edición do Premio Autarquía do Ano, co proxecto 'Participación pública sen fronteiras' (Orzamento Participativo Transfronteirizo - OPT Cerveira-Tomiño).
Con carácter pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o OPT Cerveira-Tomiño implementouse en 2017, integrando un proxecto máis amplo de participación das poboacións veciñas de Vila Nova de Cerveira e Tomiño na definición de solucións para necesidades comúns, a través dunha Axenda Estratéxica de Amizade para a Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño.
Con catro edicións concretadas, o OPT Cerveira-Tomiño xa ten oito proxectos executados e dous aínda pendentes debido á realidade mundial máis recente provocada pola pandemia da Covid-19. Dotado cun orzamento total de 20 mil euros, desde a primeira edición (2017), o impacto deste mecanismo de participación pública sen fronteiras supera calquera investimento financeiro ou físico, xa que a súa esencia consiste na realización de actividades conxuntas, buscando unha maior cohesión social e un maior desenvolvemento económico a través da cooperación entre os dous municipios.
O Premio Autarquía do Ano, do Lisbon Awards Group, naceu co obxectivo de apoiar aos concellos e freguesías que destacan, nas súas diferentes áreas, polas súas prácticas innovadoras e de xestión rigorosa do interese público. Os gañadores das distintas categorías foron coñecidos este xoves nunha cerimonia que, debido a condicionantes derivados da Covid-19, tivo lugar a través de plataformas dixitais.
Perante a consecución deste premio, o Concello de Tomiño quixo transmitir os seus parabéns aos veciños de Cerveira polo galardón obtido, alén de expresar unha inmensa gratitude por formar parte deste proxecto de cooperación internacional entre os dous municipios. Segundo a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “recoñecementos coma este animan a seguir tecendo lazos e construíndo pontes para mellorar a vida da veciñanza”.
.

Entra en funcionamento a área de preferencia peonil do concello de Tomiño
Tomiño, 31 de xullo de 2020.- O día 1 de agosto de 2020 entra en funcionamento a Área de Preferencia Peonil nas rúas do núcleo urbano do Seixo, con total prioridade para os peóns, e na que non se permitirá a circulación de vehículos, salvo os debidamente autorizados.
Tras as obras de recuperación do espazo público levadas a cabo nas rúas A Guarda e Avenida República Arxentina, o Concello contará cun sistema de cámaras de vídeo-vixilancia, con recoñecemento de matrículas, para o control do tráfico nas vías urbanas. Este sistema funcionará de forma centralizada, enviando todas as matrículas detectadas a un servidor central, que comprobará cada acceso na lista de vehículos autorizados, e xerará as infraccións correspondentes, en caso de non dispor de permiso.
Dentro das excepcións, atópanse as persoas residentes, propietarias de comercios ou usuarias de garaxes; vehículos de carga e descarga de mercadorías e gasoil; servizos de emerxencias, ambulancias, bombeiros, policía, taxis e bicicletas, entres outros.
Asemade, non se poderá estacionar na zona, salvo as persoas residentes, que disporán de 10 minutos para carga e descarga doméstica (carga e descarga de mercadorías, até 30 minutos).
Asemade, reforzarase a vixilancia das zonas azuis co obxecto de garantir a mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria.
O concelleiro de Tráfico e Seguridade, Ismael Troncoso, lembra que a cidadanía conta con tres estacionamentos municipais gratuítos, situados nas zonas próximas ao Seixo.
Tanto residentes como comerciantes, continúan tendo á súa disposición no Concello ou na da sede electrónica (tomino.gal), un modelo de solicitude para a autorización de acceso á zona restrinxida.
As obras de recuperación do espazo público levadas a cabo no núcleo do Seixo, cun investimento total de 670.000 euros (500.000 do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra), estanse a rematar nestas semanas na rúa Colón, que tamén será peonil.
.

Regreso al contenido