Tomiño - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño

COMARCA
Unha vintena de persoas obteñen a licencia de navegación en Goián
Tomiño, 4 de agosto de 2020.- Un total de 22 persoas realizaron o pasado sábado, un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación, organizado pola Federación Galega de Motonáutica, coa colaboración da Concellería de Deportes de Tomiño.
Quince persoas fixeron o curso completo (teoría e práctica) e 7 realizaron só a parte práctica, (xa que estaban en posesión da autorización federativa que lles convalida a parte teórica), contando cun pantalán e unha embarcación adaptada para as persoas con problemas de mobilidade.
Algunhas das persoas matriculadas proviñan de distintos concellos da zona, coma O Rosal, A Guarda, Baiona, e Salceda de Caselas, contándose tamén con dúas procedentes de Madrid, pero a maioría eran do propio concello de Tomiño.
Este era o segundo curso organizado no 2020 pola Federación Galega de Motonáutica en Tomiño para a obtención da Licencia de Navegación. Dada a gran demanda existente, se está a pensar en realizar outro a final de agosto ou setembro.
Dende a Federación Galega de Motonáutica explican que a mesma “leva uns años apostando polo Concello de Tomiño para facer actividades náuticas, de feito, neste municipio sempre se celebra una proba do  “Campionato Galego Inclusivo – Slalom de Motonáutica”, que este año está prevista para o mes de setembro, e tamén se celebrou o pasado ano un bautismo de motos acuáticas, para persoas con discapacidade ou mobilidade reducida”.
.

Os orzamentos participativos transfronteirizos gañan o premio Autarquía do Ano 2020
Tomiño, 3 de agosto de 2020.- O Lisbon Awards Group concedeu este xoves ao municipio de Vila Nova de Cerveira un premio na categoría "Democracia, Igualdade e Participación Cívica - Orzamento Participativo" na 1ª edición do Premio Autarquía do Ano, co proxecto 'Participación pública sen fronteiras' (Orzamento Participativo Transfronteirizo - OPT Cerveira-Tomiño).
Con carácter pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o OPT Cerveira-Tomiño implementouse en 2017, integrando un proxecto máis amplo de participación das poboacións veciñas de Vila Nova de Cerveira e Tomiño na definición de solucións para necesidades comúns, a través dunha Axenda Estratéxica de Amizade para a Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño.
Con catro edicións concretadas, o OPT Cerveira-Tomiño xa ten oito proxectos executados e dous aínda pendentes debido á realidade mundial máis recente provocada pola pandemia da Covid-19. Dotado cun orzamento total de 20 mil euros, desde a primeira edición (2017), o impacto deste mecanismo de participación pública sen fronteiras supera calquera investimento financeiro ou físico, xa que a súa esencia consiste na realización de actividades conxuntas, buscando unha maior cohesión social e un maior desenvolvemento económico a través da cooperación entre os dous municipios.
O Premio Autarquía do Ano, do Lisbon Awards Group, naceu co obxectivo de apoiar aos concellos e freguesías que destacan, nas súas diferentes áreas, polas súas prácticas innovadoras e de xestión rigorosa do interese público. Os gañadores das distintas categorías foron coñecidos este xoves nunha cerimonia que, debido a condicionantes derivados da Covid-19, tivo lugar a través de plataformas dixitais.
Perante a consecución deste premio, o Concello de Tomiño quixo transmitir os seus parabéns aos veciños de Cerveira polo galardón obtido, alén de expresar unha inmensa gratitude por formar parte deste proxecto de cooperación internacional entre os dous municipios. Segundo a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “recoñecementos coma este animan a seguir tecendo lazos e construíndo pontes para mellorar a vida da veciñanza”.
.

Entra en funcionamento a área de preferencia peonil do concello de Tomiño
Tomiño, 31 de xullo de 2020.- O día 1 de agosto de 2020 entra en funcionamento a Área de Preferencia Peonil nas rúas do núcleo urbano do Seixo, con total prioridade para os peóns, e na que non se permitirá a circulación de vehículos, salvo os debidamente autorizados.
Tras as obras de recuperación do espazo público levadas a cabo nas rúas A Guarda e Avenida República Arxentina, o Concello contará cun sistema de cámaras de vídeo-vixilancia, con recoñecemento de matrículas, para o control do tráfico nas vías urbanas. Este sistema funcionará de forma centralizada, enviando todas as matrículas detectadas a un servidor central, que comprobará cada acceso na lista de vehículos autorizados, e xerará as infraccións correspondentes, en caso de non dispor de permiso.
Dentro das excepcións, atópanse as persoas residentes, propietarias de comercios ou usuarias de garaxes; vehículos de carga e descarga de mercadorías e gasoil; servizos de emerxencias, ambulancias, bombeiros, policía, taxis e bicicletas, entres outros.
Asemade, non se poderá estacionar na zona, salvo as persoas residentes, que disporán de 10 minutos para carga e descarga doméstica (carga e descarga de mercadorías, até 30 minutos).
Asemade, reforzarase a vixilancia das zonas azuis co obxecto de garantir a mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria.
O concelleiro de Tráfico e Seguridade, Ismael Troncoso, lembra que a cidadanía conta con tres estacionamentos municipais gratuítos, situados nas zonas próximas ao Seixo.
Tanto residentes como comerciantes, continúan tendo á súa disposición no Concello ou na da sede electrónica (tomino.gal), un modelo de solicitude para a autorización de acceso á zona restrinxida.
As obras de recuperación do espazo público levadas a cabo no núcleo do Seixo, cun investimento total de 670.000 euros (500.000 do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra), estanse a rematar nestas semanas na rúa Colón, que tamén será peonil.
.

Regreso al contenido