Tui - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tui

COMARCA
TUI

O prazo para solicitar as axudas da ARI no Conxunto Histórico vaise ampliar

Tui, 23 de maio de 2020. O Concello de Tui vai ampliar o prazo para solicitar as axudas da ARI, Área de Rehabilitación Integral do Conxunto Histórico, que rematou inicialmente este martes, 19 de maio. Tendo en conta a declaración do estado de alarma dende o Concello decidiuse ampliar este prazo, un proceso que está agora en tramitación administrativa, co obxectivo de que poida ser maior o número de persoas propietarias de inmobles nesta zona da cidade as que se poidan beneficiar destas axudas.
Nuns días darase a coñecer o novo prazo para a presentación de solicitudes, pero mentres tanto as persoas interesadas poden ampliar información e realizar as súas consultar no correo ari@tui.gal e os martes de 9 a 14 h no teléfono 986 60 362 5 ext 34. Tamén se pode ampliar a información e descargar os impresos de solicitude en www.tui.gal/gl/axudas-na-ari.
Esta axudas están reguladas polo Plan Estatal de Vivenda a través do convenio asinado entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Tui.
As actuacións subvencionables son as de mellora da eficiencia enerxética e sostenibilidade das vivendas unifamiliares e de tipoloxía residencial colectiva, incluídas as que se fagan no interior das súas vivendas (mellora envolvente térmica, novas instalacións...). Tamén se poden beneficiar das actuacións de conservación en xeral e de mellora da seguridade de uso e da accesibilidade. (instalación de ascensor, salvaescaleiras, ramplas, baños accesibles...). Tamén se poden beneficiar destas achegas a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, incluso no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns.

_________________________________

O Consorcio de Augas do Louro reabre as oficinas de atención presencial ao público
Tui, 22 de maio de 2020Dende o vindeiro luns, 25 de Maio, volverán a estar abertas as oficinas de atención ao público en cada un dos catro Concellos do Consorcio, O Porriño, Tui, Salceda de Caselas e Mos.
Terán un aforo limitado a unha persoa no interior da oficina e porán a disposición do usuario xel hidroalcohólico para a desinfección das súas mans, lembrando ademáis a obrigatoriedade do uso da mascarilla para o acceso.


O cárcere vello converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes

Tui. Venres, 22 de maio de 2020.  O cárcere vello converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes. A empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L., adxudicataria do concurso de “Redacción do proxecto de acondicionamento do local e montaxe do Centro Cárcere Vello para a acollida aos visitantes do conxunto histórico de Tui e aos peregrinos do Camiño de Santiago” presentou hoxe no concello proxecto. O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Patrimonio e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, recibiron a César Abella de Trivium que lles expuxo as características plantexadas para este Centro Cárcere Vello.
O obxectivo é crear un novo espazo cultural de referencia para a cidade no que dinamizar as visitas ao Conxunto Histórico-Artístico de Tui, o segundo máis grande de Galicia, declarado Ben de Interese Cultural.
O cárcere vello, situado na rúa Sanz en pleno Camiño de Santiago, data de 1584 e acolleu as antigas Escolas Taller. Agora van ser completamente reformadas para acoller un proxecto museográfico que porá en valor o magnífico patrimonio e legado histórico de Tui. Os espazos expositivos contarán coa tecnoloxía máis punteira. Os visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán as orixes prehistóricas de Tui, a vía romana que a atravesaba, as invasións normandas e musulmáns, o mercado medieval e os personaxes da nobreza que protexían a cidade, a relación milenaria con Portugal, a fenomenal comunidade xudía e a simboloxía secreta que utilizaban. Tamén destacarán personaxes ilustres tudenses como o filósofo Francisco Sánchez, precursor de Descartes, ou Frei Rosendo Salvado, evanxelizador de Australia. A exposición permanente contará cunha sala dedicada en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.
O Centro Cárcere Vello será completamente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará ademais cun Programa Didáctico, con varios espazos reservados a tal fin, con actividades e visitas dirixidas á comunidade educativa.
O Centro Cárcere Vello de Tui será tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio do Cárcere Vello estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce de tudenses e visitantes.
O novo Centro eríxese como un recurso turístico e cultural de primeiro nivel que busca prolongar a estadía media do turista na cidade e a dinamización económica de toda a zona centro. O proxecto executado pola empresa galega inclúe tamén a imaxe corporativa cun logotipo que define a súa identidade, unha proposta de sitio web, e todos os elementos de comunicación asociados.


______________________________
Instalados os primeiros 8 contedores para a recollida de roupa usada en colaboración con Cáritas

Tui. Xoves, 21 de maio de 2020. Esta mañá instaláronse 8 contedores para a recollida de roupa usada en distintos puntos do termo municipal, grazas á colaboración establecida entre o Concello de Tui e Cáritas.
De agora en diante será esta ONG a encargada da recollida de roupa, calzado e complementos aos que dará un novo uso.
Dos 8 novos contedores para a recollida de roupa 2 están situados no Punto Limpo, dous están en Areas, un no entorno da rotonda e outro no parque empresarial, amais outros situáronse na Avenida da Concordia, na rúa Colón, a carón do Centro de Saúde e a carón da igrexa de San Bartolomeu. Nos próximos días serán colocados outros 4 contedores até completar un total de 12.
Dende o Concello de Tui apóstase con este acordo con Cáritas para a recollida de roupa usada pola economía circular e social.
Instalados os primeiros 8 contedores para a recollida de roupa usada en colaboración con Cáritas
A Asociación El Nor entrega 500 máscaras de seguridade para Policía Local e Protección Civil de Tui

Tui. Xoves, 21 de maio de 2020. A asociación musulmá El Nor de Tui realizou unha doazón de 500 máscaras FPP2 de seguridade para a Policía Local, Protección Civil, e os equipo de desinfección municipal. Tamén nos próximos días entregarán luvas de nitrilo para estes servizos.
Dende a asociación El Nor, ante a situación xerada pola pandemia da COVID19, quixeron aportar o seu gran de area coa achega deste material de protección.
Na entrega estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz; o inspector xefe da Policía Local, Manuel Arca; a traballadora social, Carmen González, xunto a Younes Elghali Mhamedi e Abdessamad Cherti Oulhassi da Asociación El Nor.
___________________________

Amplíase o servizo de recollida de aceite de cociña usado ás parroquias

Tui. Mércores, 20 de maio de 2020.  Un total de 23 colectores para a recollida de aceite de cociña usados son os que hai distribuídos ao longo do termo municipal de Tui. Nas últimas semanas este servizo estendeuse ás parroquias dotando destes colectores a Areas, Baldráns, Malvas, Pexegueiro, Rebordáns, Randufe, San Bartolomeu de Rebordáns, Caldelas, e Guillarei.  Quedan pendentes da instalación de contedores Paramos e Ribadelouro onde é preciso acometer unhas obras para a súa colocación.
En concreto en Areas ubicáronse dous contedores, un no Parque Empresarial, e outro a carón do Centro Cultural. En Baldráns o colector para a recollida do aceite de cociña usado está situado no entorno do centro cultural e da igrexa parroquial. En Malvas o novo colector está no grupo de contedores fronte á antiga escola, en Pexegueiro emprazouse no grupo de colectores existente fronte ao centro cultural, e en Rebordáns, fronte ao colexio. En Randufe situouse no grupo de colectores que hai na Guía. En Caldelas o colector de aceite está a carón do centro social e da estación de tren, e en Guillarei , onde xa había un contedor xunto ao colexio, colocouse un novo colector no Souto. Tamén habia xa un contedor no Anxo, en Pazos de Reis.
Cómpre lembrar que o aceite de cociña usado débese depositar sempre en envases plásticos no interior do colector.  Deste xeito dende o Concello de Tui séguese a manter a aposta pola reciclaxe do lixo que xeramos. No caso do aceite estímase que un litro pode chegar a contaminar mil litros de auga, de aí a importancia da súa reciclaxe, de depositalo nos colectores correspondentes e non botalo polo fregadeiro.
Na páxina web municipal, tui.gal, atópase un mapa coa situación dos distintos colectores para a recollida de aceite de cociña usado.

______________________________


Non se poderá estacionar nin circular pola rúa Augusto González Besada

Tui, 19 de maio de 2020. Este mércores, 20 de maio, vaise proceder ao pintado da sinalización horizontal na rúa Augusto González Besada, como paso previo ao establecemento do sentido único de circulación nesta vía.
Por este motivo dende ás 8 horas non se poderá estacionar neste rúa, e tampouco se poderá circular salvo para o acceso á rúa Rosa Bahamonde ou Foxo.
O pintado da sinalización horizontal comprenderá tanto a sinalización do sentido único de circulación coma das prazas de aparcamento.
Unha vez rematen estes traballos a rúa Augusto González Besada pasará a ter un único sentido de circulación que irá dende o cruzamento entre a rúa Martínez Padín, Colón e Ourense cara ao Paseo da Corredoira. Coma consecuencia deste cambio nvo tráfico outras dúas rúas no entorno da Praza de Galicia cambiarán de sentido de circulación. A circulación na rúa Camilo José Cela irá dende o Paseo da Corredoira cara a Praza de Galicia, e a rúa que comunica esta praza con Augusto González Besada pasa a ter este sentido.


Tui contrata a 17 persoas para diversos servizos ao abeiro do Plan Concellos 2020
Tui, 19 de maio de 2020. O Concello de Tui vai contratar a 17 persoas ao abeiro do Plan Concello 2020 da Deputación de Pontevedra para diversos servizos municipais.
Esta semana incorpóranse xa os primeiros traballadores unha vez se completaron os procesos selectivos. Trátase dun oficial de segunda soldador a tempo parcial e dous oficiais condutores a tempo completo..
Nos próximos días incorporaranse tamén seis peóns de horticultura e xardineiría a tempo parcial.
Mentres continua o proceso selectivo para a contratación de dous auxiliares administrativos a tempo completo, catro animadores turísticos a tempo parcial, dous auxiliares da biblioteca e arquivo a tempo parcial.
A duración de todos os contratos será até o 31 de decembro deste ano.

_________________________________

Dende o luns solicitarase cita previa para a atención presencial en todos os departamentos municipais

Tui, sábado, 16de maio de 2020. A partir do próximo luns, 18 de maio, ponse en marcha un sistema de cita previa para a atención presencial en todos os departamentos do Concello de Tui. As persoas que precisen realizar calquera xestión deberán solicitar previamente cita ben por correo electrónico ou por teléfono.

O Concello de Tui continua a manter a boa parte do persoal en teletraballo, aínda que a partir do luns haberá en traballo presencial unha persoa por departamento, establecendo en todos eles as medidas sanitarias recomendadas.

As persoas interesadas poden consultar a listaxe dos correos e teléfonos dos distintos departamentos na web tui.gal. Pódese solicitar cita previa de luns a venres de 9a 13 h.

Consultar teléfonos e correos para solicitar cita previa nos distintos departamentos

_____________________________

O arquitecto César Portela rematou a redacción do anteproxecto de rehabilitación do Teatro Principal

Tui. Venres, 15 de maio de 2020. O arquitecto César Portela vén de rematar a redacción do anteproxecto para a rehabilitación do Teatro Principal de Tui. O Concello de Tui encargoulle este cometido como paso previo para coñecer o investimento preciso e comezar a xestionar as posibles vías para acometelo.
 
César Portela, que nos anos 80 realizara xa un proxecto de rehabilitación inmoble, tivo agora que adaptalo ás novas normativas en vigor tanto en materia de seguridade coma de accesibilidade, e á situación actual do inmoble.  Un reto que o arquitecto asumiu tendo en conta o valor histórico, cultural, urbanístico, arquitectónico e simbólico do edificio.  A fachada principal manterase conservando a tipoloxía do edificio, e a dimensión, posición e forma do teatro.  Na fachada traseira que da ao río aproveitarase esta condición e a súa posición estratéxica para crear unha galería cun balcón sobre o Miño, onde se poderá emprazar un establecemento de restauración. Contémplase tamén que a pequena finca da parte traseira poida empregarse coma terraza.
 
Con este anteproxecto o Concello de Tui poderá adoptar medidas encamiñadas a garantir que o edificio non se siga degradando, e a recuperar aquelas pezas de interese que poida haber no seu interior. Estas actuacións están xa contempladas no documentos.
 
O seguinte paso será buscar o financiamento preciso para facer da rehabilitación do Teatro Principal unha realidade, e que o edificio constitúa a súa vez un eixo dinamizador do conxunto histórico de Tui.
O Consorcio do Louro redacta o proxecto de reparación do afundimento na ponte romana

 
Tui, 15 de maio de 2020. O Consorcio de Augas do Louro ten adxudicado á empresa Galaicontrol SL os traballos de redacción do proxecto de reparación do afundimento dun treito do  Colector Interceptor Xeral de Tui e na estrada de acceso á depuradora de Guillarei, situados no entorno da Ponte Romana.
 
Durante estes días a empresa ven realizando diversos traballos de campo e tomando mostras mediante sondaxes así como realizando ensaios de penetración no terreo para calcular a capacidade resistente do mesmo.
 
vindeira semana realizarase un by-pass do treito de colector afundido para inspeccionar o seu interior mediante unha cámara de vídeo, co obxecto de completar a información necesaria para elaborar un estudo de alternativas de reconstrución.
 
A alternativa escollida deberá ser consensuada previamente coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, propietaria das instalacións.

____________________________________

Tui pon en marcha unha plataforma de venda on line para o comercio local

Tui, 13 de maio de 2020. O Concello de Tui ultima posta en marcha dunha plataforma de venda on line para o comercio que reúna nunha mesma tenda dixital todos os produtos que ofrecen os establecementos locais. Trátase dunha das medidas acordadas pola corporación municipal dentro do Plan de Reactivación Económica para apoiar ao comercio local e contribuír a paliar os efectos provocados pola crise da COVID-19. O concello de Tui financia e pon en marcha esta nova ferramenta coa que adaptarse aos novos tempos e aos novos hábitos de consumo e apostado pola profesionalización e a competitividade.
 
Trátase dunha aposta pola dixitalización nun novo escenario no que debido á pandemia do coronavirus se produciron cambios nos hábitos de compra dos consumidores. Con esta nova plataforma o produto local estará a un clic do consumidor que recibirá no seu domicilio a compra que poderá realizar dende unha mesma plataforma  independentemente do tipo de produto ou comercio que o teña a disposición.
 
Entre as características deste servizo web está o seu carácter local e social.
 
A Plataforma terá un mercado carácter local dunha banda porque serán os comercios tudenses os que a integren, e porque está desenvolvida por un emprededor local. Esta aplicación de venda online integrada polos establecementos tudenses prestará servizo a nivel local, pero en función da demanda poderá chegar a enviar os produtos a calquera punto do territorio nacional ou internacional.
 
O carácter social vén dado pola aportación que se realizará a causas sociais, destinando a este fin unha pequena parte das vendas xeradas, o que se traducirá nunha economía circular.  Mensualmente se informará das aportacións realizadas e das causas cubertas.
 
A través deste novo espazo comercial virtual un cliente poderá mercar a través do móbil, a tablet ou o ordenador, produtos de alimentación, roupa, menaxe, ferretería… e recibilos nun mesmo envío ou en varios en función da disponibilidade do produto nese momento. Para a entrega a domicilio porase en marcha un sistema de loxística local que prestará o servizo. O pago realizarase, a través dun sistema seguro, na mesma plataforma.
 
Proximamente darase a coñecer o sistema para que os establecementos interesados en formar parte desta plataforma de venda on line soliciten a súa alta no mesmo.

Recoméndase transitar pola dereita nas beirarrúas
 
Tui, 13 de maio de 2020. Ante a crise sanitaria xerada polo COVID-19 e tendo en conta as recomendacións sanitarias dende o concello de Tui recoméndase á veciñanza transitar sempre pola dereita nas beirarrúas, para deste xeito evitar cruzarse con algunha persoa en sentido contrario e mantendo así a distancia de seguridade.
 
Así o sinala o alcalde, Enrique Cabaleiro, nun bando emitido  esta mañá, no que fai fincapé na importancia do “esforzo de cada un de nos en cumprir todas as recomendacións sanitarias que os expertos están a indicar” para loitar contra esta pandemia.
 
O rexedor tudense agradece nunha nova ocasión a colaboración da veciñanza, confiando en que estas “recomendacións e medidas a adoptar servirán para superar, entre todos, esta crise sanitaria”.
______________________________________

Este xoves reabre a Biblioteca Municipal para préstamo de libros e lectura en sala

Tui, 12/05/20. Este xoves, 14 de maio, terá lugar a reapertura da Biblioteca Pública Municipal de Tui na Área Panorámica. Será só para o servizo de préstamo e lectura en sala das obras previamente solicitadas.  O seu horario será de luns a venres de 9 a 13 h.
Os usuarios que se acheguen á Biblioteca deberán levar máscara e preferentemente luvas. No acceso haberá xel hidroalcólico ao seu dispor.
Aquelas persoas que desexen retirar algunha obra en empréstito deberán solicitar o exemplar no correo biblioteca@tui.gal ou no whatsapp 617 498 103, e serán informados cando poden realizar a súa retirada co correspondente carné da biblioteca.
Continua prorrogado o prazo de empréstito dos libros até o final de Estado de Alarma, de tal xeito que aqueles usuarios tiñan un libro cuxo data de vencemento era a partir do 13 de marzo está prorrogado este prazo. Aqueles que tiñan un libro cuxo prazo vencía anteriormente deberán avisar ao bibliotecario no momento da súa devolución para retirar a sanción, xa que neses casos non se puido prorrogar o prazo de xeito automático.
No referido á lectura en sala disporanse postos de lectura individual e as obras serán solicitadas ao bibliotecario.
Tras o seu uso os libros, tanto de consulta coma de empréstito, serán sometidos a unha corentena de 14 días.

Os Servizos Sociais municipais coordinan a atención ás persoas vulnerables durante o estado de alarma

 
Tui. Luns, 11 de maio de 2020.  Detectar e prestar atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, facilitar material de protección e coordinar a atención foron tres dos eixos sobre os que xirou o traballo dos Servizos Sociais Comunitarios ao longo das últimas semanas coa crise do Coronavirus. Este departamento municipal mantivo o traballo dende a casa do concello contando co apoio continuado da Policía Local e Protección Civil.
 
O servizo reforzouse nas últimas semana coa contratación dunha terceira traballadora social.
 
Coa declaración do Estado de Alarma, o pasado 14 de marzo,  dende os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui púxose en marcha un procedemento de coordinación co Centro de Saúde, a través da traballadora social, as residencias de maiores, o Centro Sociocomunitario e outras entidades prestadoras de servizos socias para detectar e poder prestar atención ás persoas vulnerables ante a nova situación derivada da COVID19.
 
Do mesmo xeito estableceuse un sistema de coordinación do Servizo de Axuda no Fogar, o programa Cultiva a túa Mente que se realiza xunto con AFAGA e ARI.
 
Coas tres residencias que hai na cidade, San Telmo, Paz e Ben e Doroteas, levouse a cabo unha estreita colaboración proporcionándolles material de protección coma xel hidroalcólico, mascarillas, batas, buzos, gorros, e realizando semanalmente desinfeccións.
 
Do mesmo xeito facilitáronse mascarillas e batas ás traballadoras dos dous servizos de axuda no fogar, SAF, que hai no municipio, un deles de xestión municipal e outro de xestión privada.  Neste estado de alarma rexistrouse a alta de dous usuarios no SAF para servizos de 20 horas para a adquisición de alimentos e acompañamento, e está en proceso unha nova alta. Tamén de forma temporal rexistráronse algunha baixas debido á permanencia no domicilio dos coidadores habituais ou para previr contaxios.
 
Por outra parte habilitouse un programa de vivenda, a través dun convenio de colaboración cun albergue local, para dar atención ás persoas sen teito que nese momento había na cidade, ou que debido ao peche das fronteiras se viron inmobilizados en Tui. Catro persoas permanecen neste programa.
_________________________________


O luns reabre  o punto limpo con cita previa

Tui, 09/05/20. O próximo luns reabrirá o Punto Limpo do Concello de Tui situado en Guillarei. Será con cita previa que se debe solicitar no 629 70 64 36 de luns a venres de 9 a 14h.
A persoa que acuda, coa cita previa ao Punto Limpo, debe depositar os residuos no lugar correspondente, e aconséllase acudir con mascarilla.
Tamén se pon en marcha de novo o servizo de recollida de voluminosos que se pode solicitar no mesmo número de teléfono  629 70 64 36.

__________________________________________

A modificación de Ordenanza de Emerxencia Social permite establecer axudas económicas directas

Tui, 08/09/2020 .- Debido a necesidade detectada durante o estado de alarma de poder axudar ás familias cunha achega económica directa para a compra de alimentos procedeuse á modificación da Ordenanza Municipal de Axudas de Emerxencia Social. Tras ser aprobada no pleno extraordinario celebrado o pasado 16 de abril hoxe vén publicada no BOPPO a modificación desta ordenanza.
O obxectivo desta modificación dos artigos 13, 14, 16 e 17  é ampliar e mellorar o pagamento das axudas ás familias. Con este cambio posibilítase o pagamento das axudas concedidas de formas directa mediante transferencia bancaria. Deste xeito as familias poderán mercar os seus alimentos directamente.  Están xa en trámite inicial un total de dez solicitudes presentadas até o de agora.
Dende hoxe están accesibles na web municipal os impresos de solicitude xunto coa documentación requirida.
Estas axudas darán cobertura de necesidades básicas de carácter xeral: alimentos, vestido, … e gastos sanitarios e sociosantarios de carácter urxente. Tamén poden ser destinadas á fianza e aluguer de vivenda, subministros, equipamento básico ou aloxamento urxente.
Durante o Estado de Alarma dende o Concello de Tui tense atendido a 50 familias en situación de vulnerabilidade coa achega de alimentos básicos e produtos de limpeza e hixiene persoal.  Segundo as estimacións realizadas esta cifra podería nas próximas meses ás 200 familias.
Servizo de compra de alimentos e entrega de comida preparada a persoas vulnerables
Debido á crise do COVID19 dende o inicio do Estado de Alarma púxose en marcha un servizo de compra de alimentos para persoas maiores que viven soas. Este servizo comezou a prestarse a cinco persoas, continuando na actualidade con catro, xa que unha delas se incorporou ao Servizo de Axuda no Fogar. Cómpre salientar que  dende os Servizos Sociais contactouse con outras persoas que viven soas para ofrecerlles a axuda, pero non a non a precisaron xa que familiares ou veciños se encargan de realizarlles a compra.
Tamén dende o primeiro momento estableceuse contacto cun restaurante de Tui para que prestara o servizo de preparación de comida e entrega a domicilio. Esta opción foi prestada tanto ás persoas maiores que xa habitualmente acudían a este establecemento, coma a aquelas outras que a raíz da crise sanitaria o demandaron.
Nos primeiros días prestouse o servizo de adquisición da medicación que as persoas que viven soas puideran precisar, para que non saísen da casa, pero en pouco días as oito farmacias de Tui organizaron un sistema de reparto do medicamentos a domicilio ás persoas maiores que así o precisaban.
Para levar a cabo este labor os Servizos Sociais Comunitarios contan co apoio continuado da Policía Local e de Protección Civil.
Regreso al contenido